Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 15 de maio de 2016

Os colos

por María Cobas, en La Voz de Galicia:


Hai quen vive en Galicia e despois de 10 anos vivindo aquí, aínda che di que non entende o galego. Que digo eu que aínda que só sexa por costume, algo a orella debería acostumarse xa... Pero aínda é peor cando os que naceron e viviron sempre aquí (e teñen avoa na aldea) din que nunca o falaron. Non creo que esa avoa non fale galego. A tristura ao constatar que a nosa lingua está lonxe de ser a lingua de todos, faise algo máis pequena ao atopar no camiño a xente coma Manuel Valdés; a aquel neno que saíu de Sacardebois con pantalóns curtos, e que facendo radio en galego chegou a ter case medio millóns de ouvintes. ¡E en Cataluña! Conta que nunca se lle pasou radiar noutro idioma, que para algo era a lingua que se falaba en todas as paradas de taxi de Barcelona nalgún tempo. ¡Mi madriña, hai esperanza! Porque iso non pasa agora nin en Galicia. Quizais sexa certo iso de que fóra da casa botas de menos o teu, aquilo que te devolve un intre á casa, e daquela dáslle a importancia que ten. A morriña que tanto nos acompaña, pode ser a esperanza dunha lingua que non se fala. E iso a pesar das palabras tan feitiñas que ten. ¿Que sería do mundo sen aloumiños? ¿E sen agarimos? ¿Que sería dun cativo sen os colos da avoa? ¿Que sería de nós sen os bicos? Sen as bolboretas... Incluso sen o pan reseso. Somos o que somos pola lingua que temos. Esa que reivindicamos cada 17 de maio e cada 25 de xullo, pero que despois moitos aparcan nun caixón durante o resto do ano. Nunca din eu a entender a razón. Por máis que esmago os miolos, non son quen de entendelo. Será que eu medrei no colo dos meus, e os meus queren en galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario