Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 8 de maio de 2010

A última físgoa

Reportaxe de Galicia Hoxe sobre o último chanzo do pre-decretazo antes da súa previsible aprobación.

O Consello Consultivo de Galicia iniciará este luns a súa análise do Decreto do Plurilingüismo que promove Alberto Núñez Feijóo para substituír o texto actual, realizado polo bipartito. O seu informe definitivo podería facerse público antes do 17 de maio, Día das Letras Galegas, e xornada que este ano conta cunha axitada mobilización contra o decreto de Feijóo.

De momento, non trasluciu ningunha posición particular dos membros do consello, que no seu día emitiu un informe en contra o decreto do bipartito. Soamentes a presidenta do órgano, Teresa Conde-Pumpido, indicou que existían algúns puntos escuros no texto presentado por Feijóo.

En calquera caso, todo parece indicar que o informe definitivo do Consello Consultivo mirará moi de preto o documento elaborado polo Consello da Cultura Galega (CCG). Esta postura parece a máis coherente despois de que un dos membros do organismo, José Antonio García Caridad, formase parte do grupo de especialistas ao que o CCG lles encargou redactar ese documento.

O informe do Consello da Cultura foi negativo co texto proposto pola Xunta, o cal non impediu que Feijóo anunciase que seguiría adiante coa súa proposta porque era unha promesa electoral. Tampouco foi favorable o informe da Real Academia Galega (RAG) e o propio Consello Escolar de Galicia -o máximo órgano da comunidade escolar- botouno abaixo por unha ampla maioría. Nestes casos, tampouco o presidente quixo oír as críticas.

O Consello Consultivo, como o seu nome indica, non ten ningún tipo de peso decisivo, polo que a Xunta pode facer oídos xordos ao seu informe e proseguir co decreto malia as protestas. O bipartito, porén, corrixiu boa parte das propostas que o organismo lle facía ao articulado, como subliñou no seu día a entón conselleira de Educación, Laura Sánchez-Piñón.

O Consello un órgano consultivo, de carácter técnico xurídico, creado pola Lei 9/1995, do 10 de novembro, de Galicia, que está ao servizo das administracións públicas da Comunidade Autónoma, e que, igual que outros órganos semellantes existentes no noso país -Consejo de Estado ou consellos consultivos autonómi- cos-, ten como fin último velar pola legalidade dos actos e as disposicións administrativas e, en xeral, pola observancia da Constitución, do Estatuto de Autonomía de Galicia e do resto do ordenamento xurídico.

Que se conmemora exactamente o Día das Letras?

por Francisco Xosé Rei García, en Terra e Tempo
Teño para min, aínda a risco de non concordar con outras moitas posíbeis lecturas -a comezar polas que ofrecen os libros de texto escolares ao uso- que ven neste feito un adianto cualitativo ou un máis ou menos tépedo "paso adiante", que non se trabucou o franquismo ao "consentir" certa celebración de carácter "cultural" -na versión máis estereotipada e cousificada do termo- cada 17 de maio, instituído desde 1963 como Día das Letras Galegas, para conmemorar a publicación dos Cantares Gallegos rosalianos. Foi esta, ao contrario, unha concesión meditada e planificada, dirixida certamente a centrar toda empresa galeguizadora na cómoda dimensión homenaxística, testemuñalista, e desactivar así calquera pretensión máis reivindicativa, popular, crítica co statu quo da nosa lingua e cultura nacionais e, por tanto, transformadora. Decisión equiparábel, en suma, á de non disolver a Real Academia Galega, nin Cántigas da Terra, nin Toxos e Froles nin outras expresións organizadas con anterioridade ao golpe de estado de xullo de 1936. Abondaba simplemente con "adaptalas" á lóxica "regional": desvirtuado folclore, desdebuxado enxebrismo, falso tradicionalismo bucólico e, por que non, desvincular por enteiro calquera asociación ou binomio galego=modernidade.

Andando os anos, semella moitas veces como a conmemoración oficial (e, en moitos casos, oficiosa) do chamado "Día das Letras Galegas" non deu saído aínda do labirinto que a maquinaria franquista lle deseñou a medida. Seguimos a reproducir o mesmo esquema -ou non moi outro -daquela concesión graciosa que o réxime tivo a ben facernos a nós, pobriñas e pobriños galegos, para que unha vez no ano festexasemos o vernáculo, sempre a condición de deixármolo estar os outros 364 días do calendario, que para iso xa está o español.

Cada vez que se aproxima o 17 de maio e xorde, cada ano, como se o tempo non pasase, todo ese ronsel de concursos literarios (promovidos, por exemplo, por centros comerciais que o resto do ano exclúen, desprezan, ignoran ou prohiben o galego ou teñen reducida á mínima expresión a nosa literatura nos andeis das súas seccións de libraría), de actos, de actiños, de homenaxes, de discursos, sinto a necesidade de reflexionar e preguntarme, por exemplo, se ten sentido limitarmos en exclusiva ás letras, á produción literaria, a difusión e a homenaxe que este día lle facemos supostamente á nosa cultura. Son as letras a nosa única industria cultural? E aínda algunha outra reflexión: estamos certas e certos de que é positivo asociarmos tan excesivamente lingua e literatura, como se a literatura fose o compartimento estanco no que a lingua se move como peixe na auga, como se non houbese outros moitos ámbitos sociais a traballaren en lingua e coa lingua?

Lembro á perfección dous detalles que durante moito tempo tiven asociados á celebración/conmemoración das exequias fúnebres... digo, dispensando, do Día das Letras Galegas: a primeira, é a dunha miña familiar, á que fora visitar á súa casa sendo eu aínda moi novo, precisamente, un 17 de maio á tarde. Malia a miña pouca idade, recordo a miña estupefacción perante a súa autosatisfacción: "hoxe lin un libro en galego". Igual de autosatisfeitos andarán en certas redaccións xornalísticas que en día 17 deste mes tamén se permiten publicar en galego as súas portadas, por máis que o idioma siga a ser logo, na práctica, tan invisíbel como sempre, malia as cuantiosas subvencións outorgadas.

A segunda anécdota, a da típica reportaxe con entrevistas na rúa, a viandantes variados, emitida por unha televisión local xa hai algúns anos: que fai vostede para conmemorar o Día das Letras Galegas? Eran, por certo, varias as preguntas que lles facían e sirva como estado sintomático da cuestión que ningún deles -a comezar polos máis novos -sabían nomear unha soa obra de Castelao. Todo o máis, sabían dicir que "contaba chistes", como explicou con moi boa intención unha señora.

Afortunadamente, o nacionalismo político, cultural e social organizado foi o único que analizou e denunciou con contundencia o efecto anestesante, narcótico, do 17 de maio e a letal carga para a saúde e o futuro dun idioma condenado a ser visto, ouvido, homenaxeado, santificado...dentro dunha urna de cristal, non vaia ser que lle dea por medrar ao seu xeito.

Conclúo coa convicción de que, aínda que sexa aos poucos, estamos a rectificar a nosa historia. A aposta decidida dos últimos danos por intensificar a carga reivindicativa en favor dos nosos dereitos lingüísticos xa fai inescusábel que sexan coñecidos socialmente "outros xeitos" de vivir o 17 de maio. O labor desenvolvido pola Mesa pola Normalización Lingüística, co apoio doutras organizacións, ou o nacemento da Plataforma cidadá Queremos Galego, están a conseguir estender a certeza de que todos os días poden ser de reivindicación mentres a nosa siga a ser unha lingua mortificada, de que todos os días poden ser 17 de maio.

Aínda que xa houbo manifestacións importantes, culititativa e cuantitativamente, en 2008 e 2009, este 17 de maio próximo chega nun contexto ben adverso para a nosa lingua e para a nosa cultura. Á homenaxe choromiqueira da etapa fraguiana sucédelle agora o desprezo, o desleixo, o desmantelamento máis evidentes. Sobran as razóns para a acción, para a reivindicación. No 17. Sempre, e mais despois.

O decretazo é lamentábel

O da foto non para, declaracións ao Xornal de Galicia, en Vieiros destacan a presentación do seu libro En castellano no hay problema, e tamén o que reproducimos aquí, unha entrevista a Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización, en Galicia Hoxe

O presidente da Mesa pola Normalización, Carlos Callón, acaba de reunir os seus artigos dos últimos anos no libro En castellano no hay problema (Xerais), que presentará mañá ás 19.00 horas na Feira do Libro de Santiago con Pilar García Negro, profesora da UDC e Caetano Díaz, director de GALICIA HOXE, xornal no que vén publicando os seus artigos dende 2008.

Dis no prólogo que é importante que cada falante se active e reclame o seu dereito a vivir en galego. ¿Falta mobilización social?

Nos últimos tempos, e especialmente desde a entrada na presidencia da Xunta de Núñez Feijóo, hai un crecemento visíbel da consciencia lingüística. O aumento da agresividade contra o noso idioma supuxo unha resposta social que, se a logramos afianzar, pode ser o comezo do proceso de revitalización real do galego. Hoxe hai máis xente consciente de que os falantes de galego tamén deberiamos ter os mesmos dereitos lingüísticos que as persoas que falan en castelán e máis xente disposta a moverse para que a lingua galega viva e perviva. Agora ben, ben sei que queda moito camiño por andar e que a todos os galegos e a todas as galegas nos toca decidir o futuro do noso idioma e da nosa cultura.

¿O mito da "imposición" do galego danou a súa consideración social?

A idea da imposición forma parte do argumentario habitual cando os grupos máis poderosos e reaccionarios queren evitar a igualdade social, non só no tema da lingua. Presentan o mundo ao revés, aos oprimidos como opresores. Por exemplo, se se aspira a que as mulleres e os homes teñan os mesmos dereitos, desde o machismo farase ver que as mulleres ocupan todos os lugares de poder... cando a realidade é que unha muller segue a ter máis difícil o acceso a un posto de traballo cualificado e cobra menos que un home. Non é ese o mesmo esquema da "imposición del gallego"? Non hai igualdade xurídica para quen utiliza o galego, mais desde os altofalantes do poder véndesenos outra realidade: todo está en galego, a xente non ten acceso á información en castelán...

Un dos argumentos que usan os detractores da Mesa é que a asocien ó BNG, ¿que opinas sobre a vinculación do nacionalismo co galego?

A Mesa é unha asociación apartidaria e, aínda que non imos negar que a maioría dos seus membros probabelmente sexan nacionalistas, ten afiliadas e afiliados que militan nos tres partidos con representación parlamentaria ou noutras formacións políticas con representantes a nivel municipal ou, tamén, claro, en ningunha. A Mesa ten vocación de casa común de todas as persoas que teñan sensibilidade polo idioma galego e aspira á unanimidade social na súa defensa, por iso promove e coordina Queremos Galego, a cuxas chamadas asiste toda a sociedade galega organizada excepto o PP, que se autoexclúe. Moitas veces acúsase de "politizar" ou "apropiarse" da lingua a quen a defende. É algo que fai decote o presidente da Xunta. A ver se Núñez Feijóo se aplica o conto e se "apropia" un pouquiño do galego! Convidado está!

A poucos días para que se celebre o 17 de Maio, é necesario repensar o Día das Letras? E a RAG?

Penso que é bo que se consolide que o Día das Letras sexa unha xornada para saírmos á rúa, celebrarmos que temos unha lingua propia e mobilizármonos na súa defensa. Agora a cuestión é vermos se somos quen de consolidar aspectos que se foron corrixindo nos últimos anos. A RAG ten moitas cousas aínda por mellorar, mais está a ollos vista que se encontra nun dos mellores momentos da súa historia. Hai un antes e un despois da valente defensa do galego que realizou Xosé Ramón Barreiro diante do propio presidente da Xunta. Esta centenaria entidade ten catro retos a curto prazo: consolidar o seu aplaudido papel institucional de defensa do galego, abrirse e fomentar as relacións co sistema lingüístico ao que pertencemos (non me refiro só a nivel de estándar, que tamén), garantir unha representación plural das voces que conforman a cultura galega e corrixir de forma urxente a infrarrepresentación das mulleres. A verdade, non entendo como se pode seguir nomeando académicos varóns cando as mulleres, que teñen tantísimo peso na vida cultural galega, case non ocupan asentos na RAG.

O Decreto vai ser unha realidade en breve, ¿Como afectará á convivencia nos centros educativos?

Como docente, sei da dificultade para conseguir nalgúns centros que o alumnado utilice o galego cun mínimo de corrección e fluidez mesmo na materia de lingua e literatura galega. "Es que non me sale en gallego...", é a queixa dalgúns rapaces e dalgunhas rapazas e, ao final, tes que centrarte en mellorar as súas competencias comunicativas e non podes dar a materia planificada como quererías. Que, tendo este problema, a Xunta aínda queira diminuír a presenza da nosa lingua, mesmo coa posibilidade de expedientar ao profesorado que a use nalgunhas materias, é lamentábel. Máis aínda cando queren impor este decretazo sabendo que teñen o rexeitamento de todas as institucións culturais do país, do Consello Escolar de Galiza, de todos os sindicatos, de toda as organizacións estudantís e -excepto unha, vinculada ao PP- de todas as asociacións de nais e pais.

"A QUEN LLE PROIA, QUE SE RAÑE"

"Os ataques á Mesa reforzáronnos, somos máis e non imos calar a boca"

En 2002 asinas un texto no que pedías un Acordo Nacional sobre a Lingua. ¿É necesario volver hoxe a reclamalo?

Penso que o acordo nacional existe e está concretado nos consensos aos que chegamos entre todas e todos, en especial o Plan xeral de normalización da lingua galega e a Carta europea das linguas. O problema é a súa aplicación, claro. E o problema é tamén se o PP algún día cumprirá os acordos aos que chega. Porque aquí parece que só están dispostos a asinar documentos en defensa da lingua galega se despois poden impedir que o alí escrito se poida levar á práctica.

A polémica do "L" no topónimo da Coruña, ¿foi un dos casos que máis desgastou a Mesa?

Hai grupos de poder que nos poden atacar por defender o galego, porque quererían que non houbese ferramentas colectivas para protexelo. Mais a verdade é que cada vez que A Mesa dá a cara contra as agresións, o apoio social á nosa entidade aumenta. A nosa batalla cívica para que o Concello da Coruña cesase nos seus ataques contra a nosa cultura e cumprise o Estatuto de Autonomía e a Lei de normalización lingüística foi dura, mais non hai dúbidas de que foi útil socialmente e serviu para demostrar que A Mesa non só se queixa, senón que tamén consegue resultados.

Denuncias a demonización e criminalización da Mesa ou o maltrato da Xustiza con Queremos Galego. A que cre que se debe?

Nos seus case 25 anos de historia, A Mesa nunca tivo tantos ataques como nos últimos tempos, con calumnias gravísimas e, en ocasións, verdadeiras situacións de indefensión. Mais esta agresividade tamén se volveu como un búmerang contra quen a lanzou, porque tales ataques reforzaron A Mesa como a maior asociación cultural de Galiza, case con 5.000 membros, dos cales case 500 forman parte desta casa común desde o último ano e medio. E a quen lle proa, que se rañe, porque imos ser aínda máis e non imos calar a boca.

venres, 7 de maio de 2010

Lavoisier en galego

















O pasado mes de novembro celebrouse no noso centro o XXII Congreso de ENCIGA (ENsinantes de CIencias de GAlicia), Manuel Bermejo, é un dos seus directivos e por esa razón estivo en Silleda en moitas ocasións últimamente. Nese Congreso presentou unha ponencia titulada Lavoisier en galego, na que presentaba unha tradución ao galego do Traité Elementaire de Chemie do precursor da química moderna. Con esta presentación macábase a boa dirección: as ciencias en galego,o ensino en galego, e a punta de lanza da investigación en galego.
Bermejo, como responsable das probas da selectividade, volveu ao noso centro no mes de febreiro e impartiu unha charla sobre esa temida proba, tal e como vedes nunha das fotos.
Agora deixamos aquí unha entrevista que lle fixeron no Cartafol da USC.

Hai poucos docentes na USC cunha traxectoria tan longa de uso do galego no eido profesional. Comezou a dar aulas na nosa lingua cando ninguén o facía e nunha facultade en que aínda hoxe poucos o fan. Manuel Bermejo é catedrático de Química Inorgánica e nesta entrevista debulla os seus case 40 anos de uso e defensa do galego na Universidade.
Tomou a decisión de dar as súas clases en galego hai xa moito tempo...
Debeu de ser no ano 72. Foi a raíz dun enfrontamento que tivemos na Xunta de Facultade. O decano pretendía que se traducise do galego ao castelán unha memoria de licenciatura que presentaba un dos meus alumnos. Eu secundei a proposta do decano pero propuxen que a partir de aí todas fosen en bilingüe: esa ía traducirse ao castelán pero as demais terían que traducirse ao galego. E que en tanto en canto non se conseguise o 50% de aulas en galego, eu negábame a dar clase outra vez en castelán. E desde entón.
Se agora se imparte un 5,21% de docencia en galego en Química, daquela...

Naquela época o único que daba clase en galego era eu, aínda que na Xunta de Facultade empregábano algúns compañeiros máis. Aquí en Química ningún decano fixo nada polo galego, a pesar das moitas preguntas e interpelacións que fixen ao longo dos anos. Preocúpalles o inglés, pero non a nosa lingua.
Ano 72, últimos coletazos do franquismo. Daquela impúñase o castelán?

Non che permitían dar as clases en galego, que era unha maneira de impor o castelán. Lembro que naquela época os reitores da USC, Garrido primeiro e David Suárez Núñez despois, facían chistes sobre como explicaba eu a química inorgánica. Sendo representante na Xunta de Goberno cuestionáronme como se podía explicar a enerxía nuclear en galego. Entón empecei a explicar unha lección sobre a constitución do átomo integramente en galego.
E agora din que se impón o galego.

Esas son as parvadas que din sempre os políticos, sobre todo aqueles que son inimigos das linguas. Non hai nada máis que entrar nesta Facultade e ver como se fala moito menos galego na actualidade que na década dos 70. E estamos falando dunha época no que o castelán estaba imposto.

Tivo algún problema á hora de dar clase en galego?
Nunca. Nin unha queixa, nin unha denuncia, nin nada. O alumno é diferente. O que mide é a calidade e a capacidade do profesor. Incluso cos alumnos de España que tiven ao longo da carreira non houbo problema ningún. Eu daba a clase en galego e logo, se querían, no despacho empregaba o castelán para todo aquilo que non entendían.
E agora cos “Erasmus”?
As clases recíbenas en galego, como todos os demais. Xa nos 70 tiven alumnos palestinos ou libaneses que facían os exames en francés. No despacho falabamos na lingua que fose e dáballes materiais específicos para que non tivesen ningunha carencia.
Á hora de dar clase de química en galego, hai problemas co léxico?
A comunicación da ciencia é distinta. A linguaxe que empregamos está cimentada sobre o grego e o latín, de xeito que as palabras que utilizamos son moi semellantes en todas as linguas romances. Na miña especialidade teño que empregar con frecuencia o inglés, o francés, o italiano ou o portugués, e hai moitas palabras que son iguais.
Vostede elaborou o primeiro léxico de vocabulario científico.
Si, pero era un traballo moi pobre. O seguinte, que foi elaborado por xente da Facultade, é moito mellor.
Daquela esa xente que se escusa nesa falta de vocabulario para non dar a clase en galego...
Iso é unha falacia. Non hai ningunha dificultade para nós, cunha lingua romance, para entender a linguaxe científica. É máis, cando o meu grupo de investigación asiste aos congresos onde estamos portugueses, italianos, romaneses, alemáns, franceses... non empregamos case nunca o inglés. Preferimos usar a nosa fala porque nos entendemos perfectamente entre nós. O que se atopa descolocado é o pobre inglés. No mundo da química, aqueles que dominamos unha lingua romance témolo moi doado para nos comunicar.
Na publicación da investigación cambia a cousa, non?
Aí só en inglés. Agora xa nin francés, nin italiano, nin castelán... Só os alemáns manteñen un reduto, pero moi pequeno. De feito, as revistas científicas en español desapareceron. Agora o que queda son revistas de divulgación.
Valórase máis un traballo publicado en inglés que en galego, aínda que a calidade sexa a mesma?
Si, sempre foi así. De feito unha das pelexas que tiven na miña agregación foi cos catedráticos que me xulgaban, que non entendían por que escribía artigos científicos en galego se, segundo eles, ninguén os podía ler.
Vostede foi e aínda é director de moitas teses de doutoramento e memorias de licenciatura, e unhas cantas, en galego.
Ese é un traballo e unha decisión de cadaquén. Eu non lle impoño aos meus nenos a lingua na que teñen que facer as súas teses. Hainas en galego e hainas en castelán. A estrutura, a disposición, os espectros... non hai diferenza entre linguas. A crenza errónea de que non se pode escribir en galego só se desfai cando se compara con teses escritas noutras linguas. Son iguais.
Existe a responsabilidade do profesor de transmitirlle aos seus alumnos o valor da lingua?
Non é que se poida falar, e que se debe falar. Do contrario estase contribuíndo a un linguicidio, estase a rematar coa lingua do país. Non é certo que os meus compañeiros de facultade non saiban falar galego: comigo fálano, pero non se atreven a dar o paso en público. O que hai que facer é cambiar o chip. Estiven en comisións de normalización lingüística con diferentes reitores e non serviron para nada. Séguense redactando normativas de mínimos para galeguizar, pero o único xeito é obrigar ao profesorado a que dea ese paso. É a única posibilidade que temos de que o galego se incorpore ás nosas áreas. Temos unha responsabilidade social, porque os alumnos de hoxe van ser mañá mestres doutros alumnos, tanto na universidade como no ensino secundario. Se non saen de aquí preparados para dar as clases en galego, como van facelo cando se atopen nunha aula diante dos estudantes? Por estas razón hai xa uns 25 anos un grupo de alumnos meus montamos a Asociación de Ensinantes de Ciencia de Galicia (ENCIGA), que fai traballo de divulgación científica e todo en galego.
Falando da divulgación, vostede traballa a historia da ciencia en Galicia...
Como non existe na nosa Universidade, estou a intentar que se impartan materias de historia da ciencia, xa que os alumnos pensan que a ciencia se inventa nun momento dado da historia e non grazas á acumulación de coñecemento ao longo do tempo. De feito montamos un terceiro ciclo da historia da ciencia e da tecnoloxía. Dedícome a traballar e divulgar a historia da ciencia e a facer exposicións de carácter didáctico, que é outro xeito de dicirlle á sociedade para que serve a ciencia.
E a pesar de todo este traballo que está a facer de asociar ciencia ao galego a nivel docente, investigador e de divulgación, aínda hai xente que di a nosa lingua non é válida para ensinar química.
Contra eses non se pode facer moito máis que darlles o argumento de que hai moita xente por aí dando química en galego. Só en ENCIGA somos máis de 800 socios de diferentes disciplinas científicas.
Desde o 72 que comezou a dar clase xa van alá 38 anos. Que mudou desde entón a respecto do ensino en galego?
O cambio foi sinusoidal. Despois da morte de Franco prodúcese un aumento do interese polo ensino en galego. A tendencia das décadas seguintes foi ir aumentando até que chega este goberno. Recentemente houbo unha involución, especialmente con este novo decreto.
Que se pode facer?
Cambiar o goberno. Non queda outra saída se é tan belixerante coa lingua. A potencia de dominar os dous idiomas que se falan en Galicia permítenche poder comunicarte con centos de millóns de falantes, grazas tamén ao portugués. É un atraso que este goberno non teña máis luces que deixarse guiar por unha xente que é inimiga visceral da lingua. Cómpre volver a un punto de concordia. As linguas son o máis importante invento da humanidade para poder transmitir coñecemento, comunicarnos uns con outros, compartir e crear. Se se utilizan para destruír, como fai este goberno, mal asunto.
E na universidade?
A ver se antes de que me xubile se desenvolve o Plan de Normalización Lingüística! Esta é unha obriga do novo equipo de goberno que saia destas eleccións, xa que os anteriores foron uns auténticos inútiles en tema de lingua.

26945.2

por Duarte Romero Varela, no Cartafol, edición dixital da USC
O pasado 15 de abril de 2010, o Instituto Galego de Estatística fixo públicos os principais resultados relativos a Prácticas Lingüísticas recollidos na edición de 2008 da “Enquisa de condicións de vida das familias. Coñecemento e uso do galego”.

En 2008 o 30% dos galegos falaba habitualmente sempre en galego, 13 puntos menos que en 2003. As ganancias leváronas o grupo que fala máis galego ca castelán (subiu 8, 3 puntos, ata situarse no 26,4%), o grupo dos que habitualmente falan máis castelán que galego (subiu 3,8 puntos ata acadar o 22,5%) e o dos que falan sempre en castelán, que subiu 5 décimas ata o 20,1%. As provincias de Lugo e Ourense son as de maior porcentaxe de poboación que sempre fala en galego: un 40,3% e un 41,9%, respectivamente.

O uso do galego é desigual dependendo da idade da poboación. Deste xeito, o 52,9% dos galegos de 65 ou máis anos fala habitualmente só en galego e un 25,6% utiliza máis o galego ca o castelán. Pola contra, entre os rapaces e rapazas de 5 a 14 anos, o 15,3% fala habitualmente sempre en galego, o 20,9% máis en galego ca castelán e o 63,9% restante utiliza sempre o castelán ou máis castelán ca galego.

Case 47.000 galegos que habitualmente falaban só castelán ou máis castelán ca galego pasaron a falar só en galego ou máis galego ca castelán, ben por decisión persoal (51,5% dos casos) ben por motivos de traballo (28%), como razóns principais.

Por outra banda, o número de galegofalantes (só ou maioritariamente) que pasou a falar só castelán ou máis castelán ca galego foi de 67.856. Tamén as principais razóns son decisión persoal (33,8%) e motivos de traballo (26,9%).

O 54,1% da poboación galega sabe falar moito en galego en 2008, o 35% bastante e o 10,9% restante pouco ou nada. Os que din sabelo falar moito diminuíron con respecto ao ano 2003, en 13,8 puntos, practicamente os mesmos que subiron as persoas que o saben falar bastante. O 45% dos rapaces e rapazas galegas de entre 5 e 14 anos saben falar moito o galego, o 38,6% bastante e o 16,4% restante, pouco ou nada. As porcentaxes máis baixas de persoas que saben falar pouco ou nada en galego rexístranse nos grupos de máis idade; un 9,7% na poboación de entre 50 e 64 anos e un 7% para a de 65 ou máis anos.

A familia é onde máis se aprende a falar en galego: o 83,2% dos galegos de 5 ou máis anos que o saben falar aprendérono así. A idade resulta un factor clave: mentres que o 95,1% dos galegos de 65 ou máis anos aprenderon a falar o galego a través da familia, só o 69,9% dos rapaces e mozos de 5-29 anos o aprenderon na casa; para a infancia e a mocidade actual a escola é o medio máis habitual para aprender a falar en galego.

Como nunha funesta predición, un grupo de xente dedicouse a espallar por Galicia adiante o número 26945: durante meses puidemos ver esta cifra en pintadas en muros, adhesivos en farolas, en redes sociais... Ata que chegou o día no que apareceu nun web cunha data en que explicaban todo. O 15 de abril. Xustamente a data na que saíu o estudo do IGE. Que era 26945? O número de falantes que o galego vai perdendo como media ano tras ano.

Para tremer, non si?

Xustiza contra o galego


No Xornal do 6/5/2010:
O sindicato Provincial de Xustiza FSP-UGT na Coruña denunciou onte que a implantación do novo programa Minerva NOX nos xulgados, de cara á creación da nova oficina xudicial, provocou unha situación “caótica” con ordenadores parados e falta de formación dos funcionarios, entre outros problemas. No entanto, dende a Xunta defenden que todas as incidencias que se foron rexistrando quedaron solucionadas polos técnicos onte e que se habilitou “un mecanismo transitorio para evitar a paralización da actividade xudicial”
Hoxe na Nosa Terra, lemos que CCOO culpou hoxe a Xunta do 'caos' que se vive estes días nos xulgados galegos por mor da implantación do novo sistema informático 'Minerva NOX', e denunciou 'improvisación' e 'falta de xestión' da Administración autonómica á hora de facer probas e formar os funcionarios para o correcto uso dese novo sistema.

E que ten que ver esta nova coa normalización?
Todo isto sucede pola implantación do novo programa de xestión nos xulgados desde o pasado día 4. Dous días antes, o 2 de maio, a SXPL colgaba a seguinte noticia na súa web:Xustiza e Política Lingüística promoven a capacitación en lingua galega dos profesionais do ámbito xurídico.
Efectivamente, acababan de asinar un acordo para a capacitación en lingua galega do funcionarado da administración de xustiza, e tamén se editara un manual de documentación administrativa e xurídica. Pero...
A implantación do novo programa era unha oportunidade magnífica para a galeguización do mundo xudicial que, lembremos, está baixo mínimos (menos dun 3% das sentenzas en galego).
Hoxe en día ningún todos os documentos están estandarizados en formato informático polo que, pode estar ben divulgar un libriño cos modelos en galego, pero se realmente se quer introducir o galego na documentación xucidical é necesario desenvolver programas e modelos oficiais na nosa lingua, e niso deberían estar interesadas a administración galega e tamén a SXPL. Pero a cousa funciona completamente ao revés, nunha circular enviada desde a Consellería de Administración Pública e Xustiza podíamos ler o seguinte:
A versión Minerva NOX engade documentos novos, dos cales moitos deles hai que traducilos ao galego. Os documentos traducidos iranse incorporando progresivamente á nova versión Minerva NOX. Isto significa que o día 4 de maio estarán dispoñibles en castelán, e progresivamente notificarase a dispoñibilidade de novos procedementos con documentos en galego.
Outra oportunidade perdida para o galego. A introdución dun novo programa de xestión na xustiza non se aproveita para facilitar o uso do galego nesta administración, senón, que como acabamos de ver, serve xusto para todo o contrario. E a SXPL tan contenta.
E nesas andamos.

Máis futuro para o galego


por Henrique Monteagudo, secretario do CCG, no diario El País

O pasado mes de abril veu a lume un avance dos datos sobre coñecemento e uso do idioma recollidos polo Instituto Galego de Estatística en 2008. Nas presentes notas, ofreceremos unha primeira lectura deles, aínda provisoria, coa que agardamos contribuír á súa interpretación. É inevitable comparar os devanditos resultados de 2008 cos que o mesmo IGE ofreceu en 2003. Pasando por riba de moitos matices (en particular, o feito de que a poboación inmigrante se incrementou aproximadamente un 2,5%, ata supor o 12% da poboación residente en Galicia), cómpre chamar a atención sobre tres aspectos relevantes 1) o descenso do galego como lingua habitual, 2) o incremento dos bilingües iniciais, 3) o aumento da presenza do galego no sistema educativo. Revisaremos estes tres puntos, antes de concluír cunhas observacións xerais.

- O descenso do galego como lingua habitual. O galego pasa de ser a lingua falada no día a día polo 61% da poboación (2003) ao 56% (2008), o que significa unha perda porcentual de un punto por ano (aínda que hai que ter en conta que a metade desa caída é atribuíble ao aumento da poboación inmigrante). A primeira vista, esta tendencia colócanos nun horizonte de pouco máis de seis décadas de vida real para o idioma do país. Queda pouco tempo para reverter unha deriva que nos leva directamente á desaparición do galego a finais do século XXI. Neste senso é interesante notar que, a pesar de todo, a franxa en que se rexistra unha menor caída do galego é na correspondente á mocidade: no grupo entre 15 e 29 anos pásase do 45% en 2003 ao 43% en 2008, e esta perda de dous puntos porcentuais pode atribuírse ao incremento da poboación inmigrante. Unha raiola de esperanza e unha pista para o porvir: a mocidade debe ser un obxectivo prioritario da política lingüística, e para iso o ensino é ferramenta fundamental, aínda que non única: as actividades de lecer e as novas tecnoloxías deben acompañar.

Por parte, abraia o rechamante incremento de persoas que se declaran bilingües habituais: en 2003 constituían pouco máis dun terzo do total da poboación, a partes practicamente iguais os bilingües con predominio do galego (18%) e do castelán (19%), mentres que en 2008 representan a metade do total, sumando o 27% dos bilingües con predominio do galego e o 23% do castelán. Pero, como se deduce das devanditas cifras, o bilingüismo increméntase bastante máis entre as persoas galegofalantes ca entre as castelánfalantes. Ademais, o monolingüismo en castelán mantense nunha porcentaxe por volta do 20%. Isto quere dicir que o bilingüismo en Galicia camiña maioritariamente do galego cara ao castelán, isto é, constitúe unha etapa transitoria no camiño da desgaleguización.

- O incremento do bilingüismo inicial. De regra, un aprende a falar nunha soa lingua, pero cando está en contacto desde cativo con dous idiomas no seu ambiente social máis próximo (comezando pola propia familia), é posible aprender a falar de xeito máis ou menos simultáneo nos dous. Un dos aspectos máis rechamantes da comparanza entre os datos de 2003 e 2008 é o incremento das persoas que se declaran bilingües iniciais, desde o 16% (2003) ao 23% da poboación xeral, un incremento que é especialmente significativo entre os máis novos: na faixa entre 5 e 14 anos de idade, chégase a un terzo de bilingües iniciais sobre o total.

O abalar do bilingüismo inicial vén compensar en certa maneira o devalar do galego. Se sumamos as porcentaxes correspondentes ao galego como lingua inicial única coas de bilingüismo inicial, pasamos do 68% 2003 ao 70% en 2008 de falantes iniciais do idioma do país, e na franxa de idade máis nova, pasamos do 53% en 2003 ao 59% en 2008. Este dato pode ser esperanzador, sempre que os bilingües iniciais manteñan o uso do galego e non acaben tendo como lingua habitual só ou preferentemente o castelán. Neste aspecto, outra volta as políticas lingüísticas, particularmente no ensino, revélanse como un factor de crucial importancia. Precisamos, pois, medidas de fomento do bilingüismo de recuperación, orientado a facilitar e estimular que os castelanfalantes incorporen progresivamente o galego ás súas prácticas lingüísticas.

- O incremento de uso do galego como lingua vehicular no ensino. A porcentaxe de persoas que declaran ter o groso ou a maior parte da súa docencia en galego pasa de menos do 39% en 2003 ao 61% en 2008, un incremento moi notable. Se atendemos ao grupo de idade máis relevante, dos 5 aos 16 anos, as cifras son máis elocuentes, pois pasouse do 49% ao 71% da poboación que recibe a docencia maioritariamente en galego. Doutra banda, esta última porcentaxe sitúa en termos moi concretos o alcance do grave retroceso que suporía a aprobación do proxecto de decreto que a Xunta está tramitando, pois obrigaría a máis de dous terzos dos centros educativos a reducir substancialmente o uso do galego. Por que e en nome de que? Para satisfacer as reivindicacións de sectores minoritarios empeñados en vivir no noso país ignorando o galego, vaise obrigar a recuar á inmensa maioría dos centros, que foron avanzado sen conflitos visibles e con grande esforzo de toda a comunidade educativa, comezando polo profesorado e seguindo polo alumnado.

- O bilingüismo equitativo e a recuperación do galego. Un dos aspectos máis rechamantes da comparanza entre as dúas enquisas é o corremento da poboación cara ás opcións bilingües, no caso da lingua habitual e no da lingua inicial. Esa tendencia é merecente dunha análise demorada, pero a nosa primeira impresión é que ao menos en parte pode responder a factores actitudinais, que deberon incrementar o seu peso na medida que a cuestión da lingua gañou visibilidade pública e se viu sobrecargada de tensión política. Non semella inverosímil pensar que a partir de 2007 comezou a calar na cidadanía a percepción de que se estaba xestando un grave conflito lingüístico, e en consecuencia, a xente tendeu a preferir opcións de resposta máis conciliadoras, que subliñan a cohesión da sociedade galega arredor do bilingüismo. Os resultados de 2008 poden expresar unha reacción social non tanto contra a política lingüística do goberno PSdG/BNG, canto ao clima de crispación alimentado polo Partido Popular, por movementos como Galicia Bilingüe e por importantes medios de comunicación social.

Dito o dito, os colectivos defensores do galego, en especial do ámbito do nacionalismo, teñen que tomar nota: a batalla decisiva para gañar hoxe o asenso da maioría xógase no campo do bilingüismo. Temos que gañar a complicidade da poboación castelanfalante que maiormente sente simpatía polo galego. Ou conseguimos popularizar a noción dun bilingüismo recuperador, orientado á restitución do galego; ou senón deixaremos o campo libre para os impulsores do bilingüismo de substitución, orientado á súa supresión. En conclusión, o que nos indican os datos que acabamos de resumir é que o idioma galego precisa máis ca nunca políticas de protección e impulso, orientadas cara a conseguir un bilingüismo equitativo, e non políticas de deslixitimación e retroceso, en nome dun bilingüismo impostado ou dun tramposo equilibrio. Só así evitaremos que a mediados do século XXI, os nosos fillos e fillas se vexan ante a ominosa perspectiva da decadencia irreversible e da desaparición do idioma galego, o que suporía unha perda desastrosa para o país. Velaí a gravísima responsabilidade histórica que afrontan Núñez Feijoo e o PP.

Nin galego nin Gaelscoil

O 'Encontro sobre Literatura' organizado pola presidencia española da UE en Bruxelas esqueceu contar cos servizos dun intérprete de galego e outro de éuscaro para traducir as intervencións dos relatores nestas dúas linguas. Porén, os conferenciantes cataláns contaron con este servizo.

Na mesa redonda dedicada á literatura galega participaron Xavier Queipo, Dolores Vilavedra, Craig Patterson e Víctor Freixanes, pero ninguén traduciu as súas intervencións.

O goberno de Irlanda nega o permiso para unha nova Gaelscoil, escola de inmersión lingüística en gaélico. A rede de Gaelscoileanna (escolas de inmersión lingüística en gaélico) conta na actualidade con 169 centros de primaria e 38 de secundaria nos 32 condados de Irlanda. Podería ser unha máis, mais o departamento de Educación do país non concedeu o permiso para a súa apertura en Ráth Tó. A administración irlandesa despreza a cuestión lingüística cando se trata de autorizar novos centros ata o pundo de que "O resultado é que nin unha Gaelscoil máis foi aprobada desde 2008 e Educación non dá indicios de que esta situación vaia a mudar"Mal andan as cousas polo mundo.

xoves, 6 de maio de 2010

"Deste borrador do Decreto non salvaría nin o título"

Entrevista a Valentina Formoso, fundadora da CGENDL, no xornal do Barbanza, Certo.

Valentina Formoso dá clases de ensino medio en Rianxo. Mais a súa faceta como fundadora da CGENDL e toda a polémica que se está a xerar -e non para de chover- co borrador do Decreto para o Pluringüismo que quere aprobar a Xunta de Galicia é o que nos centra nesta entrevista. Pregunta.- Con todas as noticias que xerou a Lingua galega durante estes últimos tempos, non sabemos nin por onde comezar. Como nos blogs, imos entón polo final: contenta co Decreto do Plurilingüismo presentado, entón? (xeito retranqueiro aceso) Resposta.- Contenta porque acabou a espera… que xa desesperaba, pero co resultado non podo estar máis decepcionada, xa que resultou –para a lingua galega- peor aínda có Borrador inicial. De feito, con respecto a este só mellorou na redacción e en aplicar certo sentido común na introdución do inglés. .- Tan "ben" o está a facer a actual Xunta no do idioma que hai cargos da oposición -e non falamos nin con dous nin con tres, senón con máis- que botan de menos a Manuel Fraga: vostede tamén o estraña? .- Pois… Con Fraga os avances eran poucos e lentos, pero algo avanzouse. Elaborouse un Decreto para o galego no ensino coa intención de desenvolver a Lei de Normalización Lingüística (LNL) e púxose en marcha. Ademais hai que recoñecer que co seu goberno proxectouse, redactouse e aprobouse por consenso un Plan Xeral para a normalización da lingua galega (PXNLG) que é todo un avance en materia de normalización. E agora non só non se avanza, senón que este Decreto supón un grave retroceso para a normalización do galego, xa que se obvia totalmente o PXNLG, e non se elabora ningún decreto para protexer o galego senón un que protexe o castelán, mente descaradamente e introduce o inglés. Non digo que non sexan necesarios os decretos para promocionar as linguas estranxeiras, pero… sen eliminar os Decretos que promocionen e regulen o galego no ensino, que é a lingua que necesita protección. .- Sexamos optimistas: Que salvaría do actual borrador do decretazo? .- Sinto dicir que nada, nin o título. Está feito con criterios políticos e non pedagóxicos e non busca a normalización da lingua galega. Non vale nin o espírito nin a letra. Non está consensuado nin apoiado por ninguén, témome que non vai traer máis que problemas e conflitos nos centros, cando non os había por esta cuestión. .- Todas estas mobilizacións -algunhas organizadas en horas- semella que non serviron para nada. Díganos que non é certo... .- Vou tentar ser optimista… Mobilizámonos, fixemos barullo, polo menos non se pode dicir que mexan por nós e dicimos que chove... Por outro lado, o resultado das mobilizacións non é algo automático, non se percibe a curto prazo, mais si a medio ou a longo. O mais importante é que moita xente, cada vez máis, independentemente da súa cor política, mostrou que non quería unha rebaixa do galego no ensino, iso é o que vai quedar de todo isto e no futuro veranse os seus froitos. .- Tanta mobilización e tanto debate, cre que valeu polo menos para que algunha xente tomase conciencia de que temos un idioma propio que, se non se coida e protexe, corre riscos de deturparse e esmorecer? .- Entre tanta mobilización e tanto debate a maioría da poboación está confusa. Os que teñen o poder e os medios de comunicación da súa man encárganse de chamar aos contrarios, aos que protestan, radicais, impositores… todo o que son eles. Alardean de seren eles os que teñen a razón ao buscar o equilibrio das dúas linguas, e iso é totalmente falso, buscan que o galego esmoreza pouco a pouco… e a maioría da poboación parece que non se decata. mais percíbese que hai amplos sectores sociais que si o notan, e iso, insisto, verase no futuro.
.- Vostede, como mestra en Rianxo, a que nivel considera que estamos os do Barbanza e Noia no que atinxe ao uso do galego?
.- Na análise sociolingüística que realizamos hai dous anos na coordinadora de ENDL do Barbanza, na que estamos centros de Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira, obtivemos datos científicos (realizados con enquisas serias a partir de mostras ben elaboradas) sobre algo que como docentes xa percibiamos: a desgaleguización brutal que sofre a comarca. A excepción era o concello de Rianxo, no que tamén se detecta como as xeracións máis novas se van castelanizando, pero a un ritmo máis lento. A Noia non chegamos na análise, pero eu vou por alí todas as fins de semana e, poñendo a orella, case podo asegurar que a análise é moi similar á feita no resto do Barbanza.
.- Ao aplicarse o novo decreto, cre que vai haber conflitos na comunidade escolar? de que xeito?
.- Pode habelos e serios, e non tiñamos necesidade deles. O caso é que antes para chegar ao 50% das materias en galego, cando se redactaban os Proxectos lingüísticos de centro, cada centro en cada curso concreto vía que profesorado tiña en cada curso máis adecuado (por vontade, por formación…) para dar as materiais nesa lingua. Agora hai materias que se deben impartir obrigatoriamente en castelán. Iso leva a que vai haber un número de profesorado que se lle vai “impoñer” dar as materias en galego para chegar a ese 50% e … moitos non van querer, polos motivos que sexan. Algúns se cadra nin son de aquí nin nunca tiveron que saber nada de galego para daren as súas aulas de, poñamos por caso, latín ou música… E quedan marcadas para catro anos, e o profesorado nos centros ten mobilidade….Logo está o lío das votacións dos pais… Todo un sarillo.
.- Os de Siniestro Total acuñaron aquilo de "Menos mal que nos queda Portugal": pensa que a lusofonía pode ser unha esperanza para a nosa lingua?
.- A poboación galega debería ter claro que co galego pode entenderse con millóns de falantes da lusofonía, claro que si. Iso de que o galego non vale para saír fóra da comunidade autónoma é un dos prexuízos que conseguiron instaurar desde o poder hai moitos anos. Cómpre loitar contra el, mostrando as posibilidades que nos dá o galego, por exemplo, nas relacións cunha futura potencia económica como é o Brasil.
.- A pesares da crise, sobre todo na industria cultural, seguen a saír proxectos de editoras en galego. Aquí en Noia, Acha Escrava, e a nivel galego, 2.0 Editora, recén presentada. A que cre que é debido?
.- Segue habendo xente da cultura con inquietudes, con ganas e que non se deixa intimidar por unhas circunstancias que temos todos que loitar por mudalas. Por iso é importante non caer no desánimo nin deixar de producir. Estas que mencionas son apostas empresariais e culturais moi valentes nestes tempos e tamén moi necesarias e temos que apoialas.
.- Vostede especializouse, no que atinxe á lingua galega, en termos científicos (Termigal): explíquelle a Jesús Vázquez, o conselleiro, se o galego vale para Matemáticas e Física ou non
.- Esta cuestión non é tanto terminolóxica como de ideoloxía lingüística. Unha das grandes mentiras que se botan cara a unha lingua que non interese que se normalice é que “non vale para…” sobre todo para o que ten que ver co mundo moderno, co ámbito da tecnoloxía, do mundo científico… Pero se falamos con moitos dos cracks destes ámbitos asegúrannos que o galego élles tan válido coma o castelán para desenvolverse no seu traballo. Ademais, o conto de que o galego non ten terminoloxía científico-técnica suficiente é outro prexuízo, e non a vai ter se non lle deixan a ninguén que desenvolva o seu traballo científico nesta lingua.
.- Tamén profundou no emprego do galego na empresa: imos cara adiante ou camiñamos como as nécoras nese eido? (non sabemos como van as nécoras, se de lado ou para atrás)
.- Eu penso que estamos parados… O ámbito da empresa é complexo, pero funciona coma a sociedade da que forman parte os empresarios e os traballadores, cos mesmos prexuízos… O empresario ten un principio polo que se move sempre: a lei da oferta e da demanda. A sociedade demanda galego: o empresario dállo, pero se percibe que a sociedade non “quere” o galego, ou que o galego é un problema, discurso que parece que se empeña en instalar o goberno galego.. o empresario non arrisca. Se desde a administración non se dan axudas para que as empresas sigan a rotular na nosa lingua, se non animan para que a usen, se non se forman en galego os seus directivos nin os seus traballadores, se non perciben que a administración aposta pola promoción real da lingua propia… dificilmente se vai avanzar nada.
.- Coa actual situación, os Equipos de Normalización Lingüística son máis precisos ca nunca?
.- Os ENDL fomos e seguimos sendo moi precisos, pero como equipos de “normalización” da lingua galega, porque non temos unha lingua normalizada! Dá a impresión de que esa función nola queren quitar. Será que lles estorbamos? Agora xa nos van chamar “Equipos de dinamización”, sacáronnos o de “normalización”. E non é unha cuestión só de nome, parécenos conceptual. Que problema hai en que sexamos “normalizadores” do galego nos centros de ensino? Non é necesario ese labor xa? Queren que sexamos só de festas e festexos varios, algo que non busque para o galego a súa normalidade?
.- Pregunta retranqueira: vostede fala inglés tamén ou só na intimidade?
.- Na intimidade só falo galego… pero cando estiven en países ou con xente que non me entendía en ningunha das linguas que domino mellor có inglés, defendinme perfectamente co inglés que aprendín no instituto e logo repasei na escola de idiomas. Con todo, a didáctica das linguas estranxeiras ten moito que mellorar, a culpa de non sabermos inglés non está en que non tiveramos ata agora materias en inglés, senón que só nos ensinaron (aos da miña xeración, pero agora tampouco a cousa mellorou demasiado) a ler e traducir e non a falar, a manter conversas, é dicir, non se centran os esforzos nas competencias activas, das que se precisan. Fai falta modificar o sistema de aprendizaxe e dotar os centros de medios (aulas de idiomas, por exemplo) e cómpre tamén reducir alumnado por clase nas aulas de linguas... Todo isto melloraría o problema que temos coas linguas estranxeiras que, por certo, é igual ou menor ca o que teñen en comunidades cunha única lingua.
.- Que opina de iniciativas como http://certo.gl?
.- Se vos referides ao “punto gl” paréceme moi acertada, coma todo o que supoña marcar a nosa identidade. Se o facedes á iniciativa de apostar por un xornal case íntegro en galego na rede, paréceme xenial, necesaria e moi loable. Moitísimo ánimo para seguirdes adiante!

O punto positivo do decretazo.

Das distintas versións que nos chegaron do decretazo (Bases e Proxecto) só hai un punto positivo. De toda esa farramallada legal hai unhas poucas liñas que tiñan salvación e son as correspondentes á disposición adicional sexta nas que se di que con periodicidade anual, despois de finalizar o curso escolar, a consellería competente en materia de educación avaliará os resultados derivados da aplicación deste decreto. Pois ben, o primeiro estudo xa se fixo, só sabemos del polos medios e agardamos que o poñan a disposición do público con brevidade. Cales son as conclusións deste estudo?

Do Galicia Hoxe:
A competencia lingüística do alumnado en Galicia "é superior en castelán", sobre todo "en expresión escrita". Esa é unha das conclusións dunha investigación desenvolvida pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) baixo a coordinación do profesor Bieito Silva, quen subliñou unha maior regularidade no caso da competencia oral entre os dous idiomas.
A investigación, promovida tamén polo Instituto de Ciencias da Educación (ICE), foi presentada onte polo propio Bieito Silva xunto ao secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e o director do ICE, José Cajide. Os resultados baséanse en entrevistas con 1.153 alumnos de cuarto curso de educación secundaria, representativos dos 21.136 matriculados no curso 2008-09, indicou Bieito Silva.
Do Xornal de Galicia:
Das probas realizadas entre os estudantes do derradeiro nivel da ESO –consistentes en exercicios escritos e senllas entrevistas en galego e castelán–, os expertos deducen tamén que a lingua propia sae, igualmente, mal parada nas competencias orais xa que, en xeral, os alumnos exprésanse peor en galego, aínda que cunha salvidade, motivada pola lingua habitual de cada individuo.
Segundo explica o profesor Bieito Silva, coordinador da investigación, son os estudantes galegofalantes os que acadan un “resultado máis homoxéneo nas dúas linguas”, isto é, presentan un maior equilibrio de coñecementos entre galego e castelán. Pola contra, subliña, “os monolingües en castelán obteñen resultados moito mellores nesta lingua ca en lingua galega”.
As razóns están claras, e así o explicou Bieito Silva: os galego-falantes teñen un contacto continuo co castelán, pensemos nos medios de comunicación, videoxogos, internet, acceso a libros e revistas,...; no entanto os monolingües en castelán desenvólvense nun medio no que é prácticamente nulo o contacto co galego.
A reacción da Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüísticia, frente a este informe debería ser contundente: revisar por completo o contido do decretazo e aplicar a medicina que ao abeiro da disposición adicional sexta teña que implementarse. Pero... resulta que antes incluso de dar a coñecer o estudo da USC aos medios, a SXPL xa contestara cunha das súas mentiras de sempre, afirmando o contrario do que, segundo todos os medios (Faro, El Correo, El País, La Voz) , é a conclusión do estudo feito polo profesor Bieito Silva.
Desvelemos a técnica da construcción das mentiras que divulga a SXPL. Primeiro soltan unha verdade obvia:
A investigación revela que son moitos os factores que inciden na adquisición de competencia en galego, e que estes se encontran en boa medida fóra da escola
Efectivamente, de non ser así, e tendo en conta que desde principios do século XX ata ben entrados os anos 80 todo o ensino se desenvolvía en castelán, a aniquilación do galego debería haber sucedido hai moitas décadas. Pero a frase oculta boa parte da realidade. Oculta que a escola forma parte da sociedade, e oculta que é un aspecto fundamental para a incorporación á vida social en mundos tan complexos como o noso. E desta ocultación parte a mentira porque a ocultación convírtese en negación: a escola está fóra da sociedade. Eis a mentira:
“o peso significativo das variables sociodemográficas e sociolingüísticas na aprendizaxe do galego” reafirmaría “a intención da Secretaría Xeral de Política Lingüística de desenvolver medidas que complementen o labor realizado dentro do sistema educativo e que aseguren a transmisión e a aprendizaxe da lingua propia de Galicia fóra do contexto escolar”
E claro, se a escola é unha estación espacial extraterrestre, a SXPL ten razón, as medidas que está a desenvolver dentro da escola, reducir o uso do galego, asegurarán en maior medida a transmisión e a aprendizaxe precisamente do propio galego, da lingua minimizada.
Eu, en defensa do equilibrio, pediríalles que non aplicaran o decretazo pois correríamos o perigo de incremento do uso do castelán na escola co cal, seguindo estritamente o razoamento SXPL, entorpeceríamos a aprendizaxe do castelán.
Por último, para que serve o estudo? Para que serve a disposición adicional sexta? Antes de aprobarse o decretazo a SXPL xa respondeu : non serve para nada. O único punto positivo do decretazo tamén é negativo.

Europa e o galego universal

por Craig Paterson, en Galicia Hoxe

Onte falamos varios estudosos da cultura galega na sede do Parlamento Europeo en Bruxelas. O motivo era un encontro sobre as literaturas española, catalá, vasca e, claro, galega e a súa relación coa cultura europea.

A min tocoume abordar o tema da literatura moderna galega. Os homes da Xeración Nós non adoptaron as tendencias culturais europeas por causa dunha epifanía súpeta que experimentasen camiño de París. Naceron chuchando nunha cultura aperturista e europea moi allea a calquera prexuízo de provincialismo pechado. Por Rosalía de Castro chegoulles o eco de Heine e do romanticismo da recollida folclorista de romances populares galegos nunha poética anticipadora de trazos existencialistas. Do seu home, o historiador Murguía, chegáronlles as lecturas de Thierry, Taine, Mazzini e Gioberti. E de Pondal, o ossianismo feito galeguidade, toda unha historia mítica, ficcional e alternativa ás narrativas historiográficas centralistas. As figuras da Xeración Nós tomaron boa nota. Con todo, o seu compromiso cunha maior defensa da cultura nativa será o catalizador que os leve a un contacto máis intenso coa cultura europea. Pensemos naquela viaxe que emprendera Castelao por Francia, Bélxica, os Países Baixos e Alemaña, que deu lugar ao seu Diario 1921. Ou no Mitteleuropa de Risco, texto que nos lembra que o contacto coa cultura europea dos escritores galegos era toda unha caixa de Pandora da que podían saír tanto ideas fermosas como prexuizosas. Deste modo a Xeración Nós atopou nestes diarios unha das vías para superar a condición colonial. Outra maneira era o emprego directo das ideas culturais europeas na construción dunha identidade galega, como propuña Otero Pedrayo. De Herder a Chateaubriand, de Spengler a Bergson, a receita integraba as máis clásicas e influíntes das ideas europeas. Esta herdanza proseguiu na tradución de Heidegger que fixo Piñeiro e nas achegas literarias da Nova Narrativa galega do posfranquismo.

No centro do actual poder europeo, caía na conta de que por ser europea, a cultura galega deixou xa de pertencer aos galegos e por suposto de pertencer a un goberno que lle pretende quitar o prestixio que merece por dereito natural. Se cadra eran os intérpretes que traballaban no evento os que mellor o sabían: pasaban as nosas ideas en galego a moitos idiomas do mundo. Falaban galego. Falaban universal.

mércores, 5 de maio de 2010

4530 profesores darán as clases en galego

4530 profesores seguirán a dar as clases en galego. Polo menos.
Os argumentos están claros, a situación do galego e do castelán non é equilibrada. A día de hoxe o galego é un idioma minorizado en prácticamente todos os ámbitos da nosa sociedade. O galego é un idioma desprotexido en Galicia e o que non se pode é contribuir a reducir a súa presenza en ningún escenario.
Do único informe realmente serio sobre o uso do galego no ensino que nós coñezamos, podemos deducir que a proporción de clases en galego é dun 35%, e isto baixo un panorama legal no que xa estaba en vigor o decreto actualmente vixente e que, seguindo estritamente as normas do PXNL acordadas por unanimidade no Parlamento, esixe un mínimo dun 50% de aulas en galego. A dirección que marca o anunciado decreto desta Xunta reduciría aínda máis a súa presenza no ensino.
Hai un par de semanas o IGE confirmaba que o uso do galego segue á baixa. Quen pode xustificar desprotección algunha da nosa lingua? Quen pode xustificar nin unha soa medida que reduza a presencia da lingua en desventaxa? Aplicar o anunciadísimo decreto sería como cobrar un recibo da contribución da mesma contía a un chabolista e ao dono dun edificio no centro da Coruña.
Hoxe presentáronse 4530 sinaturas de profesores que van a continuar impartindo as clases en galego, por compromiso social, por ética. Na presentación fálase continuamente das posibles represalias a estes profesores. Se é certa a matrácola esa do equilibrio, por que non se fala de expedientes a profesores que impartan a clase en español? Na pregunta está a resposta.

Queremos Galego consegue a adhesión de 4.530 profesoras e profesores á campaña "Dou e darei as clases en galego" from cig-ensino on Vimeo.

“O pobo galego debe organizarse e resistir a agresión lingüística do PP”


Reproducimos un anaco da entrevista a Joan Puigercós, presidente de ERC, no Xornal de Galicia.

O presidente de ERC impartiu onte unha conferencia en Vigo titulada “A lingua propia nas sociedades multiculturais”. Nesta entrevista fala do conflito lingüístico en Cataluña e Galicia, pero tamén da lea do Estatut, que considera xa “un fracaso”.

Como se atopa a normalización lingüística en Cataluña?

Pois no noso país tivemos que cambiar a receta clásica de normalización para adaptarnos a unha realidade con 1,5 millóns de inmigrantes. Por iso, conceptos como o de lingua materna xa desapareceron e temos que falar de lingua pública común. Agora, nunha aula, pode haber 12 ou 15 idiomas maternos, por iso apostamos polo catalán como a lingua pública común, a de todos, a que compartimos sen que ningún renuncie ás súas orixes nin á súa lingua anterior. Sen o coñecemento da lingua e a cultura do país non hai cohesión social nin igualdade de oportunidades e, ademais, coñecer unha lingua nunca é excluínte, senón un elemento que suma e nunca resta, esa é a nosa receta para unha sociedade plurilingüe.

Nada que ver coa situación galega.

Nada. Hoxe en Cataluña fálanse 200 linguas e iso é un cambio radical. Galicia sofre unha involución en dereitos lingüísticos pola presión que o PP fai sobre os galegofalantes. Ao PP non lle interesa o galego, quere facelo desaparecer. Por sorte, en Cataluña hai un Govern que traballou lexislativamente para que o catalán fose a lingua propia común, o que é unha vantaxe, aínda que teñamos que facer cambios.

A polémica das linguas no Senado reflicte falta de madurez democrática?

Non creo que sexa un problema de madurez democrática porque dubido que España a teña algunha vez para respectar as linguas minoritarias. É un problema de supremacismo. Hai moita xente que cre que ter unha lingua maioritaria e forte significa que o catalán ou o galego non teñen dereitos. Queren a asimilación, pero nós resistimos.

Segue a haber conflito lingüístico?

Claro que o hai. Hai quen acusa aos que defendemos o galego ou o catalán de crear un conflito, pero ese xa existía e consiste no intento de asimilación e desaparición doutros idiomas. Unha persoa que queira desenvolverse en galego ou catalán ten problemas incluso no seu propio país. Os sectores máis españolistas deberían asumir que diferentes linguas e culturas poden compartir un mesmo espazo, pero non o asumen porque cren que as outras non teñen dereito a existir, así de simple.

Sería imaxinable un decreto semellante ao galego en Cataluña.

É inimaxinable porque o PP non é un partido maioritario en Cataluña. Ademais, no noso país partimos dun consenso renovado, forxado na ditadura, que deixa claro que a lingua e a cultura do país son un elemento de cohesión. Hai un consenso, a dereita e a esquerda, que non quere unha involución.

Como cre que está a reaccionar a sociedade galega ante este decreto?

A sociedade galega debe resistir esta agresión lingüística e organizarse, como xa está facendo. Debe loitar e non caer non desalento porque as cousas cambian. O PP está levando Galicia a ser máis periférica, a perder autoestima. O PP gañou polos pelos e debería decatarse de que non ten maioría social como para aplicar esta política lingüística. Por un puñado de votos non se pode levar a metade do país a esta regresión lingüística e cultural. Cantas máis linguas se saiban, mellor. Ademais, Galicia ten un mercado enorme na lusofonía, especialmente no Brasil, e ese debe ser o seu ámbito natural.

¡Ollo co galego! Un conto con ensinanza

por F. Rodil Lombardía, xornalista, no Xornal de Galicia

Contoumo o outro día o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e non fixo máis que confirmar a miña sospeita de que o galego (idioma), é un invento perigoso co que hai que ter coidado.

Hai uns anos chegou a Compostela Abdullah Demirbass, entón alcalde de Dyarbakir, cidade turca da rexión de Anatolia, situada á beira do río Tigris, e foi recibido, con tódolos honores no Pazo de Raxoi.

O alcalde Bugallo non me revelou o motivo da visita á Compostela de tan ilustre visitante. Tampouco considerei procedente preguntarllo, sabendo que nas abundantes relacións e irmandamentos que alcaldes e concellos de aquí e de acolá subscriben entre eles, danse motivos variados, algún de moi difícil explicación. Alcaldes e corporacións municipais enteiras, so pretexto socorrido de irmandarse, teñen establecido extravagantes relacións e coñecido moito mundo con cargo ao erario público.

Creo poder dicir que a intención do político kurdo de visitar Compostela –o alcalde de Dyarbakir pertencía a minoría kurda–, tiña pouco que ver coa devoción ao Santo Apóstolo. Non estaría politicamente ben visto que un agareno lle rendese honras a un santo varón cristián.

Volvendo ao conto; o alcalde Abdullah Demirbass, quedou admirado (igual que o portugés aquel do epigrama de Moratín, Nicolás) de ver que estas xentes do confín do mundo tiveran un idioma propio, distinto ao oficial do Estado; que os nenos, desde a súa máis tenra infancia soubesen falar galego, que as xentes se relacionasen en galego, que se estudiase galego na escola, que os novelistas, poetas, grafiteiros, e algún que outro periodista escribise en galego, que a Xunta apoiase de modo tan decidido e sen ambaxes ao galego, e mesmo que os políticos, aínda que con grande dificultade e torpeza, de portas para fóra, empregasen o galego no discurso doméstico.

Abdullah Demirbass, que sabía das dificultades polas que pasaba o idioma kurdo na sua terra (o goberno turco ten prohibido o uso do kurdo na educación e nos medios de comunicación), quedou gratamente sorprendido da liberdade e mimo que gozaba a lingua galega, e decidiu escribir un conto para os galegos, en kurdo, en sinal de irmandade dos dous pobos.

O alcalde de Santiago, que sempre anda ao quite, encargou unha edición bilingüe do texto, coa intención de enviarlla á Abdullah á Turquía en canto estivera lista. E así o fixo. Pero cando os inspectores turcos de aduanas abriron o paquete e viron aqueles libriños escritos metade nun idioma estraño metade en kurdo, dirixidos ao alcalde de Dyarbakir, sospeitaron que se trataba dun texto subversivo. Unha proclama en clave para acender os ánimos independentistas das xentes do antigo Kurdistán. Secuestraron os libros de inmediato, e puxeron o achado en coñecemento das autoridades.

Abdullah Demirbass foi destituído como alcalde que era polo Partido da Sociedade Democrática, partido que di gardar, aínda que daquela maneira, as esencias do nacionalismo kurdo.

O galego, xerga cifrada e sospeitosa en interpretación dos inspectores da aduana, e non o kurdo, a pesar de estar prohibido, foi o que condenou a Abdullah Demirbass.

Ensinanza: O galego (idioma) é un perigo. ¡A ver se van ter razón os de “Galicia Bilingüe”!

Máis, e máis mentiras.

A SXPL non para de contar mentiras. Mellor dito, é imposible ler ningunha nova na súa web que non sexa desmentida pola realidade. Anxo Lorenzo e compañía están a nos dar un traballo extra, xa nolo pagarán... en incrementos de axudas para os nosos centros de ensino, supoño.
Comparemos informacións. A da SXPL (Secretaría Xeral de Política Ligüística):

Na presente convocatoria, sumáronse novos proxectos á maxima calidade e á máxima contía, 2.500 euros. Como o CEIP Galán Arteixo, que pasou de 1.398 euros a 2.500 euros; o CPI Vicente Otero de Carral, que o ano pasado levara 1.643 euros; o IES nº1 de Ordes, que incrementou as axudas en 1.315 euros; o IES Porto do Son, ao que se lle outorgaran para o pasado curso 1.643 euros; ou o CEIP Igrexa-Valadares, que pasou de 1.161 euros a 2.500 euros.

é intención da Secretaría Xeral de Política Lingüística conseguir unha mellora sistemática nos prazos que se veñen dando nos últimos anos e que supuxeron, como no curso 2006-2007, que non se comunicara a resolución das axudas ata o mes de xuño.

No Galicia Hoxe, no entanto, aparecía o mesmo conto contado deste outro xeito:

A maioría dos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino galegos notaron este ano unha redución das axudas que recibían de Política Lingüística para potenciar o uso do galego entre os estudantes. Segundo denuncian dende a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinammización Lingüística do Barbanza, hai casos tan graves como o do colexio público de Aguiño onde de recibir unha subvención de 2.500 euros en 2009, este ano só se lle concederon 833 euros. "Esta medida deixa o centro nunha situación de precariedade no ámbito lingüístico",

A isto engádese que os centros que acaban de recibir esta subvención teñen de prazo até que remate o curso -pouco máis dun mes- para gastar e xustificar a partida económica que lle corresponde. "Hai que ter en conta -apunta o profesor- que os Equipos de Normalización vivimos desta subvención anual" xa que non está establecido que cada centro destine unha contía económica para eles. Na súa opinión, se continúa a rebaixa de axudas, o seu traballo vaise ver condicionado para o futuro. "Se non temos orzamentos, estaremos como este ano, paralizados, como se fósemos figuras decorativas, o cal causaría un prexuízo máis á educación", apunta.

Sen comentarios.

Deputación de Lugo contra SXPL

A noticia no Galicia Hoxe:

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antón Bao, trasladoulle onte [polo 3/4/2010] ao secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, as súas "profundas discrepancias" coas medidas levadas a cabo pola Xunta co galego, sobre todo, no referido ao polémico Decreto.

Durante unha reunión celebrada onte entre ambos os dous mandatarios na sede do organismo provincial, Bao criticou que a nova norma, que se atopa xa no Consello Consultivo, supón "un claro retroceso na protección e na proxección do idioma". Ademais, criticou o desacerto da devandita norma ao reducir o galego no ensino, "nun contexto no que todas as estatísticas dan conta da alarmante perda de persoas galegofalantes, sobre todo nas idades máis novas".

Malia iso, achegaron posturas respecto ao interese de colaborar na promoción da lingua galega no ámbito da provincia lucense.

No entanto a páxina da SXPL, que tanta divulgación fai do decreto, conta isto, ou máis ben deixa de contar todo o demais, na súa web:
Nunha reunión mantida na sede da deputación lucense, o vicepresidente primeiro desta entidade, Xosé Antón Bao, e mais o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, intercambiaron puntos de vista para definir as bases dun traballo conxunto a prol da dinamización do galego.

Neste sentido, o vicepresidente da Deputación de Lugo e o secretario xeral amosaron o seu interese por establecer un convenio de colaboración entre ambas as entidades que teña por obxecto a realización de actividades de formación en galego e mais de dinamización lingüística que impulsen e promovan o coñecemento e o uso do galego entre a cidadanía.

martes, 4 de maio de 2010

1000 palabras galegas


O Dicionário Priberam da Língua Portuguesa (DPLP), unha ferramenta online con máis 96.000 entradas, inclúe dende o pasado 27 de abril 1.092 voces de uso corrente no galego. Este léxico foi elaborado pola Academia Galega da Língua Portuguesa (AGALP) e o resultado é froito dun convenio asinado entre a editora e a academia Segundo administrador da editora "Com mais de um milhão de páginas vistas por dia, o Dicionário Priberam é o dicionário de língua portuguesa mais visitado na Internet."

O presidente da AGALP, Montero Santalha afirmou que este acordo é “um passo importante na senda da normalidade e do reconhecimento do galego, dentro e fora da Galiza, como variedade da língua comum. A comunidade linguística galega não é uma ilha isolada no mundo, faz parte de uma comunidade de mais de 200 milhões de falantes. Esta é uma vantagem que devemos saber aproveitar”. Sobre os efectos prácticos salientou que “vai facilitar o seu uso normal na Galiza através dos produtos informáticos mais inovadores, como os corretores ortográficos desenvolvidos pela Priberam, reforçando o prestígio do galego e da comunidade linguística”.

Todavía non digo aínda.1

por Farruco Graña, profesor, en Vieiros

Dos anos sesenta cara a atrás, os que nacemos en barrios, no seno de familias de orixe labrega, ou de pescadores ou calquera outros oficios propios de clases populares, tivemos na nosa inmensa maioría o galego como primeira lingua. Tamén tivemos como compañeiros de viaxe un feixe de prexuízos diglósicos que requiriron dun bo esforzo para podermos superalos.

Desde aqueles que acababan usando de xeito sistemático o castelán como símbolo do novo status social acadado (o cambio da aldea cara á vila ou a cidade), pasando por aqueles que proxectaban sobre os seus fillos e fillas dita pretensión de novo status mediante a educación en castelán (nomeadamente a través da figura das nais), ou aqueloutros que cambiaban dun para outro segundo lles cadrara, ou aqueloutros, en fin que, sen abandonar o galego, asumían todo tipo de influencias para disimular a súa maneira de falar, todos coincidían nunha suposta maior condición social do castelán.

Sendo como son dunha zona onde a gheada está moi presente, non tería por que haber máis problema coas ghaliñas. Porén, o dibuxo soaba mal; mellor dibujo, dibujar, etc. Tamén, cuchillo, ayer, buenos días (os tan interiorizados buenos días como sinal de boa educación).

Lembro unha tarde de verán nos anos oitenta, pola rúa do Sol disposto a enfiar a Gran Vía cara ao xardín (en Carballo). Tiña algo de presa e adiantei a unha moza que levaba da man a un cativo duns tres ou catro anos: "Non se di coitelo, dise cuchillo, oyes? Que sona mui feo!" Tanto dibujo acabou borrando do mapa sonoro (non totalmente, por sorte) o son [h] ao que tanto acoden os profesores e profesoras de inglés para explicar como se pronuncia house.Lembro, como un dos moitos tópicos despectivos con respecto á fonética galega, aquilo de "Os de Masaricos, que baten co soco na asera" (polo seseo, ben precioso por certo, e do que tanto teño gozado en Compostela cada vez que coñecía a alguén que falaba co engado deses eses sibilantes tan preciosos e a gheada ben pronunciada).

Con todo, a sintaxe deixaba abrollar unhas estruturas netamente galegas que ¡no te me cuadraban nada bien, tú! Por que te voy decir, eh, que difícil te nos resultaba hablar en castellano, aunque no lo podiamos reconocer. Venca, venca, que poco a poco, lo conseghiremos. Oyes, y ese niño, con lo ghuapiño que te es, ¡y que no te suelta palabra en castellano! ¡Pobriño! ¡¿Y dónde te nacería?!

A tendencia xeral era a do abandono pronunciado cara ao castelán na procura de maior prestixio social (ou cando menos aparente). Pouco a pouco a lingua inzábase de castelanismos, aínda que na estrutura sintáctica notábase moito a pegada da lingua de orixe. Falar con xente maior brindábache unha oportunidade única: ir escoitando un feixe de verbas afastadas no tempo, pero tan preto da terra que as viu nacer! Como non, nos libros sempre temos moito que aprender. Pero que grande pracer poder coñecer palabras novas da man de xente maior e descubrir no seu contexto o seu significado! Nunca souben o que era un esquío ata que aprendín esa verba nos libros. Porén, si que experimentei o pracer de aprender da man de meus pais, xa maiores, o que era non ter siria nas mans. Tan só hai que poñer o oído e moitas ganas de querer saber.

Economía e lingua

por Marcelino Fernández Mallo, economista, en Vieiros

Consello da Cultura Galega vén de convocar o que chamou "Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia". Sintetizando o traballo feito para a participación no encontro, velaquí esta colaboración que podería servir como base para unha análise máis profunda da importante -e descoñecida- relación entre economía e lingua.

O primeiro a subliñar é que tal relación non foi obxecto, ate o momento, dunha investigación acaída. Un dos economistas preocupados pola conexión entre ambas realidades, o profesor suízo François Grin, amosou no Seminario do CCG diversos exemplos que ilustran a factibilidade de manter a diversidade lingüística no actual contexto económico e tecnolóxico. Certo é que a multiplicación das relacións internacionais engade valor e favorece o crecemento de linguas de cobertura universal, mais tamén se constata que o aumento da intensidade comunicadora traído polas novas tecnoloxías igualmente favorece o uso dalgunhas linguas minoritarias, feito do cal Galicia representa un bo exemplo.

Outro aspecto subliñado polo economista centroeuropeo foi o baixo custo para o erario público dunha política a prol do multilingüismo, ademais de que a dedicación de recursos a prol dun idioma non implica un prexuízo para ningún axente social. Fronte á escasa dedicación de recursos precisos para a defensa dun idioma minoritario, hai indicios que sinalan a xeración de beneficios relevantes. Por exemplo, sería do máximo interese comprobar a probable correlación entre o uso da lingua propia e a diferenciación dunha oferta. Exemplos como a compañía galega de telecomunicacións R, o grupo cooperativo vasco Mondragón e a maioría das empresas catalás, evidencian o espírito de xestión dinámico e innovador nestas organizacións onde se emprega o idioma autóctono nos procesos e comunicacións: trátase dunha circunstancia casual ou hai unha influencia entre ámbolos feitos?

Outros elementos a considerar á fin de estimar o valor económico da diversidade lingüística serían o seu efecto multiplicador no sector cultural, que chega a acadar o 5% do PIB nas economías desenvolvidas, ou o potencial de intercomunicación internacional dalgunhas linguas minoritarias, tal como é o caso da lingua galega respecto a países lusófonos. Podería así mesmo contemplarse o idioma propio como unha "barreira á entrada" para competidores externos, que haberían afrontar o custo de introducir a lingua autóctona dun territorio no proceso de fabricación e comercialización para competir en igualdade de condicións coas compañías locais.

Se acudimos a un típico modelo económico de oferta e demanda, entendendo por demanda da lingua o seu emprego cotiá e por oferta a dispoñibilidade de formación, información, sinalización, xestións correntes, etc., poderíamos obter como "prezo dunha lingua" o custo (aprendizaxe, facilidade práctica, limitacións psico-sociolóxicas...) do seu emprego. Un modelo baseado en tales variables concluiría, moi posiblemente, con que un aumento da oferta lingüística reduciría o custos de utilización dos idiomas minoritarios como paso previo a gañar ou recuperar falantes.

Se nos centramos no universo das empresas, os recursos precisos para introducir unha comunicación multilingüe atinxirían áreas de comunicación pública, os contactos multicanal cos clientes, a comunicación interior, o merchandising e mesmo a produción (etiquetaxe) e a informática. O proceso non é banal.

Resulta, xa que logo, crucial identificar os posibles beneficios dunha estratexia multilingüe para a empresa. En primeiro lugar, velaí os consumidores do mercado interior para os cales o emprego do idioma propio emite un sinal de afinidade entre a marca e o seu demandante. Fronte aos consumidores externos, o idioma engade un elemento de autenticidade que mesmo xustifica un prezo maior. O consumidor externo nos mercados desenvolvidos valora a orixinalidade dos produtos, calidade que se ve reforzada polo uso da lingua propia. Un exemplo: se unha peza de cerámica está rotulada na lingua orixinaria do país onde se produce (eis Sargadelos), xustifícase o incremento de prezo por ese plus de autenticidade que se alegaba.

Por último, as linguas minoritarias implican un carimbo de diferenciación de indubidable valor no mercado, en especial nas economías desenvolvidas onde o factor competitivo do custo sempre xoga a prol dos produtores emerxentes.

Ata aquí, posibles liñas de investigación das relacións entre economía e lingua e que semellan de grande interese tanto científico como práctico mesmo sabendo, como sabemos, que hai gobernos negacionistas que esmagan calquera síntoma de estudo e coñecemento que se opoña aos seus fins de natureza exclusivamente política.