Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 23 de marzo de 2011

O idioma galego e a informática

por Xosé Manuel Baños García, un veciño que escribe no Terra e Tempo:

Mentres a Xunta paga por unha tradución parcial e trapalleira do Windows á transnacional dominante, centos de voluntarias e voluntarias traducen ao galego centos de aplicacións para normalizar o uso do galego na informática

A ninguén se lle escapa que o idioma galego non está a pasar os seus mellores momentos: cada vez hai menos falantes, e, por se fora pouco, decisións políticas da Xunta de Galiza, gobernada polo Partido Popular, están atacándoo furibundamente, cando é unha obriga legal protexelo e normalizar o seu uso en todos os ámbitos da vida das galegas e galegos.

Un deses ámbitos onde a escasa presenza do galego é preocupante, é no ámbito da informática, dos programas informáticos que usamos a diario nas nosas casas ou no noso traballo. As sucesivas versións dos programas informáticos, sobre todo do sistema operativo, que é o que lle dá vida ao ordenador, sen o cal sería un trasto inútil, sucédense cada poucos meses por cuestións de mercado, é dicir, de facturación das grandes transnacionais do software, fai moi difícil que se sucedan coa mesma rapidez as traducións ao galego deses sistemas operativos.

A ninguén se lle escapa que a transnacional Microsoft ten unha posición dominante no mundo dos computadores persoais. A primeira vez que se traduciu ao galego unha versión do sistema operativo desta transnacional foi para o Windows XP, unha tradución trapalleira, xa que non estaba traducido na súa totalidade, e tiña certos problemas de compatibilidade con outros programas que se podía instalar no computador. Esta tradución pagouse con cartos públicos, cando debía ser unha obriga legal da empresa fornecer en galego esta ferramenta informática. Con todo, a tradución non viña de serie, había (hai) que facela aparte, descargándose un arquivo desde a páxina web da citada transnacional, o que, obviamente, é un problema engadido para aquelas persoas menos habilidosas no mundo da informática.

Despois de Windows XP veu o Windows Vista para o que non había tradución ao galego, nin de serie nin de nada; e co último lanzamento da transnacional americana do software, Windows 7, o goberno da Xunta do Partido Popular, volveu a repetir a mesma operación do Windows XP, isto é, pagarlle a Microsoft para que traduza parte do sistema operativo, que quedará obsoleta co próximo lanzamento da nova versión do Windows 8, prevista inicialmente para este ano.

En resumidas contas, o PP volve a tropezar na mesma pedra, volve a dilapidar cartos públicos engordando a conta de resultados dunha transnacional, nun aplicativo que traducirá ao galego parcialmente o seu último sistema operativo, deixando en castelán partes importantes da aplicación, nunha sorte de bilingüismo harmónico no mundo da informática; en definitiva, unha chapuza.

Mais se queremos que o noso computador estea en galego, mesmo aqueles aplicativos que usamos habitualmente como programas ofimáticos, navegadores de internet, programas de retoque fotográfico, etc, non temos que pagar por el, nin do noso peto nin cartos públicos, que ben se poderían adicar a outras cuestións, agora que está tan de moda iso da autoridade. Por certo, pregúntome eu se o Estado Español paga a Microsoft pola tradución ao castelán dos seus produtos? Non, verdade.

Desde hai máis de 10 anos a comunidade de usuarias e usuarios Trasno.net, localiza ao galego -para entendernos, traduce-, entornos de escritorio e outro tipo de aplicativos con licenza GNU, é dicir, software libre, que se pode distribuír e modificar libremente, e, como se pode comprobar até traducir, cousa que cos programas da transnacional dominante é imposíbel.

O entorno de escritorio como GNOME ou KDE, que nada teñen que envexar ao Vista ou Windows 7, aplicativos ofimáticos como OpenOffice, ou distribución linux como Ubuntu, Debianou Fedora non estarían en galego sen o traballo incansábel desta comunidade de usuarias e usuarios, que, sen apoio público de ningún tipo, poñen a disposición de todas e todos nós, unha inmensa listaxe de programas informáticos traducidos impecabelmente ao noso idioma.

Mais tamén hai que destacar o traballo feito pola comunidade de usuarias e usuarios g11n.net, que tamén traducen de aplicativos como o coñecido navegador Firefox ou o cliente de correoThunderbird, ferramentas imprescindíbeis hoxe en día en calquera computador que se precie.

En resumo, da Xunta de Galiza gobernada polo Partido Popular non agardo que mova un dedo a prol do noso idioma, máis ben o contrario, como xa ten demostrado sobradamente. Daquela se "queremos galego" nos nosos computadores xa o temos á nosa disposición, non hai que pagarlle a ningunha transnacional. Non só o temos a nosa disposición na rede, senón que, se temos os coñecementos axeitados podemos colaborar na tradución dos aplicativos informáticos que usamos habitualmente.

*'E o fixeron'

A foto roubeilla a Carlos Callón, e ilustra un artigo de Xosé Ramón Pena publicado esta pasada fin de seman no Faro de Vigo. O certo é que non lle fixera moito caso ao artigo, púxenme a lelo en diagonal e só vin unha lección de gramática, mais cando vin a foto caín da burra.
Un pregúntase se en todo o PSOE vigués non haberá ninguén cun mínimo coñecemento da nosa lingua, e máis que un retrato do desleixo eu o que veo aquí é un síntoma dunha situación sociolingüística gravísima. Estamos como para andar prohibindo impartir aulas en galego, si señor.
E con ese espíritu, vai ao deshonroso lugar da foto-denuncia deste blogue.


martes, 22 de marzo de 2011

Quiero *La Coruña, pero no quiero gallego

Como asociación seria e que ten o obxectivo declarado, tanto sobre o papel como na súa actuación diaria, de paliar as principais eivas na normalización lingüística en Galicia, a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) vén de solicitarlles aos partidos políticos que se presentan ás vindeiras eleccións municipais unha cuestión que, se non vivísemos no mundo dos zunantes, sería requisito fundamental para que eses partidos estivesen legalizados. Trátase de que todos os programas inclúan a normalización lingüística como un dos eixos de actuación. Concretamente, a CTNL solicitoulle aos partidos:


Promocionar o uso e prestixio do galego en todas as accións do concello e en todos os ámbitos do municipio, para o que se creará [ou potenciará e consolidará, de ser o caso] un  servizo de normalización lingüística (SNL) estábel [ben  propio, ben compartido con  outros concellos (en caso de concellos pequenos)], dotado de recursos humanos e partida orzamentaria suficiente.

Desafortunadamente a CTNL xa ten resposta.
Nos webs da precampaña do PPdeG podemos ver unha desfeita sistemática no asunto da lingua. Adiantando os lemas electorais, neste partido compraron os dominios santiagoquiere.com, ferrolquiere.com, coruñaquiere.com .... En Santiago o candidato só fala en castelán, porén o web é bilingüe. En Ferrol e en Vigo, monolingüismo absoluto en castelán. Pola contra, en Lugo e Ourense temos as únicas cidades que parecen galegas. Por último, o candidato da cidade herculina non respecta nin tan siquera o nome da mesma. Con estes vimbios, xa podemos supoñer como vai ser o cesto.
Tendo en conta que o PPdeG é o partido cos mellores resultados electorais en Galicia, e que é unha organización seria, importante social e políticamente, non pode ser que actúe nun tema tan central como o da política lingüística de forma descoordinada. Polo tanto, por ser o obxectivo oculto que máis claramente se lle enxerga e pola súa actuación diaria está claro que o PPdeG non quere o galego.

Cándido Pazó nas III Xeiras

Cándido Pazó está a percorrer Galicia cunha interpretación das "Memorias dun neno labrego" realmente memorable. Dentro de 50 anos teremos terán que celebrar a un tempo o centenario da obra literia e o cincuentenario da obra teatral.
Aínda así Cándido Pazó non deixa de regalarnos cos seus monólogos, con ese pouso de cariño que só el sabe interpretar. Aquí deixo a súa intervención nas III Xeiras sobre a lingua galega, aínda que unha cousa é velo neste vídeo, e outra moi distinta, gozalo en directo.



As Xeiras sobre a lingua galega, organizadas polos Comités do Campus de Vigo, celebráronse entre o 9 e o 11 de febreiro. O obxectivo fundamental destas xornadas son a análise da situación actual da lingua galega e establecerse como pulo da súa normalización en todos os  ámbitos. Neste repositorio da  uvigo televisión pódense seguir todos os relatorios.

Coma quem diz, um ninguém

por Xián Naya Sánchez, no Portal Galego da Língua:


Mudar de língua é… coma tingir os cabelos, mas de verde, ou dumha outra cor bem rechamante. Depois de passar bom tempo refletindo chegas à conclusom de que deves tingir-te, e é nesse intre no que te dás de conta de que nom tés – nem deves ter - volta atrás.
Passar-te ao galego na Corunha aos 20 anos nom é doado. Nem muito menos. Grande atrevimento é o de sair da casa falando algo que nom é o esperado, que se sai do “normal”.
O normal… utópica palavra numha cidade em que nem os caixeiros automáticos falam na nossa língua. O normal… que raios é isso!
***
Pois é que um dia decides ir por aí com os teus verdes cabelos ao ar, sem mais, farto já de aguardar polo momento, e com fôlegos abondo para aturar o que che poda vir, que virá… tranquilinho… que virá cedo!!
Conto por acaso umha das muitas anedotas que lhe pudérom acontecer a “um ninguém”.
Um dia polas céntricas ruas da capital, topei cum amigo, o qual à sua vez andava acompanhado de outros dous colegas. Sem mediar palavra apresentou-me um dos seus companheiros, o qual depois de escuitar o meu nome perguntou-me, com cara de assombro:
- mmm…Y en español, ¿Cómo es?.
Eu, estranhado pola questom respostei, nom com mais (nem menos) retranca do que a situaçom exigia:
-Pois home, em espanhol nom che sei, eu chamo-me Xian, sem mais ;)
A “nom traduçom” pola minha parte nom pareceu agradar-lhe muito ao nosso “amável” desconhecido, que pensou (e mesmo sentenciou) que eu “debia ser uno de esos separatistas radicales que les da por hablar gallego”, desses que a ele “no le molan nada, porque esto es España (this is Spain, para os bilingües), y cuando gana la selección bien que saltamos todos”. (Depois tivem também de lhe explicar que nom gostava de futebol. Ainda nom deveu entender nengumha das duas cousas.)
Eu como dizia antes som Xian. Ou Cibrao, ou Brais, ou Lua, ou Jurjo, ou Ugia, ou…tantos outros. Som, ao fim a ao cabo, um rapaz de cidade, um neo-falante. Coma quem diz, um ninguém.

luns, 21 de marzo de 2011

Non saímos do lixo 2.0: "A lingua"

'Non saímos do lixo' é o programa de humor de Komunicando.net/, o portal da música galega, o de 2.0 significa segunda tempada.
Ríndose da zunia, da tele, dos tópicos,  dos cursos Celga, do hiyab, dos racistas, dos homófobos, dos prexuízos lingüísticos, das normativas,... Ríndose de todo.

Pódese ver aquí o vídeo, pero neste outro sitio, estáchevos máis vistosa.

Camino de Santiago


O que se ve aquí non é máis que unha mostra do que esta Xunta entende por cultura: a supresión do uso do galego.
Todos os días, ao ir a traballar atopo polo camiño este sinal que puxeron hai aproximadamente un ano, e todos  os días estou tentado a levar un spray de pintura para dinamizalo, que é como se día agora. 
Por certo, que dirá a Secretaría Xeral de Política Lingüística sobre este asunto? Alguén oíu que interviñera neste caso, ou en calquera outro dos múltiples casos de anormalización que padecemos desde as propias institucións?

O galego e a infancia de hoxe

neste artigo Carlos Callón fai referencia a outro de Séchu Sende que temos por aquí, máis abaixo. No Galicia Hoxe:


Esta semana linlle un artigo a Séchu Sende onde reflexionaba sobre a situación do noso idioma entre os máis pequerrechos e as máis pequerrechas. O coñecido autor, debuxante e activista dicía verdades como puños, que cómpre socializarmos:
Quando umha persoa maior nom lhe fala galego a um neno está a excluí-lo da cultura que nos une. Quando um adulto nom lhe fala galego a umha nena está a expulsa-la da própria comunidade. Quando tu nom lhe falas galego a umha nena estás a impedir-lhe um desenvolvemento comunicativo livre. Quando nom lhe falas galego a um neno estás a privá-lo da liberdade de poder expresar-se na língua dos galegos e das galegas. Quando umha nena ou um neno medra sem contacto com a nossa língua converte-se num inadaptado.
Mas quando lhe falamos galego a um neno enriquecemo-lo. Fazemos-lhe entender que a pesar das diferéncias a língua nos une. Quando tu lhe falas galego a umha nena dás-lhe umha chave para comprender o mundo que a rodea. Quando lhe falas galego estás a dar-lhe a posibilidade de que melhore as suas habilidades comunicativas. Quando lhe falas galego estás a abrir-lhe umha porta de desenvolvemento, progreso e felicidade.
As linguas vivas son as que se falan e as que se transmiten. Por iso unha das principais mostras de compromiso co idioma de Galiza é transmitírllelo ás nenas e aos nenos. Do mesmo xeito, tan importante como a lingua en que falamos cos pequenos e as pequenas é a actitude que trasladamos sobre ela co noso exemplo: se ven que abandonamos o galego en determinadas situacións, se o coidamos pouco, etc.
Nisto, como en toda a educación das crianzas, importa moito máis o que facemos que o que dicimos. Non é verdade que, mesmo agora de maiores, incide moito máis no noso comportamento o que observamos que o que nos explican? Transmitamos, pois, lingua galega e tamén compromiso e lealdade coa mesma. A súa carencia non a compensaría ningunha declaración de intencións, por moi apaixonada que for.
O abandono do seu
Hai familias que nas cidades ou vilas galegas tentan transmitirlles a súa lingua aos seus fillos e ás súas fillas, mais que se encontran con que as crianzas só se manteñen neste idioma nos seus primeiros anos. A forza do castelán na escola, nos medios de comunicación e na vida social en xeral fai que estes pequenos e estas pequenas abandonen a lingua que lles transmiten na casa.
O máis doloroso é que mesmo en moitos casos este abandono se produce no ámbito doméstico. Digo doloroso sen afectación ningunha, porque manca de verdade que unha nai ou un pai preocupados pola súa cultura vexan que o seu neno ou a súa nena deixe de dirixirse a eles en galego.
Noutras ocasións, a crianza pode manter esta lingua só no fogar, mais ocultala de vez para as súas outras interaccións sociais. É doado que interiorice ben axiña ideas como que o galego é "a lingua dos maiores" e o castelán "a lingua da xente nova", ou outros esquemas semellantes, do tipo "lingua da casa" / "lingua do resto do mundo", etc.
Contra tal situación, o primeiro é tentar proporcionar á filla ou ao fillo posibilidades de contacto co galego como idioma normal para diferentes ámbitos, situacións e xeracións: a través de xogos, filmes, libros, etc. en galego e tamén en estándar portugués, de excursións a lugares onde se manteña mellor o idioma, etc. Isto é importante, mais éo aínda moito máis que na casa vexa un exemplo de fidelidade ao galego.
O que non fai sentido en ningún caso é reprocharlle á nena ou ao neno que abandone a lingua familiar. É un bo tema para a conversa e para a información, nunca para o enfado.
Se a nena ou o neno quere, a pesar da presión social, regresará ao seu uso tarde ou cedo. Deste proceso esperanzado e dificultado pola censura social, que protagonizan tantas e tantos adolescentes, fala tamén o propio Séchu Sende. No seu Best method to learn Galician!, incluído en Made in Galiza, propón unha serie de etapas para mudar desde o castelán para o galego, na cales chama á reflexión a partir do humor:
E xa estamos no terceiro paso, que ten que ver co método Bulinsky de interpretación teatral, que consiste en asumir o papel dun personaxe que está aprendendo unha lingua con todas as consecuencias dramáticas que iso comporta.
Así, por exemplo, pode disfrazarse cun sombreiro de copa e bigotes falsos e perruca e dicir no supermercado, por poñer un caso, as súas primeiras palabras en galego en boca do seu personaxe: Por favor, onde están os cepillos de dentes?
A finalidade do disfrace -recomendado para xente máis tímida- é pasar desapercibidos diante das persoas coñecidas que nesta etapa de aprendizaxe, nalgúns casos, poden facer fracasar a misión con frases pouco animosas tipo:
- ¿Y luego ahora hablas gallego? Pues te veo rara (con ton burlón).
- Uy, qué gracioso estás (cínico).
- ¿Y qué dicen tus padres de todo esto? (incrédulo).
- ¿Y cómo te dio por ahí? (asustada).
- Ostia colega, ¿y tú de qué vas? (molesto).
- ¡Aun si lo hablaras bien! (indignada).
- Nótase que non o mamaches (purista).
A maioría da xente que di esas parvadas non ten mala intención, mais ás veces escápansenos estas cousas que teñen botado para atrás, aínda que pareza mentira, a algunhas persoas que, cando algún día intentaron falar galego, non o conseguiron debido á presión do que dirán.
Lembremos que na historia recente temos numerosos exemplos de pequenas e pequenos falantes de castelán que na puberdade ou adolescencia acabaron optando polo galego. Os casos que podemos citar esténdense desde Castelao -un neofalante máis!- até centos de mozas e mozos que, malia as dificultades, decidiron e deciden dar o paso..

Presentación da fotobiografía sonora de Lois Pereiro

Presentación do libro "Fotobiografía sonora, editado por Editorial Ouvirmos.No café Borrazás, A Coruña.
O resumo é a mostra da do que se viviu o mércores, 2 de febreiro de 2011. Presentou a festa: Xurxo Souto.
Nesta primeira parte, falan: Xurxo Souto; o director da Editorial Ouvirmos, Xosé Manuel Aldea; e Xosé Manuel Pereiro.




Nesta 2ª parte, falan: Xurxo Souto; Lino Braxe, Manuel Rivas; e actuan Manu Clavijo e Ondas Martenot e Xosé Manuel Pereiro.

domingo, 20 de marzo de 2011

Afumando o Windows 7

O anuncio argallado desde a SXPL para publicitar a presentación do Windows 7 en galego é para poñerse a mexar e non botar gota.

Cal é a mensaxe do vídeo?
A de que eu, como persoa comprometida co galego, se non molesto, podo usalo nas miñas relacións persoais, e agora incluso nas miñas relacións co meu computador.

Que sentido ten subtitular o vídeo en inglés?
Tendo en conta que a mensaxe non vai dirixida, por exemplo, a ningunha empresa estranxeira que quixera instalarse en Galicia e que está pensado única e exclusivamente para usuarios galegos que eventualmente queiran usar o Windows 7 en galego, os subtítulos en inglés non son outra cousa que unha modernez estúpida e paifoca.

Decátaste de que o protagonista si lle vemos usar o galego como lingua de relación, cun compañeiro e coa familia, e nunca como lingua de traballo?
Efectivamente, destácase o uso do galego na relación afectiva coa familia que vive na aldea e o documento de traballo que se ve é un debuxo, non un informe nin un gráfico no que se explicite claramente o uso do galego neste ámbito. Está claro que non se busca achegar aso empresarios unha aposta normalizadora e todas as accións do protagonista fican no ámbito individual. A mensaxe, pois, é esa: restricción do galego aos ámbitos íntimos.

A quen vai dirixida a mensaxe do vídeo?
A ninguén. Efectivamente, lánzase o uso do Windows 7 en galego a dous modelos de persoa: a unha especie de yuppie ultramoderno que fala habirtualmente en galego e a unha ama de casa ancián que vive na aldea. O primero deles non existe e asegunda non usa as novas tecnoloxías.

O vídeo transmite unha determinada idea de Galicia. Cal é?
Os vídeos publicitarios mostran unha visión da realidade moi parcial e ideoloxidada do mundo, é normal, pero neste caso podemos observar unha concepción cun forte pouso de desprezo por Galicia xa que se identifica  a esencia de Galicia coa emigración. quedamos coa idea de que dentro do "ser galego" hai un xen que nos leva a emigrar. Preséntase tamén unha profunda relación da identidade galega co atraso económico. Móstrasenos un rural de hai 50 anos como se fose o actual e ocúltase a Galicia das cidades e das vilas, que é a da gran maioría dos galegos. Tal e como se recoñece nos tópicos que se relatan ao final do vídeo, aparece diante nosa unha Galicia máxica, non unha Galicia real.

Que é o que esperabas dun vídeo da SXPL presentando unha ferramenta informática?
Boto en falta que non se usaran recursos que, en galego, xa temos no mundo da tecnoloxía para presentar ao galego como unha lingua útil que nos pode introducir nas diversas posibilidades que nos ofrece a informática. Non estaría de mais que na pantalla do computador que aparece no vídeo, puidésemos ver  medios de comunicación en galego, recursos audiovisuais da terra, ferramentas para a internacionalización das nosas empresas (?),... Parece como se os galegos só soubéramos tocar a gaita. E non lle estou facendo un reproche a Susana Seivane, pois cómpre saber que o recuso que máis se destaca no vídeo é aposibilidade de ver á gaiteira en plena actuación. Con isto si quero explicar onde teñen posta a cabeza os responsables dunha política lingüística que ficou reducida a que non se me prohíba que na miña casa, ao pé da lareira, fale en galego co meu computador mentras se me afuma o Windows 7.

A Xunta admite que non dá axuda fiscal por usar galego no comercio

artigo de David Lombao, no Xornal:


Cando, hai case vinte e sete anos, o Parlamento aprobou por unanimidade a Lei de Normalización Lingüística, incluíu entre os seus preceptos que “o Goberno galego e as corporacións locais fomentarán o uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras”. “Con esta finalidade –sinala o artigo 25 da norma– e por actos singulares poderanse outorgar reducións ou exencións das obrigas fiscais”. Case dúas décadas despois, en 2004, a Cámara daba luz verde, tamén por unanimidade, ao Plan Xeral de Normalización e nel, ademais de valorar os “beneficios da incorporación da lingua galega ás actividades comerciais”, recomendábase aplicar as exencións establecidas en 1983.
Aínda que con case trinta anos ás súas costas, estes beneficios para o comercio non saíron, polo momento, da letra legal para traducirse en realidade. Segundo vén de recoñecer o Goberno en resposta a unha pregunta paralmentaria escrita do nacionalista Bieito Lobeira, estas exencións non están en marcha, aínda que, admite a Xunta, figuraban entre as “medidas de fomento do uso da lingua galega propostas no seu día polo partido que sustenta ao actual Goberno galego”.
Nesta resposta, elaborada pola Consellería de Educación, o Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo asegura ter a “intención de cumprir os contidos do programa electoral, tamén neste punto”, se ben xustifica que, “tendo en conta a situación actual”, en referencia á crise económica, “cómpre analizar con detemento o momento oportuno en que este tipo de medidas deberán ser implementadas", conclúe a resposta, sen establecer ningún tipo de prazo para cumprir a devantida promesa do programa electoral.Neste contexto, o departamento que dirixe Jesús Vázquez inclúe tamén entre os seus argumentos que “ata o momento actual, ningún Goberno da Xunta de Galicia desenvolveu o previsto no artigo 25” da Lei de Normalización Lingüística.
Non obstante, esta resposta parlamentaria si pasa por riba dos cambios legais en materia comercial postos en marcha polo actual Executivo galego a través da Consellería de Economía e Industria, nomeadamente, mediante a nova Lei de Comercio Interior, aprobada hai escasos meses e na que a propia Xunta destacou a eliminación, en aras da “liberdade”, dos artigos para favorecer o uso do galego na actividade comercial que si prevía o proxecto de lei do bipartito.

sábado, 19 de marzo de 2011

Tadashi Yamamoto, outro galego-xaponés.

Este pasado luns falábamos dun blogue dun xaponés en galego no que comentaba as  súas impresións persoais sobre o desastre que están a sufrir naquelas terras. Hoxe quero achegar aquí esta reflexión de Tadashi Yamamoto, profesor na Universidade de Tenri que visitou Galicia varias veces nos últimos anos.  Tadashi vive en Osaka a 700 quilómetros do epicentro do terremoto, comenta:

Aínda aquí, onde non nos afectou case nada o movemento sísmico, ficamos nerviosos e frustrados. Así, pola nosa inquietude para coñecer o que ocorrera e ocorrería de verdade, requerimos máis informacións, e as informacións excesivas acumuladas na pantalla e nas páxinas da prensa fannos máis inquietos.


Vía Fala Londres

Galego de Oxford

Estas rapazas aprenderon a falar en galego en Oxford en 5 meses...... Si eu tamén estou pensando en todos eses que levan toda a vida aquí e aínda din que "no lo entienden allá muy bien" (sic). Vía Imos Indo.

venres, 18 de marzo de 2011

"Rosalía de Castro:estranxeira na súa patria". Presentación do libro na Estrada.

Organizada pola Asociación Cultural Vagalumes, onte, 17 de marzo, no local de Novacaixagalicia da Estrada, Francisco Rodríguez presentou o seu libro Rosalía de Castro: estranxeira na súa patria, editado pola AS-PG. Un volume que, estruturado en 10 capítulos conta con 730 páxinas e que vén a ampliar o que fora a súa tese doctoral Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro.
Xosé Luna foi quen nos achegou á figura de Francisco Rodríguez como profesor do instituto da Estrada. Desde a lembranza dos seus anos de estudante e referiu anécdotas como a de que cando chegaba a clase comenzaba a sacar folios, documentos e libros que espallaba pola mesa nun totum revolutum e, ao final da clase, podía comprobar sorprendido que os usara todos... e cun discurso ordenado. Na clase de Francisco Rodríguez, explicou Luna,  foi onde escoitara por primeira vez oir falar de Sausurre, diglosia ou bilingüismo.

O autor do libro  comenzou afirmando que se hoxe somos galegos é grazas á obra de Rosalía. No seu relato Francisco Rodríguez falou moito da bohemia galega do XIX, un grupo de intelectuais que formaron unha verdadeira rede social e que, alén da relación epistorar, encontrabanse nos baños de Caldas. Entre eles estaba o "pobre Pondal", co que Rosalía paseou polos camiños de Cuntis.
Así como as guías turísticas anuncian que Praga pode coñecerse a través de Kafka ou Dublín por medio de Joyce, é unha mágoa que Santiago non sexa ofrecida ao mundo a través de Rosalía.  Francisco Rodríguez presentounos un roteiro polo Santiago rosaliano comenzando polas Orfas onde a escritora viviu catro anos, seguindo por varias casa na rúa do Vilar, subindo ata a Casa da Concha na Conga, despois parou en San Martiño Pinario e seguiu o percorrido por San Agustín e a Calderería. "No canto disto -comentou Paco- temos unha aleatoria sucesión de celebracións pontificias que renegan da identidade galega".
Completo o post co seguinte vídeo, moito máis extenso que a presentación que estivemos debullando, e que contén as mesmas achegas e moitas outras máis. Trátase da conferencia de Francisco Rodríguez Sánchez en Compostela en novembro do 2010, dentro das Xornadas da CIG-Ensino e a AS-PG:  "Rosalía de Castro, Luís Seoane, Carvalho Calero e Uxío Novoneyra, unha lingua da Afirmación".
Como di Carlos Callón no seu blogue, estamos a falar do que é, sen dúbidas, o estudo máis importante sobre a escritora central da nosa literatura.


Sobre a presentación do libro en Santiago: El País, Xornal

O 'caso Pillado'

Unha vergonza. Só a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Asoaciación de Escritores en Lingua Galega (AELG) se pronunciaron en apoio de Francisco Pillado cando Anxo Lorenzo o botou do premio Repsol, un premio do que  Pillado foi o principal impulsor. E iso que Anxo Lorenzo, segundo el mesmiño declara,  só é un sociolingüista, non un político. Neste arito de Xurxo Borrazás, no xornal El País, conta o que hai:


O valor da arte e dos produtos artísticos é dobre. En primeiro lugar existe un valor absoluto, non suxeito a comparación: a arte galega, por exemplo, é importante para nós porque é a que elaboran os nosos artistas. Que noutros ámbitos, ou rankings, non sexa aprezada na medida en que nós xulgamos que debe selo, non a convirte para nós en inútil ou menos valiosa, igual que un fillo que non destaque ten o mesmo valor para o seu pai e súa nai que outro que si o fai.
En segundo lugar, a arte ten máis ou menos mérito en función da súa orixinalidade. Este valor é, agora si, susceptíbel de ser exposto a comparación. Así, calquera que defenda a narrativa de Otero Pedrayo, como debemos facelo tanto polo seu valor intrínseco como polo arriba exposto, sabe que o de Trasalba non era Kafka. A relación entre os dous aspectos valorativos é conflitiva e hai quen pensa que o primeiro é político e o segundo obxectivo. Porén, a posición contraria tampouco sería indefendíbel. Por que senón as literaturas non occidentais ou das linguas minoritarias teñen vedado o recoñecemento obxectivo?
A defensa da cultura galega debe pivotar sobre estes dous eixes: o orgullo do noso e o orgullo da excelencia. Do mesmo xeito, a ansia por destruír a nosa cultura debe atacala neses mesmos flancos, o que a asocia á identidade do pobo que a crea e o que a asocia á orixinalidade obxectiva. A actual Xunta faino coma ninguén.
Un dos flancos da política cultural do PP dedícase a disociar a produción artística galega da Tradición que aseguran defender. No canto de "galegos" agora resulta que somos "de Galicia", prímase a difusión das artes desligadas da nosa creación cultural maior, a lingua, ou vólvese poñer en marcha o ventilador de que tan literatura galega foi a de Cela como a de Manuel Antonio. As obras do Gaiás, sen agardar á pola de loureiro, inaugúranse cunha afirmación deste discurso disolutorio.
A arma para desactivar a orixinalidade ten forma de premios e subvencións, de confusión do terreo dos creadores co terreo da oficialidade, dunha funcionarización do labor dos artistas acadada por medio da dependencia económica ou, moito máis, polo silenciamento das voces díscolas e fóra de ton. Así se entende a destitución de Francisco Pillado como coordenador do premio de narrativa Repsol, e sobre todo as reaccións que provocou nas nosas institucións culturais: ou sexa, a case absoluta ausencia de reaccións a un ataque que busca eliminar resistencias á nosa funcionarización. A melodía que entre esas institucións arrasa é a de poñerse de perfil e asubiar mentres se olla para os biosbardos.

Coa boca aberta

Xa hai tempo que quería comentar o programa Bocaberta, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, se teño tempo fareino algún destes días. De momento deixo este artigo de  Silvana Castro García, en Terra e Tempo, que sufriu en primeira persoa unha das actividades dese programa e comenta as súa impresións:

Despois de dous anos de eficiente involución lingüística por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística, baixo a batuta do ínclito Anxo Lorenzo, continúa o programa de "dinamización" lingüística chamado "Bocaberta", cuxo obxectivo fundamental é o de propiciar a "participación activa a través da palabra", segundo podemos ver na páxina web promocional.

Deste xeito, a Secretaría Xeral de Política Lingüística coa colaboración de diversas empresas (editoriais, discográficas etc.) ten programadas numerosas actividades por todo o País dirixidas fundamentalmente ás crianzas e á mocidade de entre os 3 e os 18 anos.

Unha desas actividades é a titulada Contos do mago Cali, onde se toma como base o libroContos por palabras, de Agustín Fernández Paz, para crear un espectáculo de maxia onde a partir de palabras galegas se crean trucos de maxia. 

Como docente de 1º da ESO asistín persoalmente a un novo capítulo desta suposta "dinamización" lingüística entendida polo goberno de Feixóo, o austero. Non critico o formato, que me pareceu divertido e práctico, tanto pola duración como pola posibilidade de participación da rapazada nel. O problema foi o pésimo nivel lingüístico do mago, que desmerece por completo a obra de Agustín, reeditada por Xerais nunha edición ilustrada e completamente revisada desde o punto de vista lingüístico que previamente se lle regalou ao alumnado.

Pronomes mal colocados, palabras galegas como "axóuxere" traducidas a continuación ao castelán (como se a rapazada non entendese a nosa lingua), expresión sintácticas completamente traducidas do castelán, castelanismos a esgalla e unha fonética que pouco tiña de correcta foron algunhas das perlas que nos deixou o espectáculo. 

Se este é o modelo lingüístico que se quere transmitir ao noso alumnado, estamos a estragar miles de euros. Esta suposta "dinamización" debía traducirse nun proceso serio de normalización lingüística, ofrecéndolles ás crianzas e á mocidade espectáculos de calidade onde se use a lingua galega con corrección, porque senón estamos a darlles unha imaxe de que en galego todo vale, contribuíndo deste xeito ao fomento de prexuízos desgraciadamente moi espallados entre os e as galegofalantes, como por exemplo o desleixo pola lingua estándar e por unha fonética de calidade.

O mesmo ocorre con outros "referentes" mediáticos (os poucos que hai) como por exemplo algúns presentadores e presentadoras da CRTVG. Moitos deles, cunha fonética castelá que rechía nos ouvidos e cunha falta de galeguidade nas expresións sintácticas que semella estaren a traducir directamente do castelán cando non teñen guión diante.

Afortunadamente, a situación no eido do xornalismo galego mellorou respecto de hai anos, aínda que queda moito por facer. Porén, noutros eidos da sociedade como o anteriormente descrito, a situación perpetúase gastando miles de euros que se poderían aproveitar para facer políticas lingüísticas reais e non este tipo de "dinamización" de cara á galería, mais sen ningún tipo de querenza pola lingua galega por parte da Administración que a ten que coidar, e o que é máis grave, sen ningún tipo de repercusión positiva para o auditorio a quen vai dirixida.

Mais todo isto non é de estrañar vindo dun Secretario Xeral de Política Lingüística que afirma que "cada un fale no que queira" (entón para que gastarmos os cartos do seu soldo e do seu gabinete?) e un Presidente da Xunta que cre que o conflito lingüístico está superado porque xa non se fala do Decreto contra o galego no ensino.

E estes son os que nos gobernan? Polo menos acertan nunha cousa: cada vez que falan, nós quedamos tamén coa boca aberta.

"A luta é alegría"

O grupo musical Homens da Luta venceu no Festival RTP da Canção, é a miña favorita para Eurovisión.

xoves, 17 de marzo de 2011

"Pobrinh@, nom sabe falar galego"

Moi bo. Como sempre, o Séchu, moi bo, explicando unha vella lei da sociolingüística, a lei de Matusalén. Desta vez en Galicia Cofidencial:


A minha filha está aprendendo a falar. Na rua, no parque ou na biblioteca alguns nenos e nenas falam-lhe galego, muitos, castelám e quando estamos fora falam-lhe inglés, turco, croata… Na última viagem a minha filha chegou saudando em kurdo: Roj bas, spas! Com menos de dous anos já fala o kurdo melhor que seu pai e sua mai juntos!



É habitual observar nenos e nenas galego-falantes que quando falam com um castelám falante cámbiam de língua. Ao final acabam reproducindo comportamentos que aínda muitos adultos padecem como qualquer outra afecçom psicológica. 

Ui, que bonita é a nena…, -dixo-me hai uns dias umha senhora na rua-. E como se chama?
Estrela…
Ay, Estrella, que bonita, y que ojos tan grandes, cuchi, cuchi!
      -    Senhora, -sorrim-, fale-lhe galego que a nena é de aqui.

Por aquilo das curiosidades sociolingüísticas, na casa anotamos num papelinho as vezes que lhe cámbiam o nome á nossa filha. De Estrela para Estrella. Pensei que podia ser um bom agasalho de aniversário para quando cumprise os 18. De momento, em 23 meses, duas semanas e 1 dia já lhe mudarom o nome 47 vezes, -que nós saibamos-.

