Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 16 de setembro de 2015

A longa marcha da normalización da lingua galega. A propósito do concurso Falemos da nosa Historia

por Francisco Fernández Rei, nas Voces de Prolingua:


Bos días ás autoridades, ó profesorado e ó estudantado do CEIP “López Ferreiro” e ás demais persoas asistentes a este acto. Antes de nada, quero agradecerlle a José Ramón Carril, coordinador do Equipo de Dinamización da Lingua Galega e director do colexio, a información que me deu sobre este concurso e, sobre todo, a honra que se me concedeu de clausurar o presente acto.Os meus parabéns ó centro pola organización do concurso e ás tres estudantes premiadas con relatos sobre Cotolai; e parabéns ós membros do xurado, Xosé Armas, Bieito Silva e Helena Sánchez, pois moitos orixinais tiveron que ler e logo decidir, tarefa nada doada moitas veces.1. Cando desde a executiva da Real Academia Galega me propuxeron representar a institución na entrega dos premios dun concurso que organiza o CEIP “López Ferreiro”, do que a Academia é unha das institucións colaboradoras, non dubidei aceptar porque considero que a RAG debe arroupar sempre a quen estea a prol da dignificación e da normalización da lingua propia de Galicia, neste caso o colexio “López Ferreiro”; e tamén aceptei porque este foi o “meu” colexio na década de 1980 e parte da seguinte, cando os meus fillos Brais e Irimia, despois de estaren na gardería universitaria Breogán, viñeron facer algún curso de preescolar e os oito cursos do que era o EXB (Ensino Xeral Básico). Ademais, levo 30 anos investigando sobre o galego na casa onde viviu Antonio López Ferreiro, actual sede do Instituto da Lingua Galega.Cando o galego aínda non era oficial, houbo centros de ensino que realizaron importantes iniciativas para visibilizalo e dignificalo, como foron os Xogos Florais “Minerva” cos que se procuraba estimular o cultivo da poesía no alumnado dese colexio compostelán, que logo se chamaría Manuel Peleteiro. Creáronse no 1963, cando a RAG institucionalizou o Día das Letras Galegas, pero ese mesmo ano estendéronse a todo o distrito universitario de Santiago. O “López Ferreiro” non creou un premio literario, pero si algo máis orixinal, do que xa van once edicións: o concurso de redacción e investigación histórica Falemos da nosa Historia, en honra do escritor e, sobre todo, historiador que dá nome ó colexio, dirixido, como ben sabedes, a escolares de 5º e 6º de Educación Primaria e do 1º ciclo da ESO. É un concurso con boa aceptación, a xulgar polos máis de 200 estudantes de 45 centros de toda Galicia que participaron na presente edición, e con números semellantes en edicións anteriores.En nome da Academia, e de todas as persoas que traballan arreo para que algún día a lingua galega sexa de uso plenamente normal –e nunca máis a excepción– na terra onde naceu e agromou, parabéns ó “López Ferreiro” por esta singular iniciativa que contribúe a dignificar o galego entre o estudantado de primaria e secundaria, pois ten que presentarse exclusivamente en galego o resultado dunha pequena investigación histórica dun tema dado para o que cómpre manexar bibliografía e Internet, así como fontes orais preguntando a familiares ou outra xente; e o feito de que teña que entregarse o orixinal escrito á man, é unha boa maneira de obrigar a coidar a caligrafía, e non só a ortografía, nuns momentos en que moitos escolares descoidan este aspecto.Cando os meus fillos estudaban aquí, o colexio editaba a revista Forxa, monolingüe, que no inicio eran revistas fotocopiadas e grampadas, con achegas mecanoscritas ou á man. Nada tiña que ver coa calidade impresa de Pegada, a actual revista do centro, con moita ilustración e traballos á man de meniños de infantil e de 1º de primaria, pero tamén traballiños elaborados por rapazada de cursos altos, con excelentes fotografías de diversos actos e, como ramo da revista, a publicación do primeiro traballo premiado no concurso Falemos da nosa Historia.Lois X. Trigo, que foi director do colexio ata que se xubilou a comezos do presente ano, asina o editorial que abre a Pegada do curso 2014-2015, un texto emotivo no que evoca o modelo de ensino que el sempre defendeu, un “ensino público estatal, gratuíto, laico, coeducativo, científico, progresista, galeguizador, participativo e humanista”, á vez que salienta un especial sinal de identidade do “López Ferreiro” e do proxecto que, como docente e director, o alentou, pola súa relevancia educativa e social. Refírese Trigo “á súa función galeguizadora e normalizadora do noso idioma”.Nunca dubidei que os meus fillos estudasen en centros públicos e laicos, e eu quería que fose no “López Ferreiro” pola boa sona do seu profesorado. Non era un colexio galeguizado, porque daquela aínda se estaba a implantar o ensino do galego, e algo en galego, con certas reticencias neste centro, como en tantos outros, en boa parte porque neste había moi poucos nenos galegofalantes e poucos pais que esixisen que se aplicase a legalidade. Creo que non esaxero se digo que dos máis de 400 alumnos do colexio, a comezos dos anos 80 posiblemente abondasen os dedos das dúas mans para contar os nenos e nenas galegofalantes, porque nos coñeciamos as nais e pais deste centro que lles falabamos galego ós nosos fillos; e non era tarefa nada fácil lograr que o falasen fóra da casa nun momento en que a inmersión en lingua castelá naquela Compostela era brutal. Aínda non existía a TVG, que tan boa programación acabaría tendo en galego para os nenos ¡tempos aqueles! co que moito se prestixiou o galego entre a rapazada, mesmo na que falaba castelán.Neses primeiros anos da década de 1980 eu era membro da Asociación de Pais de Alumnos e tamén do Consello Escolar deste colexio; e se estaba neste Consello non era tanto para