Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 30 de agosto de 2011

As linguas tamén son para o verán. Algunhas reflexións sociolingüísticas.

por Xosé Ramón Freixeiro Mato, en Terra e Tempo:


O verán é unha época adecuada para os encontros familiares e amicais, que propician longas conversas en restaurantes, cafetarías ou casas particulares, ás veces con participación de persoas pouco habituais ou mesmo estrañas ao noso círculo normal de relación. Tamén na época estival de feiras acostumamos viaxar a outros lugares diferentes ao da nosa morada diaria, entrarmos en museos, visitarmos monumentos ou asistirmos a espectáculos de diversa índole. Inclusive facemos lecturas diferentes das habituais e escoitamos ou ollamos medios de comunicación audiovisual que durante o resto do ano nos pasan desapercibidos. Todo este conxunto de actividades estivais permítenos observar variados comportamentos lingüísticos ou mesmo asistir ou participar de conversas e debates en que a propia lingua se converte en tema de animada controversia, feito bastante frecuente na Galiza en xeral e nomeadamente cando algún dos parceiros é galegofalante consciente e/ou profesional que ten algunha relación coa materia. Nada estraño resulta, pois, que cando se vai aproximando o final do verán moitos e moitas de nós poidamos reunir unha serie da anécdotas arredor da cuestión lingüística e tirarmos delas algunhas reflexións como as que eu quero partillar neste momento con quen tiver a amabilidade de ler estas liñas.

Gustaría de comezar por un tema importante e preocupante para quen acredita na necesidade de termos medios de comunicación en lingua galega e centrados informativamente na Galiza. Neste sentido o presente verán tróuxonos un encadeamento de noticias tremendamente alarmantes, cal o encerramento sucesivo dos escasos medios que utilizaban en exclusiva a lingua propia do país ou que lle daban unha presenza non meramente simbólica. Comezamos con A Nosa Terra, logo veu Galicia Hoxe, finalmenteXornal de Galicia, que se uniron á desaparición doutros medios anteriores como Vieiros ou A Peneira, até chegarmos ao ermo case absoluto actual que nos fai recuar máis dun século. Face a esta lamentábel situación, produciuse un vento de esperanza coa aparición do proxecto 'Sermos Galiza', que convoca a sociedade máis concienciada na procura dos apoios precisos para o pór en funcionamento. En ámbitos galeguistas e nacionalistas a cuestión foi tema de conversa en churrascadas ou sardiñadas, alén dos faladoiros de terraza ou en paseos praieiros. O que se puido escoitar ao respecto vai desde a adhesión entusiasta, con declaración de intencións colaboradoras ou mesmo con feitos consumados de compra de accións, até diferentes graos de desconfianza, prevención ou mesmo indiferenza. Unhas persoas falaban de control político dunha parte -parece non importar o apoio ao proxecto dos máximos dirixentes de practicamente todas as correntes e sensibilidades do nacionalismo político e cultural-, outras apuñan reparos lingüísticos -con opinións enfrontadas e contraditorias entre si sobre aspectos da norma e do modelo de lingua a seguir-, algunhas mostraban escepticismo perante a viabilidade do proxecto e por tanto optaban pola inhibición persoal, mais outras aducían que xa colaboraran en anteriores proxectos que finalmente fracasaron ou que xa tiñan ben cuberta a súa cota de contribución á causa etc. Argumentos para todos os gustos e escusas variadas. Iso si, todas as persoas achaban que o momento era grave e que se debía reaxir. Bon, pois sendo isto así, cómpre confiarmos en que no conxunto do país haxa moitas persoas que, por riba das lóxicas dúbidas e reservas, aposten de forma xenerosa e comprometida por colaboraren tamén economicamente nun proxecto vital para a lingua galega e para a nación. Talvez non fiquen moitas máis oportunidades... Son horas, pois, de nos unirmos e de nos comprometermos nunha empresa que debe ser de todos e de todas. Logo non valerán as lamentacións nin as escusas.

Na desaparición dos medios de comunicación en galego ten moita culpa o Goberno actual do Partido Popular, que está a axir como un ente lingüicida e etnocida. Lembremos só neste sentido todo o percurso seguido pola Consellaría de Educación para a desgaleguización do ensino ou as declaracións agosteñas da nova concelleira de Cultura da Coruña, deste mesmo partido, dicindo que as actividades culturais na cidade foran demasiado galegas e que as festas se deben realizar nunha lingua que se entenda. Do meu punto de vista, a política lingüística seguida por este goberno deslexitima toda a súa acción e descualifica de modo xeral os membros que o compoñen. Na realidade, calquera persoa minimamente respectuosa con este país debería sentir vergoña de facer parte dunha estrutura administrativa que se marcou como obxectivo eliminar os sinais de identidade galegos e exterminar a lingua propia. Isto é o que penso sinceramente. Mais logo veñen as condutas particulares, que presentan moitas variantes e matices diversos. Non coñezo de nada a actual conselleira de Economía e Facenda, Marta Fernández Currás, mais coñezo o que parece ser o segundo cargo da Consellaría, que foi xerente da Universidade da Coruña e que, polo que sei e ollei, mantivo neste posto unha actitude favorábel ao galego. Ambos fan parte da estrutura do goberno e son, por tanto, corresponsábeis da política lingüística da Xunta segundo o meu parecer. Porén, o evento estival que eu quero referir agora é unha entrevista con esta conselleira emitida na TVG nos finais do mes de xuño (27/06/2011), que me suscitou algunha reflexión de carácter sociolingüístico. A señora Fernández Currás, supoño que militante do PP, mantivo durante a longa conversa televisiva un nivel de corrección lingüística altísimo, inaudito na xeneralidade da clase política -coas debidas excepcións­-, demostrando un grande coidado e respecto pola lingua, mesmo no aspecto lexical, co uso da terminoloxía galega acaída en cada caso e sen a mesturar cos habituais castelanismos. Reflexionando sobre isto, un acha que ese debería ser o comportamento lingüístico de calquera responsábel público, mais tamén constata que case nunca é así infelizmente, inclusive naquelas persoas que teñen un claro compromiso coa defensa do idioma. O uso correcto e coidado deste, que loxicamente supón un esforzo persoal, dignifica o galego e dignifica tamén a persoa que o fala, como máis unha forma de autoestima e respecto por si propia e polo país. Eis outra forma de compromiso. O triste do caso é que o que debería ser norma se converta en excepción.

A mudarmos só parcialmente de tema, o período estival ínzase na Galiza de festas por toda a parte, tanto aldeas, vilas ou cidades, e nelas nunca faltan as populares verbenas amenizadas por unha orquestra. Aquelas persoas que xa imos indo vellas lembramos moito ben o engado que estas tiñan tanto para a xente nova como para a xente maior. E tamén lembramos que a única lingua que se ouvía desde o palco era o español, embora todo o público concorrente, incluídas as crianzas, falase en galego. A situación hoxe mudou bastante do punto de vista lingüístico, tanto para ben como para mal. Felizmente, moitas das orquestras utilizan a lingua galega para se dirixiren ao público; infelizmente, unha parte deste -nomeadamente as crianzas- xa fai uso habitual do castelán. No entanto, benvido sexa o emprego da nosa lingua por parte das orquestras como máis unha forma, e non de menor importancia, de normalización lingüística. O que é de lamentar, enlazando co dito anteriormente, é o modelo de lingua utilizado nalgún caso, pois o uso dun galego chocalleiro e acastrapado que pretende reproducir de forma exaxerada e descontextualizada a fala espontánea máis descoidada en pouco pode contribuír para a dignificación e normalización da lingua. En troca, o emprego dun modelo de galego auténtico e coidado, que non por iso deixe de ser ben popular, dignifícao e ennobréceo, contribuíndo para o seu prestixio social. Este verán deume a oportunidade de observar os dous casos e de comprobar con satisfacción que o último correspondía a unha das grandes orquestras do país. Mención á parte merece o magnífico labor dos grupos de música tradicional, como por exemplo a Orquestra Tombalobos da Coruña, entre tantos outros, que, alén de preservaren o noso patrimonio artístico, defenden, divulgan e dignifican militantemente a nosa lingua.

Ao mesmo tempo, no período de feiras son frecuentes as xuntanzas de familiares e amigos arredor dunha mesa, ben con motivo dunhas festas patronais ou ben para conmemorar algún evento concreto. Nelas o tema lingüístico prende con relativa frecuencia e dá pé para ouvirmos opinións ou observarmos comportamentos certamente sorprendentes, ben como para tirarmos reflexións de interese sociolingüístico. Nun deses encontros tiven ocasión de coñecer unha parella formada por unha muller galega e un home estranxeiro; curiosamente, el falaba con naturalidade nun galego máis ou menos correcto que declarou ter aprendido na convivencia con seus sogros na aldea, en canto a súa compañeira e filla destes se expresaba unicamente en español. Por outra parte, tamén puiden ouvir como unha avoa nada e criada na aldea protestaba, falando en galego, porque á súa neta lle daban algunhas aulas nesta lingua e porque nela tamén lle mandaban á casa algunhas comunicacións escritas, que dicía non entender ben; e a seguir pasou a contar que cando ela era nena e ía á escola da súa aldea un día o mestre lle mandou ir á tenda "por un kilo de cebollas y una caja de cerillas"; como non entendía o que isto significaba, foi angustiada todo o camiño repetindo esas palabras en español para as non esquecer e, cando llas soltou de forma dubitativa e atrapallada ao tendeiro, este seica lle respondeu: "Ah, ti o que queres é un quilo de cebolas e unha caixa de mistos". Pois esta avoa agora non quere que a súa neta aprenda galego. Como dixera Einstein, é máis difícil romper un preconcepto do que un átomo.

Tamén non pode faltar na época de verán a visita a algún museo ou exposición, embora sexa, como neste caso, a un modesto local da Costa da Morte. Algo sorprendido o visitante -­non moito, a verdade- de que o folleto explicativo estivese primeiro en español, logo noutros idiomas europeos e, por último, en galego, comentou o feito co compañeiro do lado de forma totalmente discreta. Mais, transcorrido un pouco tempo, unha señora que estaba xunto a eles e que os ouvira, increpounos dicindo "Que veñan eses do galego" e recriminándolles que, por riba de que non cobraban entrada, aínda tiñan más que dicir e que se estaba primeiro en español era porque así tiña de ser por respecto e deferencia coas persoas de fóra. Após a recriminación aínda soltou un "Uff!! Que a gusto me quedé!". Cómpre acrecentar que tanto a localización física ­como a temática corresponden a un contorno plenamente tradicional e galegofalante, sendo desta condición tamén a maioría das persoas alí concorrentes. E o local está sostido con fondos públicos.

Por último, entre os temas estivais, nomeadamente cando nos adentramos no mes de agosto, sempre conseguen facerse un oco as fichaxes futbolísticas. Este ano a equipa do Deportivo da Coruña vén de contratar un xogador portugués e hai só uns días foi entrevistado nun programa radiofónico dunha emisora local desa cidade. Levaba pouco tempo entre nós e a primeira pregunta que lle fai o xornalista -en castelán, naturalmente- é: "¿Como va ese español?" O xogador contestou en portugués que mal, pois aínda non tivera tempo de o aprender, e que se ía defendendo porque algunha xente lle falaba en galego, que entendía moito mellor. Entón o sagaz entrevistador díxolle que se prefería tamén el lle facía as preguntas en galego, ao cal respondeu afirmativamente e así se desenvolveu o resto da entrevista, embora o galego do xornalista fose realmente deficiente por acastrapado. Unha reflexión que se pode tirar deste caso é que o galego nos permite comunicarnos con persoas de fala portuguesa, de modo que renunciarmos a el significa empobrecermos a nosa capacidade de comunicación internacional; outra é que utilizarmos o español cun portugués que nos visita significa negarmos, no fondo, a nosa condición singular de galegos e galegas; unha terceira incide en que canto máis auténtico e de calidade sexa o noso galego, máis útil será e máis futuro vai ter. Aínda poderiamos acrecentar máis outra: a un xornalista que exerce na Galiza debería presupórselle (e esixírselle) un bo nivel de galego, incluídos neste coñecementos sobre a súa variante proxectada internacionalmente.

En fin, cousas do verán e cousas da lingua. Porque no verán tamén precisamos das linguas. Para falarmos delas mais tamén para as usarmos. A nosa a primeira, naturalmente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario