Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 10 de marzo de 2011

"Son o que son: un galego actor. Por esa orde"

Beti Vázquez entrevistou ao actor Luís Iglesia Besteiro para o Galiciaé;


Unha mañá calquera de febreiro. Gorro de lá, dúas voltas á bufanda e saio da casa. Nun pequeno bar de Compostela, remexendo un café, Harrison Ford, Paul Newman, Robert de Niro, Mel Gibson, a rá Gustavo e o 'gato cabrón', Garfield, agardaban por min. Non podía velos, mais estaban alí e falábanme todos á xunta. Quedara con Luís Iglesia, o lucense que lle emprestou a súa fermosa voz a todos eses grandes do cine; e o seu tenro sorriso a un dos malos máis malos da pequena pantalla, Carmelo, o máis vello dos Matalobos. Luís fala moito e falamos de todo: da lingua, do cine, da televisión, do sexo e dalgún... reality.

Pregunta: Perdeu de ligar algunha vez por falar galego?

Resposta:
 Non [rotundo] É que eu non sei se ligaría algunha vez... [ri] Coido que non hai que concederlle importancia ás declaracións desa rapaza. Que alguén cunha visión tan cativa do mundo diga iso... independentemente de que ao mellor hai xente, bastante xente, que pense así. En Galicia temos un problema sociolingüístico acusado.

P: É de Lugo e ten acento de Lugo

R: Madialeva! [ri]

P: Na súa profesión, asociárono algunha vez cun 'galego bruto'?

R: Noon. Cando empecei na dobraxe, hai 25 anos, pasaba case ao contrario. Aquí non se sabía que galego se quería falar, buscábase un estándar, e apreciábase moito o noso acento porque parecía o máis correcto. Non somos tan catarís na entoación coma nas zonas da costa. Mais si que lembro un compañeiro ao que lle dixeron cousas moi duras cando empezaba: 'Vaite esquecendo dese acento do Courel se queres dobrar'.

P: A vostede nunca lle esixiron logo ese acento que se lle di neutro?

R: Non exite. Mais eu, por fortuna, son monolingüe en galego, igual que o 99.9% da xente da miña aldea. Cando era pequeno non había máis ca unha televisión, a primeira cadea da española, e os exemplos que tiñamos de xente que nos falaba castelán, o mestre, o clérigo, o médico... eran bos exemplos e daquela nós aprendémolo coma unha lingua estranxeira. Eu falo un castelán deses que lle chaman neutro, non se nota que son galego porque para min é coma se falase francés ou inglés. Curiosamente recordo que cando chegamos á Coruña e empezamos a dobrar en castelán os que eramos monolingües en galego tiñamos menos problemas, porque tiñamos as dúas linguas separadas. 

''SALA XE, EN GALEGO, QUE BEN SOARÍA!''

P: Que importancia tivo a dobraxe na normalización?

R: Eu doume conta agora do importante que foi, porque... [pregúntame a miña idade] Claro, ti naciches coa televisión galega. Para vós, que nacestes con esa normalidade, a de oír falar toda a vida galego, o que fose, mellor ou peor, porque o faciamos moi mal ao principio, moi mal, moi mal [ri] pero hai unha normalidade establecida a través dunha canle de televisión onde ves películas ou debuxos animados, e é tan sá...

Lembro hai moitos anos que fun a Barcelona e, ao chegar ao aeroporto, abrín o xornal e vin unha sala X en catalán. Deume tanta envexa! Non porque eu fose ir alí [risas] senón porque me pareceu que iso estaba a anos luz, era impensable que en Galicia hai 15 anos houbese unha sala 'xe'! Xa imaxina o nome: sala xe, en galego, ufff... que ben soaría! [ri] Aínda así, hoxe habería que estudar tamén que tipo de televisión está a facerse en galego.

P: Cómpre aquí unha Lei do Cine coma a catalana?

R: Claro que si. A min déronme moita envexa os Goya. Que arrase unha película en catalán, con magníficos actores e actrices cataláns, moitos deles que nin eran coñecidos no resto do Estado... e que arrase con esa normalidade cando aquí xa é dificilísimo rodar en galego. Está despois o problema da distribución, e despois o de emitir estas pezas, porque pese a que hai uns mínimos que están recollidos nunca se levaron adiante.

P: Apreciou algunha evolución no seu volume de traballo desde 1985 até hoxe?

R: Si, á inversa. Levamos tres ou catro anos onde a tele está a reducir o número de horas dobradas ou o reparto, non sei moi ben cal é aí o problema, ao 50%. Hai un colectivo de profesionais detrás que está a quedar sen traballo. É un problema social, a crise está a facernos moito dano. Está asumido que hai que recurtar, pero o que se recurtan son dereitos, a todos os niveis. É un sensentido tremendo, e tragamos todos. Na dobraxe cada día traballamos menos, e iso tendo en conta que se supón que é un sector estratéxico,  polo menos culturalmente. Non hai por onde collelo.


''ÍA PARA BANQUEIRO E FUN TITIRITEIRO''

P: Dobrador ou actor. Que foi antes, o ovo ou a galiña?

R: [apura o pouco que queda na taza do café] Actor de dobraxe... non nos gusta que nos chamen dobradores [ri] Non tes por que sabelo, eh!

P: Pois non o sabía...

R: Si, teño unha pequena broma, unha maldade interna. Se queres cóntocha despois... [ofrécese cun gran sorriso] Eu débolle todo ao oficio de dob... de actor de dobraxe [sorrí] Hai 25 anos era imposible dedicarte a ser actor en Galicia. Non había nada. Os compañeiros do teatro estábanse formando, a televisión naceu no 85... non había ningunha posibilidade de que un rapaz dunha aldea de Lugo que ía para banqueiro fose titiriteiro [ri] A dobraxe deume esa oportunidade, aproveiteina e aprendín moitísimo, o 80% do que sei. 

P: Que foi o primeiro que dobrou?
R: O primeiro foi... [os seus ollos viran cara a esquerda, intentando lembrar] facendo o curso, unha peli en castelán que ía de mostra a Barcelona, Los dientes del diablo. Facía de prota [Neste filme, Luis Iglesia púxolle voz a Inuk, o personaxe que na versión orixinal interpretaba Anthony Quinn]

P: E a maldade interna sobre dobradores e actores de dobraxe?

R: [ri a gargalladas] O actor de dobraxe non crea, recrea. Intentamos ser o máis fieis posibles a un orixinal, reproducir o que xa outra persoa fixo por nós nunha lingua distinta. Os dobradores teñen unha gran técnica, pero élles igual como estea o orixinal, Dobren a quen dobren, van facelo sempre do mesmo xeito, o seu. É unha forma mecánica de traballar. Os actores e actrices de dobraxe o que lle poñemos é algo máis de corazón.

P: Daquela para dobrar hai que saber actuar?

R: Hai que saber decodificar. O corpo non tes que poñelo porque xa está posto, pero si que se usan ferramentas de actor.

P: E hai que saber ben o galego para dobrar ao galego?

R: Igual que hai que falar ben o español para dobrar ao español, ou o swahili. Aquí entra en xogo o problema sociolingüístico do que falabamos antes, e a percepción que nós temos da nosa lingua. Eu vexo cousas miñas de hai vinte anos e boto as mans á cabeza! A única referencia que tiñamos era o castelán, o galego estábalo inventando, e facíalo coas eivas que cadaquen tiña. Iso foi mellorando, mais aínda ten camiño por andar. Se lle deixan...

Sobre todo no campo entoativo. A dobraxe tende a facelo todo cunha pretendida elegancia, e o acento non está rifado coa elegancia. Cando se dobran telenovelas están moi marcadas as clases sociais, e aquí todo o mundo fala igual. Coido que sería un bo camiño para normalizar, de dicir 'mira, este é o estándar, e estoutros son riscos vulgares', e que iso sexa percibido pola poboación como aquel que todos estariamos de acordo en falar.

P: Sería unha concepción da dobraxe como escola de normalización.

R: Si, iso. E tería que ter unha explicación dentro do guión, pero por que non vai ter seseo ou gheada un prota? É atrevido, pero tamén o foi Mareas Vivas no seu día. Por que non se vai facer iso na dobraxe? Sempre con cariño, porque eu vin facer verdadeiras barbaridades, coma que se lle metesen estes dous trazos a un cavernícola.


''FAIME MOITA GRAZA O DE SEX-SYMBOL''

P: Como leva iso de ser un sex-symbol desde que sae en Matalobos?

R: [ri a gargalladas] Bon... mimá! Xa ves ti! Non será porque eu quixera... Faime moita graza iso.

P: Síntese cómodo 'fóra da cova'?

R: Si, si, si. Considéronme un privilexiado. Iso ten unha responsabilidade engadida, hai que responder a unhas espectativas. Falarlle ben á xente, ser amable e... falar en galego. Eu falo sempre en galego, non me causa ningún problema, pero se no hospital se me achega un médico e se dirixe a min en castelán é moi importante que eu resposte en galego. A persoa que está ao lado, que te recoñece e sabe que es Matalobos, que es Carmelo, reafírmase. Ti es importante, un dos seus. Quizais despois, cando fale co médico, non se cambia ao castelán.

P: Parárono algunha vez pola rúa para dicirlle 'carallo, Garfield'?

R: [ri a gargalladas] Non! Sempre conto unha anécdota que igual non é a máis espectacular pero a min foi a que máis me sorprendeu. Un día indo para Vigo currar... sete da mañá... na autopista parei na peaxe e dixen 'Bos días'. E a rapaza que estaba cabina dixo 'Mel Gibson!'. Pareceume flipante! Ou, como dicía un amigo meu, 'levarte a ti no asento de atrás do coche é coma levar os documentais da Segunda! [risas]

P: De todos os personaxes aos que lle puxo voz, con cal queda?

R: Non son nada mitómano eu, eh? Adoro a Paul Newman porque me caía moi ben! [ri] E Garfield sempre me gustou moito porque me parece que é un gato cabrón [solta unha risada] Foi unha das veces que mellor o pasei!

Despois, de todo se aprende. Eu sempre digo que levo 25 anos traballando cos mellores, cos mellores do Mundo. Mel Gibson ten unha maneira de mirar... move os ollos coma ninguén! E eu sei eses trucos! Pero quérolles a todos. Bon... quizais a quen non é a Charlton Heston, que o dobrei varias veces e non o soporto! [ri]

P: E quen lle tería gustado que falase pola súa boca?

R: [pénsao] Pois gústame moito Al Pacino. E fixera un casting unha vez con Tacho González, pero quedáballe moito mellor a Tacho que a min! As cousas como son! E eu admíroo moito, quero velo ben feito. Non teño envexa, entre outros motivos porque pasamos de non haber nada dobrado en galego a que dobramos... posiblemente as mellores películas da historia! Eu fixen Casablanca! De Harrison Ford todos os filmes que houbo en Galicia fíxenos eu! Apocalypse Now! Que me neguei a dobrar ao prota para dobrar a Harrison Ford, que sae con, nada, con vinte frases ao principio. Pasou por nós boa parte do mellor cine que se fixo na historia. Que máis vas pedir? [sorrí]


''SON O QUE SON: UN GALEGO ACTOR. POR ESA ORDE''


P: Pregunta obrigada. Para traballar, Madrid ou Galicia?

R: Cando me chaman de Madrid vou como profesional, alí ou a Hollywood. Pero eu son o que son: un galego, un galego actor, por esa orde. Non sei se iso o explica todo.

P: Cine en versión orixinal?

R: Si, sempre. Agora ben... sempre se pode ser sen subtítulos. Mentres se ven as letras estás perdendo o resto das linguaxes do cine. Iso e que estamos a falar de 70 anos de historia. Se fose tan doado... se realmente a xente quixese ver cine en versión orixinal, por que non hai máis salas que o oferten? Por que non se atopa na televisión? Porque os hábitos do público son outros.

E hai outro tema. Non hai que dicirlle 'non' á dobraxe por pose. Eu atópome cantidade de profesionais que non teñen argumentos para rebatir iso, que din unha cantidade de chorradas e de tópicos... No último Festival de Cans estaba Alber Ponte. [incomódase] 'Es que yo tengo unos amigos ingleses y cada vez que vienen a España se parten el culo al ver las pelis dobladas' [eleva o ton] Que argumento é 'tengo unos amigos'? Amigos ingleses, uns señores que viven nun país onde o 99.9% do cine está en versión orixinal porque é a lingua que falan eles! En fin...

P: Que pode adiantarnos do último proxecto no que se embarcou, Piratas?

R: [emociónase] O 90% do equipo é galego: produción, guionistas, equipo técnico, equipo artístico... van flipar! Este país en imaxe é unha barbaridade! E as escenas foron rodadas en interiores e exteriores naturais. Eu son un nobre, un intendente da nobreza en Galicia.

P: Fíxolle de mestre de cerimonias a Pilar Rubio e Óscar Jaenada?

R: Non, pouco contacto tiven con eles. Son da parte pirata! [ri] O que si que había era moi boa relación entre todo o equipo. Estiven hai pouco facendo un curso de esgrima e loita escénica e Enrique Inchausti [instrutor de coreografía de pelexas na serie] confesou que quería vir verme a Galicia pola calidade de vida e pola xente. Todos os galegos fixemos de mestres de cerimonias facendo o que mellor sabemos: ser galegos.


''AS TOMAS DE SEXO NON VAN NO GUIÓN. GÚSTAME PACTAR''

P: E a este galego que lle dá máis rubor: facer escenas de sexo como actor ou como actor de dobraxe?

R: [ri] Como actor de dobraxe non pos o teu físico en xogo. E é curioso como ao espectador lle resulta máis erótico ás veces a violencia que o sexo. Como actor sempre intento pactar esas escenas. Só me daría rubor facer algo que á outra persoa lle molestase. Esas tomas non están nunca escritas, e hai roles pensados desde unha perspectiva moi machista. Os guións din cousas do tipo 'Bícanse apaixoadamente', e hai que inventar. Unha vez un compañeiro recibiu un guión que poñía 'Por fin hacen el amor como nunca en su vida', e el achegouse ao director e preguntoulle 'Coma na túa vida ou coma na miña?' [risas]

En Matalobos, con Olaia Salgado fago escenas que alcanzan unha tensión... Esa relación, entre a súa personaxe e Carmelo, foi pactada con ela. Hai escenas nas que tiramos moito da corda, nas que lle falo a dous centímetros da boca e, cando parece que vai pasar algo, dígolle 'teño traballo', e lisco! Na seguinte vén ela, sorrí, provócame, insinúase ata o punto de que che tocan nun brazo e sentes un calafrío e, cando parece que vai pasar algo, é ela quen me di: 'teño traballo', e marcha! [sorrí] os montadores vólvense tolos! Preguntan: 'Que lles pasa a estes dous?' [ri] Os montadores non ven a serie coma unha persoa calquera desde o sofá da casa, saben o que hai, o que vai pasar. Se funciona con eles... é que funciona.

mércores, 9 de marzo de 2011

Galego de Asturias

por Xavier Campos, n´A Nosa Terra:


Non falan galego, senón asturiano, nas Asturias de Oviedo. Nas de acó si. A súa lingua propia é a mesma que foi de Cotarelo Valledor, de Conrado Villar Loza ou de Fermín Labandera –que así lle chamaban nesta beira a don Fermín Penzol. Éo tamén hoxe de Eva Moreda, de Viqui Veiguela, dos Folkgazais. Entre o sentimento e a conciencia, claramente desigual, existimos nas letras e imos esvaecendo no ruxe-ruxe dos días. Fico caviloso e pesimista. Aos traballadores asturianos do estaleiro de Gondán, que amolan decote nos seus compañeiros galegos, quédalles lonxe ou venlles só e sempre a referencia como parte de agravios, así focado desde o vitimismo amarelo da vella Nueva España.
No tempo do espectáculo a calquera custo esboróase o matiz e relan os argumentos coma o pan de trigo. A cousa é ver quen bourea máis, sexa certo ou non o que vaia soltar pola boca. Levamos as de perder nós, non o dubiden. No tránsito á razón partiron de Dámaso Alonso e medraron estudos valiosos de diversa xinea: os de Fernández Rei, os de Babarro, a colección Ólgaimpulsada polo Quique Costas. E sobre todo, desde o propio Eo-Navia, quedou o traballo fondo e sacrificado da Mesa pola Defensa do Galego de Asturias, primeiro, e da asociación Abertal, de hai anos até hoxe. Nin aínda así. No tocante ás virtudes, talento e talante vólvense decote insuficientes diante de desafío de tal natureza. Existen e existimos, con todo, no devalar, presos do medo ao propio eu.
Dese galego estramurado, que dixera o Ferrín, era Penzol, da liña de auga dos corazois. Das tempadas estivais que don Fermín botaba en Castropol fálame xente de ollos azuis e cóntame conversas. Do seu activismo, da súa cultura, da súa xenerosa contribución á causa nacional. Os das Figueiras, por certo, moitos e moitas, teñen ollos azuis. É cantar para outro día. Cun vaso de leite quente e galletas de azucre e canela abro a tarde á chuvia que non cansa, déitome no medio da ría e poño os ollos do lado dos albiois, xogando cos fíos invisíbeis das fronteiras. Frexulfe, Santiso de Abres, Taramundi, Piantón, Eilao, Boal. É tamén, esa terra, beira de nós.

Xenerais, por fin, en galego

Por fin puden oir as regueifas dos Xenerais da Ulla en galego. Foi onte, na Estrada. Non sei a quen se lle debe agradecer, se á iniciativa do Concello, do seu departamento de normalización, ou aos propios veciños da Ulla... por iso grazas,  a todos eles, porque este ano, por primeira vez puiden oílos en galego. Espero que o exemplo se repita e se espalle por todo o val.
Este feito é un síntoma de como anda a saúde da nosa lingua, e o que precisamos é de actos como este. Debemos procurar en todas as actividades, o incremento do uso do galego.

1 € para o galego, 300 € para o castelán

Segundo leo no blogue Cousas de Imeneo, este martes 8 de marzo publicouse no DOG o listado de subvencións ás empresas xornalísticas e de radiodifusión. Na relación de medios que aparece no DOG non aparecen aqueles que reciben menos de 3000 €, aínda así, si que podemos ver o reparto de máis de 1.600.000 €, dos que o grupo da Voz de Galicia levan máis de 630.000 €,e  o Faro de Vigo leva 233.219 €. Os seguintes en recibiren subvencións son as empresas que editan El Progreso, El Correo Gallego (e Galicia Hoxe), El País, La Región, Diario de Pontevedra, El Ideal Gallego e Radio Popular, todos estes, con máis de 50.000 € de subvención. Ningún deses medios, agás o Galicia Hoxe, chega ao 4% de información en galego, e sobre o caso especial de Galicia Hoxe, cómpre destacar que a subvención ao grupo do Correo Gallego non se ve especialmente incrementada por este feito. Aínda peor, os medios que apostan decididamente polo galego non se ven recompensados por facelo, ata o punto de que nos últimos anos varios tiveron que pechar, e de seguir así as cousas, non tardarán en facelo todos os que están neste caso, tal e como asegura nunha entrevista Gillermo Rodríguez, quen fora director d´A Peneira. Non é de estrañar que estes negros augurios chegen a facerse realidade de seguiren as cousas como ata agora pois eu no DOG ao que se fai referencia podo ler que aos medios en castelán lle damos 1.600.000 € mentres que aqueles que usan significativamente o galego reciben 300 veces menos. Aínda máis...
En virtude desta resolución da Secretaría Xeral de Medios, reciben subvención Radio Orense S.A. e La Opinión de La Coruña, empresas que nin tan siquera cumpren a formalidade de cumpriren a Lei de Normalización Lingüística a respecto da toponimia. Bastaría con que a Xunta fose un pouco coidadosa nas convocatorias para que este tipo de desprezos deixaran de producirse. E que ninguén pense que eu son retorto por andar a voltas con estes detalles xa que, por exemplo, aínda que apareza ante os medios como unha medida de alto contido normalizador, a reducida (un 40% do repartido hai dous anos) convocatoria de subvencións da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a edición de materiais curriculares en galego ten moi en conta o funesto decreto de plurilingüismo e ningún recurso didáctico de matemáticas (por exemplo), por moi bo que sexa, recibirá nin un céntimo, en virtude desta convocatoria.
Está claro que para aqueles que se desenvolven exclusivamente en castelán, non hai problema ningún e que incluso se lles permite  burlarse das leis fundamentais coas que nos dotamos. No entanto para o galego, desde a Xunta, e desde toda a súa arañeira regulamentaria, todo son dificultades.
Esta é a política lingüística desta Xunta, e así nos vai. Non si?

martes, 8 de marzo de 2011

Salvavidas para as 'outras linguas' de Francia

por Armando Rúa, n´A Nosa Terra:

A pesar dos avances formais e lexislativos, na práctica, as linguas que sobreviven en Francia xunta ao francés teñen moitas dificultades para sobrevivir. Agora, catro políticos lanzan unha nova iniciativa para obrigar o Estado a protexer os máis de 50 idiomas do Hexágono.



En 1950, 1970, 1980 e 1990 diversos decretos ministeriais dos gobernos franceses intentaron mostrar unha vía para o desenvolvemento das chamadas “linguas rexionais” en Francia: bretón, occitano, éuscaro, catalán, corso, gascón, alsaciano (alemán) ou neerlandés (na zona de Dunkerke), así até case un numero superior a 50 linguas: decretos que non conduciron a parte ningunha por falta de vontade política dos diversos.
Agora diversos cargos políticos (Armand Jung, deputado do Bas-Rhin; Bernard Poignant, alcalde de Quimper; Robert Navarro, senador do Hérault ; Csaba Tabajdi, presidente da delegación socialista húngara no parlamento europeo e vicepresidente do intergrupo Minorías), volven demandarlle ao goberno francés a protección e desenvolvemento das linguas “rexionais”. Para estes políticos, “as linguas e culturas rexionais son o noso patrimonio común e unha parte do patrimonio da humanidade”, e fronte a exemplos recentes de comportamentos discriminatorios e conscientes da fraxilidade destas linguas, estiman que é o seu deber asegurar o “florecemento destas linguas” xa que non facer nada é, sinxelamente, asinar a súa defunción”. Para estes políticos, a República ten un papel a xogar: debe estar atenta ás demandas e debe apoiar as linguas distintas do francés que se falan no territorio gaulés, ou nos territorios de ultramar (colonias, en galego puro e sinxelo).
Recordan, para quen o esquecera, que Francia é regularmente denunciada polo Consello de Europa e pola ONU pola súa falta de vontade de “conferirlles ás linguas rexionais un cadro xurídico protector”, á parte de eludir, até o momento, o debate. E continúan dicindo que se se protexen os monumentos históricos e as obras artística do hexágono, por que non protexer igualmente estoutros monumentos que son as linguas “rexionais”, motor, ou base, de diversidade cultural?
Afirman os politicos franceses que os seus electores cada día lles esixen máis ao respecto, a defensa e expansión das súas linguas propias, e continúan a afirmar que cada vez son máis numerosas as colectividades territoriais que se comprometen en accións políticas en defensa das súas linguas, ao par que en defensa de maior democracia e en loita contra a crise.
A iniciativa para dotar a estas linguas dun cadro xurídico propicio para o seu desenvolvemento xa recibiu o apoio de 30 senadores.
Ora, tamén afirman, e subliñan, que esta inciativa “non intenta debilitar a lingua francesa”, esta é o alicerce da República, e o único perigo que corre o francés é nas instancias internacionais e mesmo europeas: suplantada polo inglés e, por que non?, afirman, quizais máis adiante polo chinés.


Patrimonio da francofonía
Esta política de dotación dun cadro xurídico para as linguas rexionais, afirman, debe ir acompañada “dun gran proxecto para a Francofonía”: as linguas rexionais e a lingua francesa son “amigas no interior do país e aliadas no exterior”. E sinalan que a cultura francesa non é só a cultura da lingua francesa: o Premio Nobel de literatura de 1904 foille concedido a Frédéric Mistral, escritor en lingua occitana.
No ano 2008 engadiuse un artigo á constitución francesa no que se di: “As linguas rexionais pertencen ao patrimonio de Francia”. Se ben isto é certo, tamén é o síntoma dunha hipocrisía latente, xa que pouco se fixo para ampliar o cadro xurídico e escolar destas linguas. Por outra banda, estes políticos non parecen recordar que ese mesmo 2008 a Academia Francesa se manifestou contra esa inclusión, xa que segundo os seus membros, como bos herdeiros do abbé Grégoire, as línguas rexionais atentan contra a identidade nacional.
Para traballar no sentido de recoñecemento xurídico das linguas rexionais, os catro asinantes deste texto recorren a un informe de 1998, “Estudo sobre a compatibilidade entre a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias e a Constitución”, de Bernard Poignant a pedido do entón primeiro ministro socialista Lionel Jospin. Este texto preconizaba a firma de diversos compromisos saídos desa carta europea e, ademais, entregaba diversas proposicións para o ensino destas linguas en Francia. Evidentemente, o informe ficou no fondo dunha gabeta.
Resistencias
O chamaddo Parti de la Gauche, dirixido por Jean-Luc Mélenchon, que se presentará ás proximas eleccións presidencias en coalición co Partido Comunista Francés, está en contra de que se gasten cartos públicos no ensino das linguas rexionais, xa que estas só serven para dividir o país, segundo a súa opinión. Por outra parte, tanto os partidos de dereita como os de esquerda, non acostuman facer do plurilingüismo un tema da axenda cotiá. Ademais, noutrora o nacionalismo bretón e occitano caeron nas gadoupas do fascismo, especialmente en tempos do mariscal Pétain, polo que a recuperación destas linguas pasa por un cambio de mentalidade dos seus propios falantes.

Contra a música en galego, “Flores en la carretera”

por Francisco Xosé Rei García, en Terra e Tempo:

Falábamos neste mesmo dixital, aló polos meses de verán deste pasado ano, da monolítica aposta pola música comercial nos campos de festa do noso país por parte das diferentes orquestras -practicamente sen excepcións -e de como algo tan noso como as festas e romaxes populares foi e continúa derivando en útil altofalante do de fóra fronte ao propio.

Abofé que podería ser o campo da festa, en combinación con outras plataformas sociais que fixesen o necesario efecto multiplicador e difusor (centros de ensino, medios de comunicación ou mesmo competicións deportivas!), un bo xeito de contribuír a pór en valor e dar a coñecer as, a pesar de todo, moitísimas experiencias musicais que hoxe continúan a agromar arredor da ampla etiqueta que podemos denominar música galega. Algo diso, aínda que non exactamente arredor das "verbenas" de toda a vida, estaba a acontecer nos últimos anos en Galiza, a xeito de eclosión que prometía un novo rexurdimento musical non menor do que foi o fenómeno bravú dos anos noventa: toda unha rede de festivais e concertos de verán que, practicamente repartidos por toda a xeografía galega, estaba a representar unha inmellorábel oportunidade para grupos e artistas que comezan a facerse cun sitio de seu no panorama musical galego por dereito propio. Advertiría xa a lectora ou o lector atento que falamos en pasado e dicimos "estaba", porque vimos de saber, polo testemuño dalgúns destes grupos, que os brutais recortes orzamentarios nas políticas de difusión cultural está a supor que a crise golpee ao panorama musical galego do peor xeito posíbel: neste caso, a Administración, a que debía estar para axudar a resolver os problemas, garantir oportunidades e colaborar especialmente con quen máis difícil o ten para saír adiante co seu traballo, é quen crea as dificultades. 

Algunhas e algúns xa tíñamos lixeiras sospeitas de que a Brigada de Demolición que nos (des) goberna non gostaba especialmente da música galega e feita en galego. Se cadra por a consideraren demasiado "ensimesmada e acomplexada", por máis que eu imaxino perfectamente a Sónico DB pinchando a versión techno da Sementeira de Fuxan os Ventos nas mellores discotecas de Amsterdam ou Londres e metendo o público no peto; como podo imaxinar -e que fermoso sería! -a María Lado recitando Berlín acompañada da composición musical electrónica feita por Fanny+Alexander no medio e medio da Alexanderplatz; como comprobo feliz  -e isto non é fantasía ningunha -que a nosa Uxía Senlle triunfa co seu galego no Brasil xunto a un ronsel de músicos cariocas que veñen de descubrir, marabillados, o agasallo dunha lingua irmá que tanta desinformación lles furtara durante demasiado tempo. Se cadra todo isto non o sabe ver o Roberto Varela que se gababa de pasear a diario polo MOMA sen saber que existe un Sobrado dos Monxes ou que na cidade de Ourense xa non quedan máis que unhas salas de cinema. 

Mentres os nosos artistas e as nosas industrias culturais tentan pór boa cara ao mal tempo e van polo mundo adiante ben orgullosas e orgullosos do noso, outros prefiren seguir no seu mundo, pechados neste caso na súa cegueira galegófoba. Como, se non, se pode entender que a Xunta de Galiza, a través da Consellaría de Traballo e Benestar e da Dirección Xeral de Xuventude, decida publicitar unha campaña de concienciación sobre seguridade vial que, como se encargou de recordar a través dunha carta pública a profesora Carme Hermida, vai maioritariamente dirixida a mozas e mozos que se expresan en galego cun tema musical en español? Con todos os respectos para o grupo que compuxo e interpreta ese tema e para o coñecido actor que os acompaña no videoclip, teñen ben maneiras de se promocionaren en Galiza e fóra dela sen necesidade de que sexa a través de diñeiros públicos. Porén, enfronte, outros grupos ven como as súas posibilidades van desaparecendo, no nome da crise ou da liberdade lingüística, que neste caso tanto ten. 

Menos mal que, no entanto, aínda hai exemplos de honestidade e calidade humana: a dos vigueses  Siniestro Total, que anunciaron publicamente a súa renuncia á nominación aos Premios da Música na categoría de mellor tema en lingua galega. Non é a primeira vez que este grupo emprega o galego -de feito, moitos recordaremos os seus hits na nosa lingua no Xabarín Club, un espazo co que se pode dicir que estiveron moi comprometidos -porén os liderados por Julián Hernández foron conscientes, ao renunciaren, de que o seu espazo musical propio non é o galego -por propia decisión. Unha honrada chiscadela aos que, pola mesma propia decisión, decidiron que o seu si o era e queren que o siga a ser. 

luns, 7 de marzo de 2011

A lei do occitano, aranés en Arán

por Xosé Antón Laxe Martiñán, da web de ProLingua:

 Parlament de Catalunya aprobou o pasado mes de setembro a Lei 35/10, de 1 de outubro, que regula o uso oficial do occitano, aranés de Arán, nas institucións propias da Vall d’Aran e da Generalitat. Esta lei fai da Vall d’Aran o único territorio oficialmente trilingue de todo o Estado.
A entrada en vigor da lei supuxo o recoñecemento do aranés, nome que recibe a lingua occitana en Arán, como terceiro idioma oficial en Cataluña, co catalán e o castelán, e compromete a Generalitat coa protección e promoción da lingua propia da Vall d’Aran. Determina o artigo 2 no seu punto 3 a) que o aranés, como lingua propia de Arán, é de uso preferente de todas as institucións de Arán, especialmente do Conselh Generau d’Aran, da Administración local e das entidades que dependen deles, dos medios de comunicación públicos, do ensino e da toponimia. Será a lingua normalmente utilizada polas administracións catalás nas súas relacións con Arán na forma determinada na lei. Como lingua propia de Cataluña pode ser utilizada polas persoas físicas ou xurídicas nas actividades públicas e privadas sen que poidan sufrir discriminación ningunha; os actos xurídicos nesta lingua teñen plena validez e eficacia.
Da mesma maneira, estipula que o coñecemento da lingua será recoñecido como mérito para o acceso á administración pública e que o aranés será lingua vehicular na educación na Vall d’Aran. A Generalitat comprometeuse a producir programación nesta lingua a través dos medios de comunicación públicos.
A lei xa foi presentada públicamente en París, en Tolosa de Llenguadoc, en Montpeller e no Institut d'Estudis Catalans previamente á presentación que agora se organiza en Madrid. Concretamente o vindeiro día 16 de marzo o Cercle d’Agermanament Occitano-Català presentará no Centro Cultural Blanquerna, na delegación da Generalitat de Catalunya en Madrid, na rúa Alcalá 44, ás 19:30 horas, a Llei de l’Occità a Catalunya. Este acto demostra a sensibilidade do Parlamento catalán cunha lingua que falan unhas catro mil persoas.
Gustaríanos que os organismos competentes da Junta de Estremadura tivesen unha sensibilidade semellante coas variedades esencialmente galegas do Val do Ellas. O mesmo os gobernos de Asturias e Castela-León co galego do Eo-Navia e do Bierzo e As Portelas, con milleiros de falantes nunha situación de forte minorización.

En galego, é de lei?

o artigo dos luns de Carlos Callón para o xornal Galicia Hoxe:


Cando falamos dos dereitos lingüísticos das galegas e galegos no sector da "xustiza", dan ganas de facer un xogo de palabras bastante primario e falar do sector da "inxustiza". A situación actual resúmea nunha frase o maxistrado Luís Villares: "Non hai medios para garantir o dereito constitucional a usar o galego".
Encontrámonos, pois, nun bucle, no tan habitual como irregular bucle de que se nos recoñezan dereitos mais que se nos dificulte de forma sistemática o seu exercicio. A Carta Europea das Linguas estabelece con claridade no seu artigo noveno: que os procedementos han de ser en galego a petición dunha das partes, que se ha de garantir o seu uso oral e escrito, que as partes han de coñecer os seus dereitos lingüísticos e que se ha de aumentar a proporción de persoal xudicial con coñecemento do idioma propio, para o cal se han de desenvolver planos de ensino axeitados.
A ordenación estatal fica máis curta que a Carta, xa que, aínda que se recoñecen algúns dereitos, tampouco se garanten os deberes correlativos para poder exercelos. O máis rechamante é o feito de que o galego non é requisito para ser xuíz/a, fiscal ou secretaria/o xudicial, que son corpos estatais. As preguntas básica a facermos en alto son: Pódese impartir xustiza nun lugar sen coñecer a lingua dese lugar? Até cando durará este disparate antidemocrático?
Por se for pouco, os medios tecnolóxicos, que ten que prover a Xunta, non só non facilitan, senón que dificultan o uso do galego. Deste xeito, os corpos actuantes na Administración de Xustiza que optan polo idioma de Galiza ven multiplicada a súa carga de traballo. O mellor exemplo é o programa informático que distribuíu a Xunta de Galiza en maio de 2010, que directamente non permite usar o galego! Se no ano 2009 foran 70 os xuízos rápidos en galego, desde o 4 de maio de 2010, co novo programa informático achegado pola administración autonómica, a cantidade reduciuse a cero. Un dato elocuente sobre a "libertad lingüística" que vende Núñez Feijóo, verdade?
En fin, que na Carta se recoñecen uns dereitos e na lexislación estatal outros máis recortados, porén na realidade non se garante o exercicio nin dos primeiros nin dos segundos.
Mais o fundamental que nos cómpre reter é que temos dereitos. A pesar das dificultades, a pesar de que os poderes públicos non poñan os medios humanos e tecnolóxicos precisos: témolos! Por conseguinte: exerzámolos! Se optamos de forma firme e leal pola nosa lingua, será a administración a que se terá que preocupar de remover os impedimentos que ela mesma coloca, xa que temos a lei da nosa parte.
-Temos dereito a utilizar o galego oralmente e por escrito nos xulgados e tribunais situados en Galiza, sen ningún tipo de obstáculo. Podemos facelo sexamos denunciantes, denunciados, testemuñas, peritos, etc. (Lei Orgánica do Poder Xudicial, artigo 231.3).
Se algún dos intervinientes ten dificultades de comprensión, a xuíza ou o xuíz pode solicitar a asistencia dun intérprete. Neste sentido, segundo a Lei Orgánica do Poder Xudicial, "o Xuíz ou Tribunal poderá habilitar como intérprete calquera persoa coñecedora da lingua empregada, previo xuramento ou promesa daquela" (na veracidade da súa tradución). Costuma ser a secretaria ou o secretario xudicial quen exerza esa función, se coñece as dúas linguas.
Se alguén nos insta a deixar de falar en galego, é recomendábel facer constar a queixa en acta e despois denuncialo.
-Temos dereito a que todo o que digamos diante dun tribunal en Galiza se faga constar na nosa lingua. A acta ha de reflectir a realidade do acontecido. Se, a pesar de falarmos en galego na vista oral, a acta non se redixe en galego, cómpre que fagamos constar a oportuna protesta e que tramitemos a correspondente queixa.
-A documentación que entreguemos en galego é perfectamente válida e non nos poden solicitar tradución. Se esa documentación ha de ter efectos fóra de Galiza ou unha das partes alega indefensión por non coñecer o galego, son os poderes públicos os que han de xestionar a tradución, non nós. Ademais, esa tradución non pode implicar un retardo na tramitación e non ten ningún custo para as cidadás e os cidadáns. Un elemento básico da tutela xudicial efectiva é o dereito a un proceso sen dilacións indebidas.
Se se nos requerir que traduzamos ao castelán o que presentamos en galego, debemos opornos. Podemos alegar para iso o artigo 231.4 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, que estabelece a obriga de que se proceda á tradución de oficio. Se se nos denegar, cómpre que o denunciemos.
Se utilizamos o galego en primeira instancia e despois ten que ser unha instancia estatal a que resolva o caso (por exemplo, por un recurso de casación), tamén lle corresponderá á Administración pública a tradución da documentación previa.
-Dentro de Galiza, podemos solicitar que todo o procedemento se tramite na nosa lingua.Desde a primeira comunicación que recibimos en galego, podemos enviar un escrito reclamándoo e, desde ese momento, terannos que remitir todos os escritos no noso idioma, incluída a acta do xuízo e o testemuño da sentenza ou resolución correspondente. Ademais da Lei de rexime xurídico, podemos apuntar o artigo 9 da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias e as sentenzas 82/1986 e 46/1991 do Tribunal Constitucional. É importantísimo que o solicitemos; se non, as cousas non darán mudado.
-Cos traballadores e traballadoras da administración dos xulgados tamén podemos solicitar que nos atendan en galego, de acordo co sinalado no artigo 54.11 da lei 7/2007, do Estatuto Básico do Empregado Público. É diferente o caso con maxistradas e maxistrados, secretarias e secretarios xudiciais e fiscais; neste caso, non temos dereito legal a que se dirixan a nós en galego, mais si nos ampara a lei para que nos poidamos manter falando na nosa lingua.
E se nos negan os nosos dereitos?
Antes de máis, o que temos que facer é exercermos os nosos dereitos con normalidade. Non fai sentido que ocultemos a nosa lingua ou deixemos de solicitar que a documentación da nosa vida sexa no noso idioma.
No caso de vermos vulnerados os nosos dereitos lingüísticos, fagamos as alegacións pertinentes ou fagamos constar a nosa queixa en acta.
O seguinte paso é enviarmos a oportuna queixa aos seguintes organismos:
a) É básico que llo remitamos á Mesa pola Normalización Lingüística (amesa@amesanl.org), á Secretaría Xeral de Política Lingüística (sxpl.secretaria@xunta.es), así como ao Valedor (rexistro@valedordopobo.com) e ao Defensor del Pueblo (www.defensordelpueblo.es). Cómpre subliñar a importancia de que A Mesa pola Normalización Lingüística sexa coñecedora do caso, pois seralle útil para elaborar o relatorio trienal que elabora sobre o nivel de cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. O Consello de Europa tense detido con especial interese sobre as vulneracións de dereitos lingüísticos no ámbito da xustiza no Estado español, polo que é bo que se conte con casos concretos destas vulneracións para poder exemplificar e solicitar correccións.
b) Á Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galiza, a través do seu servizo de queixas a través de internet: http://cpapx.xunta.es/presentacion-do-servizo.
c) Ao Ministerio de Xustiza (mjusticia.es escolle arriba "Benvidos", para optares polo galego "Servizos ao cidadán" "Trámites e xestións persoais" "Suxestións e queixas").
d) Ao espazo web do Consello Xeral do Poder Xudicial, na sección "Atención ciudadana" (poderjudicial.es clica en "Consejo General del Poder Judicial" "Atención ciudadana" "Buzón de contacto").
d) Ao Consello da Avogacía Galega (avogacia.org sección "Contacto").
f) Á Irmandade Xurídica Galega (galeguizargalicia.com sección "Contacto").
g) Enviando unha queixa por escrito ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (Praza de Galiza, s/n, 15701 A Coruña).
De nos mantermos firmes e leais á nosa lingua, poderemos quitar de vez o interrogante ao título deste artigo..

domingo, 6 de marzo de 2011

Enkenda

Isto sí que é tecnoloxía en galego, e non o outro.
Como a situación social da nosa lingua está cada día máis anormalizada pola zunia antigalega do goberno autonómico, iniciativas como as de Enkenda son recibidas como unha bafarada de aire fresco co que voar pola rede para, neste caso,  atopar profesionais de calidade para facer traballos na nosa vivenda. 
Enkenda é unha web na que podemos buscar un profesional da construción, pedirlle un orzamento sen compromiso e escoller aquel que máis nos guste. 
Estamos completamente de acordo co lema co que se presenta, "a calidade, á vista",  pois a páxina clara, ordenada e cunha chea de vídeos curtos e ben realizados. Parabéns, e agardamos que teña éxito a iniciativa.

sábado, 5 de marzo de 2011

Galego con futuro

Presentación de Manuel C. Núñez Singala, sobre unha lingua, o galego, con moito futuro.

Castelao, propagandista do nacionalismo

por Manuel Dourado Deira, no Galicia Hoxe:


¡Bravo y Olé! Como gritaría un cantaor de fandango, con palmas, taconeo e a golpe castañolas! Este delirio flamengueiro é o meu aplauso a tanta aflamengada sabedoría como demostrou o PPdeG no pleno do Parlamento de Galicia do 22-2-11. Transcribo o esencial da noticia dada por este xornal o 23-2-11: "O PP de Galicia -escribe X. Leiro- rexeitou onte no Parlamento (de Galicia; non de Castela-León, ou mesmo de Madrid) a iniciativa do BNG de declarar o 2011 como Ano de Castelao coincidindo co 125 aniversario do nacemento do autor galeguista". "O deputado popularAgustín Baa- monde cualificou a proposta de "propaganda da ideoloxía nacionalista". ¡Que clarividencia, Sr. Deputado! ¡Bravo y olé! Porque, en efecto, Castelao é un xenial ideólogo galeguista e nacionalista. ¿Propagandista? ¿Non é algo normal en calquera ideoloxía? ¿Acaso o PPdeG non fixo e segue a facer propaganda, incluso excesivamente triunfal e vacua? ¿Talvez entenden que para eles é lícito, e para a oposición, non? Se este é o pensamento que os atormenta, concretemos que é iso de ser propagandista:
O Dicionario ensina que propagandista é "a persoa que fai propaganda, especialmente política". Epropagar significa "estender unha cousa; difundir, divulgar, espallar, propalar, publicar...". Todo isto, reitero, non o fai o PPdeG día a día? ¿Que cota de pantalla chupa (perdón pola vulgaridade do termo) o Sr. presidente todos os días?
Se pensan así, permítaseme unha anécdota que, na era de San Francisco Franco, Caudillo de España, ocorreu na cidade de Pontevedra. Eran tempos de "prietas las filas"; de "pan, justicia y paz"; pero o "pan blanco" e o aceite de oliva só se conseguían de estraperlo porque andaba polas nubes; pero había en abundancia para os beneficiarios do Réxime. Incluso se facían suculentos negocios como no caso Rea-ce de Redondela que había aceite de oliva por toneladas, etc.
Agora cómpre unha anécdota de Pontevedra: Un home ía polas rúas batendo cun pao unha grande lata do aceite, e gritaba: "Una, Grande y Libre!!". Entón, dous grises (policías-gardiáns do Réxime) parárono: "¿Que va Vd. diciendo?". "Digo que esta é unha lata do aceite; e é grande, non si?; pero, está libre, e a miña muller xa me ten máis que farto de comer patacas coa tona". Os grises "trincárono" e levárono á Comisaría. Non pasou cousa maior.
¿Por que o BNG non pode propoñer a merecida homenaxe a Castelao no seu 125 aniversario do seu nacemento, sobre todo, cando se trataría dunha homenaxe puramente cultural da súa grata recordación? ¿Ignoran que se existe o Parlamento de Galicia, que o PP domina e desfruta neste momento, é porque Castelao o defendeu e o reclamou nas Cortes de Madrid durante a República? Deberían estarlle agradecidos no canto de o perseguir no nome desa quimérica España "una, grande y libre". Quizais se deba a ignorancia da nosa propia Historia e deveñen vítimas do adou- trinamento ideolóxico partidario. ¡Que pena!.

venres, 4 de marzo de 2011

"Se os galegos lle queren ao galego, pode superar todas as barrreiras que lle poñan"

entrevista realizada por Miguel Rodríguez Fernández pra o Cartafol:


Anik Nandi chegou a Galicia hai dous anos procedente da India. Nada máis asentarse na nosa terra xa se esforzou en mudar o seu bengalí polo galego e en coñecer a nosa historia e a nosa cultura. Di que coñecer un pobo sen coñecer a súa lingua é como coñecer unha persoa sen coñecer a súa alma. Colaborador do ILG e estudante de doutoramento do Departamento de Filoloxía Hispánica, Anik fálanos nesta entrevista da realidade lingüística da India, das súas semellanzas co Estado español e das súas impresións sobre Galicia e o galego.

O día 21 de febreiro celébrase en todo o mundo o Día da lingua materna. Cal é a túa? 
A historia do 21 de febreiro é interesante. Eu son falante de bengalí. Precisamente o día 21 de febreiro conmemórase a loita de Bangladesh contra Paquistán pola defensa da súa identidade cultural, xa que antes Bangladesh chamábase Paquistán Oriental. Os bengalís de Bangladesh e os da India falamos o mesmo idioma e temos boa relación. O noso é o sexto idioma do mundo, fálano 280 millóns de persoas. É unha lingua bastante potente.

Na India fálase preto de 3. 372 linguas, entre elas o hindi, que é a lingua oficial de todo o Estado, e o inglés. Como se organiza toda esta variedade lingüística?
A realidade lingüística da India é complexa. Segundo o censo de 1991 temos 3.372 linguas maternas, das cales 1.572 están rexistradas e as restantes 1.796 están agrupadas como «outras linguas». Con todo, o censo de 2001 reduciu todas estas linguas maternas a 122, que se clasifican en dous grupos: o das 22 linguas oficiais e o das 100 linguas non oficiais. De todos os xeitos existe unha xerarquía entre elas. En primeiro lugar sitúanse o hindi, a lingua oficial a nivel federal, e o inglés, a lingua asociada do estado. Aínda que o inglés é oficialmente unha lingua minoritaria polo seu número de falantes, inclúese aquí polo estatus e o valor económico que posúe a nivel nacional e internacional. Non hai que esquecer que a India foi colonia inglesa durante moito tempo.
Nun segundo plano aparecen as 21 linguas cooficiais dos diferentes estados, como o bengalí en Bengala Occidental. A continuación veñen as linguas e dialectos non recoñecidos no capítulo oitavo da Constitución: os 65 dialectos recoñecidos das linguas cooficiais; despois as 100 linguas minoritarias e os seus 149 dialectos. Finalmente, veñen as linguas que teñen menos de dez mil falantes, que se clasifican como linguas non recoñecidas, xa que o censo do goberno da India só conta as linguas que teñen máis de dez mil falantes. A realidade lingüística é complexa e a súa regulación tamén o é.

Hai semellanzas na situación lingüística da India e do Estado español?
Si, España é unha pequena India. No Estado español a variedade lingüística salta á vista en Galicia e Cataluña, por exemplo, pero tamén a podemos ver dentro da propia Galicia ou Cataluña. Hai pouco un estudo de sociolingüística en Cataluña desvelou que en Barcelona se falan preto de 300 idiomas. Ademais a Constitución de 1978 tamén recoñece, como na India, o plurilingüismo a nivel estatal. Hai un certo paralelismo.

Na India valórase a pluralidade lingüística como algo enriquecedor ou máis ben hai un afán uniformizador? 
Considérase algo enriquecedor. O modelo lingüístico trilingüe na educación, que leva vixente dende os últimos 30 anos, en principio ten en mente preservar o multilingüismo, aínda que está demostrando non funcionar moi ben. O problema deste modelo de trilingüismo é que se nun dos estados da India se fala cinco idiomas, os nenos cando chegan á escola o que atopan é a lingua oficial do estado, pero non a súa lingua nai. Entón pasan 3 ou 4 anos intentando entendela para logo estudala. Aí temos que facer un cambio total na política lingüística na educación.

Cal é o modelo lingüístico das universidades hindús?

Polo xeral todos os traballos fanse en inglés, a non ser que traballes especificamente nunha lingua. Se estudas sobre bengalí, tes que empregar o bengalí por cuestións de lóxica. Pero podemos dicir que o inglés é a lingua principal no ámbito universitario.

Desde hai dous anos resides en Galicia. Traballas nun grupo de investigación e fas a túa tese sobre...

A tese é unha análise de sociolingüística comparada. O meu traballo basicamente consiste en analizar a situación dos neofalantes no caso das linguas minoritarias da India. Para isto apóiome precisamente no caso do galego como un exemplo interesante á hora de analizar este fenómeno dos neofalantes.

No mundo académico da India tense coñecemento da lingua galega? Que imaxe ten?
Desgraciadamente, non. Eu son o primeiro que escribiu un artigo nunha universidade de Nova Delhi sobre o galego. Ese mesmo ano outra persoa doutra universidade india escribiu outro artigo referido ao galego pero máis orientado á súa relación co portugués. O meu foi máis sociolingüístico. O meu artigo foi o primeiro paso para dar a coñecer o galego na India.

Viñeches expresamente a descubrir o galego ou foi o galego quen te descubriu a ti? Como foi o teu primeiro contacto coa lingua galega?
Eu só sabía o nome do idioma de Galicia. No centro no que comecei a aprender español tardei seis meses en saber que había máis linguas no estado. De todos os xeitos, cando vin só sabía que España era un estado plurilingüe, que había varias linguas e que unha delas denominaba a zona noroeste e marcaba a súa identidade.

Sorprendeute a situación do galego?
Sorprendeume bastante. Entrei en contacto con Galicia e a súa cultura en Ourense, que foi a cidade onde vivín nun comezo. Aínda que nas aldeas do redor se empregaba moito o galego, na cidade case todo o mundo falaba castelán, non tanto os máis maiores. Sorprendeume ver como moita xente nova ten prexuízos cara á súa lingua. É difícil de entender para alguén coma min que vén de Bengala, onde todos falamos bengalí precisamente por ser o noso idioma.

Para que lle serve o galego a alguén da India?
Eu teño a teoría de que as linguas non teñen que servir. Se meus pais non serven, eu non os vou deixar. A lingua haina que amar e non se pode deixar. Eu estou estudando a túa cultura e non vou poder estudala se non aprendo tamén o voso idioma. Sen galego non se pode estudar sobre Galicia.

Como sociolingüista, como valoras a situación do galego?
É unha lingua con moito futuro e moita historia. É unha cuestión de actitude que medre e eu sempre penso que ten moito futuro. Está medrando economicamente, cada vez a estuda máis xente, incluso moitos que somos de fóra. Se os galegos lle queren ao galego, pode superar todas as barreiras que se lle poñan.