Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 18 de marzo de 2012

Normalización ou enxerto?

Xan de Xoana foi unha desas persoas célebres entre a súa veciñanza. Naceu e pasou toda a súa vida en Cereixo, unha das parroquas da Estrada. Calquera diría que lle faltaba un fervor.
A Xan de Xoana déraselle polos inventos. Contan del que andaba buscando a maneira de contruir un sacho para sacar sentado. Toda unha revolución na agricultura. Noutra ocasión colleu unha resta de galo e enxertoulla á cadela que el tiña coséndolla con fio e agulla na testa do animal.
-Esta cadela ha de parir ovos, verás.
Cando tal viu e oiu un veiño seu, de certo que debeu cismar no mesmo ca min cando leín a noticia de que grazas o empeño do novo secretario xeral de política lingüística, Valentín García, o xonal 'Tierras de Santiago' pasaba a chamarse 'Terras de Santiago' ao tempo que galeguizaba os seus contidos. É coñecida a relación de Valentín con 'Tierras' pois neste semanario publicou algúns artigos como un no que denunciaba o desmantelamento do servizo de normalización de Ames, aínda que el é responsable deste e doutros 15 pehes por partida dupla, primeiro como técnico da Rede de Dinamización, e despois  como político deste a dirección da SXPL.
A noticia foi da colaboración con 'Terras' foi divulgada mediante unha nota de prensa institucional da SXPL que se parece máis que nada a un enxerto. Paso a comentar tres ovos que saen del.
O primeiro. Podemos ler que desde a SXPL consideran
  de gran importancia que o xornal comece a editarse integramente en galego
E tería o seu aquel,... se fose certo. Bastaríalle a Valentín con botarlle un ollo ao exemplar que mantén entre as mans para comprobar por el mesmo que o total das páxinas en galego non chega ao 25%. Xa temos unha medida do que a SXPL considera completamente normalizado.
Como esta grosa mentira lles debía parecer pouca, continúa o comunicado. Segundo ovo:
“con esta medida iniciase un proceso de incremento do uso de galego nos medios de comunicación, a través de compromisos de colaboración coas empresas editoriais”. 
Habémolo ver. Polo momento dá moito que sospeitar que Praza e O Dioivo, medios que si están en galego e demostraron na súa curta historia unha clara intención de contribuir sen fisuras á normalización, non reciben este mesmo apoio insitucional. Veremos que o que precisamente non gosta á SXPL é ese compromiso co galego.
Terceiro ovo:
Deste xeito o xornal cumpre coas directrices feitas públicas pola secretaría xeral, e mesmo coa preocupación do Consello da Cultura Galega, de achegar o galego á xuventude, 
Que pinta aquí o Consello da Cultura Galega?. E por que non poñer a RAG? Ou o BNG? E ao PSdeG non lle interesa que a xuventude teña máis relación co galego? Ou tamén: 'Terras' é un xornal que ten unha liña especialmente atractiva para a xuventude? Vexamos de que trata. Algúns dos seus titulares son: 'El gobierno de Teo reorganiza las áreas de gestión municipal', 'El BBVA se incorporará al polígono industrial de Vedra', 'Vivienda protegida en Melide sin ocupar desde hace 4 años', 'O traballo das leiteiras de Calo e Cacheiras'. Pola contra, deféndese o funesto decreto de plurilingüismo que exclúe a grandes masas da xuventude do contacto co galego. Velaí onde se descubre o verdadeiro interese da SXPL.

Normalizar ou restrinxir?
A poco que fedellemos baixo o titular da nova comprobaremos que non se trata de ningún gran avance para a normalización. Sabemos que a SXPL asinou un contrato de colaboración coa empresa editora de 'El Correo Gallego' para que un semanario (non un diario) que se distribúe gratuitamente (polo que a súa contribución ao estatus da presunta lingua promovida se vería completamente tocado) só nos concellos dos arredores de Santiago (polo que máis do 90% da poboación non terá acceso a el), que ten a metade de páxinas dun xornal estándar e que finalmente, só ofrece unha cuarta parte de material en galego. Máis que normalizar o que parece que se está facendo é restrinxindo o uso da lingua  desprotexida para vendelo como como avance do seu uso. Visto isto, un xa comenza a sospeitar que o que está a facer a SXPL é pagarlle ao Grupo El Correo por pechar o 'Galicia Hoxe'
O que diría calquera sobre a presunta  contribución da SXPL á normalización dos medios sería o mesmo que lle contestou o veciño de Cereixo a Xan da Xoana:
- Galiña será, pero chéirame a can.

Ningún comentario:

Publicar un comentario