Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 31 de maio de 2016

Oposicións contra o galego

A Mesa denunciou que nas oposicións do Sergas celebradas esta pasada fin de semana, no caso de faceren a proba en galego debían ter en conta que prevalecería o enunciado do cuestionario en castelán. Incluso facían unha advertencia de que podería haber discrepancias no texto en galego, porque se entendía que o orixinal, o exame de verdade digamos, estaba escrito en castelán, e a versión en galego só era unha tradución. Ademais ao ser o galego unha lingua pouco apta para o emprego de terminoloxía científica, o Sergas insistía que o uso da versión en galego non ofrecía garantías legais nunha proba da importancia dunhas oposicións, na que os examinando se estaban xogando o posto de traballo. Concretamente, o punto 8 das instrucións para a correcta elaboración da proba dicía:
En caso de erro tipográfico ou de transcrición do texto editado en galego e o editado en castelán, do cuestionario bilingüe, prevalece este último aos únicos efectos da súa comprensión lóxica, sen prexuízo das aclaracións vinculantes que de viva voz poida advertir o tribunal durante a realización da proba.
Aclaro unha cousa. Este texto non aparecía na convocatoria publicada no DOG.Entregábaselle aos opositores no momento de realizar a proba porque ben saben os responsables do Sergas que este atropelo é ademais ilegal. Pois ben, non é a primeira vez que o fan.



O pasado 23 de xaneiro celebráronse en Silleda as primeiras oposicións do ano. Había convocadas, entre outras, 205 prazas de enfermería. Outra vez, na convocatoria desta oferta pública de emprego, non aparecía este insulto aos galego.
Veremos como ante esta animalada calará o presidente da Xunta, calará o conselleiro de sanidade, calarán tamén os de educación e cultura e outro tanto fará o secretario xeral de política lingüística. Ningún deles vai dimitir por esta razón xa que están aí para iso, para facer o que fixeron.

Ningún comentario:

Publicar un comentario