Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 17 de setembro de 2015

A culpa é de Dora la Exploradora

por Carlos García Vieito, no Sermos Galiza:

Estas semanas pasadas publicouse o documental, “A lingua dos nenos” producido por Rinoceronte Editora, dirixido por Uxía Piñeiro con realización de Carla Avión, sobre a perda da lingua materna que sofren os nenos galego falantes, vista dende a óptica dos seus pais. A verdade é que gostei moito del, pois reflexa moi ben a situación desesperante na que se atopan moitas familias galego falantes, que queren pasarlle a lingua aos seus fillos e fillas, mais non poden facelo.

Se aínda non viches o documental anímote a facelo para poder comprobar de primeira man a realidade e as dificultades ás que se afrontan as familias para poder vivir en galego cos máis cativos e cativas. Todas e todos temos algún contacto con nenas e nenos sexa porque son parte da familia ou son crianzas dalgunha amizade. Aínda así na mesma rúa, nos parques podemos atopalos xogando entre eles, e o máis importante podemos escoitar na lingua que falan. O sorprendente sería que a lingua na que falaran fora o galego e non son interpretacións propias. Como ben sabemos este 2014 o IGE sacou a luz os datos obtidos nunha enquisa realizada no 2013, onde se pode observar que tres de cada catro menores de 15 anos non falan nunca ou case nunca galego.

Estes datos non nos poden estrañar. A realidade na que vivimos é a que é, onde o castelán está presente por todas partes e parece que o uso do galego é raro en certos ámbitos. Non nos debe sorprender que os nenos e nenas galegas falen e escriban en castelán, pois a sociedade na que viven está totalmente castelanizada. Despois da chegada do señor Núñez Feijóo ao poder, as escolas, que eran un piar clave para un primeiro contacto de moitos nenos e nenas, deixou de selo. E para os pequechos que vivían en lugares cunha maior presenza de galego falantes, convertéronse noutro motor de castelanización como foran tempo atrás. Como ben apunta Henrique Harguidey no vídeo, un mozo ou moza galega a finais da súa escolarización obrigatoria deben saír co dominio do galego e do castelán. Discrepo en que este feito se produza e non creo que me engane, cando afirmo que isto non sucede así. A lingua galega na educación está quedando arredada e desvalorizada como foi tempo atrás da maioría de materias e se aínda resiste é grazas ao traballo da docencia que traballa arreo para que siga tendo relevancia dentro das aulas.
Vale, se na escola non vai ter un grao alto de contacto co galego, nos medios de comunicación menos. No país máis do 90% son producidos en castelán, ademais hai que ter en conta que unha gran parte deles son medios a nivel estatal. Contamos con algunhas excepcións, xornais coma este ou iniciativas que botan a andar como Irmandade.tv. Mais sabemos ben que a televisión é un dos produtos que devoran o tempo dos máis pequenos e pequenas, como fixemos todos e todas as súas idades. Se nos paramos a pensar na programación que está en galego enfocada para un público infantil topamos que no noso país tan só a segunda canle da CRTVG ofrece a certas horas debuxos animados da man do Xabarín. Sabemos ben que a saúde coa que goza o porco bravo nada ten que ver coa de anos atrás. Non me quero preocupar, nin pensar que lle poidan estar a preparar o seu propio San Martiño.
Mais é ben sabido que moitos nenos e nenas da xeración Xabarín tomaron interese polo galego grazas ás cancións e aos debuxos que botaban todas as mañas e todas as tardes a hora da merenda, sendo incluso moitas veces pioneiro na súa programación como pode ser coa emisión de Shin Chan, entre tantas. Para moita xente foi o primeiro contacto que tiveron co galego sendo este moi positivo e incrementando o valor da lingua. Cando digo que a culpa é de Dora la Exploradora, refírome ao papel que está desenrolando na educación e aprendizaxe dos máis pequechos, pois eles precisan de entretemento e canles como Clan, Boing ou Disney Channel ofrecen debuxos animados as 24 horas, sendo a súa vez programas actuais e cos que se identifican. O papel que xogaba o Xabarín, agora é desempeñado por personaxes como Dora.

Se na escola e nos medios non se emprega o galego dunha forma normalizada, mellor dito, e para que se me entenda mellor, dunha forma normal, como é que os máis cativos e cativas non falan galego? De quen é a culpa? A primeira idea que me xurdiu foi que “a culpa é das familias” por non lles ensinar porque é a súa obriga, mais esa escusa xa foi empregada polo presidente da Xunta. Así que as culpas caeron na probe Dora.
Non son pai de ningunha criatura e espero que ese momento tarde en chegar, mais podo ver nas familias que están máis concienciadas coa lingua que están a facer grandes esforzos para que os seus pequenos falen en galego; buscando eles mesmos programación adecuada, literatura infantil ou mesmo uns simples xogos para que a súa lingua primaria sexa a galega. E aínda facendo eses esforzos (onde non se obriga ao neno ou nena a falar galego, senón que o seu entorno estea galeguizado) cando xogan con máis crianzas da súa idade, a lingua vehicular e o castelán. En ningún momento digo que se lles prive de aprender outras linguas, mais o problema non está en que aprendan castelán, o problema é que se están a volver monolingües da lingua de Castela abandonando a súa propia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario