Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 6 de agosto de 2011

Consumir galego

por Elías Pérez Sánchez no Galicia Hoxe:


Agora tocoulle ao Xornal de Galicia. Esta é a estratexia feijoniana. Non regar a árbore da cultura galega co fin de que lentamente, polo seu propio peso e coa seca, as ramas debilítense e provoquen o esborralle do froito caendo como froita madura ou podrecida, aos poucos, provocando un ruído xordo no chan. Antes foi o programa Onda Curta no que se proxectaban curtametraxes de realizadores galegos; despois Flocos.tv, filmoteca on-line gratuíta que ofrecía parte da produción cinematográfica de Galicia; no seu momento tamén desapareceu Destino Galicia, unha canle dedicada ao turismo galego que facía as delicias de calquera que se puxese diante da televisión; todos recordamos Vieiros, A Nosa Terra ou Galicia Hoxe. Tanto o audiovisual galego como os xornais, semanais ou revistas de pensamento en galego están lentamente, sen présas pero sen pausas, desaparecendo dos quioscos, da rede internet e das ofertas televisivas.
O que lles une a todos eles é o feito de ser produtos galegos e en galego, algúns con liñas editoriais diferentes ás ortodoxas demostrando o que xa é unha obviedade: que o goberno da actual Xunta detesta o pluralismo e o respecto cara ás raíces e manifestacións culturais dun pobo que é o seu. Moito se escribiu sobre este tema e, francamente, un servidor pouco máis pode achegar ao debate. Noutras ocasións tratei estes asuntos con rabia e indignación. Con todo, convén recordar que esta dereita e a cultura nunca mantiveron unha relación moi estreita. A cultura en xeral e a galega en particular é demasiado para esa xente. Non son capaces de dixerila.
Dicía arriba que a árbore da cultura galega está a perder as súas ramas e os seus froitos pola desidia e o desinterese patolóxico da Xunta. Pero convén ser coidadoso xa que hai un punto no asunto dos recortes orzamentarios no que un gobernante pódese pasar da raia e chegar a cortar as raíces culturais dun pobo, a súa lingua, os seus sentimentos e a súa historia. E renegar diso é como renegar de nós mesmos e dos nosos antepasados. E quedan aínda sectores sensibles á desaparición como son as editoriais galegas. Ao tempo.
Coñecida xa a aposta do PP pola cultura galega, convén que a cidadanía aposte decididamente polo consumo da cultura galega e en galego se desexamos que sobreviva ante a indolencia gobernamental. E é que nos xogamos nada menos que a perda da nosa riqueza cultural. Porque, entre outras cousas, tampouco a globalización axuda a preservala.

Ningún comentario:

Publicar un comentario