Contoumo o outro día o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e non fixo máis que confirmar a miña sospeita de que o galego (idioma), é un invento perigoso co que hai que ter coidado.
Hai uns anos chegou a Compostela Abdullah Demirbass, entón alcalde de Dyarbakir, cidade turca da rexión de Anatolia, situada á beira do río Tigris, e foi recibido, con tódolos honores no Pazo de Raxoi.
O alcalde Bugallo non me revelou o motivo da visita á Compostela de tan ilustre visitante. Tampouco considerei procedente preguntarllo, sabendo que nas abundantes relacións e irmandamentos que alcaldes e concellos de aquí e de acolá subscriben entre eles, danse motivos variados, algún de moi difícil explicación. Alcaldes e corporacións municipais enteiras, so pretexto socorrido de irmandarse, teñen establecido extravagantes relacións e coñecido moito mundo con cargo ao erario público.
Creo poder dicir que a intención do político kurdo de visitar Compostela –o alcalde de Dyarbakir pertencía a minoría kurda–, tiña pouco que ver coa devoción ao Santo Apóstolo. Non estaría politicamente ben visto que un agareno lle rendese honras a un santo varón cristián.
Volvendo ao conto; o alcalde Abdullah Demirbass, quedou admirado (igual que o portugés aquel do epigrama de Moratín, Nicolás) de ver que estas xentes do confín do mundo tiveran un idioma propio, distinto ao oficial do Estado; que os nenos, desde a súa máis tenra infancia soubesen falar galego, que as xentes se relacionasen en galego, que se estudiase galego na escola, que os novelistas, poetas, grafiteiros, e algún que outro periodista escribise en galego, que a Xunta apoiase de modo tan decidido e sen ambaxes ao galego, e mesmo que os políticos, aínda que con grande dificultade e torpeza, de portas para fóra, empregasen o galego no discurso doméstico.
Abdullah Demirbass, que sabía das dificultades polas que pasaba o idioma kurdo na sua terra (o goberno turco ten prohibido o uso do kurdo na educación e nos medios de comunicación), quedou gratamente sorprendido da liberdade e mimo que gozaba a lingua galega, e decidiu escribir un conto para os galegos, en kurdo, en sinal de irmandade dos dous pobos.
O alcalde de Santiago, que sempre anda ao quite, encargou unha edición bilingüe do texto, coa intención de enviarlla á Abdullah á Turquía en canto estivera lista. E así o fixo. Pero cando os inspectores turcos de aduanas abriron o paquete e viron aqueles libriños escritos metade nun idioma estraño metade en kurdo, dirixidos ao alcalde de Dyarbakir, sospeitaron que se trataba dun texto subversivo. Unha proclama en clave para acender os ánimos independentistas das xentes do antigo Kurdistán. Secuestraron os libros de inmediato, e puxeron o achado en coñecemento das autoridades.
Abdullah Demirbass foi destituído como alcalde que era polo Partido da Sociedade Democrática, partido que di gardar, aínda que daquela maneira, as esencias do nacionalismo kurdo.
O galego, xerga cifrada e sospeitosa en interpretación dos inspectores da aduana, e non o kurdo, a pesar de estar prohibido, foi o que condenou a Abdullah Demirbass.
Ensinanza: O galego (idioma) é un perigo. ¡A ver se van ter razón os de “Galicia Bilingüe”!
Ningún comentario:
Publicar un comentario