Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 22 de marzo de 2011

Quiero *La Coruña, pero no quiero gallego

Como asociación seria e que ten o obxectivo declarado, tanto sobre o papel como na súa actuación diaria, de paliar as principais eivas na normalización lingüística en Galicia, a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) vén de solicitarlles aos partidos políticos que se presentan ás vindeiras eleccións municipais unha cuestión que, se non vivísemos no mundo dos zunantes, sería requisito fundamental para que eses partidos estivesen legalizados. Trátase de que todos os programas inclúan a normalización lingüística como un dos eixos de actuación. Concretamente, a CTNL solicitoulle aos partidos:


Promocionar o uso e prestixio do galego en todas as accións do concello e en todos os ámbitos do municipio, para o que se creará [ou potenciará e consolidará, de ser o caso] un  servizo de normalización lingüística (SNL) estábel [ben  propio, ben compartido con  outros concellos (en caso de concellos pequenos)], dotado de recursos humanos e partida orzamentaria suficiente.

Desafortunadamente a CTNL xa ten resposta.
Nos webs da precampaña do PPdeG podemos ver unha desfeita sistemática no asunto da lingua. Adiantando os lemas electorais, neste partido compraron os dominios santiagoquiere.com, ferrolquiere.com, coruñaquiere.com .... En Santiago o candidato só fala en castelán, porén o web é bilingüe. En Ferrol e en Vigo, monolingüismo absoluto en castelán. Pola contra, en Lugo e Ourense temos as únicas cidades que parecen galegas. Por último, o candidato da cidade herculina non respecta nin tan siquera o nome da mesma. Con estes vimbios, xa podemos supoñer como vai ser o cesto.
Tendo en conta que o PPdeG é o partido cos mellores resultados electorais en Galicia, e que é unha organización seria, importante social e políticamente, non pode ser que actúe nun tema tan central como o da política lingüística de forma descoordinada. Polo tanto, por ser o obxectivo oculto que máis claramente se lle enxerga e pola súa actuación diaria está claro que o PPdeG non quere o galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario