por Eduardo García Parada, no Terra e Tempo:
A ensinanza plurilingüe non foi inventada polo actual conselleiro de Educación. Isto convén aclaralo previamente, pois como todo no goberno Feijóo véndesenos unha cousa a través dos seus medios de comunicación (ou sexa case todos) cando ou non é certa ou van facer o contrario do que pregoan. A ensinanza plurilingüe nas escolas tal como se entende hoxe en día é unha tendencia pedagóxica a nivel mundial e baséase na metodoloxía CLIL, chamada de diferentes maneiras en diferentes partes do mundo atendendo as diferentes tradicións pedagóxicas e aos diferentes contextos lingüísticos.
A Lei Orgánica de Educación establece como obxectivo para o ensino obrigatorio que o noso alumnado sexa plurilingüe conseguindo a competencia cando menos nas linguas oficiais e nunha lingua estranxeira. O marco europeo común de referencia para as linguas é xa do ano 2002. As linguas non son compartimentos estancos no noso cerebro, senón que se relacionan entre si e interactúan, tendo as que teñen presenza maioritaria nas nosas escolas (galego, castelán, inglés e francés) elementos comúns que se poden compartir e facilitan a súa aprendizaxe. De feito, deberíase promover a coordinación entre o profesorado específico de linguas para planificar a súa aprendizaxe e atender de xeito común ao que as linguas teñen de común entre si. Ademais, debería asegurarse -na miña opinión- nas idades máis temperás de escolarización a aprendizaxe do galego a aqueles nenos e nenas procedentes de contornos castelán falantes, pois non esquezamos que actualmente o único alumnado realmente bilingüe (galego-castelán) no noso país é aquel que entra na escola co galego como lingua materna.
A metodoloxía CLIL (Content and Language Integrated Learning), na que se basean as chamadas "Seccións Bilingües" e os "Centros Plurilingües" dos nosos centros escolares, consiste na aprendizaxe integrada de contidos e lingua, nomeadamente unha lingua estranxeira, ainda que tamén pode ser unha lingua oficial (por exemplo catalán para inmigrantes en Cataluña). Basicamente consiste en utilizar unha lingua estranxeira en materias non lingüísticas, como a Física e Química ou a Música. En Galiza, non se segue polo de agora ningún criterio na elección das materias nin das escolas. Depende exclusivamente da dispoñibilidade de profesorado formado (escaso) e de que teñan a vontade de facer ese esforzo. Este tipo de ensinanza estaba até agora case de xeito exclusivo en mans de colexios privados de elite, referíndome co de "elite" a que o alumnado provén fundamentalmente de familias de elevados recursos económicos. En certa medida, o CLIL democratiza o acceso a este tipo de ensinanzas, desposuindo aos colexios privados da exclusividade.
A ensinanza CLIL refírese á integración das catro "C": Contidos, Comunicación, Coñecemento e Cultura. O elemento cultural é fulcral. Debemos fuxir da idea do idioma inglés, actual lingua franca da nosa sociedade global, como monstro homoxenizador que devora as linguas e culturas minorizadas para impoñer uns xeitos de vida, sociais e culturais determinados. Debemos ademais loitar contra ela. En todo caso, son os modelos económicos e de poder dominantes os que nos colonizan; as culturas e os pobos sempre nos enriquecen. A C de Cultura na ensinanza CLIL tamén se pode substituír por Cidadanía ou Comunitarismo. Aprender sobre outras culturas é moito máis que coñecer os seus costumes, receitas de cociña ou estereotipos. Significa comprendérmonos a nós mesmos como pobo e a nosa relación con outras culturas, presentes no noso país ou non. A interculturalidade significa intercambio, interacción e cooperación entre culturas, poñendo en valor as semellanzas e considerando a diferenza como elemento enriquecedor. Non debemos -nin podemos- pecharlle as portas. Non podemos terlle medo.
A lingua estranxeira fai de mediadora intercultural e de posibilidades laborais de calidade. Un bo dominio dela proporciónanos a suficiente confianza e autoestima para abrirnos ao mundo, ao mundo global no que vivimos; o mundo de hoxe nada teñen que ver co de hai tan só uns anos: internet, a facilidade para viaxar e a rapidez nas comunicacións, os movementos de seres humanos por traballo, estudos, relacións... Debemos velo como unha ocasión para poñer en valor a nosa lingua, pois desde o global e desde a aceptación e a comprensión doutras culturas, as novas xeracións poden estimar o que teñen de seu, a riqueza cultural que atesouran e que nos fai singulares no mundo, eliminando o autoodio e desprezo polo noso. E ademais, tendo en conta a escasa produción e tradución de contidos en galego en internet, na comunicación audiovisual e incluso escrita, o dominio da lingua estranxeira permítenos acceder a moita información á que doutro xeito só poderiamos achegarnos -só a unha parte- en castelán, o que na miña opinión é ainda máis devastador para o noso idioma.
De novo o galego no punto de Mira. Estamos nun novo tempo educativo que chega sen que poidamos evitalo. Non podemos ficar inmóbiles. Son as políticas antigalegas e galegofóbicas de Feijóo, Vázquez Abad e os que executan e consenten o seu desprezo e ataque á nosa lingua (como Anxo Lorenzo) os que nos fan desconfiar da potenciación da aprendizaxe de linguas estranxeiras.
O fundamental é ter claro que o galego é a lingua débil fronte ás linguas do poder, quer castelán quer inglés, pero que somos nós, os galegos e galegas os que debemos querer e apreciar a nosa lingua e a nosa cultura, os que debemos "empoderala". E cando menos, os que debemos esixir e contribuír a que as novas xeracións adquiran plena competencia nela para poderen usala con orgullo e dignidade. Debemos ver este xiro como unha nova oportunidade perante un proceso esgotado e unha lexislación actual moi agresiva e involucionista co noso idioma. Novos tempos, novos xeitos de seguir loitando
Ningún comentario:
Publicar un comentario