Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 21 de maio de 2016

No centenario das Irmandades, o compromiso de Antón Villar Ponte coa lingua galega

por Emilio Xosé Ínsua nas Voces de ProLingua:

Sería reducionista focar toda a relevancia e transcendencia histórica das Irmandades da Fala unicamente na figura do seu promotor inicial, o viveirense Antón Villar Ponte (1881-1936), mais non cabe dúbida de que ao seu persoal compromiso coa causa da lingua deben aquelas non só o seu nacemento en maio de 1916, mais tamén un pulo constante e non poucas das súas actividades e iniciativas máis sobranceiras.
No entorno familiar do autor de A patria do labrego confluíron unha ponla materna da fidalguía vilega decadente e outra paterna de emigrantes enriquecidos en América. En ambos casos, segmentos sociais inmersos nesa altura histórica en dinámicas de abandono da lingua galega en favor da allea. Mais igual que Antón rompeu na adolescencia co clima ideolóxico clasista, conservador e devoto que caracterizaba a súa familia, abrazando un republicanismo filoácrata que o levou a converterse nun aguerrido xornalista de cabezallos como Tierra Gallega, El Combate ou El País, quebrou tamén a partir do seu casamento coa ortegana Micaela Chao Maciñeira, en 1913, a pauta diglósica no seu fogar pequenoburgués, educando en galego os seus dous fillos, Tonecho e Meliña, ao igual que fará seu irmán Ramón e a esposa deste, Teresa Chao, con Teresiña, Jaime e Xosé Ramón Villar Chao, “o pintor dos nenos”.Para adquirir conciencia idiomática, Antón non só fixo pé na poderosa presenza ambiental da lingua de noso no Viveiro de entre dous séculos ou no Foz en que se estabeleceu como boticario de 1901 a 1907, senón que se beneficiou do trato patriarcal de Manuel Leiras Pulpeiro. O médico e poeta mindoniense foi, sen dúbida, quen deitou no corazón do mozo viveirense o fermento da identificación coa cultura e coa lingua propias. A indicación súa, de certo, contactou o de Viveiro coa Escola Rexional de Declamaciónn que na Coruña impulsaban nos primeiros compases da vixésima centuria Sánchez Miño e Lugrís Freire para o desenvolvemento do teatro galego. Dese tempo datan a confección da peza teatral A patria do labrego e algunhas traducións de obras de dramaturgos cataláns (Guimerá, Rusiñol, Ignaci Iglésias...), infelizmente hoxe perdidas.Na súa etapa de emigrante en Cuba (1908-1910), Villar Ponte comeza a facer profesión pública de “rexionalista”, por máis que sexan detectábeis aínda nos seus artigos e pronunciamentos públicos certas contradicións, como a de defender que o cabezallo da revista de Jaime Solá Vida Gallega non incluíse a bandeira galega ou a de recriminarlle a certo sector da colonia galega na Illa que tildase o noso país como “cenicienta de España”. Cando en 1910 publica o prospecto anunciador da súa revista Alma Gallega, da que finalmente só sairán dous números, Antón enuncia xa algúns dos leitmotivs das futuras Irmandades: defensa do país e da súa lingua, combate contra o caciquismo e as oligarquías, apertura fraterna cara a Portugal, etc.A súa estadía en Lisboa a finais de 1910 como correspondente de prensa, para cubrir informacións sobre a República lusitana acabada de nacer, resulta unha experiencia decisiva no seu proceso de maduración ideolóxica. A normalidade social da lingua portuguesa é espello para imaxinar unha outra situación para o galego dentro da súa propia sociedade. Non deixa de ser chamativo que varios dos principais vultos das Irmandades (o propio Antón, Castelao, Leandro Carré, Viqueira, etc.) teñan deixado testemuño nos seus escritos desta marcante e reveladora experiencia dos seus primeiros contactos con Portugal como desencadenante da súa conscientización idiomática definitiva.Esa nova consciencia tradúcese nunha serie de artigos que aparecen entre 1912 e 1916 na sección “Con letra del siete” de La Voz de Galicia e que van debullando algunhas das realidades sangrantes que o galego padecía nesa altura: a súa marxinación absoluta da vida oficial e escolar, a inexistencia de prensa en galego, o papanatismo xenofílico de certas elites culturais do país, etc. De especial relevancia é a emenda á totalidade que o de Viveiro presentará á praxe castelanizante da inmensa maioría dos numerarios da Academia presidida por Manuel Murguía.Neste sentido, resulta absolutamente lexítimo e pertinente considerar as propias Irmandades como un logrado intento de superación das enervantes renuncias e do autismo social da Academia Galega, un ente no que tantas esperanzas se depositaran inicialmente. Por iso escribe en maio de 1914, tentando explicar por que o galego era unha lingua devalante:
“Por culpa de todos. Por culpa de la misma Academia que tiene en el balcón de su fachada la bandera española pero no la gallega, redactando, además, su boletín en castellano. Por culpa de los periódicos que cultivan poco el idioma regional y no estimulan nada a nuestros literatos enxebres. Por culpa de nuestros torpes políticos que todo lo encauzan hacia el charco revuelto del centralismo, donde se ganan los títulos de cacicazgo con menoscabo de la ciudadanía. Por culpa de nuestra ridícula clase media que se avergüenza de hablar en público el idioma propio”.
Non será a única vez que o de Viveiro poña no punto de mira dialéctico as incoherencias usuarias dos numerarios da Galega nin tampouco a única que contraste o pendor arqueoloxista e pasatista daqueles coa esperanzada, progresista e futurista xeira irmandiña:

“Os galegos que mais galegos parescen - académicos, eruditos, arqueólogos - adícanse ô estudo das cousas vellas da nosa Terra, com'as d'un país finado, morto, cuia persoalidade s'olagouse no castelanismo estéril. Si fan un dicionario danlle xeito de panteón da nosa língoa. Si fan un boletín convírtenno en eco morto de cousas pretéritas. Somente miran prâ atrás, c'unha friaxe tan tolledora, que calquera diciría que se trocaron, com'a muller de Lhot, en estátuas de sal. Fáltalles o atopárense a si mesmos. Fáltalles o sentimento qu'é consustancialización da i-alma propia c'o meio natural. Infruenciado por cinco séculos de colonización castelán, xa non teñen mais que o viviren na Galicia. Perderon o sangue do espírito qu'é a língoa natural, perderon a autonomía dos sentimentos que só a língoa propia mantén acesa, e fican trocados en “turistas” na sua terra (...)”.
Boa parte desa lúcida articulística villarpontina sobre a questione della lingua desembocará nos parágrafos do folleto Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional, aplaudido na revista de Estudios Gallego de Ribalta e espoleta para a convocatoria da reunión constitutiva da primeira das Irmandades, a coruñesa.Unha vez postas en marcha as Irmandades, Antón e Ramón Villar Ponte, secundados niso por Porteiro Garea, Xaime Quintanilla e outros líderes emerxentes como Peña Novo, tracexarán mediante artigos en moitos cabezallos e mediante editoriais en A Nosa Terra (“A bandeira ergueita” resulta emblemático, neste sentido) unha nova política reivindicativa da lingua, que visará moitas frontes todas elas igual de importantes: asentar o monolingüismo como praxe habitual entre os “amigos da Fala”, espallar o uso do galego na prensa escrita, diversificar e elevar o nivel de cualidade dos xéneros literarios na lingua de noso, reivindicar a introdución no ensino da realidade galega, denunciar a castrapización toponímica, formular as primeiras demandas de cooficialización, etc., etc.Ademais de xostregar a actitude dos “siñoritos andróxinos da nosa terra que din que o galego é ordinario”, Antón reivindica a actuación das propias Irmandades como
“a pirmeira política galega que se fai en galego; a pirmeira política que non se contradí coma se contradiciron outras que ó tronaren contra da escravitú na que nos ten o Estado centralista, non facían mais que amostrarnos o pensamento galego, a y-alma galega encadeados no xugo do idioma opresor, no idioma que nos colonizóu e nos ten a xeito de colonia axionllada, facéndonos lamber e bicar, cada vez que falamos en castelán, os grilos, as cadeas nas que está presioneiro o noso sere (...). O rexionalismo ou se fai en galego, ou será sempre un fracaso. E o rexionalismo galego terá que sere esencialmente democrático porque o noso idioma é o idioma do traballo enxebre por escelenza”.De todos os elementos que podían fundamentar a reivindicación do carácter nacional da Galiza, Antón elixe precisamente o idioma, pois todos os demais carecen, ao seu ver, da potencia cordial e definitoria que á lingua vai asociada. Como el mesmo indica en xaneiro de 1917:

“Xa sabemos que son elementos da nacionalidade, da unidade d'un pobo, a Hestoria, a raza, o arte, o chan, o linaxe, os costumes, as institucións xurídicas, etc. Mais a Hestoria desconecenna moitos; o da raza é un proceso misterioso; o arte sofre intermitencias; a terra non é tod'a patria; o dereito vaise transformando; os monumentos desfanse; as tradicións esquécense; os usos e costumes desaparecen baixo o infruxo do cosmopolitismo. Logo a lingua é sempre, sino costante e carauterístico. A lingua é o sal que libra os pobos da corrución. A lingua é o pobo en espíritu. E si hoxe eisiste inda Galicia ¿onde está esa Galicia senon na lingua? Na lingua que se non morreu é porque a conserva o pobo traballador das vilas, o pobo labrego das aldeas, é decir, o coarto poder, que será o primeiro poder do mundo, axudado pol-os poetas, pol-os vates, que son sempre os profetas da cultura”.
Particularmente sostido e representativo é o empeño do viveirense, canda outros autores, en anovar esteticamente a dramática galega, asimilando influxos diversos (o folkdrama irlandés, o simbolismo belga francófono, o naturalismo lusitano...) e dignificando o idioma sobre os escenarios con pezas viradas cara ás cuestións sociais candentes na época (Entre dous abismos, sobre o divorcio; Almas mortas, sobre a emigración...) ou cara á propia historia (O Mariscal, en colaboración con Ramón Cabanillas).No seu exercicio profesional como xornalista, é evidente que Antón non estivo decote en situación de poder decidir libremente a lingua dos seus artigos. O relevante é, en todo caso, a defensa e ampliación de presenza do idioma que se verifica na práctica en todos os cabezallos dos que foi responsábel directo, como El Noroeste coruñés nun breve período de 1918, así como a súa aposta pioneira (e moi atrevida, dado o contexto ditatorial en que se fixo) por redixir na nosa lingua unha sección habitual en El Pueblo Gallego entre 1928 e 1929, co emblemático título de “Exemplos”.Ao longo da súa vida, Antón expresou unha e outra vez na súa articulística unha razoada e sólida defensa da lingua galega, que resultou modélica para moitos contemporáneos seus porque casaba á perfección coa propia praxe persoal, familiar e social de quen a profería. Esa exemplaridade do promotor das Irmandades e da súa esposa Micaela Chao sería gabada por Ben-Cho-Shey nun traballo intitulado “O fogar de Vilar Ponte”, que foi publicado no boletín A Nosa Terra (nº 405) o 13 de marzo de 1936, poucos días despois do pasamento do autor de A patria do labrego:
“Si todol-os fogares dos galeguistas foren atal e como foi de por vida o de Antón Vilar Ponte, haberíase dado un gran paso na galeguización da nosa terra”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario