Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 30 de agosto de 2011

Escollo o galego

Reflexionando sobre o libro de Carlos Callón, 'Como defenderes os teus dereitos lingüísticos', o sempre acertado Manuel Bragado, achéganos esta reflexión:

Nacín no Pirulí. O meu berce estivo entre a Falperra e o Paseo de Afonso. Meu pai era fillo dun emigrante de Malva, un pobiño de Zamora, e miña nai dun ebanista do Couto. Na casa nosa non tivemos aldea ningunha da que botar man. Son, pois, un deses vigueses de Vigo, educados na casa e na escola en castelán durante o tardofranquismo. E son, tamén, un deses vigueses que fala sempre galego, unha lingua na que decidín instalar a miña vida dende aquel mes de agosto de 1975. Foi aquela unha decisión adolescente que, como outros moitos membros da miña xeración de neofalantes vigueses, mantiven con fidelidade e firmeza, a pesar de que non é doado nin cómodo facelo nunha cidade na que agroman hoxe faíscas de intolerancia galegófoba.
Sei que algunhas persoas pensan que o meu patrón lingüístico –falo en galego con todas as persoas– é froito das miñas profesións de editor e mestre ou das miñas conviccións galeguistas. Dúas das condicións, xunto coa procedencia aldeana, que para algúns explican as razóns de que non empreguemos por defecto o castelán, en Vigo a lingua considerada de uso preferente. Un reducionismo falso e inútil para explicar o estatus actual do galego e os prexuízos tecidos arredor do seu emprego nunha cidade de acollida, de orixe aldeana e mariñeira, tradicionalmente agarimeira coa cultura e lingua de noso.
No entanto, os galegofalantes enfrontámonos decote a situacións pouco agaradables nos espazos públicos vigueses. Pedimos un “café con leite morno, por favor” e se nos solicita a confirmación como “café con leche templado”, recibindo un eco semellante ao dos estranxeiros que solicitan “warm coffee with milk”. Outro tanto pode acontecer no restaurante cando pedimos robaliza e se nos responde que “hoy no le tenemos lubina”, unha mostra da pobre competencia lingüística como a moi escasa empatía do servizo destes establecementos coa súa clientela. Outrosí acontece nalgúns taxis onde teño comprobado que só con indicar o destino en galego pode ser considerado polo condutor como unha falta de cortesía ou de respecto polo seu traballo. Molestias semellantes prodúcense se cando acudimos a unha consulta médica ambulatoria pretendemos ser atendidos oralmente en galego polo persoal sanitario. Por non falar xa das escasas posibilidades de resolver en galego un asunto nun dos xulgados vigueses, a pesar do dereito que nos asiste, ou de formalizar un trámite nunha das notarías da cidade, onde se solicitamos que un testamento ou unha hipoteca se formalicen en galego, é moi frecuente que se nos ofreza nun prazo de tempo moi superior ao previsto para a súa redacción en castelán.
En todos os ámbitos citados, o castelán é sempre considerada como a lingua por defecto, a lingua escollida, no mellor dos casos, para iniciar o intercambio comunicativo, relegando o galego a un segundo plano, o da lingua subsidiaria, propia dunha minoría en inevitable decadencia. Unha situación que os galegofalantes enfrontamos con paciencia, ironía e cordialidade infinitas, que como sinala Carlos Callón no seu último libro, “Como defenderes os teus dereitos lingüísticos” (Xerais 2011), son as mellores ferramentas para desmontar os prexuízos e as falsidades tecidas arredor do noso idioma. Moi lonxe de desistir na nosa difícil angueira de vivirmos en galego, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística aconsella conxugar tres verbos para que o galego sexa un idioma vivo de verdade, con aspiracións lexítimas de normalidade: “usar, escoller e solicitar”, aos que eu engadiría os de “ler, escribir e sorrir”.
Non dubidemos en solicitar o servizo en galego alí onde non nolo ofrezan: “por favor, podería ser en galego [a factura, o contrato…]”. Escollamos en galego os servizos onde xa teñamos esta posibilidade: no móbil, no Facebook, no Tuenti ou no caixeiro automático. E, sobre todo, usemos o galego con amabilidade en todos os eidos da vida social, sen o deber de dobregarnos a abandonalo polo feito de que o noso interlocutor utilice o castelán. Ademais, podemos escribir en galego en todas as nosas comunicacións, dende anotacións nas redes sociais, correos electrónicos ou cartas aos xornais; como podemos escoller en galego unha oferta de lectura cada vez máis ampla e de maior calidade. Os milleiros de galegofalantes urbanos, conscientes de que unha lingua é un mercado, tamén podemos escoller o galego como outro criterio de consumo responsable, apostando por aqueles produtos etiquetados en galego, aqueles establecementos que tamén atenden en galego ou por aquelas empresas que o utilicen na súa publicidade.
Quen pode dubidar que as políticas públicas de promoción e uso do galego, sobre todo no eido educativo, son decisivas para o seu futuro? Mais tamén, quen pode facelo da importancia do compromiso de cada un de nós, da lealtade que manteñamos co seu emprego? Eu leo e escribo en galego; uso, solicito e escollo o galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario