Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 28 de marzo de 2012

Gheada no cerne da normalización

"A reganadentes comenzamos a emisión deste luns", "Un coche arrolou a catro transeúntes en Vilagarcía", "Unha muchedumbre ateigaba a praza do Obradoiro", "Vou a dicir unha cousa", "O fixo moi ben", "Lle pareceu ben", ....
..."Imos volver a reunirnos mañá pois o prezo do leite mantense e non chegamos a un acordo coas empresas".
 Alto aí! Iso é gheada!

Todas estas frases están recollidas das ondas da radio ou da televisións galegas. Escoitámolas decote. Pero unha pequena polémica destapouse desde que  El País nos traladaba esta nova informando que a presentadora Lorena Pose do programa A Revista da TVG, foi invitada pola dirección de informativos a abandonar a gheada coa que por veces nos regalaba na condución deste programa de lecer das fins de semana. Non tardaron en aparecer reflexións en contra desta reprobación da dirección da TVG pois a norma RAG permite a gheada e outras variantes dialectais, variantes que son empregadas habitualmente por moitos galego-falantes e que xa ten aparecido noutros programas como a mítica serie Mareas Vivas. Pola contra, tamén hai opinións noutro sentido, que  argumentan que permitir estes desvíos sería abrir unha porta a outros tales como bueno, ayer,...
O debate non remata aquí. Unha opinión máis ponderada é a de Carlos Callón, quen indica que é realmente rechamante que se lle pegue un aviso a unha presentadora polo uso eventual dun trazo dialectal mentras que tertulianos que repiten colaboracións semana tras semana nos espazos de comunicación públicos se negan a usar o galego ou ben haxa locutores que nunca diferenciaron unha bola dunha bóla. Callón propón establecer no ensino, adminsitración e usos formais dos medios os espazos para o estándar.
E velaí que todas estas achegas veñen desde a defensa e a procura dun futuro mellor para a nosa lingua. O que sucede é que estas discrepancias non fan outra cousa máis que evidenciar que ao galego aínda lle quedan moitos pasos que dar na súa normalización. Hoxe mesmo escoitei na canle 24 horas da TVE a unha presentadora canaria falar con seseo e acento desas illas. O español non ten problemas de normalización e este uso do seseo ten máis que ver coa identidade dos cidadáns canarios que con ningún outro aspecto estrictamente lingüístico.
Non atoparemos neste debate aos que non teñen interese ningún pola lingua e a súa calidade e prestixio. Non é unha cuestión principalmente filolóxica. Pola contra é, sobre todo, un cuestión de identidade. Por iso  non atoparemos neste debate aos que non teñen interese ningún pola lingua e a súa calidade e prestixio.
Así, cando escoitamos a un galego pola radio dicir "Imos a volver a reunirnos mañán pos o precio de a leite se mantén e non temos chegado a un acuerdo con as empresas " percibimos máis información do emisor sobre o seu desprezo polo propio que sobre a baixada do prezo do leite. E aquí si que non hai gheada.




Vídeo vía Gavieira



Ningún comentario:

Publicar un comentario