Esta é a primeira parte dun artigo no Sermos Galiza:
-Cando eu emprego unha palabra -declarou Humpty Dumpty cun ton de voz máis ben desdeñoso- quere dicir exactamente o que eu quero dicir..., nin máis nin menos.
- A cuestión -insistiu Alicia- é se podes facer que as palabras signifiquen tantas cousas diferentes.
- A cuestión - concluíu Humpty Dumpty - é saber quen é o que manda..., iso é todo.
Alicia do outro lado do espello, Lewis Carroll
A política lingüística do PP, que é practicamente toda a desenvolvida polo goberno galego desde a súa constitución, pasa por negar a existencia dun conflito lingüístico. Isto implica inmediatamente a aceptación dun diferente status para as dúas linguas. Asúmese acríticamente que a lingua A é a que debe ter todos os dereitos, proteccións e privilexios. Será ademais a lingua que estea presente en todas partes. Pola contra acéptase que sobre lingua B caian toda clase de limitacións e reducións. De se visibilizar esta lingua minorizada publicamente terá que facelo, en todo caso, acompañada da súa irmá maior, a lingua A. As institucións non presentan a negación do conflito tal e como se explica no parágrafo anterior. O normal é que se faga mediante relatos que, como espellos deformantes, manipulan a verdade. Estes relatos gardan sempre como ensinanza un prexuízo e ben sabemos que os prexuízos só serven para xustificar o cambio de lingua."Os recentes estudos sociolingüísticos dinnos que Galicia é cada día máis bilingüe. Isto significa que cada vez é máis habitual persoas que ao levantárense pola mañá falan coa súa parella en castelán, despois han de facelo cos fillos en galego. Estes mesmos nenos na escola reciben aulas en galego e castelán en perfecto equilibrio. Despois esa persoa marcha ao traballo que pode desenvolver en galego mentres que cos compañeiros fala en castelán..." E así sucesivamente nunha alternancia máis ou menos aleatoria entre galego e castelán. Pero todos sabemos que isto non é así. Esta historia pode aparentar credibilidade xa que cando a escoitamos a todos se nos vén á cabeza algún caso de cambio circunstancial de lingua. Pero a pouco que profundicemos acabaremos dando cunha realidade ben distinta. A dinámica das linguas depende fortemente das relacións de dominio. Pensemos nesa muller da aldea que foi servir a unha casa da cidade ou naqueles labregos que marcharon a traballar a fábricas ou empresas. Velaquí a dicotomía cidade/aldea. Un binomio que desde o discurso oficial se presenta contando unha mentira (que de sempre a lingua urbana foi maioritariamente o castelán) xunto a unha verdade (que o galego sempre o foi a lingua habitual no espazo rural). Deste xeito dáselle certificado de naturalidade ao castelán como lingua urbana e da modernidade, mentres que se transmite a prexuizosa sospeita de que o galego algunha eiva terá ao non ser lingua acaída para os usos da vida na cidade. Mesmo parece que ao pisar terra asfaltada o cidadadán tipo sofre unha especie de lobotomía automática que lle fai esquecer o galego. A trampa consiste en ocultar as múltiples causas que determinan un fluxo de falantes desde o galego cara o castelán.Con este tipo de relatos constrúese unha teoría fantástica que esconde a realidade e xenera un discurso destrutivo coa identidade e a lingua galega. Para a elaboración deste discurso deformante hai que empregar necesariamente técnicas de manipulación e de infiltración de mentiras. Vexamos un exemplo de cada unha delas.Cada 21 de febreiro celébrase o Día da lingua materna. A data, instituída pola UNESCO, ten como obxectivo a defensa das linguas locais fronte ás tendencias asimilistas dos estados. Este anceio podería ser plenamente trasladado ao caso galego, porén a Xunta nun vergoñento acto de manipulación deturpa a intención orixinal ao identificar a lingua materna coa da primeira infancia. Deste xeito, cando se restrinxe o significado ao íntimo, retíraselle ao concepto 'lingua materna' todo o seu valor social. O baleirado semántico conxura os anceios de liberdade da lingua oprimida para levarnos por un camiño perigoso que vai da submisión ao esvaemento. Lembremos que, desafortunadamente, o concepto de 'lingua materna' forma parte do articulado da Lei de Normalización Lingüística polo que este cambio de significado implica un cambio lexislativo pola porta de atrás.Velaí que o relato oficial non é inxenuo; ten todas as características dunha política radical exterminadora.Un exemplo que nos pode servir para ilustrar a divulgación dunha mentira no imaxinario social é o da celebración do Día da Ciencia en Galego (4 de novembro). Un mes despois da publicación do funesto decreto do plurilingüismo, nunha reunión celebrada no Museo do Pobo Galego, decidiuse a instauración desta data co obxectivo de denunciar un dos aspectos máis agresivos contra o uso do galego no ensino non universitario que contiña o nomeado decreto: o da prohibición das clases en galego nas materias científicas, concretamente física e química, matemáticas e tecnoloxía. A estratexia da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) neste caso consistiu en espallar a mentira de que o que se estaba a celebrar era o Día Mundial da Ciencia para a Paz. Ofrécese unha cara amable aproveitando unha celebración na que non se acredita e afírmase que o galego é unha lingua apta para a divulgación científica pero tense un coidado extremo en non trasladar esta aptitude á acción de "ensinar ciencia". A pesar deste anuncio, o goberno galego non puxo en marcha ningunha iniciativa para facer efectiva a divulgación científica na nosa lingua. A un tempo prohíbese impartir aulas en galego nas materias científicas. Estes dous sumandos dan como resultado o fortalecemento dun dos prexuízos que máis está minando a saúde do galego, o consistente en trasladar a órbita da ciencia e o progreso fóra da influencia do galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario