Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
mércores, 3 de agosto de 2011
Co peche do 'Xornal de Galicia' desaparece o galego da prensa en papel
Neste blogue, á dereita, hai un epígrafe de ligazóns adicado a Medios (esencialmente en galego) que cada vez fica máis adelgazado. Isto non é máis que un triste síntoma de en que consiste a política lingüística que está a desenvolver o aniquilador goberno galego.
Tal e como comentan desde o Colexio de Xornalistas,
A fin da edición en papel de Xornal de Galicia incide nunha senda perigosa para a información en Galicia que, con este peche e os anteriores de Vieiros, A Nosa Terra ou A Peneira, perde lentamente o espazo comunicativo propio que tanto custou construír.
Segundo a propia dirección do Xornal os motivos do peche substéntase, como nos outros casos, na falta de apoio institucional. Un apoio institucional que si vai para os medios en castelán. Os cartos dos nosos impostos sí teñen lingua, e non é a nosa.
No ámbito socioeconómico é ben sabido que o galego hai ben de tempo que, agás excepcionais casos aillados, está excluído. A Xunta para aforndar nesta desfeita aproba unha lei de comercio sen ningunha referencia á normalización lingüística.
Como o aspecto máis normalizado da nosa sociedade é o do ensino, a Xunta destroza o traballo realizado nos últimos 30 anos coa aprobación do funesto decreto 79/2010 que pon mil e un atrancos ao uso do galego na escola. E para que seguir?, este goberno non fixo outra cousa desde o seus inicios que poñerlle cancelas á nosa lingua.
E como sempre, a SXPL, cala diante de todas estas accións contra a lingua e, mediante a mentira, procura presentar como un avance todo o que é retroceso.
P.S.: Está claro que o goberno galego actúa claramente contra a Lei de Normalización Lingüística que proclama no seu artigo 19 que 'o Goberno Galego prestará apoio económico e material aos medios de comunicación que empreguen o galego de xeito habitual e progresivo'
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario