Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 26 de marzo de 2011

O veto a Francisco Pillado

por Henrique Rabuñal, escritor, no Xornal:


Son unha das persoas que viviu desde os seus inicios as actividades do Premio de Narrativa Breve de Repsol cando Marisol López era Secretaria Xeral de Política Lingüística. Mesmo participei en representación da AELG no xurado que premiou Así nacen as baleas de Anxos Sumai. Por outro lado, creo coñecer o alto significado da figura de Francisco Pillado Maior no último medio século de historia galega, en particular nos universos da edición e do teatro, nos que ocupa, segundo recoñecen colegas seus, un lugar moi sobranceiro. Entre moitos outros, os libros No Pazo de Laiovento e No país da irmandade permitiranlle a calquera interesado afondar no seu pensamento e na súa biografía. Por non falarmos da súa biblioteca e arquivo cedidos á UDC, onde existe unha prestixiosa colección bibliográfica que leva o seu nome.
Todos os méritos que concorren na figura de Pillado Maior contrastan cos deméritos dun goberno que fixo bandeira da súa acción política os ataques á nosa lingua, cerne da nosa cultura, das que o propio Pillado é un emblema. Resultaría desolador por un lado pero significativo por outro que as presións do goberno galego supuxesen a eliminación de Pillado na organización do premio de narrativa cando era o seu coordinador, a súa alma mater e a garantía da súa proxección implicando a entidades como a RAG, a AGE e a propia AELG. A Fundación Repsol debería ter capacidade suficiente para non consentir aquelas presións e agardamos das entidades colaboradoras, tamén de Galaxia, que non sexan cómplices deste acto de castigo á discrepancia. Francisco Pillado actuou guiado polo seu desexo de marcar distancias cos que perpetran a respecto do galego unha política regresiva coa que moitos discrepamos. Ao goberno do PPveríaselle a vontade democrática nun tema, o cultural, no que ademais de cabermos todos nunca poden sobrar os mellores. E os mellores non teñen por norma seguir os ditados e as conveniencias dos gobernos de quenda.
A noticia do veto a Francisco Pillado concitou moitas adhesións ao seu xesto polo país adiante. Eu súmome a elas na esperanza dalgún tipo de rectificación que salve o honor das entidades convocantes e colaboradoras dun premio que facía un notábel servizo ás nosas letras e á nosa cultura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario