Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 28 de maio de 2016

Os pallasos e o galego

por Nerea Costa no Sermos Galiza:

Esta semana mentres comía cunha amiga, laiábase pola probable desaparición do galego. Dicíame con pesadume que despois da súa xeración ninguén ía falalo, que por moito que ela llo inculcase aos seus fillos, sabía que cada día seríamos menos galegofalantes até que non quedase ningún. Naquel momento sentinme como un dos últimos exemplares de mamut do mundo buscando alguén máis da súa especie para sentarnos a espera do final.
Dicía Castelao que se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma. O día que morra xa non seremos nada. O galego é a lingua da nosa terra, do noso pobo, por mal que lles pese a moitos, unha lingua que sobreviviu ao longo do tempo, malia que non foron poucos os intentos por facela desaparecer. Despois de ser asoballada durante a súa historia, parece mentira que sexa agora cando menos falantes ten. Agora que se ensina nas escolas, agora que se escriben máis libros en galego que nunca, agora que é a língua de moitos medios de comunicación, parece mentira que sexa este momento cando a vexamos esmorecer. Con dor, ollo cara á miña xeración, perdida entre teléfonos intelixentes e redes sociais que ironicamente nos volven pailáns e asociais. Asisto á morte electrónica do galego por mor do despego á língua e á cultura galega dos mozos e mozas

Somos a xeración mellor formada no noso idioma, sabemos da súa historia, da súa gramática, do seu vocabulario, escribimos e lemos en galego desde pequenos. Coñecemos a Castelao, a Rosalía e a Pedrayo máis de pouco nos serviu se nunca nos ensinaron o amor á lingua propia. De que nos valeu tanto esforzo se despois hai alguén que che di y yo para que quiero saber eso si no voy a hablar gallego en mi vida? Mais de que che sirve saber quen é Cervantes, Victor Hugo ou Shakespeare se nunca liches ningún dos seus libros? A língua non se aprende nun manual, apréndese a través da cultura, do teatro, da poesía, das novelas ou mesmo do cine… E isto nunca nolo quixeron ensinar.
Outros escúdense na pouca utilidade do galego, é dicir, que non o falan porque non serve para nada. Pois a lingua galega serve básicamente para comunicarnos, coma todas, dá igual que teñan dez, oitenta ou tres millóns de falantes. A suposta importancia dun idioma sobre outro non ten nada que ver co número de persoas que o falan, responde a cuestións puramente económicas e de poder dentro do escenario político mundial e isto foi así dende sempre. Cando no século XI e XII o galegoportugués era a lingua da cultura e dos xograres, seguro que ninguén se preguntaba pola súa utilidade. Na época de Felipe II, o castelán falábase por todo o seu imperio solleiro e, na actualidade, a lingua predominante é o inglés. Os cambios que se producen ao longo da historia, no prestixio social dun idioma, pouco teñen que ver coa súa función intrínseca.

E así reflexionando sobre os prexuízos do galego, que nos dan para encher dúas bibliotecas de Alenxadría, saímos daquela cadea de restaurantes baixo a mirada inquietante dun pallaso de perruca vermella. Somos especies en perigo de extinción e o noso hábitat estase vendo ameazado por bonecos de dudosa bondade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario