Isabel, raíña de Castela simboliza no século XV a nosa decadencia política, social e cultural no marco dun proceso de castelanización e desnaturalización do pobo galego, no que tras esmagar aos restos da nobreza galega, substitúese o idioma polo castelán tanto en actos civís como eclesiásticos. Zurita o relata como “a castración e doma do pobo galego” e a súa aniquilación cultural e idiomática. Actuacións nas que se contempla coacción, estimulación de complexos, e suplantación da nobreza e burguesía autóctonas por outras de orixe foránea que moldeará o país á súa imaxe alzando unha brutal barreira entre o autóctono e o foráneo á vez que masacra o idioma relegándoo a categoría dialectal impropia das clases cultas ou podentes.
Será esta, a famosa imposición do galego? Esa na que abondan faladoiros vencellados a dereita máis extrema e que son a Gloria do bilingüismo. A administración autonómica, -non sería exacto dicir administración galega-, a mantenta dilúe con actos e comportamentos a nosa identidade, obtendo logros significativos como presenciar desde a indiferenza a desaparición do galego na prensa escrita. Mesmo anímanse polo éxito, e o próximo paso sexa castelanizar a TVG.
A perda dun xornal en papel en galego é dramática. Por ser un ben escaso. Pero sobre todo, polo capital humano. O seu primeiro activo. Profesionais que este país non pode estragar. E cuxo futuro ponse en risco, aínda que sexa temporalmente. A prensa escrita está en crise en calquera idioma, e dende a lóxica do mercado e correcto que peche un xornal, se non ten lectores ou subscritores abondo. O que sería tamén de aplicación, salvo estrañas razóns, nas publicacións tanto no estado como no país galego, con perdas millonarias. Lóxica que tamén chía no caso de xornais en castelán que aparentan moi robustos, e que apenas subsistirían de non ser apuntalados con incribles axudas nada inocentes. A sensación e que as regras non son homólogas.
É case imposible que moitos dos xornais escritos en castelán se manteñan á boia exclusivamente coas súas vendas ou subscricións. Nos escritos en galego, nun país que fala e entende o idioma pero ten severas dificultades en léelo froito do lastre dunha sistemática alfabetización en castelán, a situación sería aínda máis complexa. En cada caso reviste moita importancia na conta de resultados os ingresos por subvencións públicas, publicidade institucional ou algunhas outras actuacións de carácter graciable. As subvencións requiren moito rigor e cautela. Mais no caso do galego, en Galiza e por un goberno galego, terían razón de ser en orde a protexer o idioma como patrimonio común.
Os gobernos conservadores, case todos nestes trinta anos, foron pouco sensibles cos medios en galego. Pode non ser alleo a isto, a independencia do poder destes e a belixerancia coa defensa de Galiza entendida como espazo diferenciado con idioma propio. Tales gobernos agasallaron con escaso pudor os medios en castelán, que entendían máis próximos ou poderían serlles máis útiles. Fóra das súas consideracións quedaban as referidas a amparar un idioma que non pelexaba no mercado con ferramentas equitativas. Nos escasos anos de goberno diferente, aínda habendo sensibilidade distinta, pouco se alterou tal comportamento. Feijóo, co galo da crise e a necesidade de recortar gastos, deixa na intemperie absoluta aos medios en galego. Pero non así aqueles cos que se sente comprometido, sobre os que seguen manando suculentas axudas con sospeitosa prodigalidade. Feijóo ten a dubidosa honra de asistir ao laminado da prensa escrita en galego durante o seu mandato. En troques certo foro estará en “a Gloria” ollando o pago dos servizos prestados nas eleccións autonómicas. Ou se cadra, aínda esperan máis. Son tempos que anticipaba Castelao en Cousas da Vida. “Eu nunca sentín a necesidade de saber galego”... “E que esa necesidade non se sinte no bandullo”… Pois será por iso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario