Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 30 de setembro de 2015

O fusilamento de Castelao no parlamento

Queren a Castelao ben oculto. Os membros do PP votaron en contra da Iniciativa Lexistlativa Popular na que se procuraba para o pobo galego o dereito a coñecer a obra do galeguista.
De non ser polo esforzo de Castelao e a súa insistencia en, primeiro tramitar o Estatuto do 36 en plena guerra civil, e despois loitar contra todos os atrancos interpostos para conseguir a súa aprobación no exilio, seguramente non existiría a institución que hoxe votou pola ocultación da súa obra.
Unha das propostas máis destacadas da ILP era a da recuperación do cadro A derradeira lección do mestre, que actualmente está no Centro Galicia de Buenos Aires. Trátase dun retrato das atrocidades do franquismo, unha obra que debería estar presente nos materiais de ensino de todas as escolas xa que mostra sen concesións a crueldade do fanatismo. O mestre, asesinado, xacente no chan, debería quedar como lección para as futuras xeneracións. Onte, no parlamento ben se veu que moitos dos deputados non asistiron a esta clase e queren que a sociedade galega fique orfa do máis grande galeguista de toda a historia. Precisamente por iso, por ser galeguista. Así, non é de estrañar atopármonos no mesmo día con noticias como a da negativa de Portos de Galicia a permitir unha inscrición de homenaxe á vítimas do franquismo en Vilaboa. E despois din que o franquismo está morto.
Despois veremos a eses mesmos parlamentarios inchado o peito na entrega das medallas Castelao. Pero que Castelao é o que vai nese galardón se despois vemos que non se respecta a súa obra. Por que permanece oculta nos arquivos do Museo de Pontevedra ou espallada por múltiples lugares sen que haxa ningunha institución que procure a súa recompilación e catalogación?
Onte, executouse o fusilamento de Castelao no parlamento de Galicia. É o que ten non ter memoria nin amor polo país nin pola lingua.


Na prensa:

  • Intervención de Mª Pilar García Negro en defensa da ILP a prol da difusión da obra de Castelao, 29/09/15 GZ Cultura
  • O Partido Popular impide a toma en consideración a ILP sobre o dereito ao coñecemento e á contemplación da obra de Castelao polo pobo galego no Parlamento, 29/09/15 GZ Cultura
  • O PP evita saír noutra foto galeguista a dous meses das xerais, 29/09/15, Praza
  • O Partido Popular impede a toma en consideración a ILP sobre o dereito ao coñecemento e á contempalción da obra de Castelao polo pobo galego no Parlamento., 29/09/15, A Mesa
  • A ILP de Castelao, a debate no Parlamento, 29/11/15,Sermos Galiza
  • O PP fecha a porta a debater no Parlamento sobre o coñecemento da obra de Castelao, 29/11/15, Sermos Galiza

Ningún comentario:

Publicar un comentario