por Xosé Ramón Freixeiro Mato, en Terra e Tempo:
O pasado 2010 foi o ano dedicado a Uxío Novoneyra, mais aínda a comezos deste, os días 17, 18 e 19 de febreiro, se realizou na Coruña un congreso organizado pola RAG, coa colaboración da UDC e do Concello da Coruña, para analizar a súa obra e o seu pensamento, pois a Consellaría de Cultura non tivo a ben facelo no seu momento. Con todo, ben está que a atención ás figuras a que se dedica cada ano o Día das Letras Galegas se prolongue para alén das datas e compromisos rituais. Foi esa unha boa ocasión para pór en relevo a importancia do autor como figura clave da literatura galega contemporánea. Mais tamén para reflexionarmos sobre o significado da súa obra e sobre o seu posicionamento e praxe lingüísticos.
Para Uxío Novoneyra a lingua galega é a memoria e o sangue da nosa nación, asumindo plenamente a identificación persoal entre lingua e patria. Tamén identifica lingua con fala, pois non concibe máis lingua que a fala do pobo -a "Lingua-Fala" popular- e non admite máis autoridade lingüística que o propio pobo. A partir deste posicionamento sobre a lingua, na súa obra poética e nos seus textos en prosa utilizou un galego popular e dialectal caracterizado polo polimorfismo e a heterografía, sen se someter ao ditado de ningunha norma. Non é, por tanto, que o galego popular e dialectal sexa o seu modelo de lingua poética para cantar os "eidos" courelaos. Na realidade, é o único modelo de lingua que el admite e que utiliza tanto nos seus versos como nos textos en prosa que elaboraba para dicir en público en contextos xeralmente de grande formalidade. Nese molde popular proliferan rexionalismos, populismos ou vulgarismos, algúns pseudogaleguismos, uns poucos arcaísmos e numerosos castelanismos de tipo fonético, morfolóxico e, nomeadamente, léxico. A se servir dese material lingüístico, o autor soubo manexar con grande habelencia os recursos expresivos da fala popular e con base neles construír unha obra literaria de grande calidade e estilisticamente rica, poderosa e destinada a perdurar.
Porén, a lingua utilizada polo autor suscita tamén algunhas reflexións de interese sociolingüístico. O autor quere ser fiel á memoria do pobo e á lingua familiar dos seus devanceiros, mais as linguas evolúen a través do tempo e por conseguinte vanse transformando e adaptando ás mudanzas que se producen na sociedade. Non é posíbel, mesmo nas afastadas aldeas do Courel, a permanencia duns costumes e xeitos de vida inmunes ao paso do tempo. Nin tampouco pode permanecer unha lingua familiar inalterada cando as propias familias courelás están espalladas por vilas e cidades da Galiza ou de fóra, e inclusive as poucos persoas que ficaron alí están recibindo diariamente influencias lingüísticas a través dos medios de comunicación audiovisuais, como antes as recibiron na escola ou na igrexa; unha proba delas son os castelanismos presentes na obra do autor. Xa non se trata tanto de que o mundo rural se extingue, o que semella evidente vendo o abandono das aldeas do Courel e o derrubamento material das vivendas e construcións tradicionais que as conformaban, como que as escasas posibilidades de sobrevivencia están asociadas a xente nova criada no medio urbano ou inclusive a populación emigrante non galegofalante. Admitirmos a equiparación entre desaparecemento do mundo rural -tal como o entendemos até agora- e morte do galego é tanto como estendermos xa a súa acta de defunción, pois ese mundo dunha forma ou doutra está en transo de desaparecer. Non é que lle faltase a Novoneyra base para esa dedución e non está claro que ao final non vaia ter razón, mais se quixermos manter a esperanza na conservación da lingua non podemos vincular a súa sorte á dun mundo rural xa en extinción. Por iso necesitamos, alén de procurar salvarmos o galego popular e dialectal, construírmos -mesmo elaborarmos en 'laboratorio' se for preciso- un galego urbano adaptado ás necesidades dunha sociedade diferente daquela que el idealizou e poetizou. Felizmente, con todo, ese galego a grandes trazos xa existe, aínda que se poida mellorar.
A idealización da fala labrega resulta totalmente lóxica nun poeta que escolleu escribir na lingua popular e rexional do seu paraíso da infancia vivido e sempre soñado. Nada que obxectar, pois, a esa encomiábel opción (salvo en todo o caso ese uso reiterado de castelanismos perfectamente evitábeis). Porén, unhas son as necesidades ou prioridades do poeta canto á utilización e aproveitamento dos recursos lingüísticos e outras as necesidades ou prioridades dunha lingua minorizada que necesita con urxencia adaptarse a unhas mudanzas sociais que xogan na súa contra e que, alén diso, precisa combater moitos preconceptos lingüísticos longamente instalados no corpo social. Certamente, Uxío Novoneyra contribuíu para destruír algúns destes e dignificou e engrandeceu coa súa obra a lingua galega, dándolle prestixio a esta e autoestima aos falantes. Mais ese modelo non é apto para estender ao conxunto da sociedade fundamentalmente por dúas razóns: a primeira, porque non é coherente ao utilizar solucións diferentes para os mesmos fenómenos lingüísticos (esta/ista, el/il, para/pra/pre, hastra/hasta/ata/ate,libertá/libertade/liberdade, só/soio/solo, eilí/ailí, inútil/inutle,posible/posibre/posíbel/posíbele etc.), o cal crearía total desorientación aos utentes; a segunda, porque admite practicamente todos os castelanismos que penetraron na fala popular (costumbre, acostumbrar, pasión, solo, pueblo, siglo, duda, decir, decidor, nombrar,sangre, siñal, naturaleza, pasillo, riesgo, persona etc.), o cal supón deixar aberto o camiño para a paulatina disolución do galego no español, acabando por se converter nunha variante dialectal deste.
En moitos casos é pola vía estilístico-expresiva como podemos explicar ese polimorfismo da súa lingua literaria, os dialectalismos e popularismos, e mesmo algúns castelanismos. Por que, se non, o autor utilizará pueblo na súa "Letanía de Galicia" cando coñece perfectamente e usa en moitas ocasións na súa obra a palabra pobo? A resposta non pode ser outra que por razóns de expresividade, por razóns sentidas verdadeiramente como estilísticas, embora poñan en relevo unha "crise" de estilo, como dicía Rafael Dieste, motivada por séculos de opresión da lingua propia. O paradoxo é que na fala popular moitas voces plenamente galegas (escola, moa, pobo, avó etc.) foron desbotadas polos propios labregos galegofalantes porque lles semellaban brutas e pouco elegantes -porque lles fixeron acreditar en que así o eran-, e foron substituídas polas correspondentes castelás (escuela, muela, pueblo, abuelo etc.); unha vez asentadas estas na fala popular, o poeta que quere devolverlle a dignidade ao pobo e á súa fala, converténdoa en vehículo da expresión poética máis pura, vese obrigado a utilizalas por fidelidade a ese mesmo pobo que xa se chamapueblo e a esa mesma fala que xa é denominada popularmente gallego e non galego. Eis a perversión da dominación lingüística secular. Eis tamén a perversión dos discursos actuais contrarios á lingua, base de tantos preconceitos: si se utiliza un galego depurado e culto, cualifícase de falso e inventado; si se acode á fala popular castelanizada, dise que se trata dun castrapo rural inculto e sen futuro. O poeta do Courel non soubo vencer este paradoxo porque tampouco a sociedade galega soubo resolver aínda o dilema entre un galego auténtico depurado e un galego popular castelanizado. Algunhas persoas acreditamos en que só un galego depurado -descastelanizado- e de calidade pode sobrevivir no futuro, mais ese aínda non é o sentir xeral entre os especialistas e menos na sociedade galega no seu conxunto. Con todo, hoxe temos mostras evidentes de que un galego popular e dialectal depurado é posíbel.
Evidentemente, prodúcese unha situación paradoxal con relación á lingua de Novoneyra e á situación sociolingüística actual. É preciso defendermos a fala popular por xustiza e por dignidade dos propios falantes, mais tamén cómpre depurármola de interferencias alleantes para así podermos garantir o seu futuro. Isto non é fácil, mais é posíbel. Non só se defende a fala popular falando como fala o pobo. Tamén se pode defender respectándoa, iso sempre, mais tentando dignificala mediante a preservación do que lle consubstancial e a eliminación do que lle é antinatural e superposto como consecuencia da colonización secular. Ao cabo, trátase de restaurarmos o edificio da nosa lingua deturpado pola agresión e o abandono históricos. Como se restaura unha construción arquitectónica patrimonial? Elimínanse as adherencias espurias e reconstrúense as formas auténticas, coas necesarias intervencións que a convertan en funcional para a sociedade. Pois iso mesmo se debe facer co noso maior ben patrimonial colectivo. Un edificio histórico de alto valor degradado e en descomposición degrada tamén o pobo que tolera tal situación, en canto que ben recuperado e plenamente funcional dota ese pobo de dignidade, orgullo e estima -propia e allea.
Ou é que, polo contrario, debemos deixar que o monumento danado continúe o seu progresivo proceso de deturpación co argumento de que non podemos modificar a historia porque as cousas son como son? Deixamos a uralita como tellado dun hórreo con valor histórico ou procuramos substituíla por un material igual ou similar a aquel que orixinariamente tivera? Hai persoas con responsabilidades públicas moito importantes que se negan a depurar o seu galego e falalo con corrección porque din que eles falan "como fala o pobo". De acordo con este argumento, como o galego popular sufriu ao longo dos últimos séculos interferencias foráneas desnaturalizadoras, non as eliminemos. Máis aínda, imitémolas e magnifiquémolas para así sermos fieis á súa maneira de falar, dirán algunhas persoas. Deste modo podemos caer no paradoxo de que, querendo defender o galego que fala o pobo, acabemos por contribuír para a súa desaparición por paulatina castelanización. Hai a quen isto non lle importaría porque tamén non vería mal unha Galiza a se expresar unicamente en español. Mais este non é o caso de Uxío Novoneyra, que como outros moitos dos nosos devanceiros, defendeu con teimosía e afouteza a extensión do uso social -a normalización- da lingua galega e soñou unha Galiza liberada e dona dos seu propio destino a falar con orgullo no idioma de seu.
Debemos ter, por tanto, certa prevención coa defensa do galego popular se non se estabelecen certos matices, pois tal defensa non pode ser allea ao contexto diglósico dos últimos catro séculos. Non é o mesmo defender a dignidade da fala popular e o respecto que merece, que defender sen máis esa fala como modelo común e válido para todos os ámbitos da vida social. Non é o mesmo propor a fala popular como fonte limpa e transparente da autenticidade lingüística, en que os escritores e escritoras deben beber, nun país con lingua normalizada como facelo noutro coa súa lingua gravemente interferida nas súas estruturas internas. Con certeza que tamén os nosos autores e autoras poden e deben inspirarse na fala popular, mais sabendo distinguir o auténtico do impostado. Como igualmente dixera Rafael Dieste, non hai mellor mestre que o pobo en cousas da fala cando sabemos escoitalo e temos tino dabondo para escolmar o bo e desbotar o refugallo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario