Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 28 de marzo de 2011

A lingua da música

Non podo facer outra cousa que confirmar o que acaba de denunciar A Mesa pola Normalización Lingüística. No conservatorio municipal da Estrada é certo que non se una ningún texto en galego. Isto non é outra cousa que a confirmación do que é norma: 0% de manuais e libros de texto neste idioma.
 A Mesa advirte de que “o pouco que se avanzou nestas etapas foi grazas ao esforzo voluntarista de algún profesorado, que dedicou moitas horas do seu tempo a traducir un material que non se ofrece na lingua do país, a pesar de que, en teoría, entre o 33% e o 50% das aulas deberían vehicularse neste idioma”.
O presidente da Mesa, Carlos Callón, reclámalle ao presidente da Xunta, ao conselleiro de Educación e ao secretario xeral de Política Lingüística que digan a porcentaxe de conservatorios ou ciclos formativos do país que teñan “aínda que só sexa un libro en galego en calquera curso”. Segundo A Mesa, só nalgunhas das ramas da formación profesional, como por exemplo o administrativo, se pode encontrar unha porcentaxe superior ao 0%. “Esta exclusión é unha vergoña e unha irregularidade democrática de primeiro nivel”, analiza Callón.
Todas estas vulneracións dos dereitos lingüísticos e da lexislación súmanse á situación de “varrido” que padece o idioma galego na educación infantil. A Mesa lembra que, “fronte á propaganda oficial que fala de equilibrio, a verdade é que o 90% dos centros de educación infantil das sete cidades só declaran impartir as aulas en castelán, como se o galego non existise”. “A Xunta sabe que iso está a acontecer así a pesar de que o 40% das consultas optaron polo galego; é indicativo do caso que fai o PP cando a sociedade pide poder usar e formarse no idioma do país”.

E que dí a Secretaría Xeral de Política Lingüística? A SXPL cala.

Ningún comentario:

Publicar un comentario