por Pilar García Negro, no Terra e Tempo:
Hai cen anos. O mes de Maio de 1916 coñece a fundación das Irmandades da Fala, na cidade da Coruña, da man de Antón e de Ramón Vilar Ponte. Esta recordación fará o número ………….. (poña a leitora, o leitor, a cifra que quixer) das que se levan feito no que vai de ano andado. Esta que aquí figura quer pór a énfase nunha tríade conceptual e reinvindicativa que sela as credenciais deste movemento desde o seu nacemento: lingua; economía; institucións ao servizo da sociedade galega:
Coa restauración do galego, atoparemos a nosa redención. Proba disto é que os notarios, xuíces, empregados públicos, deputados, senadores etc. terán que ser mañá irmáns nosos, coñecedores das nosas cousas, esnaquizándose así o cunerismo vergoñento e as anomalías de hoxe, sobre todo na administración da xustiza. Entón os funcionarios servirán ao público e non este aos funcionarios, como ocorre na práctica. Ademais, daquela, surxirá a alma xenérica que nos falta, xerando o amor aos negocios da terra, á arte e á ciencia nosos, mudando, pouco a pouco, o traballo colonizado de hoxe en traballo galego. Así chegaremos a substantivar o sentimento en conciencia nacional, a organizar a diferenciación en realidade política e a trocar a protesta en intervención [actualizamos a ortografía e o vocabulario sen alterarmos para nada o contido].
Tal se definía A Nosa Terra, no seu número 2, no enunciado dunhas necesidades e duns obxectivos que continúan hoxe vivos: releamos esta especie de manifesto e perguntémonos se atina a definir o que nos manca aínda hoxe e o que nos cómpre.
Hai oitenta anos. 1936 marca unha desas datas en que a brutalidade da dependencia galega da política española se fai máis evidente e lacerante. Na dinámica da historia galega con vocación de tal, non estará de máis lembrar que o Partido Galeguista non chegou a ter nen cinco anos de existencia legal, o cal aumenta exponencialmente o valor e a transcendencia do traballo dos nacionalistas galegos de pre-guerra. Nacionalismo galego de que nunca demitira Antón Vilar Ponte (as súas intervencións parlamentares, por exemplo, así o certifican) e no que reingresa organicamente (en 1934), antes das eleicións de Febreiro do ´36 que o volven elexer deputado, xunto con Castelao e Ramón Suárez Picallo. Poucos días despois, o 4 de Marzo, faleceu na Coruña, sen, logo, poder desempeñarse como deputado e antes, por tanto, de coñecer -e padecer- a barbarie guerracivilista. É o Antón que xa en 1915 estaba a defender o dereito feminino ao sufraxio. É o que inaugura o nacionalismo galego -igualando significado e significante- en 1916. É o autor dunha valiosísima obra literaria e xornalística que ten a modernidade da cultura e a normalización da lingua como norte. É o que define o portugués como o galego oficial e modernizado. É o que clama por que a Galiza deixe de ser colonia do Estado. É, en fin, o que lamenta, como galego e como nacionalista, non ter nada positivo que lle agradecer á República, nunha constatación de como a mudanza de rexime non trouxera cambio tanxíbel para a Galiza. O seu papel precursor e pioneiro era así lembrado por Castelao, na dolorida necrolóxica que publica n´A Nosa Terra: Cando eu me consideraba o derradeiro supervivente dun pobo suicida, chegou a min a voz alentadora dun escritor. Era Antón Vilar Ponte. A súa chamada tivo a virtude de xuntar a uns poucos galegos que non-os coñeciamos, pero que dende entón ficamos unidos por vencellos que somentes a morte vai rompendo…
Hai sesenta anos. Tal e como informa Camilo Gómez Torres, o grande estudioso da obra de Manuel María e autor da tese de doutoramento sobre el e sobre ela, un libro como Documentos persoais [Documentos personaes, na súa versión orixinal], publicado en 1958, xestouse, porén, en 1956, hai, por tanto, sesenta anos. Gosto de situar, na publicación deste volume, o inicio da segunda etapa na amplísima traxectoria poética do escritor. Coas necesarias cautelas derivadas dunha valoración que merece moito máis tempo e espazo, xulgo que o novo camiño temático e estilístico que abren os Documentos… -non só na bibliografía do escritor, senón na poesía galega toda- acadan o seu cume no Aldraxe contra a xistra, un longo poema unitario que só puido ser publicado por “Edicións Roi Xordo” en Xenebra, no ano 1973. Aquel “Carnet de identidade” que abre o libro de 1958 e que termina: Non teño máis tafega: / son unha homilde folla que salaia / na noite escura movida polo vento. / Eu son Manuel María, / un son tan só, lonxano e flebe, “reaparece” nos versos iniciais do libro editado na emigración: Tiña que ser precisamente eu: / a voz máis flebe e cativa / que deu o noso pobo, / a menos autorizada e harmoniosa / a que clama na tebra, / no deserto, / no ermo e no baleiro. O eu lírico séntese posuidor da chave do coñecemento: Teño o idioma / preciso / para entender / o significado / do amor, para ler no fondo / escuro do meu pobo. Este libro-poemario, fundamental na súa poética, contén versos que estremecen pola súa radical definición e pola súa vixencia: Esta é a nosa terra. / O lugar que / nos deron para nacer. / A patria que nós / escollemos / para vivir / e morrer. E repárese se non semellan escritos para o noso presente, para nós, galegas e galegos vinculados ao deber de proseguirmos o exemplo do grande escritor e do ilustre compatriota, os versos con que finaliza este longo poema: Úrxenos / tomar conciencia / de quen somos, / de decatarnos / onde estamos, / de saber cales / son os nosos / erros e edificar / con fe o mañá. / Úrxenos poñernos / de pé e camiñar. / Somos nós os que / temos que construír / con toda responsabilidade / a nosa Historia. / Claudicar é morrer.
Hai cuarenta anos. 1976 coñece a 1ª edición dun libro fundamental na bibliografía científica galega. É Conflicto lingüístico e ideoloxía en Galicia, de Francisco Rodríguez (desde a súa 3ª edición, Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza. Afilíase mesmamente aos principios que revelan os versos de Manuel María que acabamos de evocar e aparece sob o selo editorial Xistral, que tamén fundara o poeta. O colofón infórmanos de como saíu do prelo no 10 de Marzo daquel ano ´76, isto é, realiza a homenaxe póstuma aos obreiros mortos polas balas da policía franquista, en Ferrol, catro anos antes, en 1972. En 1980 publícase a 2ª edición, a cargo da mesma editora, nas vésperas do Día das Letras Galegas. Laiovento publica a 3ª edición en 1991, así como a 4ª, en 1998, e a 5ª, no ano pasado, en 2015 (con versión tamén dixital). Todas elas, con significativas engádegas e actualizacións. Esta, a edición hoxe viva, que convidamos a mercar e -se se nos permite a ironía- inclusive a ler, incorpora un expresivo subtítulo: “A situación do galego como síntoma”, que constitúe en por si unha sección enteira do libro, a derradeira, con vinte artigos publicados en diferentes meios entre 2008 e 2014. Estamos, pois, ante un volume de case trescentas páxinas, que xulgamos de consulta imprescindíbel en queréndomos enteirarnos do cerne da cuestión lingüística, da especificidade do conflito do galego, de toda a lousa de ideoloxemas falseadores ou encobridores da problemática lingüística, do relevo central que ela ocupa na socioloxía e na política galegas, no deseño, en fin de alternativas normalizadoras merecentes de tal nome.
Non coñezo, na bibliografía galega ad hoc, un libro que combine, como este o fai, rigor científico na conceptualización e na análise do problema lingüístico, clareza expositiva, honestidade interpretativa, modernidade na aspiración de futuro e valentía no diagnóstico do presente lacerado. Cualidades todas elas máis de agradecer cando se aborda o tratamento dunha cuestión tan luxada e maltratada como é a lingua que nos define e distingue como povo.
Ora ben, nesta recordación pomos o acento no valor dun contributo pioneiro e realmente premonitorio que naceu con non máis de sesenta páxinas, nun ano decisivo, 1976, auroral para tantas ansias de emancipación, paradoxalmente continuísta ao máximo do rexime formalmente finado. A Galiza daquel derradeiro cuartel do século XX precisaba imperiosamente un estudo como o que Francisco Rodríguez publicou. E dáse a cirucunstancia de que aquel núcleo, despois, como xa dixemos, lúcidamente continuado e reforzado, non envelleceu en absoluto. O seu esquelete argumental, 40 anos despois, segue vixente e apto para comprendermos a evolución posterior e a fortuna do idioma de noso.
As Irmandades da Fala, Antón Vilar Ponte, Manuel María, Francisco Rodríguez: elos da mesma cadea nutricia, a que nos define e reafirma como membros dun povo que quer ser e merece seguir sendo. Sen cantos de serea, sen estupefacientes. Coa vocación de recoñecérmonos nunha nación que poda exercer de tal e gobernarse a si mesma. Porque, como dixo a esclarecida voz de Manuel María: “Claudicar é morrer”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario