Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 25 de setembro de 2015

Comunicado da RAG en relación coa inadmisión do recurso de amparo presentado ante o Tribunal Constitucional

Comunicado da RAG en relación coa inadmisión do recurso de amparo presentado ante o Tribunal Constitucional:

A Real Academia Galega acaba de recibir a notificación de que o Tribunal Constitucional inadmite o recurso de amparo promovido por esta institución contra a sentenza do Tribunal Supremo sobre o recurso de casación relativo á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia verbo do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario. Como non podía ser doutro xeito, a Academia respecta e acata a dita sentenza, pero ao tempo considérase obrigada a dar a coñecer diante da opinión pública as seguintes consideracións:
1. Desde a aprobación do devandito decreto, en consonancia co previsto nos seus propios estatutos no tocante ao seu deber de defensa da lingua galega, a RAG asumiu a posición de principio de esgotar todas as vías xudiciais contra unha norma que vulnera a legalidade e que considera lesiva dos dereitos das persoas galegofalantes.
2. A Academia lembra que o Reino de España subscribiu e ratificou a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, e ao facelo comprometeuse formalmente a ofrecer unha educación preescolar, primaria, secundaria, técnica e profesional garantida en lingua galega. O decreto en causa atópase en flagrante contradición co dito compromiso, como reiteradamente teñen posto de manifesto os sucesivos informes oficiais do Consello de Europa.
3. A Academia insta a Xunta de Galicia a que dea os pasos necesarios para restaurar o imprescindible consenso político que posibilitou a aprobación por unanimidade da Lei de Normalización Lingüística e do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (vulnerados en espírito e na letra polo Decreto 79/2010), para aprobar un novo marco normativo plenamente acorde coa legalidade e favorable á lingua galega e das persoas que a falan.
4. Por tanto, a Academia estudará as posibilidades de recorrer perante instancias xudiciais europeas o Decreto 79/2010 por vulnerar o dereito ao ensino en lingua galega, excluír o seu uso en materias de contido científico e fomentar os prexuízos contra a ela.
A Coruña, 24 de setembro de 2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario