De entre todas as pancartas que se vían na manifestación de Queremos Galego! do día de onte, destacaba sobre todo unha, a desta foto. Non era a máis grande, nin a de cores máis vistosas, pero era a que mostraba un maior sentimento. Ao vela puiden imaxinar como foi construída. O seu autor foi uns días antes a unha copistería a que lle fixeran unha ampliación do texto, preparou a montura, e sobre ela pegou con todo coidado a mensaxe. Meteuna no maleteiro do coche e paseouna, cunha actitude profundamente democática, polas rúas de Santiago ata chegar á Quintana. Pegaba un sol forte, pero el mantívose no seu posto ata o final, para que todo o mundo tomara conciencia da situación real da lingua galega, para poñer en evidencia unha política lingüística de agresión ao galego. De veren esta imaxe, pregúntome cal será o sentimento que lle percorre o corpo a persoas como Valentín García, Román Rodríguez ou Núñez Feijóo.
Un momento máxico
Na parte positiva, e falando da manifestación, para min houbo un momento realmente máxico. Cando entraba na Praza da Quintana, completamente ateigada de xente, Mini e Mero comenzaban a tocar O carro. Toda esa masa de xente, cunha soa voz, cantaba a letra da canción. Manuel María había de estar orgulloso de todos os que alí estabamos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario