O Consello Consultivo de Galicia iniciará este luns a súa análise do Decreto do Plurilingüismo que promove Alberto Núñez Feijóo para substituír o texto actual, realizado polo bipartito. O seu informe definitivo podería facerse público antes do 17 de maio, Día das Letras Galegas, e xornada que este ano conta cunha axitada mobilización contra o decreto de Feijóo.
De momento, non trasluciu ningunha posición particular dos membros do consello, que no seu día emitiu un informe en contra o decreto do bipartito. Soamentes a presidenta do órgano, Teresa Conde-Pumpido, indicou que existían algúns puntos escuros no texto presentado por Feijóo.
En calquera caso, todo parece indicar que o informe definitivo do Consello Consultivo mirará moi de preto o documento elaborado polo Consello da Cultura Galega (CCG). Esta postura parece a máis coherente despois de que un dos membros do organismo, José Antonio García Caridad, formase parte do grupo de especialistas ao que o CCG lles encargou redactar ese documento.
O informe do Consello da Cultura foi negativo co texto proposto pola Xunta, o cal non impediu que Feijóo anunciase que seguiría adiante coa súa proposta porque era unha promesa electoral. Tampouco foi favorable o informe da Real Academia Galega (RAG) e o propio Consello Escolar de Galicia -o máximo órgano da comunidade escolar- botouno abaixo por unha ampla maioría. Nestes casos, tampouco o presidente quixo oír as críticas.
O Consello Consultivo, como o seu nome indica, non ten ningún tipo de peso decisivo, polo que a Xunta pode facer oídos xordos ao seu informe e proseguir co decreto malia as protestas. O bipartito, porén, corrixiu boa parte das propostas que o organismo lle facía ao articulado, como subliñou no seu día a entón conselleira de Educación, Laura Sánchez-Piñón.
O Consello un órgano consultivo, de carácter técnico xurídico, creado pola Lei 9/1995, do 10 de novembro, de Galicia, que está ao servizo das administracións públicas da Comunidade Autónoma, e que, igual que outros órganos semellantes existentes no noso país -Consejo de Estado ou consellos consultivos autonómi- cos-, ten como fin último velar pola legalidade dos actos e as disposicións administrativas e, en xeral, pola observancia da Constitución, do Estatuto de Autonomía de Galicia e do resto do ordenamento xurídico.
Ningún comentario:
Publicar un comentario