Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 6 de setembro de 2015

Os incrementos da SXPL

Publicado nas Voces de Prolingua, un artigo recollendo cifras e ideas doutra entrada de hai uns días:

Afirma a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) que incrementou a oferta de de 30 cursos de lingua preparatorios do CELGA. Sabendo que o incremento foi de 30 cursos, podemos preguntarnos a canto ascenderá o total. A 100?, quizais a 130; neste caso farariamos dun incremento ben importante, dun 30%. Ao lermos o corpo da noticia ficaremos desconcertados xa que o total ascende a 30.Para aclarar realmente en que consistiu o presunto incremento, basta recuperar os datos dos anos anteriores. Recollendo as cifras ofrecidas pola propia SXPL para o 20102011201220132014, e a referida deste mesmo ano, obtemos un gráfico que fala sen ter que lle engadir máis comentarios:

Gráfico elaborado cos datos obtidos da SXPL

Este non é máis que un capítulo habitual do delirio fantástico no que está instalada a política lingüística da Xunta. As columnas que a sosteñen son a desinformación e a mentira. Para aceptar esa política temos que asinar un contrato no que nos comprometamos a tragar coa mentira, a admitir a discriminación do galego e a apuntarnos nas filas do autoodio. Como desde San Caetano se practica unha continua agresión á nosa lingua non lles queda outra alternativa que a creación e difusión dun mundo irreal. De non o facer así multiplicaríanse as posibilidades dunha contestación social. Só é posible manterse no tempo o engano porque contan coa axuda dunha tupida rede de medios servís que desprezan o galego e que nin o usan nin tampouco o respectan.Aínda que desde a SXPL queiran centrar (e perder) o debate arredor da cantidade de cursos preparatorios impartidos, o fundamental non é iso. A historia dos Celga dos últimos anos demostrou que non se podía facer peor. Non houbo diálogo cos traballadores que se encargaban dos cursos, creándose un duro conflito laboral que acabou xudicializándose. O desprezo mostrado pola SXPL pechou todas as portas a futuras negociacións. En ningún momento se abriron mesas de análise sobre os defectos que tiña o funcionamento do sistema de cursos. Despois de preparar en cursos específicos ao profesorado colaborador, no pasado ano académico foi contratado profesorado que non tiña esa formación. A CTNL ofreceu hai tres anos, antes de que estoupara o conflito laboral, unha proposta de mellora de xestión e planificación que podía evitar o que despois sucedeu. Polo momento, o resultado final é o dunha convocatoria apresurada de cursos Celga que comezan cando xa tiña que estar todo o proceso rematado.Durante toda esta desfeita non se falou en ningún momento de normalización lingüística, xa nunca se abriu esa oportunidade. Por exemplo, endexamais se elaboraron os currículos dos Celga atendendo a criterios da mellora das actitudes lingüísticas. Tampouco se trataron de establecer os niveis Celga máis acaídos para poder acceder aos distintos postos da administración. Pero, como había de ser isto posible se a primeira medida tomada por Feijóo no seu primeiro mandato foi eliminar a esixencia do coñecemento do galego nas oposicións?
O capítulo dos Celga é como unha cullerada. Toda a sopa que coce a Xunta no referente á política lingüística ten o mesmo sabor. Hai case un ano o Instituto Galego de Estatística (IGE) publicaba un estudo no que se daba a coñecer unha diminución do 13% do uso do galego no período 2001-2011. O informe poñía en evidencia a necesidade de inverter as medidas que se tomaron no último lustro sobre (ou, para sermos máis exactos, contra) o galego. A SXPL afirmou que consideraba positivos os datos do IGE por darse un incremento no uso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario