Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 25 de marzo de 2012

Carta boca arriba á concellería de Cultura da Coruña

por Diana Varela Puñal, no Galicia Hoxe:

Ante as declaracións verquidas polo alcalde da Coruña, o señor Carlos Negreira, afirmando que é "o desexo do Goberno municipal apostar pola pluralidade lingüística e cultural como unha oportunidade para os coruñeses", paréceme oportuno transcribir de xeito literal, con todo o que iso implica, dada a premura coa que foi redactada e os excesos propios de todo texto sen repouso, a carta que reenviei á Concellería de Cultura da Coruña, en resposta á súa programación cultural, que todas as semanas viñan enviando por correo electrónico:
Prezados Sres.:
Tendo agardado un tempo prudencial para cerciorarme de que non se trataba dun erro ou dun despiste, observo que mandan vostedes, en dous correos diferentes e sucesivos, a programación cultural.

E podo concluir asemade, que se ben nas primeiras semanas de vida desta nova concellería, un dos correos estaba escrito en español e o outro en galego, en pouco tempo esqueceron vostedes esta práctica, contra a que nada tiña que obxectar, para proceder a enviar os dous correos en español.
Lonxe de pasar desapercibido, este novo método, á xente que consideramos a cultura un tema moi serio e básico para o desenvolvemento dunha sociedade digna e cun sistema de valores propio, parécenos unha tomadura de pelo.
Máis aló de diferencias ideolóxicas, a cultura debe abranguer e representar a tod@s aquel@s que poidan aportar algo con valor artístico á sociedade, e non ser, comportarse, nin tratarse, como un pasatempo frívolo e prescindible.
Sendo Galicia como é, un país de longa e recoñecida traxectoria artística e literaria, todos os que a conformamos merecemos un respecto, e eso é incompatible con prescindir da súa lingua propia. O único rei ó que chamaron Sabio, así o deixou escrito.
Por todo o cal, de non modificaren a práctica de elaborar e mandar a programación cultural únicamente en español, esquecendo a unha parte fundamental dos artistas que amamos e vivimos comprometidos con Galicia, prégolles que deixen de enviarme máis nada, todo elo dito con profundo respecto e mágoa. Pois insisto, creo, sinceiramente, que a cultura a todos nos pertence, e ninguén ten dereito a utilizala con fins exclusivamente propios ou espúreos.
Recollendo o fío co que comecei o artigo, a carta paréceme acaída a estas esperanzadoras declaracións do alcalde coruñés, malia a pedantería propia de toda autocita, pois deduzo que en breve estarán mandando a súa programación facendo uso da pluralidade lingüística pola que parecen apostar. A pesar das declaracións do alcalde, o certo é que, a día de hoxe, a miña asumible petición índa non obtivo resposta, fóra de deixarme de mandar, agora nin en español nin en galego, a súa programación cultural. Confío en que a demora se deba a que están ocupándose de traducila, e que, en breve, poida escribir outro artigo dando testemuña, en primeira persoa, de que os políticos, ás veces, non falan por falar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario