Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 30 de setembro de 2015

Manuel Rodríguez Alonso e a "tremenda loita" contra o españolismo lingüístico

por Francisco Fernández Rei, nas Voces de ProLingua:


Querido Manolo:Na noite do mércores 23 chamoume un compañeiro para que lle confirmase o teu falecemento, seica a noticia se espallara nas redes sociais e na prensa dixital. Deixoume frío e mudo; reaccionei e díxenlle que non sabía nada, nin sequera que estiveses enfermo, que te vira moi ben a última vez que nos encontramos, xa xubilado, andando entre Panxón, Pozuelo e Guadalajara, e metido na leria de redactares unhas memorias. Animeite a que as rematases e as publicases canto antes, sabendo do moito zume que van dar, porque desde hai ben anos sei que es persoa totalmente libre no que opinas e contas, entregado á causa da lingua e da cultura galegas desde Madrid, pero sen deixares nunca de estar en Galicia. Sei que sempre dis o que pensas, ben argumentado, que non casas con ninguén, agás con aquela moza de Meira que estudaba Económicas, que coñeceras en Compostela.Fóra de saudármonos, non lembro que falaramos nos dous primeiros cursos da carreira, pois eramos uns 200 estudantes naquel grupo de “comúns” da licenciatura de Filosofía e Letras. Cousa diferente foi cando na especialidade os dous escollemos a Sección de Filoloxía Románica (Español), onde eramos un bo quiñón de estudantes, pero só uns poucos cursabamos a optativa de Lingua Galega, onde “eramos condiscípulos de Carballo, que aínda non Carvalho...”, por usar as túas palabras cando hai anos me lembrabas lerias daquela época en Compostela. Fose quen fose o que impartise esa materia, estou seguro que a escolleriamos, séndomos galegofalantes (ti do Ribeiro, eu da beiramar da Arousa) que nunca tiveramos unha clase no noso idioma e queriamos ter coñecemento científico sobre el. Foi sentármonos un a carón do outro en Lingua Galega e logo estarmos xuntos nas outras materias dese curso, e o mesmo nas dos dous cursos seguintes. Axiña intimamos e dixéchesme que Xesús Alonso Montero era teu tío, pedíchesme que non o divulgase, e así o fixen, porque non querías “ir de sobriño de…”.Cando no primeiro trimestre do 5º curso non puideches vir ás clases por estares de sarxento de milicias universitarias, pedírasme que che fixese copia dos meus apuntamentos das clases, e xa me vías a min con papel calcante para logo ir mandando follas coas miñas notas á casa de teus pais a Vigo, porque non querías perder o pulso do curso, e daquela non había fotocopiadoras. Moito falamos eses tres anos de tantas cousas, dentro e fóra das aulas. Xuntos fomos descubrindo a literatura galega e outras literaturas, e tamén ferramentas da crítica literaria, grazas sobre todo por peregrinarmos arreo a aquel portal da rúa do Vilar onde Eduardo “O Xudío” tiña o seu almacén-de-libros con novidades de todo tipo, mesmo de obras galegas proscritas. Nunha das nosas primeiras visitas a aquel famoso portal eu mercara a edición semiclandestina da Obra completa de Cabanillas que se editara en Buenos Aires.Unha vez licenciados, quedei en Compostela, na Universidade, ti fixeches oposicións de profesor de español e fuches para un instituto da serra de Madrid. Deixamos de vernos fisicamente, pero eu sabía de ti e da túa constante preocupación polo noso idioma polas túas colaboracións en Grial ou n’A Nosa Terra e por diversas publicacións, e máis tarde pola túa actividade en Internet, sobre todo no teu blog Bouvard e Picochet. Crítica arbitraria de libros e outros obxectos impresos, onde algunha vez vin que falabas con agarimo de traballos meus, pero sen privarte de criticarme incorreccións lingüísticas, como facías con todo o mundo. O que moito che agradecín, aínda que nunca cho dixen, é que, de cando en vez, falases d’A Trabe de Ouro, onde me embarcara o teu admirado Méndez Ferrín, en momentos en que esa revista, feita sen apoio oficial ningún, parecía invisible.En todos eses anos mantivemos unha esporádica correspondencia e creo que non chegamos a vernos antes do 1996, cando viñeches ó Congreso dos 25 anos da creación do Instituto da Lingua Galega cun relatorio sobre lexicografía. Aínda que tiñas un gran respecto polo labor do ILG, non te privaches de facer algunha crítica en público. No debate do relatorio non che calei, porque dixeras publicamente algo que me parecía inxusto, e recoñecíchelo no acto, o que te honra.Moito gocei no 2004 da lectura do teu ensaio O españolismo lingüístico en que debullabas os textos en que se basea ese españolismo excluínte e desmontabas todos os tópicos sobre o galego e o seu rexurdir literario. Trinta anos despois de licenciármonos, aledábame ler ese ensaio de madurez que, en certo modo, me facía revivir tantos paseos por rúas e ruelas de Compostela e pola Ferradura, falándomos de todo e soñándomos unha Galicia orgullosa de si mesma, co galego como lingua de uso normal.Ben sei que a túa batalla contra ese españolismo foi titánica. Supoño que nas túas memorias terá un capítulo especial a túa loita de anos para que se puidese defender na sede da UNED en Madrid a primeira tese de doutoramento en galego, a de Héitor Mera sobre Bernardino Graña. Cando lía na prensa que deputados do BNG levaban o tema ó Congreso dos Deputados e que Fernández de la Vega, cando era vicepresidenta do PSOE, chamou á orde ós da UNED, eu vía teselas da túa longa batalla a prol do galego en Madrid, e contra o españolismo.Menos mal que gobernaba Zapatero e que necesitaba os votos do BNG, porque igual non había luz verde para o acto da tese; e aínda así, non foi un camiño de rosas. Propuxéchesme como presidente do tribunal, que aceptei encantado; cando souben oficiosamente que se aprobara o nomeamento, oficialmente nada se me comunicaba e os prazos corrían. Escribinche porque xa empezaba a preocuparme pola responsabilidade de convocar o tribunal e pola situación inédita e “rara” que tiña diante, presidente do tribunal en Santiago e secretario en Barcelona, director en Madrid e aquí tamén a sede do departamento da tese, que estaba en contra da tese da súa defensa por estar en galego... En febreiro do 2009 dicíasme:Eu xa non estou na UNED, pero sigo cos trámites burocráticos porque fartei de loitar con tanto españolista como hai nesa institución. Aínda non resolvemos por completo eses atrancos da presentación en galego, pois agora xa a admiten en galego, mais piden que depositemos dous exemplares traducidos en castelán, unha para o vicerreitorado e outro para a secretaría do departamento, que é o de Clásicas e no que figuran militantes de Rosa Díez.Foi providencial que a administrativa dese departamento coa que tiven que contactar fose unha boa profesional, allea a prexuízos lingüísticos, que en todo momento fixo o posible para que se fosen resolvendo todas as pexas burocráticas; e así o 12 de xuño do 2009 tivo lugar o acto de defensa da primeira tese de doutoramento na capital do Estado español en que só se usou a lingua galega, e con total normalidade. Estabas no acto, moi serio, e nada quixeches dicir na quenda de intervención dos doutores presentes, cando podías dicir publicamente moitas cousas, e gabarte delas, pero iso contigo non ía.Logo no xantar, mentres os membros do tribunal e o novo doutor manifestabamos a nosa alegría por participar na fase final dun acto patriótico en defensa da lingua propia de Galicia, nunha batalla máis da longa marcha pola súa visibilidade e dignidade, ti estabas serio, como se non fose contigo a cousa, aínda que intuía que estabas moi feliz por lle gañares unha dura batalla ó españolismo lingüístico. Ese día eu tiña presente o que me dixeras uns meses antes da celebración da defensa da tese:Ti non sabes ben o que custa iso da normalización... Eu xa che dixen, deixei a UNED porque o españolismo co que tiña que loitar era por demais e non pode un a certa idade perder enerxías en batallas tan duras... Por outra banda, teño traballo abondo no mundo editorial.Despois de que en febreiro do 2010 ProLingua editase e fixese a multipresentación das 55 mentiras sobre a lingua galega, sobre este libro publicaches unha recensión no teu blog co título “Panfleto necesario e pertinente”. Criticabas que non fósemos máis duros co españolismo lingüístico e como ramo dicías:Xa que logo libro estimable e máis que oportuno, pero que consideramos que é demasiado prudente. Se só nos defendemos, como pasa no fútbol, perderemos. Cómpre pasar ao ataque sen complexos e dicir quen somos e que queremos cada un de nós.En nome de Prolingua, e como amigo de vello, agradecinche a crítica, e contestáschesme que eras moi consciente de cal debía ser o ton do libro de ProLingua e que ti na recensión dicías o que nós non podiamos dicir duramente contra os españolistas; e confesábasme: “De feito que lin o libro con cariño e que quixen, a propósito da crítica, darlles máis caña”.A comezos do 2014, meses despois de a RAE e a Asociación de Academias de la Lengua Española publicaren El buen uso del español, onde se defende o uso en castelán de topónimos como Sangenjo, Bilbao e Gerona, igual que as mesmas institucións xa o facían na Ortografía de la lengua española (2010), achegaches unha queixa a ProLingua sobre a toponimia. Como a Cerna desta plataforma me encargou redactar o borrador da protesta á Academia Española, escribinche para che pedir máis información, que recibín ó momento; e á marxe disto, falábasme da túa “tremenda loita” para que en libros de castelán se dixese que a Pardo Bazán naceu na Coruña.(e non en La Coruña). Eras o único que poñías ese topónimo, dicíasme que ProLingua fixese a proba e que consultase os libros de literatura castelá no relativo ó lugar de nacemento de Dona Emilia.Comentábasme as fortes presións que recibiches no tratamento dalgún poema en galego e outros temas en libros para algunha editorial, pedindo que gardase discreción sobre isto, cousa que fixen, mentres agardo que ti debulles e denuncies iso nas túas memorias; e tamén me dicías, “tras a publicación de O españolismo lingüístico fun vetado por unha editorial para a que tiña traballado moito... Estiveron dous anos sen me encargar nada”, á vez que me contabas que “o da tese en galego aínda a día de hoxe non o dixeriron...” e que os españolistas teñen tanto poder que un catedrático galego (e galeguista) na UNED non se atreveu a presentar unha tese no noso idioma.Cando despois da túa queixa, ProLingua publicou o comunicado Nin Sangenjo nin Orense son formas lexítimas, á vez que llo mandamos á RAE, achegueicho para que o coñeceses ó momento, antes de pendurármolo na rede. A túa resposta foi un longo correo do que reproduzo o comezo:Lin o texto e mais a referencia no www.galiciaconfidencial.com. Quedou moi ben. Esta xenreira cara ao galego non che é xa cousa só de diglosia, ruralismo e lerias desas. Hai algo máis profundo e que non adoita dicirse. Eu, pola miña experiencia editorial ou de autor dun dicionario castelán dos máis vendidos no eido escolar e mesmo fóra del, podo dicirche que o que máis incomoda a estas xentes é que o galego é fundamentalmente “progresismo”. A defensa do galego xa non se asocia só co ruralismo e cousas desas. Eu, xa che digo pola miña experiencia na industria editorial e mesmo na filoloxía española ou no eido da educación secundaria, advirto como os nosos máis importantes inimigos ven a defensa do galego como unha póla desa árbore progresista que é o feminismo, a antiglobalización, a crítica anticapitalista e, en definitiva, a procura dunha sociedade máis xusta e igualitaria.Máis nada, querido Manolo (sempre nos tratamos así). Moito gocei do quiñón de correos que intercambiamos estes anos e das críticas do teu blog, e moito rin hoxe cando, ó rememorar a nosa xeira universitaria, de golpe lembraba aquelas túas afortunadas creacións coas que nomeabas, de xeito tan serio, algúns dos nosos profesores, o que non facías cando estaba outro compañeiro diante, polo que cousa queda entre nós. Pasa un tempiño dos españolistas lingüísticos e céntrate nesas memorias, que somos moitos os que arelamos lelas.Unha aperta fonda.Cacheiras (Teo), 27 de setembro do 2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario