por Xosé Manuel Pereiro no Faro de Vigo:
Estase convertendo en tradición que as responsables de cultura do Concello da Coruña se estreen no cargo cunha metedura de zoca (lean "pata", se lles parece demasiado rural, ou "declaración polémica", se o consideran demasiado coloquial). A anterior, María Xosé Bravo, dixera que a Orquesta Sinfónica era un gasto excesivo, e a actual, Ana Fernández, que as anteriores programacións culturais eran "demasiado gallegas". A primeira era unha verdade politicamente moi incorrecta. A orquestra coruñesa é demasiado boa e ambiciosa para que a poida manter un concello, como en xeral todos os proxectos de música culta en España, sen que iso signifique que haxa que suprimilos en aras da rendibilidade económica. A segunda é unha mentira redonda, por moi socialmente aceptada que sexa. O que tradicionalmente foron as programacións festivas coruñesas é demasiado cañís. E a xestión cultural de Bravo, á quen evidentemente vai dirixida a crítica, foi unha illa de osíxeno no océano de caspa que nos inundou décadas.
Como non é a primeira vez que o digo, non teño máis preocupación en repetilo que a de estafar aos lectores volvéndolles vender o mesmo xénero: os espectáculos públicos na Coruña sempre estiveron pensados –ou saíronlles así, non hai que presupoñer mala intención– para contentar a veraneantes dos anos 60. No que se refire á musica pop (de popular), desde que mudou o século chéganme os dedos dunha man para contar os concertos salientables que organizara o concello. Sen embargo, os de Santiago ou en Vigo, supoño que con parecidos orzamentos, teñen traído a unha chea de bos representantes desa outra música que non levaba teu pai nas radiocasetes do coche. Á Coruña non foron. Nin irán, supoño, porque eses músicos contraveñen o criterio da nova responsable de cultura: non a entende todo o mundo porque cantan en inglés. A ver se dentro de 20 ou 30 anos, coa educación plurilingüe…
Como galerista de prestixio, Ana Fernández supoño que está de acordo en que a boa programación consiste máis en incrementar a oferta que en satisfacer a demanda, ou senón montaría exposicións de cerámicas de Lladró. E a programación cultural pública debería consistir en traer de fóra as mellores manifestacións artísticas posibles e en canalizar aquelas que paguen a pena que se fan aquí. Durante moitos anos, a política que se seguiu na Coruña foi esmagar calquera manifestación cultural autóctona. O pregón deste ano deuno Sergio Dalma, recén chegado das festas de Duarría (Castro de Rei). Manuel Rivas, que literariamente é á Coruña de hoxe o que foi a Pardo Bazán á de hai cen anos, non o deu nunca. Demasiado gallego, quizais. O mérito de María Xosé Bravo, que lle recoñecen mesmo os que non tiñan demasiadas esperanzas no seu labor, foi o de acoller ás propostas que xurdían da base, dos creadores, e non aforrar traballo nin esforzo en darlles saída. Nada novo, por outra parte: a única manifestación cultural do verao coruñés que se coñece máis alá de Betanzos, Viñetas desde o Atlántico, naceu así (e iso que o seu creador, Miguelanxo Prado, tamén é bastante gallego).
Parecería chocante que un representante político se atreva a dicir que algo é demasiado gallego, cando, por moi torpe que sexa, nunca diría que algo é demasiado coruñés. Pero xa sabemos a que se refería Fernández. No seu ambiente, social ou político, gallegos son as vellas criadas, os vergonzantes parentes da aldea, os obreiros que veñen facer chapuzas a casa e os do Bloque. Non precisa gallegómetro ningún para medir o nivel dunha manifestación cultural.
Ningún comentario:
Publicar un comentario