Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 30 de marzo de 2011

Unidade de vixilancia lingüística

por Xosé Ramón Freixeiro Mato, coa súa honrosa teima na procura dunha lingua dun mínimo de calidade, en Terra e Tempo:

Non se alarmen, por favor, pois non estou a propor con tal título que se cree no noso país unha unidade de corte policial que se dedique a andar por camiños, corredoiras ou autoestradas, por gabinetes de redacción de xornais e revistas, por estudios de radio e televisión, polos corredores de San Marcos, de San Caetano ou do Pazo do Hórreo -onde seica tanto galego se ouve-, por aulas do ensino primario, secundario ou universitario, ou mesmo por restaurantes, cafetarías e moradas particulares, pondo substanciosas sancións económicas a quen non respectar as normas de corrección lingüística do galego. Non, non é iso. Con semellante título estoume a referir simplemente a un programa da emisora radiofónica máis importante de todo o Estado, a "Cadena Ser", que emite todas as sextas feiras, de 9.30 a 10.00 da mañá -horario por tanto de ampla audiencia-, aínda que na realidade, e de aí se callar a equivocada interpretación dalgunhas persoas, o verdadeiro título sexa "Unidad de vigilancia lingüística", como corresponde a unha emisora que sae ás ondas desde a capital madrileña.

Mais parémonos no feito en si propio. A emisora de radio estatal que ten máis ouvintes que todas as demais xuntas e que pertence a un importante grupo privado de comunicación dedica media hora á semana, en faixa horaria de máxima audiencia e emitindo para todo o territorio do Estado dentro dunha programación que lidera radiofonicamente as mañás, a levantar e someter a xuízo crítico os erros lingüísticos máis destacados que foron detectados durante a semana precedente nos medios audiovisuais, xeralmente cometidos polos propios xornalistas de radio ou televisión e por personalidades públicas relevantes, como autoridades políticas ou figuras do mundo do espectáculo. Podemos imaxinarnos algo semellante na Galiza? Dificilmente, claro está. En primeiro lugar, porque os medios privados de comunicación audiovisual que existen no país normalmente emiten en español e mostran, con certeza, ben pouca sensibilidade ou preocupación pola lingua galega. En segundo lugar, porque a materia para comentar sería tanta e tan ilustrativa que deixaría en moito mal lugar as persoas que teñen responsabilidades públicas, tanto en relación coa dignidade no exercicio da representación política e social, como coa propia competencia lingüística. 

Neste sentido, ficaría ben patente o desleixo non só de moitos cargos institucionais, incluído o presidente da Xunta -tan difícil lle resulta dicir "crise" e non "crisi"?-, os conselleiros e conselleiras, e os deputados e deputadas que empregan o galego no exercicio do seu cargo, infelizmente non todos a pesar das disposicións legais. Mais incluídos tamén xornalistas e 'persoeiros' que interveñen en faladoiros radiofónicos ou televisivos, e inclusive escritores ou escritoras en lingua galega, algúns ao mesmo tempo membros de institucións encargadas de velaren polo seu uso correcto, sen excluír tampouco unha parte do profesorado de lingua galega de calquera dos niveis de ensino. E non me estou a referir a algún erro ou lapso esporádico consistente na utilización dalgún españolismo ocasional que, nun contexto diglósico como este en que vivimos e debido á natural improvisación da lingua oral, resulta dificilmente evitábel e a todos e todas nos pode acontecer nalgún momento, a min o primeiro. Refírome a erros constantes, persistentes e reiterados, consistentes tanto na utilización de todo o tipo de castelanismos léxicos (carretera, autopista, calle, presupuesto, jueves, dulce, suerte, abuelo etc.) e pragmáticos (bueno, en primer lugar, vamos a ver, verdaderamente, sin embargo etc.) como tamén morfolóxicos (a leite, o orixe, animales, infantiles, eres, comimos etc.) e sintácticos (incorrecta colocación dos pronomes átonos, confusión dos usos de te e che etc.). 

En ocasións, e estoume a referir en concreto agora a algún alto cargo da Xunta, algún deputado ou deputada e certos comentaristas da actualidade política, xa resulta difícil discernir se están a falar en galego ou en español, tal é a mestura de linguas que realizan. Non adoita ser este caso extremo o das persoas que pertencen ao ámbito galeguista nin o dos responsábeis políticos nacionalistas, que con todo tampouco fan en xeral un uso exemplar ou digno da lingua, a pesar de que, como demostran os últimos debates do estado da nación, a calidade da lingua utilizada polo voceiro do BNG resalte moito por riba da dos outros intervenientes no debate. Tamén se debe dicir neste sentido que o nivel de corrección lingüística do voceiro nacionalista non é representativo do galego utilizado por aquelas persoas que se declaran galeguistas e nacionalistas, ou mesmo que ocupan cargos de responsabilidade pública por esa forza política. E a nivel individual debo acrecentar que a min me doe especialmente escoitar falar en público algunhas persoas de probado compromiso galeguista e mesmo de militanza nacionalista nun galego descoidado e castelanizado, por veces mesmo en confronto cunha lingua máis correcta de quen representa ou está a defender posicións non galeguistas. Aliás, resultaría imaxinábel que no Parlamento español os representantes do PP ou do PSOE utilizasen nas súas intervencións en castelán, naturalmente, entre un 30% e un 40% de palabras en francés, por exemplo? Pois algo similar está a acontecer no Parlamento galego coa presenza masiva de españolismos nas intervencións orais.

Voltemos a esa unidade de vixilancia lingüística que eu non estou a pedir para o galego, mais que dunha forma ou doutra as linguas normalizadas, sen correren os riscos de desnaturalización que o galego neste momento corre, posúen. O citado programa da Ser é un exemplo, mais existen moitos máis polo mundo. Na última emisión que tiven a ocasión de escoitar esa unidade, alén de resolver dúbidas dos ouvintes sobre 'seísmo / sismo', 'radiactivo / radioactivo' ou sobre o xénero correcto de 'apocalipse', levantou casos como 'andó', 'cacafonía', 'condicionalidades', 'alejada de las costas costeras', 'supervivientres' ou 'explosión nuclear en el redactor', algúns deles, como se pode ver, debidos a equivocacións propias da fala apurada en que pensamento e verbalización actúan case simultaneamente. Vese que esa policía lingüística non achou moita materia puníbel, o cal é boa mostra da normalidade e boa saúde da lingua so vixilancia. Pasaría o galego utilizado publicamente na radio e na televisión esa proba de forma similar? Con certeza, o programa debería durar horas para poder dar conta dos erros detectados. Bon, pois se quixermos normalizar a nosa lingua deberemos tentar diminuír tales incorreccións de forma progresiva e aproximarnos máis dos estándares normais.

Non é bo o exemplo que recibimos en ocasións dos medios de comunicación públicos nin dos nosos gobernantes, máximos responsábeis de velaren pola saúde do idioma propio. Hai uns meses tiven a oportunidade de escoitar nun programa da TVG unha conversa entre dúas persoas dese medio que gozan de grande popularidade e que cobran por utilizaren a lingua galega. Unha pregúntalle á outra se mudara moitos "cueiros" na súa vida e a resposta desta foi máis ou menos así: "Cueiros non, pero pañales cambiei un lote deles". A primeira persoa usa dignamente, como é a súa obriga ao traballar nun medio público creado para normalizar a nosa lingua, unha forma galega correcta e a segunda fai burla dela (ou tenta facerse a graciosa a conta dela, que vén sendo o mesmo) para consagrar a correspondente do español. Non ten importancia, dirán algúns, trátase só dunha brincadeira inocente. A meu ver, non é tal, pois estase a transmitir a idea de que o galego non ten léxico propio e precisa tomalo do español, ao mesmo tempo que se ridiculiza implicitamente todo o proceso de estandarización seguido nas últimas décadas. É grave que isto o faga quen cobra por normalizar a lingua, que esa é a función de quen traballa na RTVG, de acordo coa legalidade. Para evitar estes casos si me atrevería a pedir unha unidade de vixilancia policial. A propósito, o presidente da Xunta hai uns días interveu no Parlamento para dar conta dunha medida do seu goberno tendente a abaratar a adquisición de cueiros polas familias necesitadas. Mais o presidente tamén utilizou reiteradamente a palabra "pañales" na súa exposición oral, así directamente, sen nin sequera tentar adaptala á flexión normativa. Se callar, logo aparecerá na letra escrita coa forma galega, mais a mensaxe que chega á xente é clara: o español é o idioma importante e o galego só pode existir subordinado a el. Que relevantes son estes pormenores! Un galego auténtico -descastelanizado- concede prestixio á lingua e seguranza e autoestima aos seus utentes. Un galego deturpado degrada unha e outros.

Ben certo é que isto acontece no plano oral e que, polo contrario, na escrita se ten avanzado moito na consolidación dun modelo de lingua culta e de calidade, tanto na prosa administrativa como na lingua literaria. A me centrar na última, nestes últimos anos publicáronse en galego obras de extraordinario valor, a meu ver, que nalgún caso lin con grande pracer, valorizando de paso a boa calidade da lingua en termos xerais. No entanto, e a pesar de que talvez moitas destas obras pasen pola revisión lingüística de persoas expertas na materia, aínda observo a presenza reiterada dalgúns trazos que restan méritos a esa valorización positiva. Con algunhas desas obras de suceso diante de min para copiar algúns exemplos, embora sen citar nomes nin títulos, voume referir só a uns poucos casos. En primeiro lugar, sorpréndeme unha tendencia bastante xeneralizada a prescindir do elemento preposicional de enlace entre dúas formas verbais, ben formen perífrase ou ben se trate dun complexo verbal, fenómeno talvez debido á autocorrección a partir da consciencia de que en galego se debe evitar a presenza castelanizante da preposición a entre o verbo ire un infinitivo (vou cantar e non *vou a cantar). Éis só uns poucos exemplos trasladados literalmente: "comezou soar a mesma melodía", "sen atreverse o marcar", "Moumeou que marchaba durmir", "volveu camiñando buscar o coche...", "Valverde volveuse miralo", "e baixamos vela", "mesmo se chegou dicir que tiña", "subín tocar un pouco". Deixando de lado a perífrase volver a + infinitivo, que xa domina totalmente sen o elemento de enlace e que tamén se impón á para min preferíbel voltar a + infinitivo, a tendencia a prescindir da preposición en casos requiridos pola gramática, uns máis discutíbeis do que outros, parece camiñar nunha dirección equivocada. 

Aparecen, por outra parte, casos evidentes de mal uso dos pronomes átonos te e che: "e nós fallámoste", "o teu silencio delátache", "ese rapaz non te convén", "atareiche a min cun cabo", "Trateiche coma un fillo". Tamén de colocacións inadecuados dos clíticos pronominais: "todos os momentos sonche así", "disque espetoulles aquilo". A pesar de que se avanzou neste caso, aínda é frecuente a presenza da preposición a con complemento directo sen ningunha xustificación: "agarrar do pescozo ás pobres ocas", "por escarnecer a un patricio", "galantear de novo á deliciosa Anna", "por non ver á grácil Anna", "sostendo a un coitado sen máscara", "onde se castiga aos criminais", "ve desaparecer pola porta ao seu agresor". En secuencias de todas/as ou ambos/as máis substantivo prodúcese con certa frecuencia a ausencia inadecuada do artigo: "veu xente de todas partes", "talvez en todas partes", "de todos xeitos", "de todas maneiras", "ambas mulleres" etc. Porén, mellorouse bastante no uso do infinitivo flexionado -non tanto no do futuro de subxuntivo- e elimináronse moitos dos españolismos antes vigorantes, de modo que en xeral podemos dicir que a lingua literaria actualmente dominante é digna e de calidade.

Será porque na realidade funciona na escrita, dalgunha maneira, unha unidade de vixilancia lingüística? De ser así, os resultados -sempre mellorábeis- parecen avalala.

P. D. Terminado este artigo, vexo por casualidade na TVG unha parte do programa "Land Róber" do día 24 de marzo, en que participaron dous famosos xornalistas deportivos. Aos amábeis lectores e lectoras que tamén visen o programa e que se mostraren disconformes ou reticentes coa liña argumentativa seguida nas liñas precedentes -están no seu pleno dereito, naturalmente- preguntaríalles: pódese dicir que o programa se desenvolveu realmente en lingua galega? A que idioma pertencen expresións que alí se dicían como "Tu eres o bueno"? Normaliza algo ese modelo de lingua? Que imaxe proxecta do galego? Ten algunha viabilidade futura? Á vista disto e de que a Xunta tamén "marca a diferencia" (sic) na publicidade coa súa "austeridad" (sic), un comeza a pensar que todo obedece a un deseño cun albo ben determinado, o mesmo que ten a política lingüística xeral seguida polo actual Goberno galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario