Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 16 de marzo de 2012

Que é a toponimia?



Durante este mes estivo desenvolvéndose o I Curso de Formación de Especialistas en Toponimia organizado polo Instituto de Estudo Miñoranos en colaboración coa Universidade de Vigo e os concellos de Vigo, Ourense e Pontevedra.
Neste vídeo o especialista en toponimia Gonzalo Navaza salientou o perigo de perder esta riqueza de Galicia ao renomear espazos, rúas ou pontes esquecendo os topónimos que en moitos casos os identificaron durante milenios. Unha advertencia que sen descoñecer a vitalidade da lingua e o xeito dinámico das sucesivas poboacións que van ocupando os lugares, a situou nunha estratexia política que á vella usanza intenta "expandir a Civilización" sobre o que considera unha "terra incógnita", sen nomes propios. E o que é peor, sobre todo no eido urbanístico, en moitos casos eses cambios de topónimos están motivados nun prexuízo anti-galego, disfrazado de anti-rural.
Gonzalo Navaza explicou que, en Valencia a competencia en toponimia é municipal e isto levou a designar lugares como 'Manhattan Beach'.
No Campus Universitario de Vigo un profesor quixábase dun topónimo dunha rúa chamada 'Porto de Bois'. Comentaba este profesor que era unha vergoña mandar unha carta a outra universiade con este remite, pois os profesores estranxeiros, supoñamos que de Oxford, imaxinarían un lugar rodeado de bostas de vaca. 'Oxford' significa precisamente iso: 'Porto de Bois'.
Navaza tamén conta o problema da promoción urbanística na deturpación toponímica. En Vigo hai un lugar na parroque de Castrelos chamado o Pericoto. Chega unha construtora que constrúe un bloque de vivendas á que lle poñen o nome de 'La Colina de Castrelos'. Tamén en Vigo, o que nun principio era o hipermercado da Raposeira, é hoxe o Alcampo da Avenida de Madrid.
De onde son os forcaricenses? Os forcaricenses se son dalgún sitio, son de Forcariz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario