Iria Aboi, a secretaria xeral de Galiza Nova, a formación xuvenil do BNG, non está para nada de acordo cun recente estudo da Xunta no que asegura que a lingua galega “afianza” o seu uso entre os máis mozos. Aboi cre que fai falla destinar cartos públicos para á normalización e, sobre todo, tratar de corrixir os prexuízos contra a lingua propia. “Prexuízos que volven agromar e que son os mesmos de hai quince anos”, engade. Aboi informa ademais de que o próximo 6 de setembro Galiza Nova terá un novo acto de conciliación nos xulgados logo dunha segunda denuncia por parte de Galicia Bilingüe por ,supostamente, atentar contra a honra de Gloria Lago nuns panfletos da organización xuvenil nacionalista.
O recente informe Xuventude Galega 2010 afirma que un 38% da mocidade galega usa a lingua propia mentres que un 60% emprega o castelán. Que conclusión tira destes datos?
Creo que os datos amosan ás claras que non se está a frear para nada o proceso de desgaleguización que se está a dar entre a xente nova. Non só é que non se free, senón que non se poñen medidas correctoras para evitar que esta sexa a realidade. Temos que ter en conta que dende que o PP chegou á Xunta caracterizouse por poñer en marcha unha serie de retrocesos en todos os avances que se tiñan dado, así como coutar o achegamento do galego ás franxas máis mozas de idade.
Non obstante, a Xunta interpreta que a lingua galega afianza o seu uso, xa que se incrementou a porcentaxe en seis puntos dende o estudo do 2007.
A interpretación que fai a Xunta de Galiza deste informe é moi sorprendente. Non vexo por ningures que a lingua galega se afiance entre a mocidade. O que estamos a notar, por contra, é que non se está incrementado o número de galegofalantes. A xente que fala castelán de forma habitual non pasa agora a falar galego nin moito menos. Non vexo que exista o afianzamento do que fala o PP. Creo que hai moitas causas para que iso se produza e creo tamén que o PP é o responsable directo de que a día de hoxe non teñamos unha mellor saúde na nosa lingua polos ataques que lanza a propia Administración.
Tradicionalmente a universidade galega era un marco no que moita xente comezaba a usar habitualmente o galego. Cre que segue a ser así?
Historicamente a universidade sempre foi un bo espazo para que persoas que non se desenvolvían de xeito habitual en galego comezasen a facelo. Na universidade moita xente empezou a usar o galego, a empregalo a diario e, sobre todo, a perder moitos dos prexuízos que aínda hoxe en día teñen os mozos e mozas con respecto á nosa lingua. A situación que vemos agora é que están a agromar e a manterse moitos prexuízos lingüísticos que xa había hai dez ou quince anos. Seguen estando aí perfectamente instalados e pasando de xeración en xeración. Neste contexto, e en relación coa universidade, hai algo que clama poderosamente ás alertas: ningunha das universidades galegas acada o 20% de clases no noso idioma. Que o galego desapareza das aulas o único que deriva é en que os estudantes non teñan dominio nin uso habitual del e que, por tanto, tampouco o empreguen na súa vida futura e no seu traballo. Se ti non adquires competencias lingüísticas naquilo no que te estás a formar, máis difícil será que o galego chegue aos ámbitos profesionais. A liberdade de cátedra non pode ser un impedimento para que o galego deixe de ser unha lingua minoritaria nas tres universidades galegas, tendo especial relevancia a de Santiago, a que ten mellor porcentaxe de galego pero que non chega nin ao 20%.
Falou de prexuízos. É certo que entre a mocidade galega aínda seguen a existir tópicos con respecto ao uso do galego que non se esvaecen. Que debe facer a Administración galega con este tema?
O informe deita luz sobre o feito de que en Galiza seguen operando os mesmos prexuízos lingüísticos de sempre. Segue a pensarse que o galego non é moderno, que é propio do mundo rural e de xente con pouca preparación, que non serve para a vida laboral... Con todo, cremos que houbo un período de tempo, estando o bipartito no poder e a través da especial implicación do BNG, en que se puido dar a volta a esa situación. Tratouse de que a sociedade galega, e especialmente os máis novos e as máis novas, fora a auténtica protagonista da nosa lingua e iso se conseguiu con moitas das iniciativas que se puxeron en marcha. Non obstante, este Goberno non fai que manifestar as súas obsesións contra a lingua galega, por exemplo eliminando o decreto do galego do bipartito. Recordo agora o que pasou con Xuventudegalicia.net. Galiza Nova tivo que saír a denunciar situacións esperpénticas en relación coa non utilización da lingua galega por parte das pantallas, dos contidos e dos monitores que había neste encontro. Isto non é máis que un paso atrás nun encontro que nos anos anteriores se asociaba perfectamente o galego coas novas tecnoloxías. Non é asumible que a día de hoxe tamén esteamos retrocedendo na galeguización dos campamentos de verán na Xunta, como tampouco é asumible que dende Política Lingüística se coutaran todas as axudas para asociacións e organizacións xuvenís. Non vemos todo o que está pasando cos medios escritos e dixitais? Cada vez hai máis limitación para poder acceder a unha información en galego. Estamos nunha situación na que o propio Goberno do Xunta é o principal inimigo da lingua galega.
Galiza Nova sempre denuncia que faltan cartos para a normalización. Non obstante, nestes tempos, os gobernos recorren sempre á crise e ao desemprego para xustificar os recortes ou a falla de inversión.
Dende Galiza Nova entendemos que ese é un discurso moi perverso. En tempos de crise, por suposto que a principal preocupación dos mozos é ter traballo, aínda máis vendo as taxas de desemprego en xente moza, que chegan ao 40% en Galiza entre menores de 30 anos. A pesares disto, o que non se pode facer dende a Xunta de Galiza é ser tan cínico como para dicir que esa é a súa prioridade cando non están a facer nada. As administracións públicas deben de racionalizarse e coordinarse nestes tempos pero o que non se pode permitir é que o galego sexa o irmán pobre nas políticas públicas. A normalización da nosa cultura e dos noso elementos singulares como pobo deben ser unha prioridade para o noso pobo. Ninguén vai vir de fóra para promover o noso. Cremos que fan falla máis inversión en normalización e menos noutras cousas moi prescindíbeis. Falo por exemplo das subvencións a medios de comunicación que non utilizan a lingua galega pero que reciben millóns de euros por, supostamente, promocionar o idioma. Eses cartos poderíanse utilizar para promocionar a lingua entre a mocidade.
Que é o que ten previsto facer Galiza Nova ante esta situación?
Imos comezar o noso curso político/escolar cunha concentración polo dereito a vivir e a aprender en galego. Isto coincidindo en que temos unha segunda denuncia de Galicia Bilingüe. O día 6 de setembro estamos novamente citados a un acto de conciliación coa súa presidenta na que nos volven a pedir 30.000 euros por querer galego. Xa temos un proceso en curso e agora teremos outro. Isto non é máis que o mundo ao revés, ver como os que defendemos o galego somos levados ante a Xustiza. Pero ben, xa poden contratar avogados se pensan que con iso nos van calar. Nin a Galiza Nova nin a todos os que queremos galego nos van frear. Pero ben, o próximo día 6 acudiremos ao acto de conciliación e logo, en función de como se desenvolva ese encontro, estamos pensando en organizar outras accións mobilizadoras dos estudantes. Todo este proceso ten a súa orixe precisamente do centro de ensino no que imparte clases Gloria Lago, polo tanto querémoslle amosar que os estudantes queremos galego
Ningún comentario:
Publicar un comentario