A SXPL non para de contar mentiras. Mellor dito, é imposible ler ningunha nova na súa web que non sexa desmentida pola realidade. Anxo Lorenzo e compañía están a nos dar un traballo extra, xa nolo pagarán... en incrementos de axudas para os nosos centros de ensino, supoño.
Comparemos informacións. A da SXPL (Secretaría Xeral de Política Ligüística):
Na presente convocatoria, sumáronse novos proxectos á maxima calidade e á máxima contía, 2.500 euros. Como o CEIP Galán Arteixo, que pasou de 1.398 euros a 2.500 euros; o CPI Vicente Otero de Carral, que o ano pasado levara 1.643 euros; o IES nº1 de Ordes, que incrementou as axudas en 1.315 euros; o IES Porto do Son, ao que se lle outorgaran para o pasado curso 1.643 euros; ou o CEIP Igrexa-Valadares, que pasou de 1.161 euros a 2.500 euros.
é intención da Secretaría Xeral de Política Lingüística conseguir unha mellora sistemática nos prazos que se veñen dando nos últimos anos e que supuxeron, como no curso 2006-2007, que non se comunicara a resolución das axudas ata o mes de xuño.
No Galicia Hoxe, no entanto, aparecía o mesmo conto contado deste outro xeito:
A maioría dos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino galegos notaron este ano unha redución das axudas que recibían de Política Lingüística para potenciar o uso do galego entre os estudantes. Segundo denuncian dende a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinammización Lingüística do Barbanza, hai casos tan graves como o do colexio público de Aguiño onde de recibir unha subvención de 2.500 euros en 2009, este ano só se lle concederon 833 euros. "Esta medida deixa o centro nunha situación de precariedade no ámbito lingüístico",
A isto engádese que os centros que acaban de recibir esta subvención teñen de prazo até que remate o curso -pouco máis dun mes- para gastar e xustificar a partida económica que lle corresponde. "Hai que ter en conta -apunta o profesor- que os Equipos de Normalización vivimos desta subvención anual" xa que non está establecido que cada centro destine unha contía económica para eles. Na súa opinión, se continúa a rebaixa de axudas, o seu traballo vaise ver condicionado para o futuro. "Se non temos orzamentos, estaremos como este ano, paralizados, como se fósemos figuras decorativas, o cal causaría un prexuízo máis á educación", apunta.
Sen comentarios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario