Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 13 de novembro de 2017

O Hyundai Kona na Galiza, o Hyundai Koño em Castela: um (auto)desprezo possível/impossível

por Carlos Garrido no Sermos Galiza:


 0 °C [leia-se «zero graus Celsius»]. Bieito: «Imagina, amigo Benito, que um fabricante sul-coreano de carros, digamos que a Hyundai, designa como Koño um novo utilitário desportivo, porque Koño —é um suposto— é o nome de um distrito ocidental, muito turístico, da ilha do Havai. Seria, entom, possível que esse carro fosse introduzido no mercado espanhol, e em Castela, sob a denominaçom Hyundai Koño?» / Benito: «Ah, ah! O que dis, Bieito? Estás de brincadeira? Isso seria impossível, porque em castelhano —e como é possível que o ignores?— a palavra coño é voz grosseira, que denota a vulva da mulher. Isso seria indecente, indigno, constituiria um escándalo, e o fabricante seria alvo de merecidas campanhas públicas de irrisom e de escárnio. Teria de mudar logo o nome do carro, se quigesse vender bem! Observa que o originalmente chamado Mitsubishi Pajero, em Espanha já foi comercializado com o nome de Montero, para se evitar a ligaçom com cast. paja ‘masturbaçom, punheta’. O que propós que imagine é, portanto, cousa verdadeiramente contrafactual!» Facto: A Hyundai acaba de introduzir o seu novo utilitário desportivo no mercado espanhol, e portanto na Galiza, sem qualquer oposiçom dos notáveis galegos, sob o nome Hyundai Kona! 

Galego de laboratorio

por Manuel Rey en GCiencia:

“Aínda hai mentes estrañas que pensan que non se pode facer ciencia en galego“, reflexionaba hai uns meses un científico do noso país. Dío alguén que percorreu medio planeta e que traballou nunha das mellores universidades do mundo. Algo máis aló de Pedrafita si que foi. Todos escoitamos algunha vez as críticas cara o “galego de laboratorio“, ou as súas variantes -“xunteiro”, “do telediario”, etc.- en contraposición a un suposto galego xenuíno e popular, ás veces castelanizado de máis. Curiosamente, un galego que ofrece unha enorme gama de variantes e matices a través do territorio. Son ideas que equiparan a normalización da nosa lingua coa artificialidade e cunha crenza errónea de imposición. Non por casualidade, estas ideas rematan entroncando co illamento que o galego aínda sufre hoxe na ensinanza científica e tecnolóxica. Imos ver:
Sempre fomos lingua de pobres e poetas, lingua do pobo. Despois da escuridade e da noite de pedra, fomos quen de coller o galego das casas, das agras e dos portos e levalo, non sen atrancos, ás aulas, aos hospitais, ás xanelas da administración, aos medios e á cultura.

domingo, 12 de novembro de 2017

Son muller


Todas elas son estudantes do IES de Cacheiras (Teo). Dirixidas pola súa profesora de música, Matilde, compuxeron esta peza orixinal. Forman o grupo Máis boas cás patacas. Nas voces están Lua, Valeria e Ruth, á guitarra temos a Ana, no baixo a Sara, co uquelele está Carme, co piano, Cristina e coa batería, Candela. Son as gañadoras do certame Quero Cantar convocado pola Deputación da Coruña.
Velaquí unha boa forma de contribuir ao orgullo pola lingua ao tempo que se transmite unha mensaxe pola igualdade de xénero, con mulleres libres e donas de si, non como ese fanado lema compensatorio da campaña da Xunta de Galicia para o 25 de novembro : "o máis grande de Galicia non se maltrata". Un discurso semellante é habitual para xustificar a substitución lingüística. Aqueles que defenden a supremacía do castelán sobre o galego hipócritamente desenvolven unha idealización compensatoria. A lingua que se gaba é a que tamén se discrimina. A muller que se idealiza é tamén a que se marxina e maltrata. Así fálase da súa beleza, da súa dozura, tenrura; tanto da muller como da lingua galega.
Son muller, son lingua galega.

venres, 10 de novembro de 2017

X. Matemáticas en galego

X. Matemáticas en galego from Cibrán Arxibai Queiruga

O primeiro que teño que dicir é que  uedei encantado co trato que recibín no centro. Grazas.
O pasado 03/11/17 fun ao famoso IES Félix Muriel (Rianxo) a falar sobre algo que non existe, as matemáticas en galego. Explícome a seguir.
O de famoso é polo seu ENDL, cargado de premios, sempre na fura de diante, un fervello de actividades, sempre con contido normalizador. Un exemplo para os que traballan na normalización lingüística desde as aulas.
O de que as matemáticas en galego non existen pode ser o preludio de que o galego deixe de existir. Quen está empeñado niso é a Xunta co seu funesto decreto mal chamado do plurilingüismo, que prohibe impartir aulas de matemáticas en galego en todo o ensino obrigatorio e que levou a que se aniquilaran todos os materiais didácticos da materia na nosa lingua, incluso para o bacharelato (aínda que non está prohibido nesta etapa, non hai editorial que publique nada de matemáticas en galego, ata este punto chega este Atila).
Ben, para ser exactos, si que hai recursos en galego. Temos o material EDAD e unha boa colección de aplicacións de geogebra (buscar e escoller idioma>galego). Disto, pero sobre todo da discriminación que sofre a nosa lingua, especialmente no ensino, e aínda máis especialmente no das matemáticas, foi do que tratei o pasado venres co alumnado de 1º da ESO do Félix Muriel.
Para suavizar o tema, propúxenlles un xogo, que volvo a propoñer agora aquí: na 3ª diapositiva están marcados varios "x" (léase "xes"), pódese comprobar que tamén aparecen nas dúas primeiras. A cuestión é, en cantas, aparece ese símbolo?

O máis importante
Sobre o que lle contei a aqueles rapaces, quizais o máis importante é o da identificación de dúas formar de impartir clase, dous modelos didácticos. Un está representado polos os profesores que transmiten o saber do poder e que, por iso mesmo, non poden facer outra cousa que desprezar dalgunha maneira ao alumnado e á sociedade galega que o son de seu. No paradigma deste profesor está a transmisión do castelán e a exclusión do galego. O outro modelo é o que vive apegado á terra, aquel do que sabe que o principal non é a reprodución de toda unha restra de contidos, senón desmontar as capas de auto-odio e prexuízos. O ideal deste grupo represéntao un profesor que transmite a lingua e a cultura galegas.

Un texto de Vidal Abascal
Na preparación da presentación levei unha sorpresa moi agradable. Foi a recuperación dun texto que Enrique Vidal Abascal escribira nos anos 70 en La Voz de Galicia. Vidal Abascal adicou toda a súa vida a promover os estudos de matemáticas na universidade. Primeiro, no 1940,  chamou a atención do rector para que contrataran a Ramón Mª Aller e revitalizara a docencia das matemáticas despois dunha guerra que levara por diante ás persoas máis preparadas que tiñamos en Galicia. No ano 1957 convence ao Ministerio de Educación para crear a licenciatura de matemáticas en Compostela. Despois será un pioneiro na organización de congresos de ámbito internacional. Velaquí un retallo do mencionado artigo:

A situación do idioma galego é a seguinte: Durante preto de catrocentos anos ó galego obrigábaselle a falar castelán, na escola, na igrexa, no xulgado, na notaría... Durante catrocentos anos a alta burguesía avergoñábase de falar galego, e o idioma divide ós galegos en dúas clases sosciais, a dos señoritos que falan castelán e a dos proletarios e campesiños e pequenos burgueses que falan galego. Sábese ben cal foi a orixe disto, o obriga-los  Reises Católicos a ir vivir a Madrid á aristocracia galega. De todos é ben coñecida a anécdota do Conde de Altamira [ver conferencia de Cunqueiro]. O volver a Galicia os aristócratas falando castelán, as clases superiores quixeron imitalos. Despois de catrocentos anos desta situación a maioría do pobo galego segue falando galego. Menos matalos, fíxose todo o que se puido por desterra-lo galego. Obrigouse a fala-lo castelán en tódalas institucións docentes e colgaronslle o sambenito de lerdos e torpes ós que falaban galego, castigábanse na escola e nos seminarios os que se lle escapaba algo de galego, pasaron catro centos anos e o 70 por cento da poboación de Galicia segue falando galego; esta é a realidade que non se pode ocultar. O idioma de Galicia neste ano de 1979, segue sendo o galego. [...]Vexamos outras situacións similares as de Galicia. Dinamarca é un pequeno país de menos extensión que Galicia, e con unha poboación pouco maior, catro millóns de habitantes, o idioma danés só o falan no mundo eses catro millóns de persoas, pero Dinamarca cultiva ó danés por que é o soporte da súa personalidade, se alguén propuxese que se abandonase ó danés polo inglés, que estudian as clases cultas, ou polo alemán dos seus veciños, sería considerado un traidor ó se pobo.

mércores, 8 de novembro de 2017

Visita á exposición do pergamiño Vindel do CPI As Revoltas



Parte do equipo da biblioteca do CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños) xa foi ao Museo do Mar de Vigo a vistar a exposición do pergamiño Vindel. De volta trouxeron este vídeo que incita a facer a visita.
Imperdible a última imaxe do vídeo (3 últimos segundos)


venres, 3 de novembro de 2017

As matemáticas, tamén en galego



Se o vídeo de onte me encantara, o de hoxe, aínda máis porque trata da materia que máis me gusta. Continuamos, xa que logo, Colexio Lestonnac (Ferrol), reclamando o uso da ciencia en galego.

P.S.: Este é un dos tres vídeos ([1], [2] e [3]) cos que o ENDL do CPR Santa Juana de Lestonnac (Ferrol) celebra a xornada reivindicativa do Día da Ciencia en galego deste ano. Un listado de palabras do vocabulario científico e unha restra de declamantes das mesmas para reivindicar o uso da lingua galega nas materias científicas. Quixera chamar a atención que un dos rapaces do vídeo fainos partícipes da letra "xe", como a letra que fixo súa a matemática e que cómpre, nun sistema normalizado que reivindico acotío, que o profesorado repitamos nas aulas as ducias de veces que a temos que utilizar cada día.
Este vídeo tróxome á memoria aquel "Vocabulario de matemáticas" de Xosé Masa e Belén Fortes, editado no 1995, que sentaba as bases para unha lingua de calidade tanto nos libros de texto hoxe prohibidos, como na lingua oral, hoxe tamén prohibida, en todo o ensino obrigatorio para esta, e outras materias.
Un dos mestres que mellor nos contou como debiamos proceder tanto na escola como na vida foi Agustín Fernández Paz. Ben sabido é que el reclamaba a figura histórica de Rosa Parks como exemplo a seguir. Aquí e hoxe é ben pertinente lembralos pois ambos eran firmes defensores dos oprimidos. A lingua e dos dereitos humanos teñen neles dous referentes. O acoso lingüístico que sofrimos pais, profesores e alumnos por parte da Xunta que ten a encomenda de defender o noso maior sinal de identidade pero que se se vestiu coa casaca supremacista é inenarrable. Compría un exército de redactores para escribilo, aínda que unha soa frase da activista norteamericana sería bo resumo: "canto máis cedíamos e obedecíamos, peor nos trataban". Non digo máis, pero tampouco menos.
Encantáronme os vídeos. Parabéns.

xoves, 2 de novembro de 2017

Físca e química, tamén en galego



Simple e moi ben feito. o vídeo do ENDL do CPR Santa Juana de Lestonnac (Ferrol). Un listado de palabras do vocabulario científico e unha restra de declamantes das mesmas para reivindicar o uso da lingua galega nas materias científicas. Encantoume.

martes, 31 de outubro de 2017

Violencia contra o galego

A subdelegación do goberno de Pontevedra convocou o "I concurso de dibujo y relato contra la violencia de género" en colaboración coa Consellería de Educación, que lle enviou a todos os centros con alumnado da ESO e FP da provincia unha invitación a participar xunto coas bases do concurso.
Como se pode comprobar, a convocatoria está feita exclusivamente en castelán, e nas bases, tamén exclusivamente en castelán, non se indica que poidan presentarse traballos en galego.
Outra vez máis, outro pau á lingua galega, nesta ocasión perpetrado pola subdelegación do goberno de Pontevedra e co apoio da Consellería de Educación. Xa podo adiantar cal vai ser a postura da SXPL, a de achantar, calar ou, en todo caso xustificar este novo agravio ao galego. A nós, aos contribuíntes tócanos pagar esta subordinación da lingua galega nunha nova barrabasada os organismos oficiais.

venres, 27 de outubro de 2017

Domingo Fontán e a Carta Xeométrica. Recursos

Tumba de Domingo Fontán
no Panteón de Galegos Ilustres
Para poñer en evidencia o furibundo ataque ao galego que se deriva do funesto decreto do plurilingüismo celébrase todos os anos o Día da Ciencia en Galego. Desafortunadamente imos pola VIII edición, neste caso adicada ás viaxes científicas, nomeadamente a viaxe de Darwin no Beagle e a do matemático galego Domingo Fontán para elaborar o seu mapa de Galicia. Como mostra paradigmática do seu cinismo, os mesmos que manteñen a secundarización da lingua galega e fan gala decote do desprezo pola mesma, foron os promotores o pasado mes de abril dunha resolución parlamentaria para difundir a vida e obra de Domingo Fontán. Tomando este blogue o nome da Carta Xeométrica,  non precisamos deste tipo de foguetería impostada para honrar a memoria dun galego que co mapa da súa terra ocupa un lugar relevante no noso tesouro colectivo do sermos galegos. As razóns de que poidamos prescindir de disfraces está en que asumimos e practicamos acotío o compromiso sen condicionamentos coa lingua.
Únicamente coa forza do sentimento da terra pode explicarse o enorme traballo que fixo Domingo Fontán pois el sen axuda foi quen de facer un mapa científico debuxando a face de Galicia.
Cada quen ten a súa patria, e o primeiro paso para non renegar dun mesmo é poñer os pés no chan e non renegar dela. E se hoxe padecemos o mal da galegofobia debemos procurar a súa orixe no desprezo e descoñecemento da nosa xeografía, pois aquel que non sinte a terra, non fai outra cousa que odiala en todas as súas formas.

Velaquí, xa que logo, unha recompilación de material sobre Domingo Fontán e a Carta Xeométrica.

Xeral


Artigos


Blogues


Vídeos


Libros
  • Pensamento matemático en Galicia, Edicións do Castro (1992), autor: Ricardo Moreno Castillo. Ten un capítulo adicado a Domingo Fontán.
  • 13 matemáticos galegos, Grupo Anaya (2004), autor: Ricardo Moreno Castillo. Ten un capítulo adicado a Domingo Fontán.
  • Fontán, Editorial Galaxia 2015, autor: Marcos Calveiro. IX Premio Narrativa Breve Repsol 2015. Novela biográfica con moita información, case podería pasar por un ensaio sobre a vida de Domingo Fontán.
  • A parroquia galega a partir da “Carta Geométrica de Galicia”, Minerva (repositorio institucional da USC) (2015), tese de doutoramento de María del Carmen Álvarez Monterroso
  • Carta Geométrica de Galicia 1817-2017, Teófilo comunicación (2017)
Carta Xeométrica
Post Scriptum

xoves, 26 de outubro de 2017

Eduardo Pondal en 5 minutos



A fundación Eduardo Pondal xunto con Asubío Média ilustran en cinco minutos a vida de Eduardo Pondal. Unha produción que estará traducida en 5 idiomas, intentando así que o coñecemento da vida do poeta teña un maior alcance
Vía RAG

mércores, 25 de outubro de 2017

Premios OUFFEscola 2017

Onte premiáronse as seis curtas gañadoras na a Gala do #OUFFEscola 2017! que foron escollidas entre as 74 realizadas por máis de 2.000 rapaces e rapazas participantes. Velaquí as pezas premiadas


Categoria de infantil e primaria


22 OUFF | QUERO UN PATIO NOVO | OUFF ESCOLA from OUFF - Ourense Film Festival on Vimeo.
do CEIP Coirón-Dena de Meaño pola peza “Quero un patio novo” (1º premio)



22 OUFF | CONVERSAS EN LATA | OUFF ESCOLA from OUFF - Ourense Film Festival on Vimeo.
do CEIP Torre-Illa da Illa de Arousa pola peza “Conservas en lata” (2º premio)


22 OUFF | ÁRBORES NO CAMIÑO | OUFF ESCOLA from OUFF - Ourense Film Festival on Vimeo.
do CEIP Eduardo Pondal de Vigo pola peza “Árbores no camiño” (mellor guión).


Categoría de “outros niveis”

22 OUFF | VERBA | OUFF ESCOLA from OUFF - Ourense Film Festival on Vimeo.
o IES Macías o Namorado de Padrón, polo traballo “Verba”, un traballo contra a violencia de xénero.



22 OUFF | ALGO PASA EN GUITIRIZ | OUFF ESCOLA from OUFF - Ourense Film Festival on Vimeo.
o IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz polo traballo “Algo pasa en Guitiriz”, traballo ao que xa fixeramos referencia neste mesmo blogue



22 OUFF | O RUMOR | OUFF ESCOLA from OUFF - Ourense Film Festival on Vimeo.
o IES Santiago Basanta Silva de Vilalba pola peza “O Rumor”.

O xurado, ademais decidiu concederlle unha mención especial ao traballo presentado polo IES de Arzúa.

martes, 24 de outubro de 2017

"Os nenos da vella" e "Máis boas cás patacas"

O pasado venres 20 de outubro, no Teatro Colón da Coruña, entregáronse os premios do concurso "Quero cantar", organizado pola Deputación da Coruña. Os gañadores foron "Os nenos da vella" e "Máis boas cás patacas"



“Os nenos da vella” é una formación coruñesa formada Noa (voz e percusión), Mikel (caixón e coros) e Yune (baixo e coros), e cuxo nome provén do lugar onde xogan e cantan a diario, pois a totalidade dos integrantes proceden do casco vello da cidade herculina.



No caso de “Máis boas cás patacas”, trátase dunha banda teense integrada por oito rapazas do IES de Cacheiras, no que o talento das voces de Lua, Valeria e Ruth, a guitarra de Ana, o baixo de Sara, o uquelele de Carme, o piano de Cristina e a batería de Candela, seguen as indicacións da súa mestra de música, Matilde, para compór pezas tan fermosas como a que presentaron ao certame “Quero Cantar”.
Vía NósTV

luns, 23 de outubro de 2017

El català, una llengua de màrqueting. E o galego?



Velaquí un vídeo da campaña Enmarca't, do departamento de Llengua catalana da Generalitat: para fidelizar, empatizar e vender máis recoméndalle ás empresas non esquecerse do catalán.
En Galicia nunca vimos un vídeo destas características a pesar de que con toda a pompa propia dos Consellos do Goberno Galego, se aprobara no 2016 o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico cun orzamento previsto anual dun millón de euros, durante 5 anos. Claro que ese Consello foi o 4 de agosto, en pleno verán.En concreto, neste plan establecíase que os seguintes proxectos se habían de desenvolver durante os anos 2016 e 2017:

1. “Portelo único para o galego”. Creación dun punto único de atención á empresa en temas de lingua.
2. “Galego e internet para mellorar a hostalería”. Actividades da Redede Dinamización Lingüística que apoien o uso do galego no sector da hostalería a través das TIC: internet, redes sociais, xeolocalización etc.
3. “O galego, un compromiso conxunto”. Activación da coordinación e a cooperación entre os órganos e as entidades dependentes da Xunta para aumentar a eficacia das actividades desenvolvidas e para unha maior proxección do discurso a prol do uso do galego na empresa.
4. “Construíndo en galego”. Actuacións de dinamización do idioma galego no sector da construción e das actividades inmobiliarias.
5.“Melloramos co galego”. Elaboración e difusión dun decálogo de vantaxes a prol do galego na empresa.
6. “O galego tamén é unha responsabilidade social”. Accións de dinamización das actividades a prol do galego no marco da responsabilidade social empresarial (RSE).
7. “A difusión, en galego”. Accións de difusión e campañas destinadas ao ámbito económico.
8. “Colaboramos para facer máis”. Accións de colaboración para aumentar a participación e a implicación.

Pois ben. De todo isto que é o que se levou a cabo? Só unha cousa: a convocatoria da XXIV edición dos Premios á galeguidade empresarial, que polo seu título, ben se ve que non é  ningunha novidade (foron creados en 1993). Ademais non ten nada que ver co portelo único, nin é específico da hostalería nin do sector inmobiliario; tampouco é un decálogo nin ten que ver con entidades da Xunta. Estes premios só tanxencialmente teñen algo de relación cos dous últimos puntos... e isto é todo. Resumindo, o  Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico leva o mesmo camiño que Rede de Dinamización Lingüística que nunca deixou de ser un papel mollado do que nunca se sacou outra cousa que a relegación da lingua galego ao mundo dos monicreques.

venres, 20 de outubro de 2017

#Queimanalingua

@arrevesados é unha conta de twitter que se caracteriza por elaborar vídeos manipulados cun obxectivo humorístico. aínda que nesta ocasión non trouxen ata esta entrada un vídeo de @arrevesados polo seu contido gracioso, senón polo tráxico. Nesta peza audiovisual recóllense unha serie de cortes da intervención do director xeral de montes, Tomás Fernández-Couto Juanas, do informativo da TVG do pasado domingo a raíz da vaga de incendios que sufriu Galicia na que se demostra o desprezo e a inicuidade coa que actúan os altos cargos do goberno do PP con respecto á lingua galega. Toda intervención pública ten a súa didáctica na conformación social do imaxinario colectivo que representa un referente identitario tan fundamental como a lingua. Esta intervención de Fernández-Couto é extrema pero ben indicativa de cal é o lugar que lle a Xunta lle deixa ao galego.


Transcripción:
Hemos ti...tenido que facer fronte a douscentos dez lumes neste fin de semana [...] e por outra banda estes ventos do sur i estas temperaturas tan altas nos han, digamos, metido directamente grandes lumes procedentes de Portugal que nos han entrado por el sureste [...] creando novas condiciones de peligro, creando novas situacións de rigo i obligando aos medios a repartirse en máis lumes i en máis situacións. I estos lumes se han producido en el entorno de estas zonas tan habitadas, lo que ha generalizado las situaciones de riesgo, ha complicado extraordinariamente las condiciones de extinción i está a provocar unas situaciones de angustia i de riesgo en las poblaciones mui importantes. No ocurre únicamente aquí, también en la provincia de la Coruña, de Lugo y de Orense se están a dar estas condiciones, pero en algunas zonas son especialmente difíciles de xestionar por lo alto número de viviendas que ao longo de todo o perímetro do lume se están a producirNon temos ningún dato que poda sostener, digamos, a existencia de tramas organizadas
Tomás Fernández-Couto Juanes, director xeral de montes, 15/10/17


Entrevista co director xeral de Montes para avaliar a situación dos incendios, 16/10/17 no programa Bos Días (TVG)

A memoria da lingua na paisaxe

por Xosé Rodríguez en La Región

A paisaxe galega atesoura unha rica memoria cultural e lingüística que definíu ao pobo que a habita. Cada anaco da súa terra: montañas e serras, fragas, soutos, carballeiras, ríos e rías, lameiros e veigas son escenarios con cadaseu nome, e todos eles evocadores do imaxinario popular. De aí que os seus habitantes mantivesen unha forte unión entre a lingua e a paisaxe; entre a cultura e os espazos xeográficos aos lles foi poñendo nomes para identificalos, alusivos ás súas peculiaridades ou propiedades naturais.

mércores, 18 de outubro de 2017

Orgullo pola toponimia en Forcarei

As 12 aulas do IES Chano Piñeiro (Forcarei) veñen de ser bautizadas cos nomes das 13 parroquias do concello (unha delas, a de Presqueiras fai referencia ás parroquias de Santa Mariña e San Miguel). A carón da porta de cada aula teñen un cartel que podemos ver un estudo filolóxico do topónimo, un mapa de Forcarei no que se localiza a parroquia, unha relación de todos as súas aldeas e tres fotos con monumentos ou lugares. Un fermoso traballo que afonda no orgullo da comunidade escolar pola lingua que identifica o territorio no que viven e estudan.





luns, 16 de outubro de 2017

Merca en Xove. Merca en galego


Nun principio estaba moi ben esta campaña do Concello de Xove do ano 2015, na que se podía participar desde o facebook cos cancelos #EuMercoEnXove #EuMercoEnGalego. Estaba moi ben porque promovía o comercio local visibilizando como valor positivo que o galego sexa a lingua de relación comercial.
Pola contra, a campaña non está tan ben por outras razóns. A primeira, se prememos o play do vídeo o primeiro que vemos é a Demetrio Salgueiro, o alcalde de Xove facendo unha declaración institucional, o que lle pode quitar as ganas a calquera de seguir vendo o que realmente importa, o vídeo da campaña. En segundo lugar, despois do alcalde temos os discurso da axente de desenvolvemento local. Despois de tanto preámbulo quítasenos as ganas de ver o contido substancioso do vídeo, onde aparecen os veciños dando as súas razóns para mercar en Xove e para facelo en galego. En terceiro lugar, se temos en conta que a campaña está sustentada polo concello, a asociación local de empresarios e a
Secretaría Xeral de Política Lingüística, os escasos premios que outorgaban (un vale de 150 €. un de 100 € e outro de 50 €) desprestixiaban por completo a iniciativa, e de paso, a lingua que se pretendía potenciar. Precisamente nestes días vanse repartir 1.5000 € en premios noutra campaña comercial na que o galego xa non é protagonista. Finalmente vemos que aquela proposta do 2015 foi un foguete pouco vistoso que nin tan siquera fixo pum. A iniciativa acababa xusto onde comenzaba, feita únicamente para maior gloria do rexedor e das institucións que presuntamente facían algo pola lingua cando só o facían por si mesmos.


sábado, 14 de outubro de 2017

Casares-tón



A RAG pediulle aos centros de ensino que lle contaran como se desenvolveu o pasado Día das Letras. A convocatoria foi todo un éxito no que chegaron a participar case 80 centros. De entre todos eles escolleronse cinco gañadores. Un deles é o CEIP O Carballal (Marín) con este simpático audiovisual Casares-tón
Nesta páxina pódese acceder aos traballos premiados e nesta outra a todos os que participaron.
Parabéns a todos.

mércores, 11 de outubro de 2017

O debate educativo conxelado: agardando por Godot

Moi interesante o documento da Nova Escola Galega do seu boletín NEG Opina do mes de outubro 2017 que reproducirmos máis abaixo. Destaco unha idea: "Nun contexto social diglósico, esta falsa disxuntiva  [a de que temos que escoller entre aprender galego ou aprender inglés] contestada desde unha parte do coñecemento científico coa afirmación «as linguas suman», estase a instalar en cada vez máis amplos sectores sociais, levando por diante o relativo consenso ao redor da necesaria normalización lingüística do galego"

Texto ínegro do boletín de outubro do 2017 do NEG Opina:

A convulsión que supuxo o proceso de implantación da LOMCE no sistema educativo durante os últimos anos semella ter esmorecido como consecuencia da redución do impacto das reválidas, ao perderen estas o seu carácter vinculante para acadar unha determinada titulación. A suspensión desta medida, mentres non se acade un Pacto Educativo, serviu para que o PP e C´s vendesen ante a opinión pública unha suposta «conxelación do calendario de aplicación da LOMCE en todos aqueles aspectos que non tivesen entrado en vigor», o que na práctica non tivo máis efecto que sobre este aspecto das reválidas.

martes, 10 de outubro de 2017

Marcho que teño que marchar



Está a piques de presentarse o novo traballo de Magín Blanco, Camiños. Esta peza, Marcho que teño que marchar formará pàrte dese libro-disco no que participaron alumnos e profesores do CPI Manuel Padín Truiteiro (Soutomaior)

domingo, 8 de outubro de 2017

A Estrada e Silleda: dobre exclusión do galego


Velaquí o cartel que anuncia o Flash Market, un evento que se organiza no recinto da Feira Internacional de Galicia ABANCA e no que destacamos que o galego ficou completamente excluído.
O padroado da Fundación asociada a esta Feira cae baixo as directrices da Vicepresidencia da Xunta, Alfonso Rueda é o presidente do mesmo. Que todos os galegos aportemos os nosos impostos para o mantemento destas instalacións parece que non serve de nada pola indolencia dos representantes políticos que, no canto de ser garantes da dignificación da nosa lingua, adícanse precisamente ao contrario.
Non é este o primeiro caso de desprezo ao galego saído da Feira de Silleda. O pasado mes de xuño, por exemplo, celebrouse a Equina, onde a única palabra que podiamos ler en galego, tanto no cartel como no programa, era "Feira"
No seu día ProLingua xa denunciara que sucedía o mesmo con outro evento que se programa nas instalacións da Feira Internacional, o Xuventude Galicia Net. Parece como se toda a programación que vai caer nestas instalacións estivese abocada a botar fóra a lingua galega. Este feito multiplica a súa gravidade por estaren institucións públicas directamente relacionadas coa promoción dos eventos que acabamos de referir. Xa dixemos que por medio de Vicepresidencia a Xunta é un organismo sempre presente, pero tamén aparecen implicados como entidades que apoian algunhas destas celebracións tanto o concello de Silleda como a Deputación de Pontevedra.




A Estrada baixa no seu compromiso co galego

Esta fin de semana celébrase a XII Subida Á Estrada, unha competición automobilística que conta coa subvención do Concello da Estrada e a  Secretaría Xeral para o Deporte. Nin unha nin a outra mostraron a sensibilidade necesaria para esixir que a divulgación da carreira se fixera en galego. Desleixo? desprezo? inidiferenza? desidia? irreverencia? Quizais todo xunto. En resumo, falta de amor pola lingua de noso.
E así anda todo

sábado, 7 de outubro de 2017

O rap da lingua


Migallas teatro lanzou este vídeo para celebrar o último Día Europeo das Linguas o pasado 26/09/17

xoves, 5 de outubro de 2017

Día Europeo das Linguas: o desleixo da Xunta fronte o Tosta



Fronte á enfermiza inutilidade da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que non foi quen de celebrar como se merecía o Día Europeo das Linguas (xa que se limitou a que o secretario xeral acudise a un acto organizado por outros, en concreto a EOI de Santiago), a Mesa si que estivo á altura da conmemoración presentando un fermoso documental que se acompaña dun libro non menos agradecido: Unha guía imperfecta. Despois do xa comentado, ben lle cómpre aos rexedores da política lingüística unha lectura demorada deste manual.
Sete linguas minorizadas; galego, vasco, frisio, galés, gaélico escocés, irlandés e córnico, reuníronse arredor da palabra común "Tosta" para compartir os nosos mundos e para atopar xeitos de dar alento ás linguas. Os sete encontros pola diversidade levados á práctica no Tosta son narrados neste documental no que veremos artistas doutras tantas nacións e culturas da costa atlántica europea.
Outra vez máis temos nos dous pratos da balanza dúas formas de facer política lingüística. Un, o da Xunta, minimizando unha oportunidade de darlle pulo e visibilidade á lingua galega. Este desleixo é un desprezo e un insulto. No outro prato aparece A Mesa xunto con outras asociacións europeas (Golden Tree Productions -Cornualles-, Afûk -Frisia-, Ealáin Na Gaeltachta -Irlanda-, Celtic Neighbours -Gales-, Sabhal Mòr Ostaig -Escocia-, Euskaltzaleen Topagunea -Euskal Herria-) ofrecendo dignidade e orgullo para o galego mediante un discurso sustentado no ecoloxismo lingüístico e os dereitos humanos. Con que nos quedamos?

A lingua na vida dos mortos

por Xosé Castro Ratón no Diario de Ferrol

Forma parte da nosa boa tradición social render tributo á memoria dos nosos devanceiros mortos. Facémolo arredor dunha data consagrada polo santoral católico á festividade de todos os santos, aínda que no misal sexa realmente o día que sigue a este citado. Pesa, con forza, o feito de ser xornada sen actividade laboral en moitos dos traballos. Tempo de visita aos milleiros de cemiterios do país, co cerimonial que supón o lavado de cara e adorno luminoso e floral do sartego, nicho ou sepulcro familiar sen reparar nun feito lamentábel, a lingua utilizada na lápida dos defuntos.

Lonxe de ser unha lingua como calquer outra que se pode aprender, o galego sería unha anomalía lingüística que seica hai que mamar desde o berce porque –como teño escoitado– “el gallego de verdá lo hay que mamar”. Este retrouso que se ouve amiúdo forma parte da mitoloxía que se erixe ao redor da figura da ‘falante nativa’, un ser mítico que tivo a boa sorte de zugar a ambrosía lingüística directamente da teta de súa mai, dando todo o seu significado ao termo ‘lingua materna’. Máis adiante, poderá cuspilo e renegar del, pasando a falar sempre a lingua do imperio que nos coloniza, por obriga directa ou por coerción, pois ninguén abandona a súa lingua por vontade propria na súa terra. Mais, sexa como for, sempre será unha ‘paleofalante’, á diferenza desta subespecie inferior que o tivo que aprender nos libros, a denominada ‘neofalante’. Antes de máis, convén lembrar que, debido ao proceso de substitución lingüística que deriva da doma e castración do País, non todas as persoas que viven na Galiza tiveron a sorte de nasceren e seren criadas nun ambiente galegofalante. Certamente, ten o seu mérito a falante nativa que mantén a súa lingua nun ambiente lingüisticamente hostil, empapado de español na escola, nos medios... Mais non menos mérito ten aquela persoa que, veña de onde viñer, chega a unha tomada de consciencia lingüística que a empurra a aprender e a utilizar o galego como lingua, adoptando unha práctica monolingüe nun entorno onde apenas se ouve falar galego, sobretodo entre a mocidade. Pois, encanto que a adquisición espontánea se pode vivir sen cuestionala ou mesmo valorala, podéndose aceitar ou rexeitar como calquer dádiva, a tomada de consciencia que implica para un neofalante pasar a ser galegofalante na práctica diaria estriba nun compromiso que tende a levar habitualmente a un activismo lingüísticos, o que non significa que non haxa tamén moitos e moitas falantes nativas activistas. Infelizmente, acontece que nos núcleos máis urbanos, xa en 1998, varias investigadoras alertaron que “a situación do galego no ámbito urbano ou semiurbano é case agónica, encanto que no ámbito rural perde posicións cunha rapidez alarmante”. Os datos máis recentes que recolle o Mapa Sociolingüístico de Galicia (2004) non só confirma esta tendencia, mais indica que se exacerba de xeito alarmante. O quid do problema radica en que hoxe por hoxe, sen renegarmos do rural, cumpre recoñecer que a populación se vai concentrando nas urbes. Apoiándose en La lengua materna en los espacios urbanos gallegos (M.A. Fernández, 1993), as mesmas investigadoras indican que “87 % do crescimento demográfico no século actual corresponde às cabeceiras urbanas. A populación radicada nas sete áreas urbanas galegas representa máis de 40 % do total, encanto que en 1900 representaba só 9,8 %. Portanto, [...] o facto de que nos ámbitos rurais existan aínda altas percentaxes de galegófonos habituais non supón unha grande esperanza a respeito do futuro mantemento da lingua.” Sen unha recuperación do galego nas cidades, pois, o fado do galego fica claro. E quen alza a bandeira do galego nos centros urbanos son, na maioría, neofalantes. Por esta razón, calquer mostra de neofalantofobía divide as falantes e non fai máis do que facer o xogo à penetración do español, debilitando a xa de por si precaria presenza do galego, axudando a facelo desaparecer, en vez de reforzalo para se voltar a tornar a lingua nacional da Galiza inteira: de todas e todos. As únicas persoas que merecen ser obxecto de censura e burla son aquel@s profisonais –entendido como quen cobra polo seu traballo, independentemente da súa capacitación ou capacidade...– que viven do galego ou que teñen o deber de o dignificar e promover, ante todo determinad@s persoeiros do CRTVG (que non tod@s) ou determinados cargos políticos, a comezar polo proprio Presidente da Xunta, que non son quen de colocar un pronome onde corresponde ou que se dedican a espallar unha imaxe deturpada dun galego maltratado como algo aceitábel e mesmo loábel: máis xenuíno... É verdade que unha falante nativa e unha neofalante tenden a non dispor das mesmas destrezas e recursos lingüísticos, mais o galego pode aprenderse como calquer outra lingua, cunha dedicación e empeño a aprenderse ben e procurar mellorar sempre, embora é moi fácil caír nos estereótipos, ao caricaturizar tanto as unhas como as outras. Por un lado, o tópico do paradoxo da ‘falante nativa’ como depositaria dun galego verdadeiro dun tempo dourado, mais que recorre a españolismos como abuelo, calle ou ghuevos como mostras de autenticidade, dun ghallegho auténtico. Polo outro, a neofalante incapaz de pronunciar o ene velar característico do galego, nen de distinguir máis que as cinco vogais do español. A realidade é máis complexa e rica. Non todas as falantes nativas castrapean e son moitas as que aman, coidan e cultivan a lingua, sen por iso renegaren do ‘seu’ galego de orixe (nen falta que fai!). Mesmo hai reintegracionistas no bastión rural do galego ‘enxebre’... Do mesmo xeito, tamén hai neofalantes competentes que gostan de mellorar e de aprender de quen fala mellor. O futuro do galego – se futuro ha de haber – pasará ineludibelmente polo encontro das diferentes falantes e as súas diferentes variantes, evitando sempre que se dilúa no mare magnum do español até o ponto de acabar sendo engulido. Talvez (ou mesmo moi probabelmente) o galego do futuro non será unha cousa pura e incorrupta, como nunca o son as linguas à medida que evolúen ao longo do tempo mediante o inevitábel contacto coas outras linguas do entorno, quéirase ou non. Ora, o que si cabe preservar é unha lingua viva e dinámica, fiel a si mesma, non unha peza de museu que se contempla mais non se toca. Temos moito a aprender as unhas das outras. A unión fai a forza e, e en vez de nos dividirmos segundo a sorte de onde nos tocou nascer, xuntas venceremos. Hai que reivindicar o galego como a inalienábel heranza de todas as galegas, incluídas aquelas a quen foi arrebatado mesmo antes de saíren ao mundo. Chegou o momento de superarmos a división entre neofalantes e paleofalantes para falarmos de galegoamantes. Porque non sobra ninguén na defensa do País e da súa lingua

por Robert Neal Baxter no Terra e Tempo:

Lonxe de ser unha lingua como calquer outra que se pode aprender, o galego sería unha anomalía lingüística que seica hai que mamar desde o berce porque –como teño escoitado– “el gallego de verdá lo hay que mamar”.

mércores, 4 de outubro de 2017

Ari[t]mar: dupla irmandade galego-portuguesa

A finais deste mes (31/10/17) celebrarase a gala do Ari[t]mar do presente ano na que se entregarán os premios aos mellores poemas e mellores músicas en galego e portugués. Na pasada edición as cancións gañadoras corresponderon á galega Cantiga da Montaña de Xabier Díaz &Adufeiras de Salitre e á portuguesa Capicua de Medusa.
Especialmente agradecida é a idea que tiveron de publicar en formato de vídeo-poema as gañadoras do certame poético nun acto de dupla irmandade. Velaquí que o mellor poema portugués Não sei, minha filha... de José Ricardo Nunes foi lido por Belén Regueira:



e o mellor poema galego, O corazón, de María do Cebreiro pódese escoitar na voz de Rui Spranger. Unha feliz iniciativa que conviña seguir divulgando deste orixinal xeito.

luns, 2 de outubro de 2017

Doce linguas para "Adiós ríos, adiós fontes"




O pasado luns 26/09/17 comenzou a nova temporada do programa Zigzag Diario coa emisión ás 16:30 horas na TVG2. Foi grazas a esa primeira emisión que me enterei da existencia deste vídeo realizado no IES Urbano Lugrís (A Coruña) no que dan vida ao poema "Adiós ríos, adiós fontes" con voces en portugués, galego, castelán, wolof (lingua falada en Senegal e Gambia), aimara (Bolivia, Perú), rumano, inglés, francés, árabe, romaní, guaraní (Paraguai, Arxentina, Bolivia, Brasil), e máis na lingua de signos.

domingo, 1 de outubro de 2017

venres, 29 de setembro de 2017

Comunicado de ELEN: que se respecten os dereitos humanos en Cataluña




A Rede Europea de Igualdade de Linguas (ELEN) é unha organización non gobernamental que ten como fundamento a promoción e protección das linguas europeas menos utilizadas.  As principais iniciativas de ELEN van encamiñadas a defender os dereitos lingüísticos.
O presidente de ELEN, Ferran Suay, en nome da entidade fixo esta declaración facendo un chamamento ao goberno español e á Unión Europea en apoio do referendo de autonomía e dereitos civís de Cataluña do 1 de outubro (01/10/17). Na mensaxe Suay indica que o goberno de Mariano Rajoy "traspasou máis liñas vermellas das que debería traspasar quen se chame demócrata. Os dereitos de libre expresión, reunión e privacidade das comunicacións están suspendidas en Cataluña."

O ELEN botou a andar no ano 2011 e é herdeira do que foi a European Bureau for Less Used Languages ​​(EBLUL). ELEN quer darlle voz aos 50 millóns de persoas, o 10% da poboación da UE, que falan unha lingua rexional, minoritaria ou en perigo de extinción: un total de 44 linguas. Exemplos de organizacións membros do ELEN son as escolas de inmersión lingüística como a galardonada organización  Diwan bretoa, ou outras semellantes como Rhieni dros Addysg Gymraeg (Gales), organizacións paraguas como Kevre Breizh (Bretaña), Kontseilua (País Vasco), o Institut d´Estudis Occitans (Provenza) ​​(Estoniana), grandes organizacións culturais como Acción Cultural del País Valencià (Valencia) e Plataforma per a Llengua (Cataluña) ou A Mesa (Galicia)

mércores, 27 de setembro de 2017

O mapa das matemáticas


Nunha ocasión anterior xa recolliamos a noticia da tradución ao galego do mapa da física polos mantedores do blogue Ciención de Breogán. Conscientes de que as posibilidades de acceder a materiais de divulgación científica en galego son escasas, Ciención de Breogán está comprometido na tradución deste tipo de traballos. Un labor que nunca agradeceremos o suficiente.
Como xa fixeran no caso do mapa da física, ademais do póster subtitularon en galego o vídeo de Dominic Walliman que o explica. En todo caso terás que activar a Configuración>Subtítulos>Galego, e activar os subtítulos ao comenzar a reprodución.

luns, 25 de setembro de 2017

Sociolingüística youtubeira



Na mellor tradición youtubeira. Eira, que mantén a canle Nubes baixo ti, achéganos este vídeo no que explica os catro tipos de reaccións que observou no seu entorno cando escoitan a unha rapaza coma ela falando en galego. O vídeo transmite a súa personalidade, é fresco e alegre. Parabéns.
Vía Normarin

sábado, 23 de setembro de 2017

Feijóo: "Cada vez máis cus de calidade"



"Cada vez máis cus de calidade", isto é o que dixo Feijóo o pasado 19/09/17 nun acto de recoñecemento da calidade turística na Coruña. Isto é o que pasa cando se despreza unha lingua, cando se usa mal á mantenta. Feijóo non é tonto, ergo sabe que que para referímonos á letra Q dicimos "o que". Sobra explicar o que é o "cu" que nomea o presidente da Xunta.
Aproveito a ocasión para traer aquí as matemáticas. Q é tamén como se representa o conxunto dos números racionais (ou quebrados, ou fraccións). Non sou poucas as veces que os profesores de matemáticas facemos referencia a este conxunto. Chamémoslle ben, e non fagamos o ridículo coma outros.

xoves, 21 de setembro de 2017

FRONTESPO: documentación lingüística da fronteira portuguesa


Antonio Lorenzo, veciño de Sela (Arbo) relata moi ben tanto os seus xuízos como prexuízos lingüísticos. Van algúns exemplos: "aquí falamos unha mezcla co portugués, como vasoira",  que o futuro do galego "no rural non ten duda, pero tendo en conta por onde nos levan as autoridades [...] aí véxoo difícil [...] aínda que hai moita xente nova que fala galego, incluso xente preparada que fala galego e que nos dan moitas veces exemplo a xente que vai a Vigo unha semana e vén falando o castelán", "eu o galego que falo é malo, e escribilo non teño puñetera idea, [...] falábalo na casa pero no colexio falabas o castellano"
Este vídeo é unha mostra do material que podemos atopar en FRONTESPO un proxecto da Universidade de Alcalá de Henares de documentación lingüística por toda a fronteira portuguesa. Nas canles de vídeos que manteñen en Vimeo ou no You Tube podemos consultar moitas entrevistas sobre distintos temas: vida familiar, tradicional, relacións coas vilas veciñas, festas,... e tamén, como acabamos de comprobar, a lingua. Penso que se trata dun material do que se lle pode sacar moito proveito didáctico. Podemos seguir as súas novidades desde as contas que manteñen en Twitter ou Facebook.




Francisco e Lola, son de Rubiás (Calvos de Randín) comentan como na outra beira da raia á "taza" chámanlle "cunca" e no canto de "cuchara"din "culler". Aínda que recoñece que lle chama culler "á de botar a sopa ou o caldo". Os netos están en Cataluña, e "de pasar o verán aquí chegan alá falando palabras en galego".




Lola de Pitões das Junias (Montealegre), do distrito de Vila Real, cóntanos que os veciños do norte mesturan portugués e español, sen recoñecer njn principio a existencia do galego. Mais recoñece que cando lle falan en galego enténdeos mellor que cando lle falan en castelán.




Nemesio é de Castromil (Hermisende), na provincia de Zamora di que fala un "chapurreado do galego". Tamén nos conta, con algo de risa que indica que non comparte a actitude, que cando os portugueses van a Hermisende non falan o portugués, nin o galego, falan o castelán!. Nemesio sempre fala en galego, agás cando van ao médico, a Zamora.




Luis Morais, de Moimenta (Vinhais), no distrito de Braganza. Cando lle preguntan como falan cos galegos contesta "meio galego, meio espanhol". Mais, cando se lle insiste en se hai diferenzas entre o galego e o castelán confirma que o galego é moi semellante ao portugués mentres que "o castellano é un bocado diferente". Tamén se lle pregunta polas distintas variedades de portugués e no relato destas comparacións chega a facer referencia ao mirandés. Luís é quen de diferenciar os sotaques das aldeas veciñas, porén entende que en Braganza falan coma el.

martes, 19 de setembro de 2017

Música e lingua galegas como obxecto de análise conxunta

por Xosé Manuel Sánchez Rei, no Terra e Tempo: 

Para alén do seu traballo diario, o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza anualmente varios eventos e actividades centrados na promoción, estudo e análise da lingua galega. Así, xunto ao Curso de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras que se celebra durante todo o mes de xullo, o citado organismo pon en andamento, igualmente nesa época, o monográfico Traballando en lingua. Curso de verán sobre dinamización lingüística, xornadas de dous ou tres días en que se analiza ao pormenor o estado do idioma galego nun ámbito moito concreto e as medidas que se poden adoptar a fin de melloraren esa situación. A actividade conta co apoio do Concello de Carballo –que é onde ten lugar, concretamente no Forum– e da Cooperativa de Traballadoras/es pola Normalización Lingüística. Noutros anos, o tema central asentou na transmisión xeracional, nas relacións entre lingua e tecido socioeconómico, nas interseccións entre o galego e o traballo colaborativo e a mudanza social etc.

luns, 18 de setembro de 2017

A aposta de Feijóo polo plurilingüismo en castelán



Co inicio do curso 2016-2017, o presidente da Xunta trouxo un discurso destacando que o seu goberno apostaba polo plurilingüismo e a educación dixital. Os medios reproduciron a mensaxe acríticamente.
Para facer esta presentación oficial do curso escolar Feijóo visitou o IES Blanco Amor (Ourense). Alí acudiu acompañado deses fieis medios que recolleron algunhas imaxes neste vídeo. Feijóo chega a unha primeira aula:

-Buenos días... Que tal?
Dirxíndose a un rapaz:
- Qué número de clase tienes?
- Yo el diez - responde o cativo

Feijóo entra nunha segunda aula, dirixíndose agora a unha rapaza:
- Eres nueva? El primer año?

Velaquí o plurilingüismo, consistente en que o máximo representante dos galegos divulgue e faga pedagoxía de que a lingua galega é prescindible e, como moito, secundaria. Nestes parámetros, o funesto decreto 79/2010, o de depreciación e criminalización do galego,  son nos que nos temos que mover para entender que fose adxectivado como decreto "do plurilingüismo". Velaquí vemos descarnado, sen adubíos,  o plan do presidente da Xunta. Resulta que o plurilingüismo tradúcese en falar en castelán.
Tal é o carácter de impunidade coa que actúa Feijóo e, en xeral, todo o seu goberno, que sabendo que o están gravando non lle importa amosar a súa verdadeira cara: a do desprezo á lingua galega. Para engadirlle (aínda máis) gravidade á escena vemos ao presidente acompañado de Román Rodríguez e Jesús Vázquez,  Conselleiro un, ex-Conselleiro o outro, de Educación e Cultura. A actitude mostrada por Alberto Núñez Feijóo non se trata, xa que logo dunha arroutada presidencial, é un plan de ataque á lingua galega  compartido por todo o executivo. Neste retrato é especialmente vergoñento o papel da Secretaría Xeral de Política Lingüística. De certo que o responsable deste organismo non vai saír a afearlle a Feijóo e á súa cohorte o desprezable papel que xogaron neste comenzo de curso. Non o fará porque o que menos lle importa é unha normalización da que renegou o mesmo día en que xurou o cargo.
Por último unha nota innecesaria desde o punto de vista estritamente sociolingüístico. Comenzaba a entrada dando conta do discurso de Feijóo e o compromiso do goberno coa educación dixital. Comento un caso persoal. O meu fillo pequeno tivo a mala sorte de estar nun grupo no se introduciu o Edixgal. Ao cabo dun par de meses, pais, profesores e alumnos estabamos que botabamos pestes contra esa patufada dixital que consistiu nun pdf que había que ver nun computador incómodo, extremadamente reducido, lento, e de moi mala calidade. Así que a solución foi imprimir o pdf e así rematou toda a aventura dixital.

venres, 15 de setembro de 2017

O Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas


Ás portas das chegada do máis ilustre visitante á nosa terra, a Universidade de Vigo divulga este vídeo no que Francisco Singul (comisario da Exposición), Alejo Amoedo (Asociación Pertenza), Quique Costas ( Universidade de Vigo) e Mariña Albor (Universidade de Santiago) nos presentan o pergamiño Vindel.
O pergamiño, que estaba forrando un libro de Cicerón, foi descuberto polo libreiro Pedro Vindel no ano 1914, quen llo vendeu por 6.000 pesetas ao musicólogo catalán Rafael Mitjana. Éste exercía de diplomático en Suecia, e alí levou o pergamiño. Rafael Mitjana morre no 1921 e as cantigas de Martín Códax quedan a disposición, primeiro da viúva e despois dos herdeiros. Non se volve a saber del ata que a biblioteca Sandbergs Bokhandel o compra nunha subasta, formando parte dun dentro lote de libros, no ano 1961 por unha cantidade rídícula, 78 coronas suecas . Despois adquirido polo bibliófilo Otto Haas finalmente foi posto á venda en Londres polo seu colega inglés Albi Rosenthal que llo vendeu á Pierpoint Morgan Library de Nova York, onde se conserva desde 1977. A falta de institucións políticas propias fixo que este tesouro tivese un percorrido azaroso.
Quédome coas palabras de Quique Costas ao final do vídeo, "temos que montar un comando para secuestralo xa que non pode ser que volva marchar"

xoves, 14 de setembro de 2017

Supremacismo lingüístico na xustiza



[Aviso necesario: este blogue está adicado ás linguas polo que non se comentará o contido estritamente xudicial do caso ao que se refire. Só se tratará sobre o uso das linguas e as actitudes que se mostran sobre este uso.]

A caverna mediática elaborou este vídeo co fin de aldraxar a postura dos dous individuos xulgados, porén, se o miramos sen prexuízos e o valoramos desde a obxectividade os comportamentos sobre o emprego das linguas, veremos ata que punto o delirio supremacista está engastellado na sociedade. É moi curioso que o xuiz non entenda ao comparecente cando éste se declara inocente, mais si entenda que lle conteste que ten 30 anos. Estas dúas percepcións contraditorias obedecen a un único fin, o de enfiar un discurso que xustifique o racismo lingüístico do xuíz, ou máis xeralmente, do aparato xudicial.
Se os mozos xulgados se presentaran ante o xuiz como portugueses falando en portugués terían un intérprete, se o fixeran como galegos falando galego volverían a ser desprezados.
Nótese que ante a petición dun intérprete por parte do avogado só hai un "no" cortante e prepotente. Nótese tamén que o avogado non ten dereito a falar na súa lingua. Só hai unha lingua sobreprotexida e imperante que detenta todos os dereitos e é obxecto de todas as obrigas. A lingua dos brancos, a lingua imposta aos negros.

Unha lingua para a festa, e viceversa

por Nel Vidal no Praza Pública:

"A mí me gustan más grandes / Que no me quepan en la boca”, “Chingan cuando yo les digo / Ninguna me pone pero”, “Me dice papi vente adentro así me preñas”, “Tengo puta nueva to' los fines de semana”, “A ella le gusta que le den duro y se la coman”, “Agárrala, pégala, azótala, pégala”... É triste recoñecer que a única vez que vin unha atracción infantil de festa en Euskadi me chamara a atención que non soase ningunha canción do tipo destas de Becky G., Maluma, Arcángel, Daddy Yankee ou Trébol Clan. Sorprendentemente para min estaba a soar música infantil en éuscaro. E é que, si, no noso país é frecuente escoitar nas festas que pagamos todas e todos, a todo volume, eses temas nas chilindradas ás que levamos as nosas nenas e os nosos nenos, sen que nos chame xa a atención, porque, ademais, son semellantes a algunhas das que soan en festas infantís de aniversario ou comuñóns, que as rapazas e os rapaces bailan e cantan en festas ou bailes, e non tan diferentes, incluso, dalgunhas sobre as que se teñen preparado coreografías en campamentos de verán ou festivais escolares. Escollín exemplos dos máis explícitos dalgunhas das cancións máis duras, é certo, pero todas reais e escoitadas por min nun paseo pola zona de atraccións dunha festa hai un par de semanas.

domingo, 10 de setembro de 2017

Novas linguas

por L.C. Carballal, na Praza Pública:
Hai tempo lin nun texto sobre sociolingüística a resposta que un paisano daba a unha pregunta –ende mal non lembro cales: nin texto nin pregunta–, esta quedou para sempre no meu acordo polo aclaratoria que era sobre o status do galego. A esencia da resposta era: “antes cando o galego era un dialecto…, mais agora que é unha lingua”. Obviamente o galego seguía a ser o mesmo, mais a súa situación mudara considerabelmente: subira de categoría.

mércores, 6 de setembro de 2017

Unidades didácticas de xeoloxía


Os vídeos realizados cos drons son subxugantes. Moito máis se nos mostran un dos lugares máis descoñecidos e fermosos da nosa xeografía, o dos penedos de Traba-Pasarela que debuxan a costa entre Laxe e Vimianzo.
Só por seren cantadas por Eduardo Pondal estas terras xa merecían a súa visita. Ao pé destes penedos, próximos á praia de Traba está o que queda do figueiral de Mórdomo que así o cantaba o bardo nos Queixumes dos pinos:
                                                       Cando te vexo me acordo
                                                       de quen non podo olvidar,
                                                       ¡ouh, figueiredo de Mórdomo,
                                                       de Mórdomo, ouh, figueiral!
                                                       A túa garrida sombra,
                                                       aló no medio do v’ran,
                                                       vista de lonxe parece
                                                       que dá frescura e zolás.
                                                       Debaixo das túas follas
                                                       hai un garrido areal,
                                                       cunhas areas tan brancas,
                                                       que vén da beira do mar,
                                                       que a quen te mira convidan
                                                       ó sono…, e outras cousas máis.

Imaxe das unidades didácticas
Pero, se trouxen estre vídeo por aquí é por estar realizado por Xacobo de Toro Cacharrón, o autor de diverso material didáctico de soporte audiovisual. Seguramente esta peza audiovisual dos penedos de Traba-Pasarela foi realizada co fin de ser utilizada nas aulas de xeoloxía que imparte tanto este docente no IES Urbano Lugrís (Malpica de Bergantiños), como Adela Otero no IES Fernando Wirtz (A Coruña), tal e como se relata nesta noticia publicada polo dixital Praza Pública. Ben certo é que o material que elaboraron estes docentes é impresionante, ofrecéndonos unha nova mostra do camiño que debería seguir a Consellería de Educación para promocionar e poñer en valor o traballo dos docentes que se esforzan por elaborar materiais de calidade en galego. Para confirmalo podemos consultalo aquí. Mágoa que a Consellería sempre se mostre coas costas viradas a todo aquelo que supoña normalización lingüística
Finalmente recollo un dos vídeos destas unidades didácticas do que quería destacar o comenzo no que Xacobo de Toro e Adela Otero achegannos aos Muíños da Ribeira, no lugar de Ardeleiro (Malpica de Bergantiños), para pasar a explicarnos os esforzos tectónicos sobre as rochas do lugar.


sábado, 2 de setembro de 2017

Aprendendo da man da Xunta que a lingua galega é prescindible

Moito lle temos que agradecer á Xunta do PP por esa política lingüística de xibarización da lingua galega que practica a cotío! Grazas ao seu exemplo imos aprendendo que o galego é prescindíble, acaso inútil ou desprezable. Velaquí un exemplo máis.
Como é ben sabido polos usuarios do twitter, baixo a imaxe identificativa da conta e a súa dirección, aparece un saúdo ou unha presentación da mesma. Na conta oficial de da Escola Galega de Saúde, dependente do SERGAS, podemos ler: "Escuela Gallega de Salud para Ciudadanos. Servicio Gallego de Salud. España". Se na imaxe que teño aquí pegada á esquerda podemos ler unha liña en galego, "Uniuse en febreiro 2012", non llo atribuïades á @EscolaSaude, é cousa miña, que teño o acceso ao twitter en galego, e ese tipo de informacións aparécenme así. Pídolle desculpas ao SERGAS por manchar a súa reputación, que con formas de actuar coma esta, ten ben gañada.
A conta parece especializada en divulgar os "días de" acompañados dunha imaxe. Aínda que a redacción veña en galego, todas as imaxes divulgadas aparecen con textos en castelán. Non preguntaremos a razón pois xa se nos explicou bastante ben na cabeceira da conta.
Por poñer un exemplo o Día das Letras Galegas subiron as seguintes ilustracións para celebralo:
Celebración do 17 de maio pola @EscolaSaude
Unha segunda conta de twitter, relacionada coa primeira é a asociada ao plan código 100,  "un plan de innovación centrado en el envejecimiento, una de las máximas prioridades de nuestra comunidad", tal e como aparece na presentación.
Neste caso a conta practica o bilingüismo idiota, pega un chío en galego, e outro co mesmo contido en castelán (nota parte: cualifícoo de idiota porque parece dirixido a idiotas que son incapaces de entenderen textos do estilo "consulta aquí o Mapa da Demanda Temperá") Ben, en ocasións esquécense do chío en galego... e ben, tamén pode suceder que o chío en galego nos mande ao mesmo documento que o chío en castelán. O documento estará en castelán, por suposto. Deste xeito visualizamos moito mellor que a lingua galega ten que ir sempre acompañada da súa irmá maior, nunca pode andar por aí soa. Así aprendemos que é prescindible, inútil.


xoves, 31 de agosto de 2017

Non todo é relativo, mais moitas cousas si o son


Coñecía a Ramón Vilalta por se o autor dun excepcional libro de divulgación científica, "Astronomía práctica e outras cousas" (Toxosoutos 1999) , unha pequena enciclopedia para quen quixer estudar a astronomía a un nivel do ensino secundario. Así que foi moi grata a sorpresa que levei ao bater con esta conferencia impartida co soporte da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. 
É unha mágoa que non se poidan ver ben as imaxes da presentación, porque permitirían seguir moito mellor as didácticas explicacións de Ramón Vilalta. Con todo, é moi recomendábel precisamente pola claridade e diversidade das exposicións que se nos ofrecen. Na conferencia faise un repaso dos principais sistemas do universo con explicacións das razóns que sostiñan cada un deles. Para iso ten que traer ao primeiro plano algúns dos principais descubrimentos da física.

luns, 21 de agosto de 2017

Os nomes da terra

por Marina Mayoral en La Voz de Galicia:

Fermosa loita a que están a librar os implicados no proxecto Toponimia Galega: evitar que os nomes de miles de lugares da nosa terra caian para sempre no esquecemento. Eu non sabía que a metade das entidades de poboación de España están en Galicia.

luns, 7 de agosto de 2017

"Los defectos del lenguaje en Galicia y en la provincia de León" (1870, 1909) de Emilio Álvarez Giménez ou como nos aproximarmos indirectamente da oralidade galega de finais do século XIX

por Xosé Manuel Sánchez Rei, no Terra e Tempo:

O galego de finais do século XIX e dos inicios da centuria seguinte daba mostras de estar menos interferido pola lingua foránea.

A igualdade xurídica do galego

por Xoán Antón Pérez Lema, no Sermos Galiza:
O Tribunal Superior de Xustiza valenciano ven de anular parcialmente unha normativa regulamentaria da Generalitat que privilexiaba o ensino en catalán (alí chamado oficialmente valenciano) por mor da súa grave minorización fronte ao castelán.