pedir que se cumprise a lexislación sobre o galego, que tamén, senón para defender que ós poucos nenos galegofalantes non se lles reprimise o uso da súa lingua nas aulas, porque tiñan dereito a usala, á marxe do idioma que usase o profesorado; e tamén estaba nel para pedir que se implantase a materia de Ética, porque había nais e pais que queriamos que os nosos fillos non cursasen a materia de Relixión.Coa presión de membros da APA (aínda non era ANPA), coa militancia daqueles nenos e nenas galegofalantes moi concienciados e tamén porque había algún profesorado totalmente a prol do galego, foise avanzando moito; pero contra finais dos 80 viviuse unha xeira un tanto convulsa neste centro porque cambiara case todo o profesorado, que levaba anos en comisión de servizo, e chegaron novos docentes, uns defensores do ensino en galego, pero algúns (máis ben algunhas polo que lembro) parecían parados no franquismo, e seino ben porque lle afectou á miña filla e a outros nenos galegofalantes habituais que eu coñecía, e tamén a min como pai.Isto é a prehistoria da galeguización do CEIP “López Ferreiro”, da que fun testemuña directa e gardo boa memoria, aínda que moito mellor a gardan os meus fillos, que viviron (e sufriron) o difícil que era no día a día usaren o galego nun centro urbano. Ben sei que nestes momentos o que importa non é recordar nin remoer no pasado, porque recordar doe, como di o fermoso título das lembranzas escolares e universitarias do malogrado Herminio Barreiro, que algúns dos presentes coñecestes e tratastes; o que importa agora é celebrarmos que a función galeguizadora e normalizadora da lingua propia de Galicia é un sinal de identidade do colexio público e urbano “López Ferreiro”, cando hoxe a situación do galego nas cidades, e particularmente na rapazada, non é boa, á vista dos datos de informes recentes.2. Hai case vinte anos o Mapa Sociolingüístico de Galicia que elaborou a Real Academia Galega indicaba que no hábitat urbano predominaba o uso do castelán sobre o galego, cun preocupante descenso do monolingüismo galego na xente nova e tamén un perigoso descenso do idioma propio de Galicia nas interaccións familiares cos membros máis novos, con forte perda da súa transmisión na familia; ademais, o Mapa mostraba que a escola seguía a ser un elemento castelanizador, pois o alumnado co galego como primeira lingua no recinto escolar case sempre usaba o castelán na escrita e algo máis da metade o facía co profesorado.Esa alarmante caída na transmisión familiar e a perda xeral de falantes, sobre todo na mocidade urbana, e a carencia dun plan integral de normalización fixeron que o goberno do Partido Popular, que presidía Fraga Iribarne, iniciase no 2002 a redacción do que sería o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, nun proceso aberto, consensuado e participativo, ó que lle puxo o ramo o Parlamento de Galicia en setembro do 2004 ó aprobáreno por unanimidade os tres grupos da cámara (populares, socialistas e nacionalistas). O primeiro obxectivo xeral do Plan era (e segue a ser) “garantir a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe, sabendo que conta co amparo da lei e das institucións”.É bo sinal que recentemente a Xunta de Galicia presentase un “proxecto para dinamizar o galego no ámbito social e económico” para así desenvolver un dos sectores dese Plan Xeral; e arelamos que axiña presente o proxecto de novos sectores, sobre todo no ensino; con todo, se realmente se quere frear a deriva da lingua na xente nova e o desleixo que se dá en medios que antes a usaban, debería, entre outras accións, promoverse unha maior oferta televisiva, de produtos audiovisuais e de recursos, actividades e espazos de lecer en galego axeitados para nenos e mozos, e como ten recomendado o Consello de Europa, a Xunta debería promover liñas escolares de inmersión en galego en todos os niveis educativos nas áreas urbanas e vilegas.E no que atinxe ás familias e ós docentes, como moi ben di Lois X. Trigo no editorial da última Pegada, “todas as familias, e todo o profesorado, deben transmitir a lingua galega xa desde o primeiro momento, desde a propia casa, con toda a calor e agarimo que require algo tan querido, a infancia e o idioma galego”.Concordo plenamente que os pais e nais temos que transmitir a lingua propia de Galicia, porque é nosa, á marxe da súa utilidade, unha lingua que é de todos os galegos e galegas, mesmo de quen non a fala; e os que a usamos, temos que ser amablemente intransixentes no seu emprego diario, porque se morre este idioma que crearon e puíron xeracións de mariñeiros e de labregos, de canteiros e de artesáns, e que tamén usaron reis e nobres, este recanto ibérico de granito e de xisto, de ribeiras e de bocarribeiras situado enriba de Portugal, sen dúbida ha seguir existindo, e mesmo poida que se siga chamando Galicia (ou Galiza); pero sen a súa xa milenaria lingua, xa non vai ser Galicia nin Galiza, vai ser outra cousa ben distinta.O futuro do galego está nos nenos e nenas, en tanta xente nova que asiste a este acto, á que animo a usalo; e invítoa a participar na vindeira edición deste fermoso concurso, agardando que axiña se dea a coñecer a nova edición nos centros de Galicia para que aumente a participación e deste xeito contribuír a facer normal o uso do noso idioma.Moitas grazas a todas e a todos pola vosa atención.Saúde e Patria da Lingua!*Con algunhas correccións formais, este texto son as miñas palabras de clausura do acto de entrega dos premios do XI concurso de redacción e investigación histórica Falemos da nosa Historia do CEIP “López Ferreiro” de Santiago de Compostela. O acto celebrouse o xoves 4 de xuño do 2015 no salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación da USC, campus norte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario