Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 11 de maio de 2016

O Quixote portátil, a SECC e nós

por Pilar García Negro, no Sesrmos Galiza:

Non hai político español que se precie que non teña a man algunha cita do Quixote (non galeguizo o nome; escréboo na súa grafía orixinal). Toca este ano, en que se celebra o cuarto centenario da morte do seu autor. Chámame a atención, porque sospeito que unha ampla maioría dos que o citan non o leron, mais, considerándose -cousa habitual- máis intelixentes, ou máis sabios ou, desde logo, máis habelenciosos do que o común dos mortais, non teñen reparo en levaren no peto, convenientemente preparada, a cita ad hoc, para soltárena no momento oportuno. A min daríame apuro citar algo que non lin, mais eu non conto, pois ando pola vella, son daqueles tempos en que se nomeaba algo coñecido por unha mesma e non preparado polo asesor correspondente (ou polo Google idem). Dáse así o caso de que o grande escritor veu a este mundo para subministrar, catrocentos anos despois, o verniz pseudocultural dos prestidixitadores de turno. Claro é que son eles os que se definen e non o antepasado que utilizan.
E falando de definir, chámame a atención igualmente como non se sacan a relucir unhas cantas evidencias clamorosas e algunha que outra tese moderna verbo da obra principal do escritor, cuxa 2ª parte cumpriu os catrocentos anos o pasado 2015. Enunciemos algunhas das primeiras. Os apelidos galegos-galeguísimos do escritor, Cervantes e Saavedra, antropónimos, como tantos outros, derivados de topónimos ben documentados. Que o dedicatario da segunda parte da novela sexa o Conde de Lemos, da máis antiga nobreza galega. Que o “lugar” do célebre e repetido comezo da novela se corresponda, á galega, cun lugar concreto, unha aldea, non, como adoita entenderse, como un lugar indefinido ou incerto (como pontualiza Francisco Rico). Que palabras como “vegada” ou como “frade” son galegas, por moito que se diga que podan ser castellano antigo. Que “tarde piache” (Sancho, no cap. LIII da 2ª parte) é un refrán galego-galeguísimo, non desagregábel en dúas palabras como fai o xa mencionado Francisco Rico, autor da edición canónica da novela.

Sobre o contexto histórico e o valor da novela. É aventurado pola miña parte facer xuízos críticos sobre uns idem que non coñezo no que teñan de novidade deste ano, mais sorpréndeme non ter lido ou escoitado mencionar que a obra se escrebe e publica sob unha censura ferreña, como todas as editadas na España da época. É esta censura a que condiciona e explica a xenial escolla cervantina (ao igual que os mortos xa non poden ser reprimidos, as marxes de liberdade son máis largas no caso dos tolos): cómpre valerse dun “non-normal” para metaforizar a profunda anormalidade da ortodoxia imposta. Só un disidente da única visión-percepción tolerada está en condicións de a cuestionar, a risco da súa propria tolemia. Por fóra e por baixo de toda a restra de fracasos continuados, a dupla perspectiva fica en pé; o relativismo psicomoral aboia naquel mar de represión, crueldade e clasismo. En segundo lugar, a clase social do protagonista non é casual en absoluto. A fidalguía rural xa non “pinta” nada na España do tempo, face á aristocracia cortesá e á nova riqueza indiana. A tan pregoada “loucura” ou secura do cerebro non é senón a alegoría dunha clase social residual que só pode ser alimento da literatura (a contraépica do fidalgo da novela picaresca ou a invención de Cervantes), porque na vida económica e social perdeu todo o relevo. É só pasado e aparencia. Non hai determinación política, pois o poder reside noutra parte, mais tamén non hai produtividade, non hai traballo, pois vívese das limitadas rendas da terra. Esta irrelevancia social, este inmobilismo, son o caldo de cultivo propicio para que a imaxinación bote o resto, para que se disolva a divisoria real / fantástico, para, en fin, lanzarse a executar unha xustiza poética que endexamais sería posíbel na vida real.

E tamén me estraña que non se teña comentado o magnífico discurso da pastora Marcela (cap. XIV da 1ª parte), para, entre outras cousas, poñelo en relación co explosivo “Lieders” de Rosalía de Castro, tal e como Salvador de Madariaga -a quen entusiasmaba o manifesto da nosa escritora- conectou no seu día. Yo nací libre, y para poder vivir libre escogí la soledad de los campos: así se pronuncia Marcela no seu alegato de defensa para encarar os que a acusan da morte de Grisóstomo, o pretendente que ela rexeitara. Este canto á independencia feminina e todo o seu discurso, perfeitamente enfiado e razoado, van atopar valedor en don Quijote, quen impede que a sigan polo cerrado do monte. 253 anos despois estas palabras resoarán de novo na prosa rosaliana.
A non-leitura dá para todo tipo de rotinas. Cervantes nunca escrebeu, na boca do seu heroi: “Con la Iglesia hemos topado”, tal e como se reitera en frase feita. Don Quijote di (cap. IX da 2ª parte): “Con la iglesia hemos dado, Sancho”, porque, con efeito, viran unha grande torre, a da igrexa principal da vila, un lugar físico, por tanto, non a institución. Mais esta non-leitura, no que toca á cultura española, sendo, como é, indicativa do reino da banalidade, da rotina, da superficialidade rampante, do ouropel sen contido nen interese crítico..., non dana o que si manca na nosa, na cultura galega. Sobran elementos de dominio superestrutural -político, mediático, institucional, financeiro, global...- para garantir a hexemonía e a pervivencia superior do español e do seu universo, a comezar polo necesario e funcional que é ao marco europeo e occidental. No noso caso, a non-leitura, a ignorancia inducida e mantida, a rotina non conxurada, a naturalidade con que seguimos a desprezármonos e a secundarizarnos ou a silenciarnos... é letal, porque non dispomos de nengún eficaz apoio ou amparo lexitimador e con capacidade de producir e reproducir elementos de autoestima colectiva, da que españois, bascos ou cataláns posúen de forma natural independentemente do seu grau de cultura formal.


4 millóns de euros foi a cantidade que a oficialidade española manexou para propagandear a conmemoración do ano Cervantes. ¿Canto dedicará a Xunta á celebración do centenario das Irmandades da Fala ou ao Día das Letras Galegas dedicado a Manuel María? ¿Canto seguimos a pagar as galegas e os galegos á ‘Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales’, que, desde o seu nacemento (2002) NON celebrou absolutamente nengunha personalidade, feito histórico, artístico, cultural... galego? ¿Que foi o que pagamos os galegos, en troca? Pasen e vexan. O V centenario da morte de Isabel a Católica. O 1º centenario da morte de Isabel II. O 500 aniversario da ‘Concordia de Villafáfila’. O VII centenario do manuscrito do Cantar de Mio Cid (aínda non se enteiraran da manipulación cronolóxica pidaliana ou da tese de ser esta peza tradución do árabe...). O bicentenario da “Guerra de la Independencia” (este aniversario é moi simpático: ¿de quen se independizaron?). Julio Caro Baroja, Ortega y Gasset, Picasso, a “Generación del 27” (outro invento!)... tamén foron obxecto de senllas conmemoracións. No ano 2005 (non por casualidade, segundo ano do goberno PSOE presidido por Rodríguez Zapatero) a SECC lembra e celebra o 1º centenario do “Institut d´Estudis Catalans”. Da Galiza, como xa dixemos, cero-cero-cero. Para variar... Todas as deputadas e os deputados polas circunscricións galegas presentes no Congreso na lexislatura que acaba de finar se pronunciaron ao respeito? ¿Algún tema cultural galego existiu nestes tediosos meses de barata e fútil representación? ¿A Galiza, no concerto estatal, só lle toca pagar o seu desaparecemento, o seu enterro?

Ningún comentario:

Publicar un comentario