Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 10 de maio de 2016

Busco banco rendíbel: que atenda en galego

por Xaquín Campo Freire, no Sermos Galiza:


“Eu son”… un outro Balbino. Fun un rapaz da aldea. Coma quen dis un ninguén. E ademais son pensionista. Non teño aforros importantes nin se me perde ren en Panamá. Porén, teño unha moi rica herdanza. Un patrimonio considerábel pero moi vulnerábel: A lingua e cultura galegas. Con elas abrinme ao mundo, a todas as persoas e ás súas linguas e formas de expresión. E son dun pobo e teño un NÓS.
Podo dicir que a lingua abre os corazóns e facilita a expresión das emocións máis nidias, sobre todo cando estás a sufrir: Díxenlle “blogodaria”, grazas, en búlgaro e vin como se lle iluminaban aqueles ollos azuis cheos de bágoas. Aquel rapaciño entrara daquela ilegalmente en España. Expulsárono. Volveu clandestinamente. Pillárono e “chupou”, (dirían os das sañudas touradas), “6-SEIS-6”, anos de prisión día por día. Como gustaría eu de poder falar con cada quen na súa lingua. Polo menos esfórzome. Estou facendo un voluntariado no cárcere e, valéndome da internet, procuro aprender polo menos unha centena de palabras do outro ou da outra: “Coma a un irmán che falo”. Son as que coñezo tamén de caló por ter traballado dez anos cos nosos xitáns. En Francia vin chorar de ledicia aos meus paisanos emigrantes dos anos setenta cando podiamos falar días e días en lingua galega. Como bebían aquelas leccións elementais que eu lles daba seguindo “O galego na escola” de Xesús Alonso Montero, Anaya 1970.
Este é o meu inmenso capital: Saber o valor das linguas e das emocións que comportan, empezando, no meu caso, pola lingua galega. Teño memoria escrita dos meus desde 1810. Pero eles xa viñan de moi atrás, coñecidos polos “Xaquís do Campo”, “Os Xaquís de Roca”. Un amanuense desposuíu a meu bisavó do “do”. E ficamos empobrecidos toda a parentela descendente del. Hoxe somos “Campo”, sen máis. Ao perdermos o “do Campo” aló foi “o sermos oficialmente da aldea, rurais, do rus.” Xa somos moito menos. Porque “Campo”, a secas, pódeo ser mesmo un nacido entre sabas de fino tafetán. Nós, non. Nós somos “do campo”, da aldea, de sempre, e os nosos “sabos”, pequechos, que non sabas, meirandes, eran de liño e de estopa, ásperos, feitos pola madriña, a tecelá, a tía Sabina de Agramonte.
No ano 1963 abrín unha conta na Caja de Ahorros y Monte de Piedad de Ferrol. Despois chegou a ser Caixa Galicia e certamente adoptaron algo da nosa fala e mesmo patrocinaron, cos nosos aforros, cousas en galego. E logo pasou o que pasou: o grande roubo e os desfalcos.

E hoxe e aquí atopámonos, atópome, nos derradeiros anos da miña vida, novamente desposuído da fala. Non estou seguro que, nin polo civil nin polo eclesiástico, me poidan soterrar en galego como sempre vivín.
Sei moi ben, por vello, que sempre é mellor a pedagoxía do convencemento do que librar batallas inúteis de confronto coas persoas concretas cando como asalariados non son os responsábeis das decisións grandes. Por iso escribo isto, sen pelexar con ninguén.
Con toda corrección, pedín varias veces e en distintos sitios de ABANCA ser atendido en galego por escrito e oralmente. Poucas veces o conseguín nin na fala nin na escrita. E vai a menos. Está a desaparecer. Chámanlle morte doce. Sentinme ademais coma se eu estivese sendo un agresor, cando son o depositario dos meus aforros de pensionista. Cría que os cartos da pensión eran meus e eles xa tiñan así unha rendibilidade. Pensei que polo menos podía escoller o idioma da relación. Que inxenuiño es Xaquín de Roca! Non invento nada. Deixáronme caer que é política da empresa. E que tampouco sabían galego nin o ían aprender por catro abueletes. Non quero dar nomes nin os darei. Eu fun un traballador e moitas veces tiven de achantar coa “política da empresa”. Son solidario.
Por iso ando á procura dun banco rendíbel: que atenda en galego. Quen saiba del, dareille premio: Bicos na alma. Moitos bicos.
“Eu son Balbino”, un ninguén. E a miña pensión e os meus cartos nas entidades bancarias, non só nesta, descubrín que son insignificantes. Non significan nada en principio. Aínda que eles se engadan o nome de “galegos”. Por iso non teño dereitos. Só obrigas.
E a Xunta de Galiza, polo menos esta, está na mesma traxectoria e na mesma filosofía. No maio pasado escribín: “Carta aberta aos novos políticos sobre a lingua galega”. “A economía e a defensa da lingua non se exclúen.Todo o contrario. Incluso, sendo só utilitaristas, crea postos de traballo dentro e fóra do país e ábrenos as portas internacionais da grande lusofonía”. Faláballes da esperanza que me infundían, aínda que non todos. Por exemplo, non me fío nadiña do señor Feijoo. Fixo méritos abondo cos ataques desapiadados á lingua por moito que remende logo con palabras ocas o choros de man no peito. Os feitos desmenten os discursos: “Audis e decretazo antilingua”. Eses son os feitos.

Sabe alguén dunha banca onde poida ir eu coa miña modesta pensión e coa seguridade que, como tal entidade, defenda a nosa lingua e cultura? Cando foi a desfeita de Caixa Galicia non collín medo de perder o pouco que alí tiña. Hoxe síntome profundamente ameazado no meu multisecular patrimonio: A lingua e a cultura. E cáenme bágoas secas. Hai un libro de Lilí Álvarez: En tierra extraña (1954): Así estou eu na miña propia casa: ninguneado. Son ninguén.

Se perdo os aforros, podo gañar outros. Se se perde a lingua, e estase a perder, pérdese a alma colectiva. Nunca máis volverá a ser ela nin nós seremos nós. O meus herdeiros dese patrimonio serán xa outra “cousa”.
Canto lle quero a Neira Vilas por axudarme a identificarme: “Eu son Balbino”. Un ninguén. E lembro a meu avó con noventa anos, a pouco de morrernos a nosa nai sendo moi picariños: “A onde irás boi que non ares?” Pois eu quero arar e arar fondo en terra fecunda: Na Galiza dos meus.
Hai un slogan: “Fai xestos. Os pequenos xestos son poderosos”. Poderiamos unirnos en algo?

Dicídeme: Ula unha banca de nós?

Ningún comentario:

Publicar un comentario