Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 28 de marzo de 2011

O galego no traballo

por Carlos Callón, no seu artigo dos luns no Galicia Hoxe:


Esta semana saíu en varios medios de comunicación unha dirixente de Galicia Bilingüe (actuou como tal, por exemplo, en programas de Correo TV de xaneiro do ano pasado) que se queixaba de que o seu fillo tiña que utilizar na escola un libro de texto en galego. A portavoz desta asociación contra o galego que alimentou o Partido Popular demostraba, coa súa denuncia, a situación calamitosa que padece o noso idioma no ensino. Fronte aos cánticos da Xunta sobre unha situación de "equilibrio", casos como o exposto demóstrannos que a lingua propia do país está case varrida nunha parte considerábel dos centros. A denuncia, observemos, non é porque haxa inmersión lingüística ou un 50% das aulas. A denuncia é porque o seu neno utiliza un único libro de texto en galego, que polos vistos ha de empregar a mesma tinta que a do bibliotecario Jorge de Burgos n"O nome da Rosa.
Mentres o histrionismo galegófobo continúa a campar, a realidade é que as persoas que queremos utilizar a lingua de Galiza nos continuamos a encontrar cunha sucesión de vulneracións graves dos nosos dereitos lingüísticos. Un dos ámbitos sobre o que nos seguen a chegar moitas queixas desacougadas á Mesa pola Normalización Lingüística é no laboral. Sorprenderíavos se soubésedes cantas empresas prohiben ou dificultan a utilización do noso idioma ás súas traballadoras e traballadores. Perante esta situación, é importante que coñezamos os nosos dereitos e que saibamos que é o que podemos facer.
Non á discriminación
A lexislación sobre dereitos laborais indica claramente que existe o dereito á non discriminación por causa de lingua, de xeito que as condicións laborais das traballadoras ou dos traballadores non se poidan ver prexudicadas por falaren un ou outro idioma.
Estatuto dos Traballadores, no seu artigo 4.2.c sinala que as traballadoras e os traballadores teñen dereito "a non ser discriminados para o emprego, ou unha vez empregados", entre outros motivos, "por razón de lingua". É importante o feito de que os dereitos lingüísticos son formalmente amparados tanto no momento do acceso ao traballo como no posterior desenvolvemento da actividade laboral.
Perante a existencia de axencias de colocación tanto públicas como privadas, o Estatuto dos Traballadores tamén sinala no seu artigo 16 que ditas axencias non poden establecer tampouco discriminación, entre outros motivos, por "lingua dentro do Estado". Os xuristas Xavier Ferreira, Alba Nogueira, Anxo Tato e Luís Villares consideran que este artigo do Estatuto dos Traballadoresfai que mesmo un inquérito sobre lingua habitual empregada "podería chegar a constituír, segundo o caso, a vulneración deste precepto, o que iría acompañado da correspondente sanción administrativa
á axencia que o efectuase". Así mesmo, no marco das relacións laborais indícase que se "entenderán nulos e sen efecto" aquelas normas que discriminen por razón de lingua. Nesta liña, no artigo 96.12 do Estatuto dos Traballadores dáselle a consideración de "moi grave" ás discriminacións por causa de lingua dentro do Estado español.
Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, de obrigada aplicación no Estado, tamén sinala no artigo 13, parágrafo 1, que se debe eliminar toda cláusula que prohiba, limite ou desaconselle o uso do galego neste ámbito.
E se nos prohiben usar o galego?
Os dereitos lingüísticos no traballo teñen un amparo legal, mais os problemas chegan á hora de poder concretar tales dereitos.
Nas discriminacións lingüísticas no traballo, igual que nos casos de acoso laboral ou doutras discriminacións (razón de sexo, raza, opción sexual, etc.), a persoa áchase nunha particular situación de indefensión para probar o sucedido, polo que é fundamental contar con algunha proba (escrito, gravación, etc.) que o mostre. En Galiza xa se deron sentenzas xudiciais en favor de traballadores discriminados por falar en galego, unha vez que estes puideron demostrar de forma clara tal discriminación.
Que facermos polo galego desde o noso traballo?
O primeiro e máis importante, con certeza, é exercermos os dereitos que temos recoñecidos por lei, usando a nosa lingua con normalidade.
Se temos unha empresa ou capacidade de decisión no lugar onde traballemos, asegurémonos de que se redixan en galego os contratos, as nóminas, as facturas, os albarás, as notas internas, etc. Se non temos tal capacidade de decisión, sempre poderemos solicitalo (aínda que a lexislación non garante este dereito para as empresas privadas). Cando menos, podemos probar a pedir que a nosa documentación máis persoal, como contrato e nóminas, sexan no noso idioma. Ademais, podemos propor, a través dos representantes sindicais, que o convenio colectivo se redixa en galego e que recolla unha cláusula de dereitos lingüísticos. A práctica de incluír este artigo nos convenios está tamén avalada polo Parlamento galego, que a amparou en dúas ocasións por unanimidade (no 2004 e no 2007). Velaquí unha posíbel redacción:
Artigo X.- Dereitos lingüísticos
Todas as traballadoras e todos os traballadores teñen dereito a desenvolver a súa actividade laboral e profesional en lingua galega.
A empresa favorecerá a formación en idioma galego para mellorar o servizo ao público nos postos de traballo, de acordo cos seus recursos e necesidades.
A dirección da empresa e os representantes dos traballadores e traballadoras potenciarán o uso da lingua galega nas actividades internas, nas relacións laborais, na formación profesional e nas súas relacións cos consumidores e consumidoras, coas administracións públicas e entidades privadas radicadas en Galiza, de xeito que se normalice a utilización da lingua galega como un instrumento de comunicación da empresa cos seus interlocutores internos e externos. Farase especial fincapé nas comunicacións cos traballadores e traballadoras e na utilización do galego como lingua da súa publicidade..

Ningún comentario:

Publicar un comentario