Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 6 de maio de 2010

"Deste borrador do Decreto non salvaría nin o título"

Entrevista a Valentina Formoso, fundadora da CGENDL, no xornal do Barbanza, Certo.

Valentina Formoso dá clases de ensino medio en Rianxo. Mais a súa faceta como fundadora da CGENDL e toda a polémica que se está a xerar -e non para de chover- co borrador do Decreto para o Pluringüismo que quere aprobar a Xunta de Galicia é o que nos centra nesta entrevista. Pregunta.- Con todas as noticias que xerou a Lingua galega durante estes últimos tempos, non sabemos nin por onde comezar. Como nos blogs, imos entón polo final: contenta co Decreto do Plurilingüismo presentado, entón? (xeito retranqueiro aceso) Resposta.- Contenta porque acabou a espera… que xa desesperaba, pero co resultado non podo estar máis decepcionada, xa que resultou –para a lingua galega- peor aínda có Borrador inicial. De feito, con respecto a este só mellorou na redacción e en aplicar certo sentido común na introdución do inglés. .- Tan "ben" o está a facer a actual Xunta no do idioma que hai cargos da oposición -e non falamos nin con dous nin con tres, senón con máis- que botan de menos a Manuel Fraga: vostede tamén o estraña? .- Pois… Con Fraga os avances eran poucos e lentos, pero algo avanzouse. Elaborouse un Decreto para o galego no ensino coa intención de desenvolver a Lei de Normalización Lingüística (LNL) e púxose en marcha. Ademais hai que recoñecer que co seu goberno proxectouse, redactouse e aprobouse por consenso un Plan Xeral para a normalización da lingua galega (PXNLG) que é todo un avance en materia de normalización. E agora non só non se avanza, senón que este Decreto supón un grave retroceso para a normalización do galego, xa que se obvia totalmente o PXNLG, e non se elabora ningún decreto para protexer o galego senón un que protexe o castelán, mente descaradamente e introduce o inglés. Non digo que non sexan necesarios os decretos para promocionar as linguas estranxeiras, pero… sen eliminar os Decretos que promocionen e regulen o galego no ensino, que é a lingua que necesita protección. .- Sexamos optimistas: Que salvaría do actual borrador do decretazo? .- Sinto dicir que nada, nin o título. Está feito con criterios políticos e non pedagóxicos e non busca a normalización da lingua galega. Non vale nin o espírito nin a letra. Non está consensuado nin apoiado por ninguén, témome que non vai traer máis que problemas e conflitos nos centros, cando non os había por esta cuestión. .- Todas estas mobilizacións -algunhas organizadas en horas- semella que non serviron para nada. Díganos que non é certo... .- Vou tentar ser optimista… Mobilizámonos, fixemos barullo, polo menos non se pode dicir que mexan por nós e dicimos que chove... Por outro lado, o resultado das mobilizacións non é algo automático, non se percibe a curto prazo, mais si a medio ou a longo. O mais importante é que moita xente, cada vez máis, independentemente da súa cor política, mostrou que non quería unha rebaixa do galego no ensino, iso é o que vai quedar de todo isto e no futuro veranse os seus froitos. .- Tanta mobilización e tanto debate, cre que valeu polo menos para que algunha xente tomase conciencia de que temos un idioma propio que, se non se coida e protexe, corre riscos de deturparse e esmorecer? .- Entre tanta mobilización e tanto debate a maioría da poboación está confusa. Os que teñen o poder e os medios de comunicación da súa man encárganse de chamar aos contrarios, aos que protestan, radicais, impositores… todo o que son eles. Alardean de seren eles os que teñen a razón ao buscar o equilibrio das dúas linguas, e iso é totalmente falso, buscan que o galego esmoreza pouco a pouco… e a maioría da poboación parece que non se decata. mais percíbese que hai amplos sectores sociais que si o notan, e iso, insisto, verase no futuro.
.- Vostede, como mestra en Rianxo, a que nivel considera que estamos os do Barbanza e Noia no que atinxe ao uso do galego?
.- Na análise sociolingüística que realizamos hai dous anos na coordinadora de ENDL do Barbanza, na que estamos centros de Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira, obtivemos datos científicos (realizados con enquisas serias a partir de mostras ben elaboradas) sobre algo que como docentes xa percibiamos: a desgaleguización brutal que sofre a comarca. A excepción era o concello de Rianxo, no que tamén se detecta como as xeracións máis novas se van castelanizando, pero a un ritmo máis lento. A Noia non chegamos na análise, pero eu vou por alí todas as fins de semana e, poñendo a orella, case podo asegurar que a análise é moi similar á feita no resto do Barbanza.
.- Ao aplicarse o novo decreto, cre que vai haber conflitos na comunidade escolar? de que xeito?
.- Pode habelos e serios, e non tiñamos necesidade deles. O caso é que antes para chegar ao 50% das materias en galego, cando se redactaban os Proxectos lingüísticos de centro, cada centro en cada curso concreto vía que profesorado tiña en cada curso máis adecuado (por vontade, por formación…) para dar as materiais nesa lingua. Agora hai materias que se deben impartir obrigatoriamente en castelán. Iso leva a que vai haber un número de profesorado que se lle vai “impoñer” dar as materias en galego para chegar a ese 50% e … moitos non van querer, polos motivos que sexan. Algúns se cadra nin son de aquí nin nunca tiveron que saber nada de galego para daren as súas aulas de, poñamos por caso, latín ou música… E quedan marcadas para catro anos, e o profesorado nos centros ten mobilidade….Logo está o lío das votacións dos pais… Todo un sarillo.
.- Os de Siniestro Total acuñaron aquilo de "Menos mal que nos queda Portugal": pensa que a lusofonía pode ser unha esperanza para a nosa lingua?
.- A poboación galega debería ter claro que co galego pode entenderse con millóns de falantes da lusofonía, claro que si. Iso de que o galego non vale para saír fóra da comunidade autónoma é un dos prexuízos que conseguiron instaurar desde o poder hai moitos anos. Cómpre loitar contra el, mostrando as posibilidades que nos dá o galego, por exemplo, nas relacións cunha futura potencia económica como é o Brasil.
.- A pesares da crise, sobre todo na industria cultural, seguen a saír proxectos de editoras en galego. Aquí en Noia, Acha Escrava, e a nivel galego, 2.0 Editora, recén presentada. A que cre que é debido?
.- Segue habendo xente da cultura con inquietudes, con ganas e que non se deixa intimidar por unhas circunstancias que temos todos que loitar por mudalas. Por iso é importante non caer no desánimo nin deixar de producir. Estas que mencionas son apostas empresariais e culturais moi valentes nestes tempos e tamén moi necesarias e temos que apoialas.
.- Vostede especializouse, no que atinxe á lingua galega, en termos científicos (Termigal): explíquelle a Jesús Vázquez, o conselleiro, se o galego vale para Matemáticas e Física ou non
.- Esta cuestión non é tanto terminolóxica como de ideoloxía lingüística. Unha das grandes mentiras que se botan cara a unha lingua que non interese que se normalice é que “non vale para…” sobre todo para o que ten que ver co mundo moderno, co ámbito da tecnoloxía, do mundo científico… Pero se falamos con moitos dos cracks destes ámbitos asegúrannos que o galego élles tan válido coma o castelán para desenvolverse no seu traballo. Ademais, o conto de que o galego non ten terminoloxía científico-técnica suficiente é outro prexuízo, e non a vai ter se non lle deixan a ninguén que desenvolva o seu traballo científico nesta lingua.
.- Tamén profundou no emprego do galego na empresa: imos cara adiante ou camiñamos como as nécoras nese eido? (non sabemos como van as nécoras, se de lado ou para atrás)
.- Eu penso que estamos parados… O ámbito da empresa é complexo, pero funciona coma a sociedade da que forman parte os empresarios e os traballadores, cos mesmos prexuízos… O empresario ten un principio polo que se move sempre: a lei da oferta e da demanda. A sociedade demanda galego: o empresario dállo, pero se percibe que a sociedade non “quere” o galego, ou que o galego é un problema, discurso que parece que se empeña en instalar o goberno galego.. o empresario non arrisca. Se desde a administración non se dan axudas para que as empresas sigan a rotular na nosa lingua, se non animan para que a usen, se non se forman en galego os seus directivos nin os seus traballadores, se non perciben que a administración aposta pola promoción real da lingua propia… dificilmente se vai avanzar nada.
.- Coa actual situación, os Equipos de Normalización Lingüística son máis precisos ca nunca?
.- Os ENDL fomos e seguimos sendo moi precisos, pero como equipos de “normalización” da lingua galega, porque non temos unha lingua normalizada! Dá a impresión de que esa función nola queren quitar. Será que lles estorbamos? Agora xa nos van chamar “Equipos de dinamización”, sacáronnos o de “normalización”. E non é unha cuestión só de nome, parécenos conceptual. Que problema hai en que sexamos “normalizadores” do galego nos centros de ensino? Non é necesario ese labor xa? Queren que sexamos só de festas e festexos varios, algo que non busque para o galego a súa normalidade?
.- Pregunta retranqueira: vostede fala inglés tamén ou só na intimidade?
.- Na intimidade só falo galego… pero cando estiven en países ou con xente que non me entendía en ningunha das linguas que domino mellor có inglés, defendinme perfectamente co inglés que aprendín no instituto e logo repasei na escola de idiomas. Con todo, a didáctica das linguas estranxeiras ten moito que mellorar, a culpa de non sabermos inglés non está en que non tiveramos ata agora materias en inglés, senón que só nos ensinaron (aos da miña xeración, pero agora tampouco a cousa mellorou demasiado) a ler e traducir e non a falar, a manter conversas, é dicir, non se centran os esforzos nas competencias activas, das que se precisan. Fai falta modificar o sistema de aprendizaxe e dotar os centros de medios (aulas de idiomas, por exemplo) e cómpre tamén reducir alumnado por clase nas aulas de linguas... Todo isto melloraría o problema que temos coas linguas estranxeiras que, por certo, é igual ou menor ca o que teñen en comunidades cunha única lingua.
.- Que opina de iniciativas como http://certo.gl?
.- Se vos referides ao “punto gl” paréceme moi acertada, coma todo o que supoña marcar a nosa identidade. Se o facedes á iniciativa de apostar por un xornal case íntegro en galego na rede, paréceme xenial, necesaria e moi loable. Moitísimo ánimo para seguirdes adiante!

Ningún comentario:

Publicar un comentario