Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 22 de marzo de 2012

Datos do Instituto Galego de Estatística contra o decreto do plurilingüismo

Desde que o marqués de Laplace, un matemático ilustrado dos tempos da Revolución Francesa, nos explicara que o estudo estatístico dos datos da poboación é un aspecto fundamental para o bo goberno, para a toma de decisións para poder establecer políticas ben fundamentadas na realidade social  fíxose imprescindible ter en conta os informes estatísticos .
En Galicia temos un organismo, o Instituto Galego de Estatístico (IGE), que é o encargado de fornecernos dos datos que radiografían a sociedade galega. Nun informe emitido hai un par de anos o IGE debuxa os datos esenciais sobre o coñecemento e uso do galego como parte da enquisa de condicións de vida das familias do 2008. Invito quen queira a consultalo pois o IGE é un organismo fiable que ademais ten vocación de divulgación do seu traballo ao conxunto da sociedade. De todas formas vou destacar dous dos aspectos que tratan neste informe.
Un pode verse moi claramente no gráfico de barras superior. Así como todos lemos e escribimos de esquerda a dereita, cómpre ler o diagrama de barras en sentido inverso; isto é de dereita a esquerda. Ao facérmolo así estaremos observando cal é a tendencia do uso do galego. Se observamos a liña quebrada veremos como descende continuamente (de dereita a esquerda). Esta liña marca o uso de só galego/máis galego, e indícanos cara onde tende o futuro do uso do galego: sempre cara abaixo. Isto é indicativo de algo do que ninguén fala: do tremendo fracaso das políticas en materia de normalización levadas a cabo ata o momento. Estas políticas non só seguen na mesma liña dos anos anteriores, senón que se volveron moi agresivas en contra da normalización, polo que o futuro que se enxerga, de non producirse un cambio que polo momento non se albisca, é moi negro.
No segundo gráfico que rescatei do informe  do IGE 2008 represéntase a porcentaxe de uso de galego/castelán nas clases e faise unha comparación cos resultados dunha enquisa das mesmas características realizada no 2003. Podemos comprobar que mentres no 2003 o uso do galego como lingua vehicular preferente  no ensino se movía entre un 24% e un 61% segundo as idades, no 2008 estas cifras incrementáranse en todos os tramos para situarse entre un 42% e un 72%. Este maior uso do galego débese seguramente en boa medida ao decreto 124/2007  e ao ambiente favorecedor e de promoción que se construíra ao seu arredor. A pesar disto, de que por un período breve se estableceron os que deberían ser os mínimos para a promoción do galego no ensino, non houbo un cambio na mesma medida no resto da sociedade por non trasladarse esta mesmo impulso normalizador a outros ámbitos. Pensemos un pouco no mundo xudicial, sempre impermeable á súa galeguización.
Pois ben, a pesar de termos este panorama, que se detecta detrás dos datos que nos proporcionan organismos como o IGE, a Xunta que nos leva gobernando os tres últimos anos decide que a presenza social do galego é insoportable e procura a súa redución por todos os medios ao seu alcance, especialmente onde máis se avanzara e onde máis compría ese avance: no ensino.Deste xeito vemos como agora, aínda admitindo que os resultados para o uso do galego son especialmente malos nas franxas etarias correspondentes aos máis novos, enténdese que a mellor forma de enfocar o problema é reducindo máis a súa presenza, prohibíndolle ao profesorado o seu uso, ameazando a ese mesmo profesorado, restándolle prestixio ao uso do galego,  prohibindo a edición dos escasos libros de texto e materiais didácticos en galego, atrancando o traballo normalizador, actuando en contra de publicacións didácticas polo feito de estaren redactadas en galego, e excluíndo de facto a grandes masas da poboación xuvenil do contacto coa lingua galega. O enxendro que se agocha detrás de todos estas atrocidades chámase decreto do plurilingüismo, e só aplicando unha lóxica ao revés pode defenderse (ou odiando profundamente á lingua galega, claro).
Moitos máis datos, neste informe:
IGE_uso_linguas_2008

4 comentarios:

  1. Tan interesante como desalentador!
    Parabéns por este blog que descubrín hai pouco e do que me fago xa seguidora.

    ResponderEliminar
  2. Eu son pesimista de nacemento. Por iso demasiadas veces traslado este estado por aquí.
    Pero preferiría que non se tomara isto como unha mensaxe para a rendición, senón simplemente como un recoñecemento do estado actual das cousas para que as nosas decisións sexan máis fortes.

    ResponderEliminar
  3. A min resúltame difícil calibrar cal é a verdadeira porcentaxe de presenza dun idioma ou doutro cando as respostas son caulitativas. Unha presenza maioritaria dun idioma pode ser tanto o 51% como o 99%. E malia ao que suxiren as cifras da evolución comparada 2003-2008 nas que o galego parece aumentar, a realidade pode ser moi ben outra. Por exemplo, aquela na que a resposta 'presenza maioritaria do galego' reflicta porcentaxes cada vez máis próximas a 51% e a resposta 'presenza maioritaria do castelán' porcentaxes cada vez máis próximas a 99%.

    Non me cabe dúbida de que iso é o que acontece realmente. O mesmo efecto dase nas estatística sobre uso do galego. Cando a xente di falar máis galego que castelán en realidade o reparto é case equitativo, e iso explica que este grup de falantes sexa o máis bilingüe de todos canto hai. Pola contra a xente que di falar máis castelán que galego fala case todo en castelán e a presenza de bilingües neste grupo é moito menor.

    ResponderEliminar
  4. Sobre as respostas cualitativas, creo que tes toda a razón. E para extraer datos máis firmes seguramente teríase que deseñar unha enquisa máis completa.
    Hai outra forma de facer estudos, moi pouco explotada. Que é precisamente a dos estudos desde una perspectiva cualitativa. Hai un, do que gosto moito, de Ana Iglesias, editado por Xerais: 'Farlar galego: "no veo por que"'.

    Contar os datos e interpretalos son cousas, evidentemente moi distintas. Ademais estas enquisas do IGE non están deseñadas para interpretar a realidade sociolingüística, creo que as súas pretensións son de carácter máis xeral.
    De todas formas, todo o que comentas paréceme moi razonable. Eu tamén creo que a dirección vai no sentido que apuntas.

    ResponderEliminar