Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
venres, 2 de marzo de 2012
Inglés versus portugués. O monolingüismo do plurilingüismo.
Noutra ocasión xa deixara por estes lugares outro vídeo dun spot da Xunta de Estremadura invitando aos cidadáns a aprender portugués. Neste de aquí a promoción pasa polas obvias oportunidades económicas que pode supoñer o coñecemento do portugués dunha terra fronteririza con Portugal. Nós compartimos cos estremeños esa proximidade. Pero é que ademais a nosa lingua, e en definitiva, a nosa cultura, fai que os galegos estemos nas mellores condicións de establecer relacións cos portugueses e, en definitiva, coa lusofonía que ningunha comunidade en toda Europa.
Unha das características do modelo imposto pola Consellería de Educación para o regulamento dos centros plurilingües é que está centrado única e exclusivamente no inglés. Isto non é plurilingüismo, é cosmopaletismo. Un cosmopaletismo que deriva dunha ideoloxía que, paradoxalmente, é mololingüe e que, en consecuencia, non pode traer mais que funestos resultados tanto para o ensino e a cultura como para a sociedade en xeral; tamén para a economía. Unha delas é que lle estamos pechando as portas a aprendizaxe do portugués cando os galegos temos, de partida, unha enorme ventaxa para implicármonos no seu coñecemento. Isto mesmo recordábannolo tamén desde Lusoafonía, un dos blogues de Praza, co seguinte dato: no ensino secundario en Galicia contabilízanse 620 estudantes de portugués por 18.000 en Estremadura.
Este vídeo é a evidencia do mal que en Galicia estamos actuando desde o punto de vista político e económico pechándolle as portas a Portugal. Pois mentres nós cortamos as relacións con Portugal, son outros os que aproveitan as oportunidades de colaboración empresarial. O vídeo tamén destapa ata que punto non é neutra, senón completamente regresiva e desastrosa a política lingüística que está a levar a cabo a Xunta de Galicia, pois cun regulamento de plurilingüismo centrado única e exclusivamente no inglés está a destrozar, entre outras cousas, unha ponte que deberíamos ter permanentemente aberta con Portugal.
E así remata outro apunte sobre o plurilingüismo. Haberá máis. [o primeiro]
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario