Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 23 de setembro de 2015

A clarificadora resposta dun conselleiro de educación

O pasado 16 de setembro, no pleno do Parlamento, a deputada do BNG Ana Pontón, preguntáballe ao conselleiro de Educación sobre o caso da humillación por falar galego sofrida por unha nena no centro hípico Casas Novas.
Lembremos as frases coas que vexaron á rapaza:
"Es que a ti no te entiendo como hablas. Te explicas tan mal así”
“Yo si te hablo castellano tu obligación es hablarme en castellano”
A resposta do Conselleiro de Educación foi: "a nosa responsabilidade é que ningunha persoa en Galicia, sufra maltrato de ningún tipo por falar en galego nin por falar en castelán" (o subliñado é meu, pero as palabras son de Román Rodríguez).
Claro que se non é en Galicia, pode recibir maltrato, que ao conselleiro non lle importa. E non estou sendo irónico coa frase: as cousas son exactamente así. Se rapaza sofrira ese maltrato fóra de Galicia o conselleiro diría que non é competencia súa, e derivaría o asunto ás autoridades competentes. Isto é: os galegos non son cousa do goberno galego.
Cando se está tratando un tema moi particular, un caso de humillación dunha nena por falar en galego, ao conselleiro o que lle preocupa son os inexistentes casos de maltrato polo feito de falar en castelán. A función do goberno galego é garantir a prevalencia das leis que secundarizan a lingua galega e de sobregarantir os dereitos xa garantidos desde o estado dos español falantes. Isto é: o galego só é cousa do goberno galego se non entra en conflito co castelán.
Pois este conselleiro de edución é o que se gaba de que vivimos o momento histórico no que hai máis coñecemento do galego. Claro que isto oculta o realmente importante: que é que estamos no momento histórico no que hai menos galego falantes, e que isto é consecuencia dunha agresiva política lingüística contra a lingua galega, argallada e posta en marcha polo partido que case en completa hexemonía gobernou Galicia nas últimas décadas; política que recruou na funesta era Feijóo.














Sobre o caso da humillación da nena en Casas Novas:
“Yo si te hablo castellano tu obligación es hablarme en castellano”, no Sermos Galiza
“O que pide a miña nena é que non se humille a ninguén máis en Casas Novas por falar galego”, no Sermos Galiza
Convocan mobilización diante de Casas Novas pola humillación a unha nena por falar galego, no Sermos Galiza
O Centro Hípico de Casas Novas nega “discriminación ou menosprezo”, no Sermos Galiza
A Mesa esíxelle á Xunta que actúe contra Casas Novas pola discriminación da nena galegofalante de dez anos, no Sermos Galiza
A Xunta non tomará medidas no caso da humillación a unha nena por falar galego no campamento hípico de Casas Novas, A Mesa
O Centro Hípico Casas Novas de Arteixo humilla unha nena de dez anos por falar en galego, A Mesa
Carta da nena de Casas Novas, A Mesa

Ningún comentario:

Publicar un comentario