Efectivamente, a renovación vai permitir que a SXPL nos ofreza unha imaxe máis actual, e en moitos casos con máis facilidade para acceder á información e aos seus recursos. Por exemplo, se imos ao apartado de lexislación, agora dispoñemos dun filtro que nos permite escoller en función de distintos parámetros (organismo que lexislou, tipo de lei ou tema da mesma).
Outra novidade positiva é a liberación do tradutor Gaio, ferramenta que antes só estaba dispoñible para o uso interno da Administración, pero que a partir de agora está a disposición de calquera na rede.
Pola contra se buscamos as noticias sobre a lingua, do que anteriormente había un arquivo de máis de sete anos, agora atopámonos con que a primeira entrada é de hai tres meses. Aínda máis, fixeron desaparecer todas as ligazóns ás entradas de toda a historia anterior da SXPL. Nada existía antes de onte. Así que agora non ficarán desaparecidas cousas como:
- A mentira do incremento dun 45% na dotación orzamentaria da SXPL para a USC
- A evidencia de que a Xunta silencia unha proposta de edición multilingüe de obras literarias galegas, catalás e vascas
- O maltrato aos ENDL dos centros de ensino que fixo que a CGENDL pedira a dimisión do secretario xeral de política lingüística
- Non termos coñecemento da Suspensión dos cursos de lingua galega no Espazo das Linguas Ibéricas en Madrid nin da promesa dunha nova convocatoria antes de finais deste ano.
- Non veremos as fotos dos altos cargos homenaxeando aos científicos galego cando a un tempo prohiben o ensino das ciencias en galego. Polo menos tampouco temos á nosa disposición ese insulto que viña sendo o Outono de ciencia, ese hipócrita apoio ao Día da Ciencia en Galego (lembremos que nin tan siquera o nomeaban así senón "Día da ciencia", sen galego)
- Tampouco teremos onde comprobar o cinismo no defenestramento dos cursos Celga, nin da atoleirada forma de actuar nas oficinas da SXPL cando se lle presentaban alegacións ao disparatado proxecto dos cursos Celga. Supoño que a pretensión é que esquezamos que sucederon cousas como que desde o profesorado de linguaxes específicas houbo sempre un intento de diálogo que nunca foi escoitado por parte das oficinas da SXPL. Cantas cousas teremos que esqucer? [1], [2], [3], [4], [5], [6], [7]
- Política Lingüística apoia un concurso literario en español de dous colexios do Opus, pero nós non o recordaremos.
- E que dicir da carta enviada pola CGENDL denunciando a inexistencia de materiais en galego nas ensinanzas da FP. Cambiou algo a cousa desde aquela?
- Tampouco teremos constancia do rexeitamento que a SXPL fixo do Plan Xeral de Normalización Lingüística, a pesar das mentiras verquidas nalgún artigo de opinión, que sabiamente foi contestado por ProLingua. +[8]. Por certo, algo deben ter as cadeiras da SXPL que fan que quen senta nelas se lle vire por completo o sentido. Postos a lembrar, que tal aquel artigo de Anxo Lorenzo, Política lingüística e 'consenso' en Galicia, no que gababa o decreto de uso do galego do bipartito.
- Non falaremos tampouco da negativa a insituir oficialmete o Día de Rosalía como data relevante para a celebración por parte do tecido cultural e escolar galego.
- Con esta xogada desapareceu tamén Nadal na rede, para que non vexamos que ano tras ano, non se ofrecía nada novo para a clebración dunhas festas en galego.
- Non volveremos a tratar o tema da redución dos orzamentos da política lingüística porque tampouco teremos a man as notas de prensa na que mentían sobre a cuestión.+[9]
- E que temos que dicir sobre o ensino?, cal é a valoración da Xunta? Estes artigos de David Lombao son moi esclarecedores([10], [11], [12] e [13]). No caso de querermos valorar ata que punto é profundo e transversal o ataque á lingua, teñamos presente que non se salvaron nin as avaliacións de diagnóstico nin as probas de competencias. Un aviso para as futuras reválidas da LOMCE?
- Nada teremos que contar sobre a exterminación do galego no Bierzo
- Pecharon o anterior portal da SXPL cando despois de anos e anos, aínda tiñan apartados sen estrear, ou [14]
- A SXPL vai poder anunciar falsamente, outra vez, que os orzamentos para os ENDL dos centros volveron a incrementarse., mais agora non poderemos comparar esta comunicación con outras semellantes de anos anteriores.
- A quen lle acorda aquel anuncio falso da SXPL ofertando material audiovisual inexistente sobre Vidal Bolaño?
- E que foi do intento fracasado de crear un competidor do Correlingua?
- Quen vai poder ponderar o, polo momento inexistente, Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico se non podemos botar man da campaña de exportación en galego... e que fora anunciado en castelán? +[15]
- Agora, por fin a Rede de Dinamización Lingüística vai ser un invento que sempre funcionou a toda máquina, ao falar dela non amentaremos a inanición, nin a matanza, nin a redución de técnicos dos SNL, nin o mal funcionamento da actividades da Rede +[16], nin a súa defensa dos que deturpan a toponimia +[17], nin a extensión dos seus servizos a alguna Deputación.
- Tampouco traeremos ao primeiro plano a manipulación da celebración do Día da lingua materna nin do Día da Ciencia en Galego, nin do esquecemento do Día Europeo das Linguas
- Lembrarase alguén dos intentos da SXPL de monopolizar a posta en marcha do twitter en galego?, supoño que agora xa non.+[8]. Xa sabemos que os gobernos de Feijóo teñen un gran interese pola normalización no ámbito das novas tecnoloxías.
- Ao non ter memoria, non teremos en conta que o secretario xeral de política lingüística é da opinión de que só o 4% da poboación que fala galego é pola influencia da escola, argumento que usa para xustificar a redución do uso da lingua no ensino imposta polo funesto decreto do plurilingüismo.
- Ao non termos memoria, non invocaremos aquel anuncio cheo de faltas ortográficas emitido pola SXPL, nin lembraremos a avaliación negativa á Xunta ditaminada polo Consello de Europa polo incumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias despois dunha vergoñenta carreira de mentiras e estridencias capitaneada polo xefe da SXPL.
- Se cadra, o peor de todo, é que aínda o que se está ben, tamén se fai mal. Velaí o bUSCatermos, para que o queremos se a un tempo prohibimos o seu uso nas escolas?
- Finalmente, se alguén quer un resumo..., ou dous resumos, tres resumos, catro resumos, para non enterrar toda a política lingüística dos últimos anos no esquecemento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario