No estudo, referido ao ano 2010, dáse a entender que foron realizadas 11 preguntas nentre as que se encontraban a lingua de uso habitual na familia, aquela que usarías para un SMS ou para dirixirte a un municipal. Despois de realizar unha simple media destes 11 datos obtiveron para o galego unha cifra dun 34,1%. Nese mesmo informe indican que a cifra obtida no ano 2007 foi dun 28,8%. A diferenza: 34,1 - 28,8 = 5,3 puntos porcentuais, ou como se di no informe, case un 6% de incremento de uso do galego.
Do cal se deduce que está moi ben a política lingüística que se está a levar a cabo, reducindo en todos os ámbitos, especialmente no ensino, o uso da lingua galega... porque isto, máxicamente leva emparellado o efecto contrario: incremento do seu uso.
Claro que non din que se refiren únicamente aos tópicos cuestionados e que todos eles, tanto o uso da lingua no ámbito familiar como de cando o xoven se dirixe a un municipal, teñen todos o mesmo valor á hora de dar a cifra final. Isto lévame a pensar que a SXPL vai centrarse, máis que na transmisión interxeneracional do galego nas familias, en procurar que a policia municipal sexa vista como un referente na defensa da nosa lingua.
Claro, que se eu fose tan pouco respectuoso coa realidade social como o é o informe do Observatorio Galego da Xuventude, ou polo menos os seus propagandistas, podería aducir as cifras dun informe tamén moi serio, oficial, e de prestixio, a Enquisa de Condicións de Vida das Familias, realizada polo Instituto Galego de Estatística, e que para o ano 2008 daba para o tramo de idade dos mozos galegos de 15 a 29 anos, un uso do galego dun 42,96% frente a un 67,05 do castelán. Neste caso a resta: 42,96 - 34,1 = 8,86 indicaría que nestes dous anos (2008-2010) houbo unha redución do uso do galego de case 9 puntos. En calquera caso, cando un mozo galego se dirixe a un descoñecido, segue a predominar o castelan, (64%).
Do cal se deduce que está moi ben a política lingüística que se está a levar a cabo, reducindo en todos os ámbitos, especialmente no ensino, o uso da lingua galega... se o que realmente pretendemos é iso, fomentar desde as institucións, en todo o posible, esa redución.
Ningún comentario:
Publicar un comentario