Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 6 de maio de 2016

Manuel María vai pola vila

por David Otero, en La Voz de Galicia:

Foron moitas veces as que o poeta Manuel María (a quen se lle adican as Letras Galegas deste ano) estivo na nosa vila da Estrada. Que recorde as veces máis salientables forono as moitas na AC A Estrada, tamén por cando o tema da nosa Lingua no Colexio do Foxo, na manifestación que houbo na vila, nas Xornadas de Manuel García Barros, por cando quedou deserto o Premio Literario e coido que a última foino por cando as alegacións e argumentos veciñais ao encoro de Arca.
Manuel sempre tivo relación coa nosa vila e moi en especial tamén a tivo entre outros con Xosé Porto Matalobos e por moitos motivos e encontros, fundamentalmente polo Pedrón de Ouro e a través da Asociación de Escritores en Lingua Galega da que ámbolos dous foron fundadores, dandolle continuidade á creada en 1936 e na que daquela figuraba como membro directivo Don Manuel García Barros.
Pois ben… agora neste maio florido, galego e estradense, Manuel María nesta semana sae ás nosas rúas. Falaremos del desde as súas «Rúas do Vento Ceibe» e iremos pasando, local por local, casa por casa, pola súa obra de maneira respectuosa e digamos tamén militante neste noso pobo do galego.
Varias son as propostas que se levarán a cabo e delas poñeremos a destaque a da Feira do Libro, a do Clube de Lectura e a da A.C. Vagalumes. Esta última farao , desde «Os soños na gaiola» ata as demáis, o sábado día sete a través de tendas, comercios e locais hosteleiros, e en cadanseu lugar leranse tres poemas de Manuel María por mozas e mozos, mulleres e homes, deste noso pobo.
O idioma é a vida, dixo Manuel. Levémolo pois nos nosos corazóns pola vila a toda honra e a todo respecto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario