Preside un organismo descoñecido para a cidadanía pero fundamental para que as administracións redacten normas que se axusten á legalidade. Teresa Conde-Pumpido leva xa dous anos á fronte do Consello Consultivo de Galicia, cargo ó que chegou tras abandonar o seu posto de maxistrada no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A próxima semana o Consello desvelará a súa opinión sobre un dos proxectose máis polémicos do Executivo de Feijóo, o Decreto do Plurilingüísmo e Teresa Conde-Pumpido fala dalgunhas das dúbidas do organismo consultivo.
Como vai o ditame sobre a legalidade do decreto do plurilingüismo?
O proxecto de ditame entregouno o relator o mércores e convoquei o pleno para o luns e ese día o discutiremos.
En que sentido vai?
Hai un proxecto, pero xa veremos se estamos de acordo ou non estamos de acordo. Hai cousas que antes xa fomos prediscutindo, hai moitos puntos de vista xa veremos.
Dubidades da legalidade dalgún punto concreto? Falouse da consulta ós pais ou da posibilidade de que os alumnos usen a lingua que queiran na aula.
Hai en varios puntos nos que hai dúbidas. Pero ás veces temos dúbidas e finalmente chegamos á conclusión de que non é legal, e outras temos dúbidas pero iso non quere dicir que sexa ilegal. Ata o mércores non acaba o prazo para entregrar o ditame. Se acabamos o luns pois mellor, pero se a situación se prolonga ou hai que facer reformas, temos ese pequeno lapsus para poder entregalo dentro de prazo.
Adoitan facer caso as administracións dos ditames do Consello ou elixen o que máis lles convén politicamente?
Á fin e ao cabo, salvo en cousas moi excepcionais, os nosos ditames non son vinculantes. Pero fannos bastante caso, son conscientes de que somos un órgano independente que damos un consello no que nós cremos como xuristas que é acertado legalmente. En momentos determinados prima a posición política e se cadra como en dereito tamén hai moitas visións, poida que sexamos nós os que non estamos acertados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario