Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 27 de setembro de 2015

Disección dun comunicado da Xunta en sete cortes

O Tribunal Constitucional desestimou o recurso interposto pola Real Academia Galega (RAG) contra o Decreto do plurilingüismo. A resposta aos noventa folios de argumentación foi unha soa liña. Un novo desprezo do centralismo ao trazo máis significativo do noso ser: a lingua galega.

Como é costume nestes casos, a Consellería de Educación dispensou o seu comunicado habitual, supoño que por intoxicar, nada máis. Asi que de seguido vai unha disección, en nove cortes dese comunicado.

Primeiro corte. A Xunta di do funesto decreto do plurilingüismo


que está a funcionar con total normalidade nos centros educativos nos últimos catro cursos 
e afírmao sen teren feito ningún estudo sobre a incidencia da aplicación do mesmo. Isto, a pesar de que a disposición adicional quinta do propio decreto determina que a consellería, con periodicidade anual, "avaliará os resultados derivados da aplicación deste decreto". O primeiro feito constatable é que a consellería é a primeira en incumprir co decreto. Tamén está claro que quer ocultar que milleiros de profesores que no seu día se asinaran o compromiso de continuaren a impartir as aulas en galego, ratifican día a día o seu posicionamento.
O que ten menos explicación é que, precisamente na Consellería de Educación non saiban contar. O funesto decreto 79/2010 publicouse no mes de maio do ano 2010. Leva en funcionamento, xa que logo, durante seis cursos. Así que son tamén seis, e non catro, as veces que a Xunta infrinxiu a disposición adicional quinta. Curiosamente, de todo o articulado do deplorable decreto, éste era o único parágrafo que fóra recibido positivamente desde as organizacións de defensa da lingua galega. Tamén é o único que a Consellería de educación se empeña en conculcar.
Nunca desde a oficialidade se admitiu que houbera problemas durante os dous primeiros anos, polo que parece que precisan asistir a unhas aulas de matemáticas, a poder ser, en galego.

Segundo corte. Afírmase tamén no comunicado que o decreto do plurilingüismo
tivo e ten como finalidade, en todo momento, o equilibrio de aprendizaxe nas dúas linguas.
Debemos ter presente cal é o estado sociolingüístico xeral para podermos avaliar esta medida. No noso entorno, hospitais, empresas, banca, cines, comercios,..., todas as medidas e estruturas están montadas para que usemos o castelán.  Por outra parte o ensino do galego é puramente instrumental. Como fóra da escola non se nos ofrecen oportunidades para o seu emprego, temos unha estrutura perfectamente montada para o abandono da lingua nacida en Galicia. Se o que queremos é ir reducindo o seu uso, o mellor que podemos facer é practicar unha política lingüística do laissez faire, laissez passer fóra da escola e practicar o equilibrismo dentro dela.
Ao falárennos de aprendizaxe nas dúas linguas, a Consellería está esquecendo á mantenta un dos piares do seu decreto: a introdución do inglés en ata un terzo das horas de clase. Sabemos que a saúdo do galego é feble, especialmente nas primeiras etapas etarias. Por iso non lle facemos ningún favor opoñéndoo sempre ao aprendizaxe de inglés nin  restrinxindo e diminuíndo a súa presenza na escola.

Terceiro corte.
as diferentes sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia –e a deste ano do Tribunal Supremo– validaran o decreto fronte a todos os recursos presentados

O TSXG ditaminara a ilegalidade da enquisa ás familias como método para establecer a lingua en infantil. O propio presidente revelou que a consulta que se lle fai ás familias sobre a lingua materna do neno segue a ser  determinante para indicar cal vai ser a lingua vehicular neses primeiros anos de escola. Cando o TSXG pechou unha dos artigos máis polémicos do decreto do plurilingüismo, o que levou a un escandaloso 2,5% de uso do galego nas aulas de infantil das cidades, a Xunta abriulle de novo a porta mediante unha circular que caneaba a sentenza do alto tribunal galego. Non é que o diga eu, díxoo o presidente da Xunta nunha entrevista radiofónica.
Desde a súa aceptación no ano 2001, o territorio galego ficou sempre fóra do cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM). Outro tanto podemos dicir co Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG). Mesmo parece que este documento foi empregado para redactar do decreto 79/2010: por cada medida normalizadora do PXNL podemos atopar un artigo do decreto que vai na súa contra.([1], [2]). En conclusión, o goberno do PP está polo labor de non cumprir toda a lexislación que respecta ao galego e en promocionar toda a que o desprece.

Cuarto corte.
cómpre lembrar que os últimos estudos do Instituto Galego de Estatística (IGE) indican que hoxe en día se está rexistrando o maior grao de coñecemento da lingua galega da súa historia por parte da poboación máis nova
Ninguén dubidará que na actualidade o coñecemento da tecnoloxía ou do inglés é maior que en ningún outro momento da nosa historia. Mais estes datos, desde o punto de vista da normalización son completamente irrelevantes. Que hoxe teñamos unha xuventude mellor preparada nestas materias que hai trinta anos non comporta que teñamos que poñer en marcha unha política de redución/exclusión da conversa en inglés ou do uso das novas tecnoloxías. Isto é precisamente o que se predica do galego. Como por primeira vez na historia todos os nenos e xóvenes participaron nas aulas de lingua galega, podemos expulsar esta lingua do resto do ensino. Pero o que aínda é máis grave é que ao destacar o nível de coñecemento estase a ocultar o grao de uso. Se non se nos amoleceu o cerebro cos comunicados da Consellería,  recordaremos que os dato máis relevante dos últimos estudos do IGE indicaban unha redución de uso do galego dun 11% no período 2001-2011. A conclusión inmediata é que cómpre un cambio completo da política lingüística..., se queremos que se incremente o uso da nosa lingua, claro. Se non, é mellor deixar todo como está.

Quinto corte.

a Xunta de Galicia en colaboración coa RAG e con outras institucións implicadas na promoción do uso do idioma, está desenvolvendo o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020.
Cando un le este tipo de declaracións, debe pararse e mirar un pouco ao seu arredor. Cantas empresas hai que fagan un uso normal da lingua galega? Cantas medidas favorecedoras do uso do galego no mundo económico puxo en funcionamento a Xunta? Mellor dito. Houbo algunha? Por dar ideas do que non hai, informemos de que en Cataluña os rótulos fixos das empresas, os documentos de oferta de servizos, os contratos, as facturas, as informacións para o consumidor, deben estar polo menos en catalán. Porén do que si temos é de actuacións á contra. Lembremos a campaña  da Xunta "Ahora Galicia conecta contigo" (2010), "Gal(L)ega 100%", referida ao leite galego, "O teu sangue é vida, compártea", nomeando ao sangue e o leite en feminino, en imitación deturpadora do castelán (la sangre, la leche) ; "Cadelín", outro spot en castelán promocionando o emprendemento, "Pulpo de lonja" como a marca de calidade do polbo... Podemos acreditar nas palabras da Xunta ou nos teimudos feitos que nos arrodean, non hai máis en que escoller.

Sexto corte
a Consellería quere remarcar a súa aposta pola unidade de acción lingüística en Galicia co obxectivo de sacar a lingua do debate político diario
Cando todos os partidos políticos, sindicatos, asociacións profesionais, asociacións de defensa da lingua, ou o Consello Escolar de Galicia están todos en contra do decreto do plurilingüismo é que a unidade está do outro lado. A Consellería aposta polo illamento e a radicalidade. Tanto é así que este capítulo é unha repetición das posturas frente ao PXNL, aprobado por unanimidade no parlamento e conculcado únicamente polo PP.

Sétimo corte.
ante a posibilidade de que a Real Academia Galega interpoña un recurso ante o Tribunal Europeo, o departamento educativo da Xunta de Galicia insta a abandonar o camiño litixioso arredor do idioma propio de Galicia.
É certo que nunca houbo unha lea xudicial do alcance do decreto 79/2010, mais é que a gravidade do que este decreto significa de retroceso non deixou outra saída. Todo un pobo mostrando o seu rexeitamento unha e outra vez contra a política lingüística do goberno nas maiores manifestacións da última década e sempre a mesma resposta, un non. Unha aposta decidida na aldraxe da lingua galega non merece outro tipo de contestación.
Se cando comencei a ler o comunicado da Consellería tiña as miñas dúbidas do que debería facer agora a Academia, despois de visto todo o anterior, xa me está tardando que se presente perante o Tribunal Europeo.


3 comentarios:

  1. Tal como sucedeu nas Baleares a única solución é a formación dun novo Goberno e a derrogación do Decreto

    http://www.diariodemallorca.es/mallorca/2015/07/03/govern-deroga-hoy-til-ley/1036555.html

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Está claro que a obediencia do goberno galego ás directrices argalladas en Madrid é cega, polo que mentres non haxa cambio de goberno a política lingüística continuará polo camiño do radicalismo centralista. Mais mentres non podemos quedar coa boca aberta agardando a ver se cae o maná do ceo.

      Eliminar