A activista pola língua mais nova que conheço tem cinco anos. Cansa de que lhe chamaram por um nome que nom era o seu, quando umha senhora lhe dixo por enésima vez: Ui, que bonita me eres, Marina… ela ergueu a voz: Eu som Marinha!, Nha! Nha! Nha!

Como neno eu tamém vivim baixo a norma social que, condicionada polos prejuíços, obriga a muita gente maior –mesmo a galego-falante- a falar em castelám com a gente nova. Existe essa lei que vem ditar que quantos menos anos tem um galego ou galega menos posibilidades tem de que lhe falem em galego e, ao tempo, quanto maior é a persoa, maior é a posibilidade de que lhe falem na língua do país.  No documentário Línguas Cruzadas, de Maria Yáñez e Mónica Ares, um rapaz castelam-falante verbaliza este comportamento exótico: Si me habla gallego un señor mayor yo a lo mejor si que le hablo en gallego.  Eu chamo-lhe a Lei de Matusalém, porque Matusalém seria esse velhinho que teria ganhado, por raçom de idade, o direito a que a gente lhe fale em galego. Ás vezes eu mesmo gostaria de ter noventa anos para gozar dessa situaçom…

Conheço o caso dalguém de minha idade, de Redondela, que prendia na língua. A mai, quando era um cativo, levou-no ao médico, que lhe dixo: Yo no le puedo arreglar el tartamudeo pero, si quiere disimular un poco, mejor que hable castellano. Talvez foi a primeira vez que alguém deixou de falar galego por prescriçom médica. Nom consta receita por escrito. Lástima, seria um documento histórico valiosíssimo!

Mas nom toda a gente obedece a Lei de Matusalém. E eu devo agradecer a todas essas persoas que me falarom galego quando fum neno e moço porque as suas palavras mantiverom-me unido ao idioma que hoje falo. Para todas as persoas maiores que lhes falades galego aos nenos e ás nenas, -faledes habitualmente em galego, ou mais em galego, ou mais em castelám,- um abraço entre estas palavras.

Quando umha persoa maior nom lhe fala galego a um neno está a excluí-lo da cultura que nos une. Quando um adulto nom lhe fala galego a umha nena está a expulsa-la da própria comunidade. Quando tu nom lhe falas galego a umha nena estás a impedir-lhe um desenvolvemento comunicativo livre. Quando nom lhe falas galego a um neno estás a priva-lo da liberdade de poder expresar-se na língua dos galegos e das galegas. Quando umha nena ou um neno medra sem contacto com a nossa língua converte-se num inadaptado.

Mas quando lhe falamos galego a um neno enriquecemo-lo. Fazemos-lhe entender que a pesar das diferéncias a língua nos une. Quando tu lhe falas galego a umha nena das-lhe umha chave para comprender o mundo que a rodea. Quando lhe falas galego estás a dar-lhe a posibilidade de que melhore as suas habilidades comunicativas. Quando lhe falas galego estás a abrir-lhe umha porta de desenvolvemento, progreso e felicidade.

Escrebim todo isto porque hoje me contarom que a filha doutra colega, de cinco anos, o outro dia quando chegou a casa contou-lhe á mai que atopara um neno mui simpático no parque… 
-Pobrinho, dixo-lhe á mai.
-Por que? 
-Porque nom sabia falar galego.
-Nom sabia falar galego?
-Nom, só sabia falar castelám. Pobrinho. Eu falei-lhe em galego, a ver se o vai aprendendo.

mércores, 16 de marzo de 2011

Queremos Galego organiza un acto en defensa do galego

Queremos galego vai poñerlle voz á defensa da nosa lingua o sábado 30 de abril nun acto que seguramente se celabrará no Pazo de Congresos de Santiago. Carlos Callón, voceiro da plataforma, comentou que despois de dous anos do goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo, é moito máis dificil vivir en galego e fixo un chamamento aos votantes do PP descontentos coa política lingüística nesta lexislatura. Velaquí deixo a rolda de prensa na que se presenta a convocatoria.


Queremos Galego convoca un acto nacional o sábado 30 de abril from cig-ensino on Vimeo.

Enquisa sociolingüística dun IES de Ponteareas

Este é un exemplo do magnífico traballo que se realiza dentro dos equipos de normalización. Detrás deste breve documento hai horas de planificación, traballo de recompilación e análise de datos, estudo dos mesmos, realización de gráficos,...
Finalmente temos un resultados que mostran unha realidade social ben triste. Só un 29% do alumnado do centro fala habitualmente en galego. Estes datos non son nada sorprendentes e calquera que esté un pouco avisado sobre o estado sociolingüístico da xunventude galega sabe dos seus baixos niveis de uso do galego.  Por exemplo sábeo perfectamente Anxo Lorenzo, o mesmo que defende a redución do uso no ensino desta lingua. E por que, a pesar de sabelo, continúa co seu empeño de actuar contra a extensión do galego? A resposta está agachada detrás dunha das súas habituais mentiras, aquela na que afirma que el é un sociolingüista, e non un político.
Por certo, un político da peor catadura.