Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 4 de agosto de 2011

A voz precisa

por Néstor Rego Candamil, en Terra e Tempo:
Diante das circunstancias polas que está a pasar a imprensa en galego, podemos limitarnos á lamentación ou podemos mobilizarnos para reclamar unha mudanza das políticas públicas e, ademais, actuar. Isto é o que representa Sermos Galiza: a decisión firme de non ficar á espera. A vontade de axir para pór remedio a unha situación que progresivamente está a empobrecer o panorama da comunicación na Galiza e a deteriorar aínda máis a condición da lingua nos medios e, por tanto, na sociedade.
A cada día se confirma máis a necesidade de reaxir e o acerto de termos tomado a iniciativa. Non hai dúbidas de que continúan a ser días difíceis para a imprensa en galego. Ás circunstancias propias do momento de crise económica que atravesamos sumouse, é evidente que con efectos decisivos, o tsunami españolizador que estamos a sufrir desde hai dous anos. A diminución das axudas para a lingua, tamén nos medios, e a deserción das obrigas políticas e legais no que respecta ao apoio á normalización do galego, tornáronse o máis visíbel das políticas intencionalmente destrutivas do goberno do Partido Popular.
Diante disto, podemos limitarnos á lamentación ou podemos mobilizarnos para reclamar unha mudanza das políticas públicas e, ademais, actuar. Isto é o que representa Sermos Galiza: a decisión firme de non ficar á espera. A vontade de axir para pór remedio a unha situación que progresivamente está a empobrecer o panorama da comunicación na Galiza e a deteriorar aínda máis a condición da lingua nos medios e, por tanto, na sociedade.
Sermos Galiza veu a encarnar, no medio de tanta noticia negativa, a esperanza de podermos mudar as cousas e de contarmos con instrumentos imprescindíbeis para podermos continuar a avanzar no camiño do pleno autogoberno. Mais tamén a confianza de sermos capaces de os construír por nós propi@s, o que non é pouco en termos de autoestima colectiva da cal, infelizmente, tan falto está este País.
As circunstancias polas que están a pasar os medios de comunicación en galego nos últimos tempos xeraron un intenso debate social, que contribuíu para esclarecer a importancia da imprensa escrita para o futuro da nosa lingua. Por sorte, un amplo segmento da nosa sociedade entende que a existencia de medios en galego é unha premisa básica para o proceso de normalización social do noso idioma. Nese sentido, é lóxico o acollemento á iniciativa Sermos Galiza, na medida en que responde a unha necesidade largamente sentida.
Porén, hai outras variábeis a termos en conta. É xa lugar común que sen información libre e contraditoria non pode existir verdadeira democracia. E, na realidade, non existe pluralidade informativa cando a inmensa maioría dos medios se limita a reproducir de forma acrítica, cando non entusiasta, a información deseñada polas grandes axencias e as grandes corporacións da comunicación, que fornecen unha visión unívoca do mundo. Aliás, no caso do noso país, a imprensa do poder, para alén de se sumar á estratexia da desinformación, xoga gustosamente un papel chave no proceso de españolización e asimilación e, por tanto, en contribuír para a manutención da situación de dependencia da nosa nación.
É fácil verificar como os medios galegos, quer privados quer públicos, non responden sequera a unha axenda informativa propia. E parece evidente que construír e consolidar un espazo galego de decisión non será posíbel se previamente non logramos asentar un espazo galego de comunicación. É imprescindíbel, por tanto, contarmos con medios que falen de nós e do mundo desde nós propi@s. Medios que teñan o foco de atención na Galiza e que saiban reflectir a realidade social -para alén da actividade institucional- de forma veraz. E, aínda, que xeren ámbitos para a reflexión e a interpretación desa realidade con outros parámetros, no que outras voces teñan cabida.
Eis o acerto de sermos Galiza: proxectar un medio libre, crítico, galego e en galego. Un medio aberto e plural, embora cunha liña editorial claramente comprometida, cunha posición nítida de defensa da lingua, da cultura e dos intereses do País. Un medio cun espazo definido, mais que aspire a conquistar un público lector cada vez máis amplo, que sexa capaz de seducir polo acerto do enfoque comunicativo e, aliás, por se tratar dun produto moderno, innovador, fresco e atraente, que responda ás aspiracións e necesidades dese segmento da poboación que aspira e traballa por un país diferente, libre e con futuro.
Neste contexto, a imprensa libre só pode ser construción colectiva. Un medio das características que precisamos só pode asentar no compromiso dos lectores e lectoras. E esa é a principal virtude de Sermos Galiza. A oportunidade de construírmos entre tod@s o medio que necesitamos. Somos nós mesm@s, as persoas conscientes da importancia de contarmos con medios propios, @s que asumimos o reto de construílos, nun exercicio de responsabilidade colectiva.
A cidadanía galega máis consciente, atenta aos intereses do País, ten demostrado nos últimos tempos unha extraordinaria capacidade de compromiso e mobilización en defensa da lingua e da nación. Neste momento e nestas circunstancias, a mellor maneira de se comprometer coa lingua é a de apoiar unha iniciativa en positivo para construírmos colectivamente os medios que precisamos; para sermos @s protagonistas do noso futuro, tamén na comunicación. A máis eficaz maneira de asegurarmos imprensa libre e galega é facerse accionista e/ou tornarse subscritor/a do semanario que Sermos Galiza colocará en breve nos quiosques. Sermos nós propi@s @s que sustentemos a imprensa que este País necesita. Iso é Sermos Galiza, a voz precisa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario